Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 27 de setembro de 2021 Páx. 47136

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2021 pola que se convoca o Curso superior en ciberseguridade.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2021, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Curso superior en ciberseguridade de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O curso superior en ciberseguridade impártese cos seguintes obxectivos:

• Concienciar o alumnado da relevancia e importancia da ciberseguridade desde unha perspectiva xurídica e técnica práctica, dotándoo de boas prácticas para previr e detectar contratempos na utilización de sistemas das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

• Tratar os aspectos relacionados coas políticas de seguridade na utilización de medios electrónicos, recollidos no Esquema nacional de seguridade (ENS).

• Proporcionar ao alumnado unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas a que está sometido e dos riscos que comporta o seu uso.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará principalmente os seguintes temas:

• Situación actual das ameazas de ciberseguridade.

• Medidas de prevención e boas prácticas en ciberseguridade.

• Marco estratéxico e normativo de ciberseguridade.

• Seguridade en dispositivos móbiles e redes sen fíos.

• Seguridade en plataformas móbiles.

• Seguridade en aplicacións web.

• Ferramenta INES (Informe nacional do estado da seguridade).

• Ferramentas do Centro Criptolóxico Nacional.

• Ataques ao sector público (APT).

• Esquema nacional de seguridade: situación actual e modificacións propostas. INES.

• Esquema nacional de seguridade: plan de adecuación e declaración de aplicabilidade.

• Xestión de incidentes (caso de estudo) e xestión de cibercrises.

• Ecosistema galego de ciberseguridade.

Terceira. Número de prazas

50

Cuarta. Persoas destinatarias

Persoal empregado público con perfís TIC (pertencente a escalas de sistemas e tecnoloxías da información ou que realice funcións TIC), en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e entidades públicas instrumentais e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, do subgrupo C1 do persoal funcionario ou grupo III do persoal laboral que realice funcións TIC.

Para os efectos do establecido na Resolución do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994 e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo e corrección DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

Quinta. Desenvolvemento

1. Duración: 97 horas lectivas, distribuídas da seguinte forma:

• 3 horas de clases prácticas presenciais.

• 24 horas de telepresenza.

• 69 horas de teleformación.

• 1 hora para o exame final en liña.

2. Modalidade e datas: o curso desenvolverase desde o 4 de outubro ata o 14 de decembro de 2021.

A modalidade de impartición do curso será mixta, con sesións presenciais, de telepresenza e de teleformación.

A clase práctica presencial terá lugar o 4 de outubro, en horario de mañá.

As clases de telepresenza desenvolveranse os xoves de cada semana, das 16.00 ás 19.00 horas, os seguintes días:

• 14, 21 e 28 de outubro.

• 4, 12, 18 e 25 de novembro.

• 2 de decembro.

3. Lugar de desenvolvemento e acceso ás sesións:

a) As clases presenciais terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela. Para o desenvolvemento das clases presenciais garantirase o cumprimento das medidas de seguridade e hixiene establecidas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

b) O acceso ás sesións de telepresenza realizarase a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/). O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable á internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

c) O acceso á teleformación realizarase igualmente a través da aula virtual da EGAP, en que se indicará a ligazón para a conexión coa plataforma de teleformación do Centro Criptolóxico Nacional, onde o alumnado visualizará os contidos do curso e as tarefas que deba realizar.

Sexta. Inscrición

1. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 30 de setembro de 2021.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e cos requisitos de selección establecidos respectivamente nas bases cuarta e oitava desta convocatoria.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» o Curso superior en ciberseguridade.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Criterios de admisión

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición, de acordo co indicado na base cuarta desta convocatoria.

Novena. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións

Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou se atopan excluídas, de acordo co disposto no punto 6º dos criterios xerais establecidos na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia. Seguimento das actividades formativas

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de dous días ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais e telepresenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais e telepresenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais e telepresenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Para a obtención do certificado electrónico final do curso o alumnado deberá superar todas as actividades propostas na parte de teleformación do curso e o exame final tipo test, englobando a totalidade dos contidos do curso.

Superadas as actividades de teleformación e o exame final, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia e seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e a modalidade de impartición do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e da Amtega

1. A Amtega e a EGAP reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A Amtega e a EGAP garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública