Por Resolución do 9 de marzo de 2021, da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (DOG núm. 53, do 18 de marzo), convocouse a cobertura de dous postos vacantes de encargados/as de quenda de celadores, no Hospital Universitario de Ourense.
De acordo co disposto nas bases da convocatoria, logo de actuación da Comisión de Avaliación a que se fai referencia na base sexta, e á vista dos méritos alegados polas persoas aspirantes que constan nas actas da devandita comisión,
Esta Xerencia, de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde; na Orde do 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde; en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia; polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 208, do 31 de outubro), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 22 de abril de 2020 (DOG núm. 82, do 29 de abril) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,
ACORDA:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión dos postos vacantes de encargados/as de quenda de celadores, que se relacionan no anexo desta resolución.
Segundo. Nomear, nos postos que se indican, as persoas que se citan no anexo desta resolución.
Terceiro. Os/as profesionais nomeados/as deberán cesar na praza que desempeñen dentro dos tres días hábiles seguintes ao da súa publicación.
Cuarto. A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento; deberá efectuarse, no prazo de sete días hábiles, se son de distinta área de saúde; ou deberá efectuarse, no prazo dun mes, se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisorio ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada da persoa interesada, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo xerente da área sanitaria.
Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Quinto. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos previstos nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Ourense, 22 setembro de 2021
Félix Rubial Bernárdez
Xerente da Área Sanitaria de Ourense,
Verín e O Barco de Valdeorras
ANEXO
Posto: encargado/a de quenda de celadores.
Nome e apelidos: Francisco Álvarez Otero.
DNI (*).: ***5663**
Posto: encargado/a de quenda de celadores.
Nome e apelidos: Juan Carlos Ares Fernández.
DNI (*).: ***7424**.
(*) Ocúltase parcialmente o número de documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de conformidade, coa disposición adicional sétima da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.


