En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procederase a dar publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), ordenada mediante a Resolución do conselleiro de Sanidade, de data 17 de setembro de 2021, coas seguintes características:
1. A actividade obxecto da encomenda é que ACIS asuma as seguintes actividades:
a) A xestión do acceso do alumnado proposto para cada actividade.
b) A programación, planificación e xestión das actividades formativas propostas polo Servizo Galego de Saúde, dentro dos límites orzamentarios establecidos.
c) A resolución das incidencias que poidan xurdir nos accesos á plataforma de contidos e recursos técnicos.
A xestión das actividades formativas por parte de ACIS incluirá a xestión da acreditación dos cursos dirixidos aos profesionais sanitarios, a xestión das inscricións dos destinatarios, a planificación, programación, disposición e/ou contratación dos recursos formativos, humanos e materiais para a realización das actividades, a supervisión da execución dos cursos, a avaliación da satisfacción dos asistentes e da calidade da formación, a obtención de certificados de asistencia e de avaliación, a xestión económica das actividades formativas e a información sobre as actividades encomendadas para o seu control e verificación.
2. A realización das actividades formativas previstas terá lugar ata o 31 de decembro de 2021.
3. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, en virtude da habilitación prevista nos artigos 40 e 41 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, é unha axencia pública autonómica pertencente ao grupo de entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021
José Flores Arias
Xerente do Servizo Galego de Saúde