Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 30 de setembro de 2021 Páx. 47887

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de setembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 6 de setembro de 2021 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Maxedo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais de Man Común de Pradocabalos, e Serra de Vales, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais de Man Común do Castro, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do MVMC Maxedo, pertencente á CMVMC de Pradocabalos, e o MVMC Serra de Vales, pertencente á CMVMC do Castro, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 12 de novembro de 2020 a CMVMC de Pradocabalos presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2020/rx 2181567) relativo a un acto de deslindamento entre os montes veciñais en man común de Maxedo e Serra de Vales.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación: acta de deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación e certificado de aprobación das comunidades.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 10 de maio de 2021 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Polo que o Servizo de Montes propuxo ao Xurado a aprobación do deslindamento, ben que co seguinte condicionado, a fin de respectar o acordo acadado entre a CMVMC de Pradocabalos e a CMVMC de Fornelos de Filloás:

A localización do punto 7 deberá desprazarse aproximadamente 5 metros cara ao sur coincidindo coas coordenadas do punto 20 que figura na planimetría correspondente ao acordo acadado entre a CMCVM de Pradocabalos e a CMVMC de Fornelos de Filloás.

O perímetro estremeiro desde este punto cara ao sur entre os montes propiedade da CMVMC de Fornelos de Filloás e a CMVMC do Castro seguirá sendo o establecido tamén na citada planimetría.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial acordou por unanimidade o día 23 de xuño de 2021:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Maxedo, pertencente á CMVMC de Pradocabalos, e o MVMC Serra de Vales, pertencente á CMVMC do Castro, no concello de Viana do Bolo, de acordo coas consideracións realizadas no informe do Servizo de Montes do 10 de maio de 2021.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 7 de setembro de 2021

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense