Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 4 de outubro de 2021 Páx. 48252

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 24 de setembro de 2021 pola que se fixan os prezos privados para a venda ao público de diversas publicacións.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que «son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».

Así mesmo, o artigo 51 da referida lei establece que «os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente poidan aplicarse subvencións reguladoras. Para estes esfectos, a consellería correspondente remitirá á de Economía e Facenda, o proxecto normativo xunto coa memoria económica en que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia».

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e logo do informe favorable da Consellería de Facenda, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único

1. Quedan aprobados os prezos privados de venda ao público das publicacións editadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que se relacionan no anexo.

2. Estes prezos entenderanse co IVE incluído.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO

Claridad. Semanario de izquierdas. Santiago de Compostela (1933-1934) Edición facsimilar. 18,56 €.

Cadernos Ramón Piñeiro (XLIV). Celebración de Xela Arias. «Intempériateme». Sobre a dificultade de traducírmonos. 23,71 €.

Galicia futura: Todo o que imos ser. 25,00 €.

Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago: Impresos do Barroco Compostelán. 15,00 €.

Fe Tino Martínez: 1971-2016. 40,00 €.

Camiños, paisaxe e patrimonio: Do 9 de xuño ao 20 de outubro de 2021. Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia. 13,00 €.