Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 4 de outubro de 2021 Páx. 48254

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2021 pola que se convoca o curso monográfico Liquidación práctica dos tributos locais.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2021, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Liquidación práctica dos tributos locais, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

Os obxectivos do curso son os seguintes:

– Realizar un estudo básico e introdutorio dos principais tributos locais.

– Estudar as características básicas e o funcionamento das principais figuras tributarias de natureza obrigatoria e o uso da capacidade fiscal dos concellos galegos e das deputacións provinciais.

– Analizar a liquidación básica da fiscalidade local.

Segunda. Contidos

Neste curso monográfico abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• Parte I. Introdución á política fiscal a nivel local. Aspectos xerais. Panorámica xeral sobre os recursos dos concellos e deputacións.

• Parte II. Liquidación básica dos tributos dos concellos I. Taxas. Contribucións especiais e prezos públicos.

• Parte III. Liquidación básica dos tributos dos concellos II. Impostos municipais potestativos. Imposto sobre instalacións, construcións e obras. Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.

• Parte IV. Liquidación básica dos tributos dos concellos III. Impostos municipais obrigatorios. Imposto sobre bens inmobles. Imposto sobre actividades económicas. Imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

• Parte V. Liquidación básica dos tributos das deputacións provinciais. Taxas. As recargas sobre impostos locais. As contribucións especiais. Outras fontes de ingresos propias.

• Parte VI. Reformas da tributación local.

Terceira. Persoas destinatarias

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarta. Desenvolvemento

Datas: do 18 de outubro ao 7 de novembro.

Proba final en liña: 10 de novembro ás 17.30 horas.

Modalidade: teleformación.

Duración: 25 horas.

Quinta. Número de prazas

40.

Sexta. Solicitudes e prazos

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata ás 23.55 horas do 11 de outubro de 2021.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar o nome do curso: Curso monográfico Liquidación práctica dos tributos locais.

5. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

6. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. As persoas interesadas en recibiren mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. Poderá obterse calquera outra información no teléfono 981 54 62 54, das 9.00 ás 14.00 horas, e no enderezo electrónico iep.egap@xunta.gal

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a iep.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou foron excluídas de acordo co disposto no apartado segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a iep.egap@xunta.gal, cunha anticipación mínima dos tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de formación:

a) As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

b) O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

Décimo primeira. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá, en primeiro lugar, realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba de avaliación final.

En segundo lugar, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará en liña ao final da actividade.

No inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Décimo segunda. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/). Para obter o certificado de aproveitamento o alumnado deberá acadar a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décimo terceira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública