Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 6 de outubro de 2021 Páx. 48862

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (código de procedemento IN421W).

As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo o desenvolvemento de enerxías renovables, concretamente o autoconsumo e o almacenamento eléctrico no sector servizos e noutros sectores produtivos. Esta convocatoria ten o seu encaixe nos programas estatais de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento, con fontes de enerxía renovable, aprobados polo Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia e polo Plan nacional integrado de enerxía e clima (PNIEC) 2021-2030. Concretamente, estas axudas encaixan nos programas 1, 2 e 3 deste real decreto.

A incorporación do autoconsumo con fontes de enerxía renovable nos sectores produtivos xunto coa seu impulso en edificios públicos e no sector residencial suporá unha contribución significativa para alcanzar os obxectivos das enerxías renovables, optimizando a súa xestión e evitando ineficiencias do sistema ao unir produción e demanda. Desta forma, contribúese a cumprir os obxectivos fixados na Directiva (UE) núm. 2018/2011, na Estratexia de almacenamento enerxético, no PNIEC e tamén a poñer en práctica a Estratexia de descarbonización a longo prazo para mobilizar investimentos na implantación de tecnoloxías limpas, baseadas en fontes renovables.

Por iso, o Inega desenvolve este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables, xa que estas iniciativas están aliñadas con diferentes programas que desenvolve a Xunta de Galicia, xa que se considera que a utilización da enerxía fotovoltaica e o seu almacenamento eléctrico contribuirán á descarbonización do sistema eléctrico. Tal e como recolle a Directiva (UE) núm. 2018/2001 á hora de favorecer o desenvolvemento dun mercado de enerxía de fontes renovables, hai que tomar en consideración as repercusións positivas sobre o potencial de desenvolvemento rexional e local, as perspectivas de exportación, a cohesión social e as oportunidades de emprego, especialmente polo que se refire ás pequenas e medianas empresas e aos produtores de enerxía independentes, en particular no que se refire aos autoconsumidores de enerxías renovables e ás comunidades de enerxías renovables. Por iso, no contexto actual é tendo en conta as recentes modificacións normativas que regulan as comunidades enerxéticas locais, considerase necesario fomentar este tipo de actuacións xa que o seu potencial é importante e aínda están nunha fase inicial de desenvolvemento.

O Real decreto 477/2021 recolle a concesión directa das axudas previstas nestes programas ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla que deberán destinar o importe das axudas os suxeitos que se enumeran no artigo 11.2 deste, que son os destinatarios últimos das axudas.

A entidade responsable da execución destes programas de incentivos de autoconsumo, almacenamento e usos térmicos de enerxías renovables, na Comunidade Autónoma de Galicia, será a Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Inega constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 61, do 30 de marzo).

Entre os obxectivos básicos do Inega están o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A teor do disposto no artigo 8 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, a axencia ten, entre as súas funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión de políticas enerxéticas.

d) Elaborar programas de racionalización do uso de enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

Para financiar esta convocatoria de axudas, o Inega dispón nos seus orzamentos de 19.807.118,00 €, procedentes dos programas de incentivos de autoconsumo e almacenamento, promovidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, actuacións financiables co mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

Cando os destinatarios últimos destas axudas sexan empresas e persoas xurídicas que realicen algunha actividade económica e/ou mercantil estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicándose a exención por categoría de axudas para á protección do ambiente.

As bases reguladoras dos programas de incentivos establecen que a coordinación e seguimento será realizado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). No exercicio destas funcións o IDAE informa que os programas de incentivos 1, 2 e 3 se acollen á categoría de axudas para a protección do ambiente, sección 7, artigo 41.6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión.

A presente resolución, que aproba a convocatoria para os anos 2021-2023 do procedemento de concesión de axudas ao desenvolvemento de enerxías renovables, dítase conforme o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 3 e 12 das bases reguladoras.

En virtude de todo o anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente as anualidades 2021-2023, para os programas 1, 2 e 3 de incentivos de autoconsumo e almacenamento de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 477/2021 publicado no BOE núm. 155, do 30 de xuño de 2021 (código de procedemento IN421W).

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de incentivos 1: realización de instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, no sector servizos, con ou sen almacenamento.

Programa de incentivos 2: realización de instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, noutros sectores produtivos da economía, con ou sen almacenamento.

Programa de incentivos 3: incorporación de almacenamento en instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, xa existentes no sector servizos e noutros sectores produtivos.

Tamén se consideran actuacións subvencionables, dentro dos anteriores programas de incentivos, as instalacións illadas da rede non reguladas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, realizadas nos sectores de aplicación de cada un deles.

3. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

4. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos medioambientais establecidos no Regulamento (UE) núm. 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2019/2088.

5. Os requisitos das actuacións subvencionadas serán os establecidos no artigo 13 e no anexo I.1 das bases reguladoras, no relativo aos programas 1, 2 e 3.

Artigo 2. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. As axudas obxecto desta convocatoria estarán sometidas ao disposto no Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, polo que se regula o Programa de incentivos ligados ao autoconsumo e ao almacenamento, con fontes de enerxía renovable, así como a implantación de sistemas térmicos renovables e onde se establecen as bases reguladoras destas axudas (en diante, bases reguladoras).

Ademais, será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

3. Estas axudas, para os casos de empresas e persoas xurídicas que realicen algunha actividade económica e/ou mercantil, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicándose a exención por categorías de axudas para a protección do ambiente (sección 7, artigo 41).

As axudas establecidas nestes programas foron deseñadas considerando as condicións previstas no artigo 41 deste regulamento, concretamente no punto 6, letras a) para o caso de almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes, c) para as instalacións que incorporen nova potencia de autoconsumo solar fotovoltaico de pequeno tamaño (cuxa potencia é igual o inferior a 1 MW) e b) para o resto de instalacións de xeración renovable (autoconsumo fotovoltaico de potencia superior a 1 MW, así como autoconsumo eólico).

Artigo 3. Beneficiarios

1. De conformidade co disposto nas bases reguladoras, os destinatarios últimos das axudas, que terán a cualificación de beneficiarios para os efectos desta convocatoria, son os seguintes:

a) Persoas xurídicas e agrupacións de empresas ou de persoas físicas, con ou sen personalidade xurídica, que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado, incluíndo, entre outros:

1º. Os xestores de polígonos industriais, de natureza pública ou privada.

2º. As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de actuacións no ámbito da enerxía.

3º. As empresas de servizos enerxéticos (ESE), ou provedores de servizos enerxéticos definidas no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, polo que se traspón a Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, pola que se modifican as directivas 2009/125/CE e 2010/30/UE, e pola que se derrogan as directivas 2004/8/CE e 2006/32/CE, no referente a auditorías enerxéticas, acreditación de provedores de servizos e auditores enerxéticos e promoción da eficiencia da subministración de enerxía.

b) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo definición da Directiva 2018/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, e da Directiva 2019/944 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019, sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade e pola que se modifica a Directiva 2012/27/UE, respectivamente, así como do artigo 4 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

2. Os destinatarios últimos do programa de incentivos 1 deberán desempeñar a súa actividade dentro dunha Clasificación nacional de actividades económicas (en diante, CNAE) incluído nun dos seguintes grupos: G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R ou S, sempre que non sexan administracións públicas.

3. Os destinatarios últimos do programa de incentivos 2 deberán desempeñar a súa actividade dentro dunha CNAE correspondente ao grupo A01, excepto o 017, ou dentro dunha CNAE correspondente aos grupos B, C, D, E ou F. Tamén poderán ser destinatarios últimos deste programa o sector público institucional de calquera administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as entidades ou organizacións privadas sen ánimo de lucro, sempre que, en ambos os casos, realicen algunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.

4. Os destinatarios últimos do programa de incentivos 3 deberán desempeñar a súa actividade dentro dunha CNAE correspondente a un dos grupos establecidos nos parágrafos anteriores 2 e 3.

5. Nos programas de incentivos 1, 2 e 3, consideraranse como destinatarios últimos das axudas as empresas de servizos enerxéticos ou outras empresas que realicen as actuacións en establecementos dos sectores incluídos en cada programa, a condición de que o servizo enerxético xerado pola actuación sexa realizado para unha empresa cuxa CNAE estea incluída nos reflectidos nos parágrafos anteriores.

6. Poderán acceder á condición de destinatarias últimas das axudas, sempre que cumpran co establecido no artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

7. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que, para estes efectos, se realiza no Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles tivese sido outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

Artigo 4. Financiamento e contía máxima das axudas que se van outorgar coa convocatoria

1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa, financiaranse con fondos europeos procedentes do mecanismo de recuperación e resiliencia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 19.807.118,00 euros.

Importe 2021 (€)

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Total (€)

1.442.476,00

10.189.782,00

7.357.374,00

817.486,00

19.807.118,00

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.770.7, 06.A3.733A.781.7, 06.A3.733A.740.0 e 06.A3.733A.760.8.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de programa e compoñente será o seguinte:

Estrutura por programa.

Tipo de actuación

Distribución por tecnoloxía

Orzamento total

Programa de incentivos 1

Fotovoltaica  

5.316.333,00

Programa de incentivos 1

Eólica

279.807,00 

Programa de incentivos 2

Fotovoltaica

11.026.409,65

Programa de incentivos 2

Eólica

580.337,35

Programa de incentivos 3

Almacenamento

2.604.231,00

Estrutura por compoñente.

Tipo de actuación

Compoñente

Orzamento total

Programa de incentivos 1

Solar

Compoñente 7

4.430.277,50

5.596.140,00

Compoñente 8

886.055,50

Programa de incentivos 1

Eólica

Compoñente 7

233.172,50

Compoñente 8

46.634,50

Programa de incentivos 2

Solar

Compoñente 7

9.534.203,80

11.606.747,00

Compoñente 8

1.492.205,85

Programa de incentivos 2

Eólica

Compoñente 7

501.800,20

Compoñente 8

78.537,15

Programa de incentivos 3

Compoñente 8

2.604.231,00

2.604.231,00

Esta repartición orzamentaria non poderá modificarse entre programas nin entre as categorías de autoconsumo renovable ou almacenamento, sen prexuízo das ampliacións do orzamento que poderían acordarse para cada programa ou categoría, segundo o disposto no artigo 10.10 das bases reguladoras.

Non obstante, dentro de cada programa poderán ser redistribuídos os orzamentos por tecnoloxía renovable (recollidos nas táboas anteriores) pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.

3. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

4. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco dos programas de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos.

5. Os custos subvencionables máximos, custos de referencia e contía das axudas para cada unha das actuacións veñen establecidos no anexo III do Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, polo que regula o Programa de incentivos ligados ao autoconsumo e ao almacenamento con fondos de enerxías renovables.

En ningún caso poderán superarse os límites de intensidade de axuda establecidos no artigo 41 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

6. Os custos elixibles relaciónanse no anexo AI.2 do devandito Real decreto 477/2021, do 29 de xuño.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Unha vez presentada unha solicitude, non se poderá modificar o proxecto ata que recaia resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 21 de outubro de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2023.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

4. A solicitude (anexo I) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

O solicitante presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo I.

5. Para poder presentar unha solicitude debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo I.

b) Autorización para a representación-anexo II, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo. Achegaranse tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €.

No caso de destinatarios últimos suxeitos a normativa de contratación pública, esta documentación poderá substituírse polo borrador dos pregos de licitación correspondentes.

6. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles, polo tanto, a axuda máxima a conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación-anexo II, en caso de ser necesario.

b) Oferta do provedor da actuación que se pretende levar a cabo.

Unha oferta dun provedor cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona sexa inferior ou igual a 15.000,00 € e, tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000,00 € (salvo no caso de entidades xurídicas públicas).

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario, neste suposto, prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

No caso de destinatarios últimos suxeitos a normativa de contratación pública, esta documentación poderá substituírse polo borrador dos pregos de licitación correspondentes.

c) As entidades xurídicas públicas, ademais da documentación sinalada no punto anterior, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire á Administración xeral do Estado, á Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local e onde declare se desenvolve ou non actividade comercial ou mercantil.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso da Administración local, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

d) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

e) As empresas deben achegar documento oficial en que conste o código CNAE correspondente a actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos nos que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009. No caso de que o solicitante non sexa unha empresa, xustificación do cumprimento da condición de beneficiario.

f) Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

g) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1º. Contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

2º. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

h) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadáns de enerxía, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo e, ademais, deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

i) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo e, ademais, deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

j) Achegarase unha memoria técnica descritiva da actuación que se vai acometer segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal) para cada tipoloxía de proxecto.

Esta memoria técnica incluirá a información relacionada no anexo AII.A2 das bases reguladoras, incluíndo para instalacións de máis de 100 kW a información requirida no anexo AII.A1.e (plan estratéxico en que indique a orixe e o lugar de fabricación dos compoñentes, xustificación do principio de non causar dano significativo, acreditación do cumprimento de valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición xerados pola obra civil). Para as actuacións do programa 3, para a comprobación dos datos da instalación fotovoltaica existente, presentarase nesta memoria o xustificante de solicitude de rexistro da instalación no Rexistro de Instalacións Eléctricas de Baixa Tensión (procedemento IN614C) ou no Rexistro de Instalacións Eléctricas de Alta Tensión (dependendo do Regulamento que le sexa de aplicación).

k) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación de este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda da Xunta de Galicia.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Consulta dos administradores da sociedade.

e) NIF da entidade representante.

f) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 9. Órganos competentes

A xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde a persoa titular da dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 10. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. Se é o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Poderá requirirse o interesado para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes que presenten elementos de controversia serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular do Área de Renovables e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren os criterios consensuados durante a tramitación dos expedientes e, de xeito individualizado, os primeiros solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles.

Artigo 11. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase á directora do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 6 meses desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación do beneficiario, o investimento e o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de seis (6) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

d) Presentar ante o Inega, cando proceda, as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar á solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

e) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 18.3.a) desta convocatoria.

f) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarase mediante a presentación do anexo III que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000,00 euros.

h) Comunicarlle ao Inega, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e en xeral calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no Manual de imaxe do programa que estará dispoñible na web do IDAE, deberá mencionarse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e o mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e tamén deberán constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

k) En relación coa publicidade do financiamento, o beneficiario deberá, durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informar o público do apoio obtido colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

l) Calquera outra obriga establecida no Real decreto 477/2021, do 29 de xuño.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o beneficiario debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo IV, acompañado de toda a documentación presentada ca solicitude que se vexa afectada.

Naqueles expedientes en que é necesario o proxecto técnico de execución, debe achegarse copia do novo orzamento asinado polo técnico redactor del.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento ou aquelas que, de xeito previo, non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola directora do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión sen que a/o beneficiario/a comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiario/a.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ao Inega presentando o anexo III por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunique a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 12.2 destas convocatoria.

Artigo 16. Prazos de execución e xustificación

O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

Este prazo poderase ampliar de conformidade co previsto no artigo 70 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 17. Xustificación das actuacións

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarse de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 12 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física), NIF do solicitante (persoa xurídica) e NIF do representante da persoa xurídica.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 18. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 16 desta convocatoria, debendo estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá formalizarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, clasificadas e asinadas polo beneficiario da axuda, nas cales figurará o importe total a pagar e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

1º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da Internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior a data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 16.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

3º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no punto 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

4º. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

b) Relación clasificada e asinada polo beneficiario da axuda, dos pedidos e/ou contratos relativos ás actuacións realizadas, no caso de que existan, e copia deles.

c) No caso de existir contratación pública, relación certificada e copia dos contratos subscritos polo solicitante para a realización das actuación obxecto da axuda, así como documentación xustificativa do procedemento de contratación: enderezo web do perfil do contratante, pregos, anuncios de licitación e formalización de contratos, acordos do órgano de contratación.

d) Informe xustificativo da adecuada realización das actuacións subscrito, datado e emitido polo técnico titulado competente autor do proxecto definitivo ou, na súa falta, o director da obra, ou, de ser o caso, a empresa instaladora autora de memoria técnica final da instalación executada.

Deberá incluír descrición do sistema de monitoreo incorporado segundo o indicado no anexo AI.A1.c das bases reguladoras.

e) Certificado final de obra subscrito polo director de obra e director de execución da obra, no caso de que sexa preceptivo.

f) Autorización de explotación ou acta de posta en servizo, cando sexa preceptiva, e certificado de instalación eléctrica (CIE) de acordo co Regulamento electrónico de baixa tensión en instalacións eléctricas de calquera tipoloxía, emitido pola empresa instaladora e dilixenciado polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

g) No caso do programa de incentivos 3, este CIE será o da instalación final unha vez incorporado o almacenamento da instalación existente.

h) Copia do proxecto ou memoria técnica do deseño (segundo proceda para a tipoloxía da actuación) que se achegase ao órgano competente da Comunidade Autónoma para a obtención da autorización de explotación ou acta de posta en servizo e/ou certificado de instalación eléctrica (CIE) e/ou certificado da instalación térmica.

i) Para os programas de incentivos 1 e 2, cando o solicitante inclúa a petición de axuda adicional para o desmantelamento de amianto deberá presentar documentación xustificativa do cumprimento de todas as obrigas establecidas na normativa de aplicación.

j) Acordo asinado por todos os participantes que recolla os criterios de repartición, ben o acordo da comunidade de propietarios, ben a xustificación da súa inclusión no rexistro administrativo de autoconsumo que indique este tipo de autoconsumo, no caso de proxectos de autoconsumo colectivo ou feitos en edificios plurifamiliares.

k) Reportaxe fotográfica das actuacións realizadas, que inclúa fotografías da situación do edificio despois das actuacións, e, de ser o caso, dos equipamentos e instalacións principais finais obxecto da axuda, e onde se amose o cartel publicitario ou sinalización da actuación e o sistema de visualización de enerxía.

l) Información e enlace ao sitio da internet do beneficiario das axudas, no caso de que dispoña dun, onde informará o público do posible apoio obtido dos fondos Next Generation ou Plan de recuperación, transformación e resiliencia e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, facendo unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

m) Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas (ingresos e pagamentos, incluído, de ser o caso, o ingreso de axudas, pagamentos a provedores e outros). Esta obriga non se aplica para solicitantes persoas físicas.

n) Obrigatoriamente para os proxectos cun custo elixible superior a 1.000.000,00 de € e opcionalmente para o resto, entregarase conta xustificativa con achega do informe de auditor, segundo o previsto no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

o) Para as actuacións que superen os 100 kW de potencia nominal, documentación actualizada que reflicte ou confirme, para a actuación finalmente levada a cabo, o solicitado no punto AII.A.e) das bases reguladoras en relación coa orixe dos compoñentes e as súas características, o impacto do proxecto e o principio de non causar dano significativo. Para as actuacións menores o iguais a 100 kW, declaración responsable do cumprimento desta condición por parte da actuación finalmente levada a cabo.

Artigo 19. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total.

Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial.

Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Artigo 20. Pagamento das axudas

1. O beneficiario poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 30 de xuño de 2024.

2. Os interesados poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

4. A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

5. A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

6. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos, quedan exonerados de constituír garantía os beneficiarios previstos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, entre os que figuran:

a) As administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal.

b) As entidades non lucrativas, así como as federacións, confederacións ou agrupacións destas, que desenvolvan proxectos ou programas de acción social ou cooperación internacional.

c) As entidades que por lei estean exentas de presentación de caución, finanzas ou depósitos perante as administracións públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

d) Os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000,00 €. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta o importe anterior entendese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

7. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

8. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

9. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000,00 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 21. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega resérvase para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control que se xulguen oportunos para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse as actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detecta que os beneficiarios da subvencións incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios das subvencións, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Incompatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas convocatoria serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 14 desta convocatoria.

Artigo 24. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 25. Control e loita contra o fraude

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) núm. 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18.2.2021).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

3. Se se proban indicios fundados de fraude, a xerencia do Inega analizará a procedencia da incoación do correspondente procedemento administrativo sancionador de conformidade ca normativa aplicable en cada caso e, de ser o caso, instruirá o procedemento sancionador que corresponda, segundo a infracción administrativa en que resulten subsumibles os feitos analizados.

Artigo 26. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

Artigo 27. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file