Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 8 de outubro de 2021 Páx. 49278

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2021 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativa (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).

No Diario Oficial de Galicia núm. 68, do 13 de abril de 2021, publicouse a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por Resolución do 4 de maio de 2021 modifícase a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme) para ampliar o tipo de proxectos subvencionados e de beneficiarios destas axudas.

Mediante a Resolución do 16 de xuño de 2021 ampliáronse os prazos de solicitude e de execución e xustificación dos investimentos establecidos na Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme).

O artigo 4.1 das bases reguladoras destas axudas establece: «1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.774.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.000.000 de euros». O artigo 4.2 das bases reguladoras prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases reguladoras. Conforme o establecido no artigo 4.3, de producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible, coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recurso públicos, maximizando o impulso de proxectos de mellora enerxética de autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar en 400.000 € o crédito dispoñible para as subvencións para mellora enerxética (programa Bono enerxía peme) modificando o artigo 4.1 da Resolución do 18 de marzo de 2021, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.774.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.400.000,00 euros».

Segundo. A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia