Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 8 de outubro de 2021 Páx. 49290

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter provisional das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, resultantes da transformación de oficio de listas das categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda, que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

De conformidade co artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021, cando sexa necesario crear novas listas de natureza funcionarial para cuxa inclusión se requira a mesma titulación xenérica ou específica que a exixida para o acceso ás listas da categoría profesional laboral funcionarizada declarada equivalente, a Administración poderá transformar de oficio as listas da categoría laboral correspondente en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declarada equivalente. Ao abeiro do establecido nos artigos 3 e 4.3 da Orde do 20 de xullo de 2021, as persoas integrantes das listas para a cobertura temporal de prazas de persoal laboral de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, serán admitidas nas listas únicas, sempre que cumpran os requisitos legais exixidos para o acceso ao correspondente corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que se clasifica a categoría profesional laboral que se funcionariza, nos termos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006, en concordancia coa súa disposición transitoria segunda. Deste xeito, a Administración comprobará que nas persoas integrantes das novas listas de natureza funcionarial concorren os requisitos legais exixidos para seren admitidas nelas.

Na disposición transitoria segunda da Orde do 20 de xullo de 2021 disponse que a unificación e elaboración das listas únicas comezará coas correspondentes aos corpos, escalas e especialidades afectadas polos procesos de funcionarización convocados pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de febreiro de 2020.

Para realizar a transformación de oficio de determinadas listas de categorías profesionais laborais en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declaradas equivalentes, cómpre comprobar que nas persoas integrantes destas novas listas concorren os requisitos legais exixidos para seren admitidas nelas.

Examinadas as devanditas listas únicas, compróbase que integrantes das listas de categorías profesionais laborais non cumpren os requisitos exixidos para ser admitidos en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declaradas equivalentes.

Consecuentemente con todo o anterior, informada a Comisión Permanente regulada no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, e de conformidade co establecido no artigo 10 da Orde do 20 de xullo de 2021, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a relación provisional de excluídos nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución, resultantes da transformación de oficio das listas das categorías profesionais laborais equivalentes.

Segundo. A relación provisional de excluídos poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

Na relación figura a seguinte información:

– Solicitantes excluídos con expresión da causa de exclusión.

Nesta relación provisional figuran exclusivamente os solicitantes admitidos/as nas listas de categorías profesionais laborais que non cumpren os requisitos legais exixidos para ser admitidos nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades declaradas equivalentes, que non resultasen penalizados o 15 de xullo de 2014 ou con anterioridade a esta data.

Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Xunto coas ditas reclamacións, achegarase, de ser o caso:

– Documentación necesaria para emendar a causa de exclusión. En concreto, as persoas que figuren excluídas por non teren a nacionalidade española, deberán achegar, ademais do DNI ou NIE, se é o caso, o pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumpriren calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión, quedará definitivamente excluída.

Cuarto. Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e daráselles publicidade ás listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Corpos e escalas (persoal funcionario)

Grupo

Corpo/escala

Denominación

A1

208F

Escala de facultativos. Especialidade medicina

A1

208G

Escala de facultativos. Especialidade psicoloxía

A1

208H

Escala de facultativos. Especialidade pedagoxía

A2

208A

Escala técnica de facultativos. Especialidade enfermaría

A2

208C

Escala técnica de facultativos. Especialidade educadores

A2

208B

Escala técnica de facultativos. Especialidade fisioterapia

A2

208E

Escala técnica de facultativos. Especialidade traballo social

A2

208D

Escala técnica de facultativos. Especialidade terapia ocupacional

B

208J

Escala de axentes técnicos facultativos. Especialidade xardín de infancia

C2

20A3

Escala de auxiliares de clínica