Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 11 de outubro de 2021 Páx. 49506

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 135/2021, do 7 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da nova vía de ampliación do Hospital Gran Montecelo, de clave PO/21/078.01, no concello de Pontevedra.

Antecedentes.

Primeiro. Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de xuño de 2019 aprobouse definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, da Xunta de Galicia, para a ampliación no novo Hospital Gran Montecelo, no cal se recolle no seu ámbito de actuación a vía proxectada no proxecto de construción referido.

Segundo. O 10 de febreiro de 2021 formalízase a encomenda de xestión para a realización, por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, de diversas actuacións en relación co proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados polas vías de acceso ao novo Hospital Gran Montecelo, entre as cales se atopa o sometemento ao trámite de información pública do documento elaborado para tal efecto polo Concello de Pontevedra.

Terceiro. O 7 de xuño de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 106) o Anuncio do 26 de maio de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública a separata do proxecto de construción da nova vía de ampliación do Hospital Gran Montecelo, de clave PO/21/078.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Cuarto. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 27 de setembro de 2021 apróbase o expediente de información pública do proxecto de construción da nova vía de ampliación do Hospital Gran Montecelo, de clave PO/21/078.01.

O obxecto do proxecto é a execución dunha nova vía de circunvalación da ampliación futura do Hospital de Montecelo. Esta vía actuará, a modo de by-pass, como unha variante ao tráfico que actualmente circula pola avenida de Montecelo, no concello de Pontevedra.

A actuación englóbase dentro do Plan sectorial de incidencia supramunicipal para o novo Hospital Gran Montecelo da Xunta de Galicia, que recolle xa no seu ámbito de actuación a vía proxectada neste proxecto.

Esta vía proxéctase como unha vía de calzada única, cun carril por sentido, beirarrúas a ambos lados, velocidade de percorrido limitada a 30 km/h e pasos de peóns elevados. Disporá de catro glorietas: unha ao inicio, outra ao final e dúas intermedias. Complétase a actuación coa iluminación de todo o tramo, con reforzo nos pasos de peóns.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

A necesidade da urxente ocupación está motivada pola necesidade de dotar duns accesos adecuados a ampliación do Hospital de Montecelo, actualmente en construción.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da nova vía de ampliación do Hospital Gran Montecelo, de clave PO/21/078.01.

Santiago de Compostela, sete de outubro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade