O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.
O artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueles outros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións, e o artigo 5 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, recolle a estrutura das universidades, da cal forman parte as escolas e facultades na súa condición de centros e unidades docentes.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, sinala no seu artigo 17 que a creación de centros docentes na Comunidade Autónoma de Galicia será aprobada pola Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Universidades, sexa por propia iniciativa, co acordo do consello de goberno da universidade, sexa por iniciativa da universidade, mediante proposta do consello de goberno, en ambos os casos co informe previo favorable do consello social.
O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Universidade da Coruña na sesión ordinaria do Consello de Goberno do 25 de febreiro de 2021 aprobou a creación da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, por integración da Escola Universitaria Politécnica e a Escola Politécnica Superior e o pleno do Consello Social da citada universidade, reunido o 16 de marzo de 2021, emitiu informe favorable á súa creación.
A nova escola enmárcase no Campus Industrial de Ferrol (CIF), primeiro campus de especialización da Universidade da Coruña, e xustifícase pola mellora en aspectos relacionados coa posibilidade de crear sinerxías entre as titulacións impartidas actualmente nas dúas escolas; unha maior atracción de talento, tanto de estudantado Erasmus como de alumnado de posgrao e de investigadores e docentes; unha maior accesibilidade do estudantado e proximidade co resto de servizos que ofrece a universidade no campus de Esteiro e a potenciación da súa visibilidade e presenza na cidade, recoñecéndose cada vez máis a vinculación da enxeñaría coa industria intelixente.
De acordo co establecido no artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 18 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT), e o artigo 18.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, unha vez acordada a creación do centro, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.
En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do dezaseis de setembro de dous mil vinte e un,
DISPOÑO:
Artigo 1. Creación do centro
Autorizar á Universidade da Coruña a creación da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)
Dar traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezaseis de setembro de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade