Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 13 de outubro de 2021 Páx. 50179

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Rodeiro

ANUNCIO de información pública da aprobación da proposta elaborada pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia para a adopción do escudo heráldico e da bandeira do concello.

O Pleno do Concello, na sesión ordinaria do día seis de setembro de dous mil vinte e un, aprobou, polo quórum de maioría absoluta do número legal de membros da corporación, a seguinte proposta elaborada pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia para a adopción do escudo heráldico e bandeira propios e privativos do concello:

Escudo heráldico:

De azur (azul), e sobre ondas de prata (branco) e azur, unha ponte de prata surmontada dunha torre e, nos flancos, de seis rodas de ouro (amarelo), tres á destra e tres á sinistra. Ao timbre, a coroa real pechada.

Bandeira municipal:

O pano azul coa torre branca ao centro e as seis rodas de amarelo nos flancos (tres na hasta e tres no batente).

En cumprimento do disposto no artigo 16.a), número 3, do Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, o referido acordo sométese á información pública, mediante anuncios publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG), no taboleiro de anuncios da casa do concello e na web municipal, polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao de publicación no DOG, para que os interesados poidan efectuar as alegacións que consideren oportunas.

Rodeiro, 21 de setembro de 2021

Rubén Perfecto Quintá Quintá
Alcalde