Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 18 de outubro de 2021 Páx. 50726

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas para a elaboración dos proxectos referidos a actuacións de fomento da mobilidade sustentable en contornas urbanas e metropolitanas mediante medidas que favorezan a implantación de zonas de baixas emisións nas principais cidades de Galicia, que incentiven a redución da utilización do vehículo privado, así como a elaboración dos informes técnicos correspondentes na fase de adxudicación e a dirección de execución dos contratos relativos aos referidos proxectos.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas, para a elaboración dos proxectos referidos a actuacións de fomento da mobilidade sustentable en contornas urbanas e metropolitanas mediante medidas que favorezan a implantación de zonas de baixas emisións nas principais cidades de Galicia, que incentiven a redución da utilización do vehículo privado, así como a elaboración dos informes técnicos correspondentes na fase de adxudicación e a dirección de execución dos contratos relativos aos referidos proxectos, que ten as seguintes características:

1. Obxecto:

• No caso dos contratos de servizo de redacción dos proxectos:

□ A elaboración dos pregos de prescricións técnicas para os referidos contratos.

□ A elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación destes contratos sexan solicitados polo órgano encomendante.

□ A dirección de execución dos servizos obxecto dos contratos, incluída a elaboración, de acordo co establecido no artigo 235 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, dos informes de supervisión dos referidos proxectos, así como a realización, de acordo co establecido no artigo 236 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, das actas de implantación dos referidos proxectos.

• No caso dos contratos de obra relativos aos proxectos:

□ A elaboración, de ser o caso, de acordo co establecido no artigo 235 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, dos informes de supervisión dos referidos proxectos, así como a realización, de acordo co establecido no artigo 236 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, das actas de implantación dos referidos proxectos.

□ A elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación destes contratos sexan solicitados polo órgano encomendante.

□ A dirección de execución das obras obxecto dos referidos contratos.

• No caso dos contratos de servizo accesorios aos contratos de obra referidos no punto anterior:

□ A elaboración dos pregos de prescricións técnicas para os referidos contratos.

□ A elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación destes contratos sexan solicitado polo órgano encomendante.

□ A dirección de execución dos servizos obxecto dos contratos.

– Os ditos documentos serán emitidos por persoal técnico cualificado da AXI.

2. Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao seren a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

3. Prazo de vixencia: a presente encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa aprobación ata o 31 de decembro de 2026.

4. Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

5. Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos que se presten en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2021

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade