Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 20 de outubro de 2021 Páx. 51151

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2021 pola que se conceden os distintivos Bandeira Verde de Galicia, de conformidade co disposto na Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a súa concesión.

Unha vez examinado o informe proposta emitido polo xurado encargado de avaliar as candidaturas presentadas ao distintivo Bandeira Verde segundo a Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. O 25.3.2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 57) a Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Segundo. O 30.6.2021 rematou o prazo previsto no artigo 4 da orde, no cal se establece que as solicitudes se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal e que o prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e durará ata o 30 de xuño de 2021.

Terceiro. Dentro do prazo indicado recibíronse 14 solicitudes correspondentes aos concellos de Alfoz (categoría 3), Mondoñedo (categoría 3), San Xoán de Río (categoría 3), Pedrafita do Cebreiro (categoría 3), Porto do Son (categoría 2), Curtis (categoría 3), Parada de Sil (categoría 3), Outeiro de Rei (categoría 3), Moaña (categoría 2), Ordes (categoría 2), Castro Caldelas (categoría 3), A Pobra de Trives (categoría 3), As Nogais (categoría 3) e Sober (categoría 3).

Cuarto. O 22.7.2021, de conformidade co previsto no artigo 7 da orde, requiríronse os concellos de Alfoz, Mondoñedo, Porto do Son, Curtis, Parada de Sil, Moaña, Ordes, As Nogais e Sober para que emendasen as súas solicitudes, nun prazo de 10 días hábiles, coa advertencia de que, se así non o fixesen, se considerarían desistidos da súa petición.

Quinto. Con data do 28.7.2021, os concellos de Porto do Son e Mondoñedo deron cumprimento a este requirimento; con data do 5.8.2021, o Concello de Moaña; con data do 6.8.2021, os concellos das Nogais, Parada de Sil, Sober, Alfoz e Ordes; e con data do 9.8.2021 realizou idéntico trámite o Concello de Curtis.

Sexto. O 22.9.2021 foi convocado o xurado encargado de valorar as solicitudes do distintivo Bandeira Verde de Galicia para a emisión do informe proposta de recoñecemento dos distintivos, reunión que se produciu o 24.9.2021.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o órgano competente para resolver esta convocatoria, e isto, con fundamento no disposto no artigo 11 da Orde do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia (DOG nº 149, do 27 de xullo).

Por outro lado, de conformidade co disposto nos artigos 6 e 11 da orde, a elaboración da proposta de resolución do recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia correspóndelle á persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na súa calidade de órgano instrutor do procedemento.

Segundo. O artigo 11 da Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia establece que o prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. En aplicación do previsto no artigo 13 da Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, e de conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a relación de concellos recoñecidos será publicada, así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda https://www.xunta.gal/cmatv

De igual modo, o artigo 14 da orde prevé que os concellos premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público para o cal serán convocados coa oportuna antelación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda autoriza a cada un dos concellos recoñecidos a poder utilizar o logotipo específico da bandeira durante un ano. O outorgamento deste distintivo constituirá mérito para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Sen prexuízo do exposto, no caso de que algún concello premiado teña omitido ou falseado a documentación remitida para a obtención deste recoñecemento, poderase considerar a retirada do distintivo acreditado e, polo tanto, perder a condición de gañador que teña o distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Cuarto. Do informe proposta emitido polo xurado constátase que, do total das catorce candidaturas recibidas, nove reúnen os requisitos previos exixidos pola Orde do 8 de marzo de 2021 (Alfoz, Mondoñedo, Porto do Son, Curtis, Parada de Sil, Outeiro de Rei, Moaña, Ordes e Sober), xa que Pedrafita do Cebreiro e As Nogais non acreditaron os criterios para a súa valoración logo do requirimento efectuado e que San Xoán de Río, Castro Caldelas e A Pobra de Trives foran excluídos.

Respecto das nove candidaturas aptas, o xurado examinounas e valorounas en función dos criterios e do baremo establecidos no anexo I da orde, no cal se establecen os limiares mínimos necesarios para poder optar a este recoñecemento, para o que se teñen en conta as características dos concellos (superficie, poboación, orzamento utilizado...).

Quinto. Candidatura presentada polo Concello de Alfoz

O Concello de Alfoz presenta un total de 23 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: oito na alínea a), oito na alínea b), catro na alínea c) e catro na alínea d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións fan referencia á mellora do servizo de recollida de lixo ou á redacción do Plan urbanístico, as cales se enmarcan nas competencias propias dos concellos (accións 1.1, 1.8, 3.4 e 3.5) sen que se poidan considerar actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas. Así mesmo, algunha das accións non acredita financiamento, polo que non cumpre os requisitos previos (1.7), e outras atópanse repetidas (4.3 e 4.4).

De conformidade co establecido, 10 das 23 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de nivel 3, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Alfoz.

Sexto. Candidatura presentada polo Concello de Mondoñedo

O Concello de Mondoñedo presenta un total de 63 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: tres na alínea a), 16 na alínea b), nove na alínea c) e 15 na alínea d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións responden a competencias municipais propias (A.01, A.02, A.05, A.12, B.12 a B-14; C.01 a C.04) sen que poidan considerarse actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas; outras son accións repetidas en distintos anos (A.06 a A.10; A.16 a A.20).

De conformidade co establecido, 10 das 23 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipulado para os concellos de categoría 3, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Mondoñedo.

Sétimo. Candidatura presentada polo Concello de Pedrafita do Cebreiro

O Concello presenta un total de sete accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: dous nas alíneas a), b) e c) e catro na alínea d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I da Orde do 8 de marzo de 2021), cómpre indicar que unha das accións responde a competencias municipais propias sen que se poida considerar actuación no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpre os requisitos exixidos para ser avaliada.

De conformidade co establecido, ningunha das seis accións restantes acada a puntuación mínima exixida.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello de Pedrafita do Cebreiro.

Oitavo. Candidatura presentada polo Concello de Porto do Son

O Concello de Porto do Son presenta un total de 74 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: 29 na alínea a), 14 na alínea b), sete na alínea c) e 24 na alínea d).

En relación coa condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións fan referencia á mellora das infraestruturas para os servizos de abastecemento, saneamento e recollida de lixo, as cales se enmarcan nas competencias propias dos concellos (accións B04 e C01) sen que se poidan considerar actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas.

De conformidade co establecido, 62 das 74 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Porto do Son.

Noveno. Candidatura presentada polo Concello de Curtis

O Concello presenta un total de 19 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación desenvolvidas no anexo III, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: 10 na alínea a), 10 na alínea b), nove na alínea c) e 10 na alínea d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións enmárcanse nas competencias propias dos concellos sen que se poidan considerar actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas.

De conformidade co establecido, 4 das 19 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Curtis.

Décimo. Candidatura presentada polo Concello de Parada de Sil

O Concello presenta 29 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: 10 na alínea a), nove na alínea b), dous na alínea c) e nove na alínea d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas, segundo o anexo I da orde pola que se rexe a convocatoria, algunhas das accións enmárcanse nas competencias propias dos concellos (C1, C2) sen que se poidan encadrar como actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas; outras (A2, B3 e D4) non responden a actuacións de iniciativa municipal no marco da orde pola que se rexe a convocatoria ou non se xustifica a súa vixencia.

De conformidade co establecido, 18 das 29 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3, aínda que ningunha destas se atopase no ámbito C. Porén, a media das catro mellores iniciativas supera o 75 % da puntuación máxima (18 puntos).

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Parada de Sil.

Décimo primeiro. Candidatura presentada polo Concello de Outeiro de Rei

O Concello presenta 33 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: sete na alínea a), 14 na alínea b), seis na alínea c) e catro na alínea d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas, segundo o anexo I da orde pola que se rexe a convocatoria, algunhas das accións (C1 a C6) enmárcanse nas competencias propias dos concellos sen que se poidan encadrar como actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas.

De conformidade co establecido, oito das 33 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3, aínda que ningunha destas se atopa no ámbito C. Porén, a media das catro mellores iniciativas supera o 75 % da puntuación máxima (18 puntos).

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Outeiro de Rei.

Décimo segundo. Candidatura presentada polo Concello de Moaña

O Concello presenta 18 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: oito na alínea a), catro na alínea b), tres na alínea c) e tres na alínea d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas, segundo o anexo I da orde pola que se rexe a convocatoria, algunhas das accións (4.1.2) enmárcanse nas competencias propias dos concellos sen que poidan considerarse actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpre os requisitos exixidos para ser avaliada.

De conformidade co establecido, 17 das 18 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Moaña.

Décimo terceiro. Candidatura presentada polo Concello de Ordes

O Concello presenta 11 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: tres na alínea a), cinco na alínea b), dous na alínea c) e un na alínea d).

De conformidade co establecido, as 11 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Ordes.

Décimo cuarto. Candidatura presentada polo Concello das Nogais

O Concello presenta coa solicitude unha memoria con 15 accións, algunhas delas concorrentes en máis dun punto: seis no ámbito a), seis no ámbito b), tres no ámbito c) e 12 no ámbito d).

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas, segundo o anexo I da orde pola que se rexe a convocatoria, algunhas das accións (A.2, A.6, B.3, C.1) enmárcanse nas competencias propias dos concellos sen que se poidan encadrar como actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas.

Unicamente dúas accións acadan a puntuación mínima exixida, encadradas no ámbito B. Non acadan a puntuación mínima ningunha das accións nos ámbitos A, C e D.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello das Nogais.

Décimo quinto. Candidatura presentada polo Concello de Sober

O Concello de Sober presenta sete accións que abranguen os catro ámbitos de actuación, de forma que algunhas delas se encadran en máis dun deles: sete na alínea a), cinco na alínea b), unha na alínea c) e sete na alínea d).

De conformidade co establecido, seis acadan unha puntuación igual ou superior á mínima exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3, aínda que ningunha destas se atopa no ámbito D. Porén, a media das catro mellores iniciativas supera o 75 % da puntuación máxima (18 puntos).

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Sober.

En conclusión, visto o informe proposta de recoñecemento do xurado e a proposta de resolución da persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na súa calidade de órgano instrutor do procedemento, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro Excluír os concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas e A Pobra de Trives por non presentar o número mínimo de accións susceptibles de seren baremadas (tres accións, unha acción e unha acción, respectivamente), segundo o nivel en que se insiren, polo que non se cumpre o requisito dun mínimo de catro accións para os concellos de nivel 3.

Segundo. Non recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia ás candidaturas presentadas polo Concello de Pedrafita do Cebreiro, xa que, das sete accións que presenta, unha non é avaliable e as outras seis non acadan a puntuación mínima exixida; nin tampouco ao Concello das Nogais, xa que, das quince accións que presenta, catro delas non son avaliables e só dúas acadan a puntuación mínima exixida, polo que non cumpre os requisitos do baremo.

Terceiro. Recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia aos concellos de Alfoz, Mondoñedo, Porto do Son, Curtis, Parada de Sil, Outeiro de Rei, Moaña, Ordes e Sober, de conformidade co previsto nos fundamentos de dereito.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Poderase igualmente interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio