Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 20 de outubro de 2021 Páx. 51203

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Betanzos

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal de Betanzos (expediente 2018/X999/000210).

Acordo do Pleno do Concello de Betanzos polo que se aproba inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal.

Aprobado inicialmente polo Acordo do Pleno do 15 de setembro de 2021 o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Betanzos xunto co estudo ambiental estratéxico, de conformidade co artigo 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sométese a información pública polo prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o dito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais, para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes.

Así mesmo, estará á disposición na sede electrónica deste Concello:
https://sede.betanzos.gal

O presente anuncio servirá de notificación aos interesados, no caso de que non poida efectuarse a notificación persoal do outorgamento do trámite de audiencia.

Así mesmo, suspéndese o outorgamento das seguintes licenzas nas áreas afectadas polo Plan xeral de ordenación municipal e cuxas novas determinacións supoñan modificación do réxime urbanístico vixente, que son as seguintes:

Conforme o establecido no artigo 47.2 da LSG, o acordo de aprobación inicial do PXOM determina, por si só, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio en que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente. Dado que as novas determinacións do Plan xeral implican a súa plena adaptación ao novo marco normativo derivado da LSG e á nova lexislación sectorial incidente, acórdase suspender o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición no conxunto do territorio do termo municipal de Betanzos. Non obstante, poderanse outorgar licenzas nos seguintes casos:

1. En solo rústico, poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.d) da LSG.

2. No solo de núcleo rural, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.c) da LSG.

3. No solo urbano, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.a) da LSG.

4. No solo urbano remitido a ámbitos de ordenación que o Plan xeral incorpora á ordenación como planeamento subsistente conforme a disposición transitoria cuarta e disposición derradeira cuarta da súa normativa urbanística, sempre que se cumpran as determinacións establecidas no seu planeamento coas súas modificacións.

5. Nos ámbitos de planeamento urbanístico de desenvolvemento que o Plan xeral aprobado inicialmente incorpora á ordenación como planeamento subsistente conforme a disposición transitoria segunda, disposición transitoria terceira e disposición derradeira terceira da súa normativa urbanística, sempre que se cumpran as determinacións establecidas no seu planeamento coas súas modificacións.

6. Igualmente, poderán outorgarse licenzas que teñan por obxecto a realización de obras de conservación e as necesarias para o mantemento do uso previsto, así como aquelas para obras de reforma, consolidación ou ampliación, rehabilitación e as de dotación de funcionalidade, seguridade, salubridade e habitabilidade segundo a normativa vixente, cumprindo en calquera caso as condicións establecidas nas normas subsidiarias vixentes e no plan aprobado inicialmente. A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contado desde a devandita aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

A duración da suspensión é de dous anos.

Betanzos, 7 de outubro de 2021

María Barral Varela
Alcaldesa