Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 21 de outubro de 2021 Páx. 51297

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2021 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 6 de outubro de 2021 polo que se regula o teletraballo do persoal desta entidade.

Dando cumprimento ao disposto na disposición derradeira única do Acordo do Pleno do 6 de outubro de 2021, polo que se regula o teletraballo do persoal do Consello de Contas de Galicia, e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia,

RESOLVO:

Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 6 de outubro de 2021, polo que se regula o teletraballo do persoal do Consello de Contas de Galicia, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 6 de outubro de 2021
polo que se regula o teletraballo do persoal do Consello de Contas de Galicia

O ano 2020 pasará á historia como o exercicio do impulso definitivo da virtualización das relacións laborais, como un mecanismo esencial de salvagarda nun contexto de crise sanitaria global que permitiu conciliar medidas de illamento e contención na propagación da COVID-19, ao tempo que se garantiu a continuidade de actividades esenciais de provisións de bens e servizos públicos, empresariais, económicas e sociais.

No Consello de Contas de Galicia desde o pasado día 1 de xullo de 2020 iniciouse unha experiencia piloto de prestación de servizos en réxime de teletraballo suxeita á avaliación de rendemento, que ten amosado a seguridade da dita prestación de servizos, así como a non afectación ao bo rendemento dos equipos de traballo da institución, antes ao contrario.

Chegados a este punto, e amosada a madurez do modelo e a avaliación favorable de rendemento deste, formúlase a necesidade de crear un marco estable e coherente de regulación da prestación de servizos en réxime de teletraballo no Consello de Contas de Galicia, no contexto dunha modernización do marco normativo da xestión das persoas, das condicións de traballo e a creación de entornas dixitais de traballo con vocación de permanencia, máis alá de situación coxunturais. Modernización dotada de todas as garantías no tocante ao dereito das empregadas/os públicos á desconexión dixital, o dereito á intimidade, o dereito á prevención de riscos laborais, así como a normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e en materia de confidencialidade, así como os dereitos da cidadanía nas súas relacións coas administracións públicas e a garantía da ciberseguridade e a ciberhixiene na prestación dos servizos tamén a distancia.

A regulación do artigo 47 bis do TREBEP, a través do Real decreto lei 29/2020, do 29 de setembro, que modifica o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, fixa os requisitos básicos e constitúe o fundamento da habilitación legal básica para o desenvolvemento do réxime do teletraballo no Consello de Contas de Galicia.

Esta norma foi obxecto de negociación cos representantes sindicais do persoal do Consello de Contas, designados para o efecto, na comisión de persoal, celebrada o 10 de setembro de 2021, sendo informada favorablemente pola Asesoría Xurídica do Consello de Contas, con data do 21 de setembro de 2021.

A norma estrutúrase a través de 4 capítulos, 19 artigos e disposición derradeira única. No capítulo I regúlanse as disposicións xerais: obxecto, definicións, ámbito aplicación, postos e responsable seguimento. No capítulo II regulase o réxime xurídico do teletraballo: requisitos, plan individual, réxime e supervisión do servizo. No capítulo III regúlanse os dereitos e deberes das persoas que teletraballan: dereitos persoas que teletraballan, dereito á desconexión dixital, e deberes específicos. No capítulo IV regúlase o procedemento de autorización para teletraballar: solicitude, procedemento, duración, interrupción, cesamento, reincorporación e situacións excepcionais. Na disposición derradeira única regúlase a súa entrada en vigor.

En consecuencia, o Pleno do Consello de Contas, no exercicio das súas competencias normativas establecidas no artigo 3 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e o artigo 5.2.b) do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, aprobado pola Comisión non lexislativa para as relacións co Consello de Contas do Parlamento de Galicia, en sesión celebrada o 23 de febreiro de 2017, aproba a presente norma.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

A presente norma ten por obxecto a regulación da prestación de servizos en réxime de teletraballo do persoal do Consello de Contas de Galicia para o impulso da administración dixital e a mellora da organización do traballo, a través da identificación de obxectivos e a avaliación do seu cumprimento en aras da mellor satisfacción das súas competencias previstas no artigo 1 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos da presente norma enténdese por:

1. Teletraballo. Considérase teletraballo aquela modalidade de prestación de servizos a distancia na que o contido competencial do posto de traballo pode desenvolverse, sempre que as necesidades do servizo o permitan, fóra das dependencias do Consello de Contas de Galicia, mediante o uso de tecnoloxías da información e comunicación.

O persoal que preste servizos mediante teletraballo terá os mesmos deberes e dereitos individuais e colectivos que o resto de persoal que preste os seus servizos en modalidade presencial, incluíndo a normativa de prevención de riscos laborais, salvo aqueles que sexan inherentes á realización da prestación do servizo de maneira presencial.

2. Persoa que teletraballa. É a persoa empregada público do Consello de Contas de Galicia que, no desempeño das funcións propias do seu posto de traballo, alterna a presenza no centro de traballo coa prestación de servizos en réxime de teletraballo ou, nos casos excepcionais previstos nesta norma, preste a totalidade dos servizos en réxime de teletraballo.

3. Supervisor. Responsable de acordar coas persoas teletraballadoras as tarefas e resultados a obter durante os días de prestación de servizo en réxime de teletraballo, e os instrumentos de seguimento previstos. Estes instrumentos poderán incluír a realización de programacións, reunións os días presenciais e comprobacións do traballo realizado.

4. Plan individual de teletraballo. É o instrumento de seguimento e supervisión da actividade e dos resultados da persoa que teletraballa que incluirá a asignación mensual de tarefas por parte do supervisor, e onde o teletraballador deberá reflectir diariamente o traballo desenvolvido nesta modalidade. O plan remitirase mensualmente ao supervisor e este ao conselleiro, conselleira ou titular da secretaría xeral.

5. Xornadas teletraballables. Son as xornadas nas que a persoa que teletraballa desempeña as súas funcións na oficina a distancia. En todo caso, estarán supeditada á organización da área ou departamento específico, ao tipo de posto, ao ciclo de traballo e ás necesidades do servizo.

6. Períodos de interconexión e dispoñibilidade. Son os espazos de tempo de traballo efectivo durante os cales a persoa que teletraballa debe estar dispoñible para contactar co supervisor, así como co resto dos membros da súa área ou departamento no cal estea adscrito.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

A presente norma será de aplicación ao persoal funcionario e persoal laboral que preste servizos no Consello de Contas que ocupe un posto de traballo susceptible de desempeño na modalidade de teletraballo.

Artigo 4. Postos susceptibles de desempeño na modalidade de teletraballo

1. Teñen a consideración de postos de traballo susceptibles de desempeño na modalidade de teletraballo aqueles cuxas funcións principais sexan:

a) Estudo, análise e planificación de proxectos, informes e documentación.

b) Elaboración e supervisión dos papeis de traballo de auditoría, directrices técnicas e memorándums dos traballos de campo.

c) Asesoramento xurídico e técnico.

d) Inspección e control interno.

e) Xestión dos sistemas de información, análise e deseño de sistemas de información ou análogos.

f) Redacción, corrección e tratamento de documentos.

g) Compilación de información.

h) Outras funcións que a xuízo da Comisión de Goberno se consideren susceptibles de seren desempeñadas en modalidade de teletraballo.

2. Estarán incluídos dentro da posibilidade da elección da modalidade de teletraballo os postos que leven aparelladas funcións de supervisión, adecuando os criterios para a súa concesión ás necesidades do servizo.

3. Están excluídos da prestación de servizos na modalidade de teletraballo aqueles postos en que a prestación efectiva só queda plenamente garantida coa presenza física do/da empregado/a.

4. Non obstante, de forma suficientemente motivada, a Comisión de Goberno, por proposta da persoa titular da área respectiva, poderán autorizar a prestación en réxime de teletraballo as persoas adscritas a postos cualificados como non susceptibles de ser desempeñados baixo a dita modalidade en función da concorrencia de circunstancias excepcionais debidamente acreditadas pola/o solicitante.

A mencionada excepcionalidade deberá fundarse en que un número suficiente de tarefas asignadas ao posto permiten o seu desempeño en réxime de teletraballo durante algunha xornada e en que, durante estas, as necesidades de servizo quedan suficientemente cubertas sen a presenza física da persoa traballadora.

A autorización poderá realizarse de forma que se permita incluír motivadamente no desempeño de postos na modalidade de teletraballo persoas titulares de postos que estean sometidos a un réxime de desempeño ou funcións incompatibles con esta modalidade durante determinados períodos de tempo, semanais ou mensuais; durante os períodos en que non estean sometidos a tal réxime incompatible.

Artigo 5. Responsable de seguimento do teletraballo no Consello de Contas

1. Corresponde á Secretaría Xeral do Consello de Contas o seguimento da prestación de servizos en réxime de teletraballo no Consello de Contas e nomeadamente:

a) Estudar as incidencias e queixas en materia de teletraballo recibidas na caixa de correo electrónica habilitada para o efecto.

b) Establecer criterios orientativos en relación cos postos excluídos do teletraballo.

c) Elaborar e valorar cuestionarios destinados á avaliación do funcionamento da prestación de servizos en réxime de teletraballo e o índice de satisfacción das persoas que teletraballen, os supervisores e o resto da organización.

d) Elaborar un informe global de supervisión do teletraballo, efectuando unha avaliación e seguimento das principais incidencias detectadas e da evolución dos indicadores de rendemento, tendo en conta os informes recadados das diferentes áreas do Consello. O dito informe global será obxecto de aprobación por parte do Pleno do Consello de Contas e publicarase no portal web do Consello de Contas de Galicia.

CAPÍTULO II

Réxime xurídico do teletraballo no Consello de Contas

Artigo 6. Requisitos para a autorización da prestación de servizos en réxime de teletraballo

Serán requisitos para a autorización da prestación de servizos en réxime de teletraballo os seguintes:

i) Estar en situación de servizo activo e estar adscrito a un posto de traballo susceptible de desempeñar en réxime de teletraballo.

ii) Acreditar unha experiencia mínima de seis meses de servizos prestados en postos con funcións e tarefas análogas ás do posto que se pretenda desempeñar na modalidade de teletraballo.

iii) Ter coñecementos informáticos e telemáticos, teóricos e prácticos, que garantan a aptitude para teletraballar, así como de protección dos datos vinculados ao obxecto de tratamento.

iv) Dispoñer dun espazo de traballo que cumpra coas condicións establecidas pola normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

v) Dispoñer á data na que comece o réxime de teletraballo dos sistemas de comunicación e de conectividade coas características que defina o Servizo de Informática do Consello de Contas, en función da dispoñibilidade tecnolóxica e a seguridade dos sistemas.

Artigo 7. Plan individual de teletraballo

1. A autorización do teletraballo deberá contribuír a unha mellor organización do traballo e deberá ir precedida dunha análise previa de identificación de obxectivos por parte do responsable xerárquico e a avaliación periódica do seu cumprimento.

2. A autorización do teletraballo estará condicionada á aprobación previa dun Plan individual de teletraballo establecido de común acordo entre a persoa responsable da supervisión do teletraballo e a persoa que teletraballa. A eficacia da resolución de autorización do teletraballo estará vinculada ao cumprimento do contido do Plan individual de teletraballo e a súa avaliación favorable por parte do responsable da supervisión.

3. O Plan individual de teletraballo deberá conter, como mínimo:

a) O número de días teletraballo ao que se acolle a/o solicitante.

b) A localización da oficina a distancia e o compromiso de dispor dun espazo de traballo que cumpra coas condicións establecidas pola normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

c) A determinación dos períodos de interconexión e dispoñibilidade, incluídas as franxas horarias que, se é o caso, se establezan, e dos medios para facelos efectivos.

d) A descrición da forma de organización do traballo, así como o compromiso de manter actualizado o plan individual de teletraballo, mediante a remisión dun cuestionario de seguimento semanal de actividades e de autoavaliación acordado, que deberá ser conformado polo órgano supervisor.

e) O compromiso de que se garantirán as normas sobre protección e confidencialidade dos datos obxecto de tratamento en réxime de teletraballo e as normas sobre seguridade TIC e o uso das tecnoloxías da información aplicables na Consello de Contas.

f) O período de tempo durante o que se desempeñarán funcións baixo esta modalidade de prestación de servizos.

g) A determinación das xornadas teletraballables, que poderán distribuírse de modo uniforme durante a vixencia da autorización ou non uniforme en atención ás necesidades do servizo.

Artigo 8. Réxime do teletraballo

1. A persoa que teletraballa comprometerase a estar dispoñible para atender calquera comunicación telefónica, correo electrónico ou videoconferencia de carácter laboral durante as horas consideradas de xornada obrigatoria, que se entenderá das 9.00 ás 14.00 horas, sen prexuízo de ter que realizar o resto da xornada laboral en réxime de flexibilidade.

2. Ás xornadas teletraballadas faráselle un seguimento por parte do seu supervisor na aplicación informática establecida para seguimento de teletraballo ou dos traballos de fiscalización que, se é o caso, se empregue polo Consello de Contas.

3. Con carácter xeral e mentres non se avalíe e contraste no tempo a eficacia do réxime do teletraballo previsto neste acordo, a xornada da persoa que teletraballa distribuirase de forma que este preste servizos polo menos tres días da semana de forma presencial.

4. A parte non obrigatoria da xornada de teletraballo, haberá de acreditarse a través do Plan individual de teletraballo e estará suxeita ás adaptacións de horario previstas na normativa vixente por razóns de conciliación da vida persoal e laboral.

5. As persoas que teletraballan que teñan concedida unha redución de xornada terán que aplicar proporcionalmente a dita redución á xornada presencial e á xornada teletraballable.

6. En ningún caso a xornada diaria poderá fraccionarse para a súa prestación en ambas as modalidades.

7. Poderá exixirse a presenza da persoa que teletraballa no centro de traballo durante xornadas teletraballables cando esta sexa necesaria por razóns do servizo. Deberá deixarse constancia de tales circunstancias no plan individual de teletraballo. Sempre que sexa posible, convocaráselle para ese efecto cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

Artigo 9. Supervisión do servizo prestado en modalidade de teletraballo

1. A supervisión baséase na previa definición de obxectivos e resultados que se van obter durante o desenvolvemento da prestación de servizos en teletraballo por parte do supervisor e da persoa que teletraballe.

2. O control do cumprimento de obxectivos e resultados baséase na avaliación do Plan individual de teletraballo, mediante o seguimento semanal das tarefas propostas e do grao de cumprimento dos obxectivos e resultados que se van conseguir, a través da definición dun marco consensuado de indicadores, que poderán ser comúns ás diferentes áreas do Consello de Contas ou individualizados.

CAPÍTULO III

Dereitos e deberes da persoa que teletraballa

Artigo 10. Dereitos das persoas teletraballoras

1. A persoa que teletraballa terá os mesmos dereitos e deberes individuais e colectivos que o resto do persoal non teletraballador, agás aqueles inherentes á realización da prestación laboral de xeito presencial.

2. A persoa que teletraballa ten dereito a que o Consello de Contas lle proporcione e manteña os medios tecnolóxicos necesarios para a súa actividade, en concreto: un equipo informático portátil e, naqueles perfís de usuario onde se habilitou, un teléfono móbil corporativo.

3. A utilización dos medios telemáticos e o control da prestación laboral mediante dispositivos automáticos garantirá adecuadamente o dereito á intimidade e á protección de datos, nos termos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, debendo asegurarse a idoneidade, necesidade e proporcionalidade dos medios de supervisión utilizados.

4. As persoas que teletraballan teñen o mesmo acceso á formación e ás posibilidades de carreira profesional que traballadores similares que realizan presencialmente a súa tarefa na sede da Consello de Contas e están suxeitos ás mesmas políticas de avaliación que os demais traballadores. O Consello de Contas deberá garantir ás persoas que traballan a distancia a formación necesaria para o adecuado desenvolvemento da súa actividade tanto ao momento de formalizar o acordo de traballo a distancia como cando se produzan cambios nos medios ou tecnoloxías utilizadas.

Artigo 11. Dereito á desconexión dixital

1. A persoa que teletraballa ten dereito á desconexión dixital fóra do seu horario de traballo nos termos establecidos no artigo 88 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro.

2. Para facer efectivo o dereito á desconexión dixital do persoal que preste os seus servizos mediante teletraballo, teranse en conta as seguintes indicacións:

a) Respectaranse os tempos de descanso diario, semanal, permisos e vacacións.

b) Respectarase o dereito á intimidade persoal e familiar.

c) Fóra da xornada de teletraballo non será exixible a resposta de comunicacións profesionais ou correos electrónicos, salvo circunstancias excepcionais que o xustifiquen.

d) Farase un uso racional das ferramentas dixitais de traballo, evitando na medida do posible, o seu uso fóra do horario de traballo, salvo que se dean circunstancias que o xustifiquen.

Artigo 12. Deberes específicos das persoas teletraballoras

1. Garantir o cumprimento das obrigas establecidas no Plan individual de teletraballo, así como facilitar o seguemento e avaliación continua dos obxectivos e as tarefas asignadas.

2. A persoa que teletraballa terá obriga de recibir a formación sobre teletraballo a que fose convocado, salvo que razóns do servizo debidamente motivadas o impedisen.

3. Gardar a información xerada ou modificada no exercicio das súas funcións nos sistemas corporativos deseñados para iso (cartafoles de rede, espazos colaborativos web, etc.) e que aplican políticas de copia de seguridade para evitar perdas de información.

4. Respectar a normativa vixente de protección de datos e confidencialidade da información, así como a política sobre seguridade da información que sexa de aplicación de acordo coa normativa vixente.

CAPÍTULO IV

Procedemento de autorización para teletraballar

Artigo 13. Solicitude de teletraballo

1. A tramitación deste procedemento será electrónica a través da aplicación específica de xestión electrónica do Consello. Non se admitirán solicitudes que non sexan tramitadas a través da dita aplicación e os formularios específicos previstos nela.

2. A solicitude de teletraballo deberá conter:

a) Declaración de que se cumpren a data da solicitude ou de que se cumprirán a data da autorización os requisitos subxectivos aos que se refire o artigo 5.

b) Xornadas que, en principio e en base á organización do traballo da área ou departamento, pretenden ser desempeñadas en réxime de teletraballo.

c) A localización da oficina a distancia.

d) Declaración de que se posúen a data da solicitude ou de que se posuirán á data na que se realice o teletraballo, conexión a internet propia.

e) Declaración de autoavaliación das recomendacións en materia de prevención de riscos laborais facilitadas polo Consello de Contas e compromiso de que, á data de inicio da autorización do teletraballo, en caso de producirse, estas cumpriranse na oficina a distancia.

Artigo 14. Procedemento de autorización

1. En cada área ou departamento designarase, como mínimo, un supervisor responsable do seguemento das solicitudes de teletraballo, que deberán ser comunicados á Secretaría Xeral do Consello.

2. Recibida a solicitude de autorización de teletraballo, a Secretaría Xeral no prazo de dous días hábiles solicitará informe preceptivo ao supervisor da persoa solicitante, que deberá emitirse no prazo máximo de cinco días hábiles e que deberá pronunciarse, cando menos, sobre:

a) Sentido favorable ou desfavorable, por pedimento da persoa interesada. No suposto de informe desfavorable, deberá estar debidamente motivado.

b) Idoneidade das funcións asignadas ao posto para a modalidade de teletraballo e garantía da cobertura das necesidades do servizo.

c) Definición de obxectivos e sistema de seguimento das funcións asignadas en teletraballo.

d) Designación do supervisor da actividade que se pretende desenvolver baixo esta modalidade e autorización do Plan individual de teletraballo.

e) Compromiso de achega de informe de seguimento semanal das funcións asignadas conforme o modelo do anexo á área ou departamento respectivo, así como á Secretaría Xeral.

3. O dito informe elevarase ao conselleiro, conselleira ou titular da secretaría xeral, quen proporá a concesión o denegación da autorización de teletraballo. As propostas denegatorias deberán ser debidamente motivadas e ampararanse en necesidades do servizo.

4. A resolución autorizando ou denegando a prestación de servizos en réxime de teletraballo será de competencia da Comisión de Goberno, logo de previa proposta do conselleiro, conselleira ou titular da secretaría xeral respectivamente e realizarase para o posto que este desempeñando a persoa solicitante e condicionada ás necesidades do servizo. A resolución será notificada á persoa interesada e comunicada á unidade onde presta servizos, no prazo máximo dun mes desde a data de presentación da solicitude electrónica de autorización. De acordo co disposto no artigo 25.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que non se dite e notifique resolución expresa nos prazos dispostos, entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas.

5. No caso de que a solicitude sexa de prórroga a autorización de teletraballo a Comisión de Goberno deberá resolver e notificar a súa resolución no prazo máximo dun mes, manténdose mentres tanto vixente a autorización de teletraballo. A duración da prórroga será, como máximo, dun ano, non existindo limitacións en canto ao número de prórrogas, sempre que se cumpran os requisitos exixidos.

6. A resolución pola que se autorice ou denegue a solicitude de teletraballo, ou a prórroga desta, non pon fin á vía administrativa. Contra ela cabe interpoñer recurso administrativo de alzada ante o Pleno do Consello de Contas de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se fóra expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa presente normativa, se produzan os efectos do silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 2 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Duración da autorización do teletraballo

1. A autorización do teletraballo terá unha duración máxima inicial de dous anos, sen prexuízo das posiblidades de prórroga, suspensión, perda de efectos ou renuncia.

2. Un mes antes do termo do prazo de autorización, poderá solicitarse a prórroga da autorización do teletraballo que se condicionará á avaliación favorable no exercicio precedente e ao mantemento dos requisitos e condicións que deron lugar á autorización inicial. A prórroga da autorización tramitarase conforme o disposto no artigo 13.

Artigo 16. Interrupción da prestación de servizos mediante teletraballo

1. A participación da persoa empregada en réxime de teletraballo público poderá ser interrompida temporalmente en calquera momento polas seguintes circunstancias:

a) Por petición debidamente motivada do conselleiro, conselleira ou titular da secretaría xeral, baseada en todo caso en necesidades do servizo.

b) Por avaría ou limitacións nos medios tecnolóxicos ou de comunicacións que impiden o traballo en remoto.

c) Polo desenvolvemento de xornadas ou cursos de formación presenciais: será obrigatoria a asistencia a aquelas actividades formativas necesarias para o bo desempeño do posto de traballo e facilitadoras do teletraballo, anulándose os días de teletraballo cando coincidan coa súa programación.

d) Por petición expresa da persoa empregada pública.

e) Por calquera outra causa debidamente xustificada.

2. O período de tempo durante o que a autorización de teletraballo se atope suspendida non será computable para efectos do período máximo para o que este fose autorizado.

Artigo 17. Cesamento do teletraballo

1. A prestación do servizo na modalidade de teletraballo poderá quedar sen efecto, de maneira automática, por algunha das seguintes causas:

a) Por petición expresa da persoa empregada público.

b) Por necesidades do servizo debidamente motivadas.

c) Por chegar a termo o tempo polo que se outorgou ou no seu caso polo que se prorrogou.

d) Por cambio de posto de traballo, a outro posto considerado incompatible co teletraballo.

e) Por deixar de estar na situación administrativa de servizo activo.

2. A Comisión de Goberno poderá acordar o cese do teletraballo, a proposta do conselleiro, conselleira ou titular da secretaría xeral, previa audiencia á persoa interesada, por algunha das seguintes causas:

a) Incumprimento dos obxectivos e dos resultados establecidos e/ou avaliación negativa do seu desempeño.

b) Incumprimento das condicións técnicas ou de prevención de riscos laborais establecidas.

c) Causas sobrevidas que alteren substancialmente as condicións e requisitos que motivaron o teletraballo.

Artigo 18. Reincorporación á prestación de servizos en réxime presencial

A perda de efectos, a renuncia ou a extinción da autorización comportarán a reincorporación á prestación de servizos en réxime completo presencial.

Artigo 19. Situacións excepcionais

De concorrer situacións excepcionais derivadas de medidas limitativas da mobilidade das persoas, ou que cmporten o peche de centros de traballo ou a suspensión temporal de actividades presenciais, ou outras situacións de emerxencia sanitaria, forza maior ou análogas, a modalidade xeral de prestación de servizos será a non presencial, garantíndose, en todo caso, a continuidade do servizo de cada departamento administrativo, neste caso a autorización do teletraballo efectuarase de oficio pola Secretaría Xeral, desde o día en que se produciu o suposto de feito e manterase en tanto permaneza a situación excepcional.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente norma entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file

ANEXO II

Modelo de Plan individual de teletraballo

Supervisor:

Nome e apelidos da persoa que teletraballa:

Denominación do posto:

Teléfonos fixo e móbil:

Número de días teletraballo ao que se acolle a/o solicitante:

Determinación mensual das xornadas teletraballables, que poderán distribuírse de modo uniforme durante a vixencia da autorización ou non uniforme en atención ás necesidades do servizo:

Localización da oficina a distancia e o compromiso de dispor dun espazo de traballo que cumpra coas condicións establecidas pola normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

Descrición da forma de organización do traballo, así como o compromiso de manter actualizado o Plan individual de teletraballo, mediante a remisión dun cuestionario de seguimento semanal de actividades e de autoavaliación acordado, que deberá ser conformado polo órgano supervisor.

Compromiso de que se garantirán as normas sobre protección e confidencialidade dos datos obxecto de tratamento en réxime de teletraballo e as normas sobre seguridade TIC e o uso das tecnoloxías da información aplicables na Consello de Contas.

Determinación mensual das xornadas teletraballables, que poderán distribuírse de modo uniforme durante a vixencia da autorización ou non uniforme en atención ás necesidades do servizo.

Cuestionario de seguimento semanal do Plan individual de teletraballo

Inicio-fin

períodos de interconexión

Días teletraballo

Días presenciais

Tarefas para realizar

Cumprimento de

obxectivos/resultados

Semana
data