Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 22 de outubro de 2021 Páx. 51523

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se fai pública a convocatoria, mediante procedemento aberto con criterio único (prezo), para un alleamento de madeiras na provincia de Ourense.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras de varios lotes na provincia de Ourense, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 159, do 18 de agosto), na Orde do 8 de setembro de 1998 pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 180, do 16 de setembro), e na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo (código de procedemento MR612A) (DOG núm. 41, do 2 de marzo).

A licitación e a información dos lotes pódense consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural e no visor de aproveitamentos madeireiros en xestión pola Administración forestal, nos enderezos seguintes:

https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/sistema-de-informacion-forestal

A apertura electrónica dos sobres coas ofertas económicas terá lugar na sede do Servizo de Montes da Xefatura Territorial, na rúa de Villaamil y Castro, s/n, 32004 Ourense. Unha vez iniciada a poxa, calquera persoa licitadora poderalle solicitar por medios telemáticos á mesa que non se proceda á apertura de máis ofertas económicas das presentadas por ela aos lotes que queden por poxar, por ter acadada a cota máxima da súa capacidade económica ou técnica.

Para este procedemento rexerán a normativa antes citada e os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente, onde poderán ser consultados polas persoas interesadas, na páxina web que se indicou, a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

As ofertas presentaranse a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal) (código de procedemento MR612A) durante os 26 días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

A apertura das proposicións económicas será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás 11.00 horas do 15º día hábil, contado a partir da finalización do prazo de presentación das ofertas.

Cada persoa licitadora presentará dous sobres electrónicos para cada oferta. O sobre A, coa documentación administrativa, e o sobre B, coa oferta económica.

No caso de presentarse a varios lotes, o sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que se presenten ante a mesa e na mesma sesión. Este sobre deberá conter, en todo caso, a documentación sinalada na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo (código de procedemento MR612A).

Non obstante, de darse o caso de que algún documento do sobre A non estea asinado dixitalmente poderase presentar de forma presencial nun sobre pechado perante o Rexistro Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural correspondente, toda vez que nestes procedementos é o órgano de contratación, tal e como sinala o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado disposto na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo, a través do procedemento MR612A establecido na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cada un dos lotes figurará nun sobre B individual.

A persoa adxudicataria constituirá a garantía definitiva do 5 % do prezo de adxudicación, agás nos expedientes nos que o aproveitamento se realice a resultas. Nestes últimos casos engadirase o 5 % de garantía complementaria, acadando unha garantía definitiva dun 10 %.

A persoa adxudicataria constituirá a garantía definitiva e, de ser o caso, a complementaria dentro dos 10 días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.

A persoa adxudicataria deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural