Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 26 de outubro de 2021 Páx. 52272

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que a diversidade é unha realidade social e, por tanto, unha realidade en cada centro docente, en cada comunidade educativa. E a resposta educativa a esa diversidade debe concretarse en cada proxecto educativo, en cada ensinanza, na coordinación docente, na atención a cada alumna e a cada alumno, na oferta de recursos e medidas educativas, nos compromisos familiares e sociais e en todo o que contribúa ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado e á súa preparación para convivir e participar, de xeito autónomo, nunha sociedade democrática.

Ese mesmo decreto dispón que por atención á diversidade no sistema educativo hai que entender o conxunto de medidas e accións deseñadas coa finalidade de adecuar a resposta educativa ás diferentes características, potencialidades, ritmos e preferencias de aprendizaxe, motivacións e intereses, e situacións sociais e culturais de todo o alumnado. Tamén se establecen nese decreto os principios xerais que, en sintonía cos principios e cos fins da educación, segundo a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, inspiran e orientan o noso sistema educativo, e que contribuirán a que esa diversidade represente todo un valor e un enriquecemento para o conxunto da sociedade.

A consideración da diversidade como un valor significa non só valorar as diferenzas, senón tamén aproveitar todas as potencialidades de cada persoa para que todas e cada unha se sintan plenamente incluídas e conten cos espazos de participación e desenvolvemento a que a súa condición humana lles dá dereito. E isto non pode facerse sen un sistema educativo que promova que cada centro docente deseñe e desenvolva un proxecto educativo propio, guiado polos valores da inclusión, a igualdade, a colaboración e a calidade, entre outros. Do que se trata, como se indica no punto un do artigo único da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, é de garantir unha educación de calidade para a totalidade do alumnado, sen ningún tipo de discriminación, e a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento persoal.

Un sistema educativo plenamente inclusivo e de calidade será aquel que garanta a atención de cada alumna e de cada alumno segundo a súa realidade persoal e social, o que significa, entre outros aspectos, que as medidas organizativas, as curriculares e a dotación de recursos se adapten ao que cada alumna e cada alumno necesiten. E para que iso sexa así, a Administración educativa, o profesorado, as familias e o conxunto da sociedade teñen que promover as actuacións que permitan coñecer e comprender como pensa cada unha das alumnas e dos alumnos, como atende, como procesa os estímulos que recibe, como manifesta os seus sentimentos, como interactúa coas demais persoas, cales son os seus intereses, cal é o seu nivel de desenvolvemento, etc. Como se recolle na exposición de motivos da citada Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, a responsabilidade do éxito escolar do alumnado recae no seu esforzo persoal, no das familias, no do profesorado, no dos centros docentes, no das administracións educativas e, en última instancia, na implicación do conxunto da sociedade.

Xa que logo, é necesario un profesorado que pense e viva a escola desde a mente de cada alumna e de cada alumno. Só así se facilitará o desenvolvemento persoal e social do alumnado e se promoverá o seu acceso ao currículo en condicións de igualdade, nunha escola inclusiva, na cal conviven, se desenvolven e enriquecen alumnas e alumnos diferentes, contando cun currículo flexible, sobre todo no ámbito da metodoloxía, que proporciona a todas e a todos espazos de participación, espazos de colaboración.

Pero para que iso sexa así, para unha verdadeira inclusión, necesítase realizar un grande esforzo na cualificación do profesorado, tanto na súa formación inicial como na permanente; necesítase un sistema educativo e unha sociedade que promovan o desenvolvemento de todos os talentos de cada alumna e de cada alumno; cómpre un tecido educativo e social comprometido coa investigación, coa innovación e co aproveitamento tecnolóxico; precísase unha sociedade inclusiva e comprometida coas persoas máis vulnerables.

Nun momento como o que se está a vivir, en que unha pandemia universal fixo retumbar os cimentos de formas centenarias de facer e entender a escola, buscar nos recursos tecnolóxicos outras formas de achegamento ao currículo faise necesario, talvez imprescindible. Hai que ter en conta, ademais, que o alumnado deste primeiro cuarto do século XXI naceu, vive e se desenvolve nun contorno dixital, polo que o sistema educativo, en xeral, e o profesorado, en particular, teñen que se adaptar a ese contorno e teñen que ver nos recursos tecnolóxicos unha oportunidade para a modernización da escola e para, probablemente, un cambio total de paradigma dos procesos de ensino e de aprendizaxe.

Por outra banda, o Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, coa creación dos departamentos de orientación nos centros docentes e os equipos de orientación específicos territoriais, garante que a orientación educativa e profesional forme parte esencial da actividade educativa, establecendo un asesoramento permanente a alumnado, profesorado e familias, e entendendo a orientación como unha actuación profesional destinada a toda a comunidade educativa. Esta orientación, que debe facilitarse desde as primeiras idades do alumnado, ten que contribuír, igualmente, ao desenvolvemento persoal e profesional do profesorado e ao establecemento de redes de colaboración entre este e as familias, e tamén coas entidades sen ánimo de lucro que participan na atención de determinado alumnado, promovendo auténticas comunidades de aprendizaxe.

A experiencia acumulada polos anos de funcionamento dos servizos de orientación educativa e profesional, a existencia de disposicións normativas destinadas ao axuste da atención educativa a determinado alumnado e a necesidade de desenvolver o disposto no citado Decreto 229/2011, do 7 de decembro, aconsellan ditar unha nova disposición que manteña as fortalezas da normativa existente, que se derroga, que adapte ao momento actual os aspectos que o requiran e que articule todo o que se considere necesario para garantir a igualdade e a calidade educativa para a totalidade do alumnado, nun sistema educativo equitativo e accesible para todas e para todos.

De acordo co expresado, entendendo que todas as medidas de atención á diversidade deberán estar presididas polo que represente un maior beneficio para cada alumna e cada alumno, polo seu interese superior, como se establece no artigo 3.1 da Convención sobre os dereitos do neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, esta orde trata de contribuír, en colaboración coas familias e co conxunto da sociedade, a facer efectiva a equidade, a facilitar o éxito escolar da totalidade do alumnado e a promover a formación, a cualificación e a aprendizaxe ao longo da vida. E para iso enténdese necesario facer realidade a prevención, a flexibilidade, a compensación, a coordinación, a colaboración, o control, a comunicación, o seguimento e a avaliación. Pero tamén é preciso entender o currículo nun sentido amplo, véndoo como todo o que un centro docente pon ao dispor do alumnado para que aprenda; non só limitalo aos obxectivos, ás competencias, aos contidos, aos métodos pedagóxicos, aos criterios de avaliación e, de ser o caso, aos resultados de aprendizaxe, sendo iso necesario.

Neste marco educativo, o deseño universal para a aprendizaxe (DUA) ten como finalidade lograr a inclusión efectiva de todo o alumnado, con independencia da súa diversidade; asegura que o currículo sexa planificado e posto en práctica de tal forma que non supoña impedimento nin barreira para as persoas no desenvolvemento das súas competencias.

A competencia que os centros docentes teñen para deseñar e desenvolver un proxecto educativo propio ten que facerse realidade na adaptación desa institución ao seu alumnado e ao seu contorno, na equitativa distribución dos recursos e nun estilo pedagóxico propio, entre outras cousas. E ese estilo pedagóxico debe apoiarse nunha liña metodolóxica que considere:

– A cultura da diversidade.

– A cultura da inclusión.

– A cultura da coordinación.

– A cultura da participación.

– A cultura da colaboración.

– A cultura tecnolóxica.

– A cultura da innovación.

– A cultura da avaliación.

– A cultura da relación co contorno e coas institucións.

– A cultura da recuperación.

A orde estrutúrase en oito capítulos. No capítulo I, de disposicións xerais, destacan os principios de actuación que, no marco dos principios e dos fins da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e dos principios do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, guían as actuacións dos equipos directivos, do profesorado titor, do resto do profesorado e dos servizos de orientación educativa e profesional.

O capítulo II trata sobre a atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, un dos piares do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, e desta propia orde. É un capítulo en que se conceptualiza a diversidade do alumnado con necesidade específica de apoio educativo e se articulan con precisión a avaliación psicopedagóxica e o informe psicopedagóxico, aspectos de suma importancia no axuste da atención educativa para ese tipo de alumnado, pero tamén relevantes no que significa o establecemento dun marco común no desenvolvemento desa avaliación e na súa concreción no informe psicopedagóxico.

No capítulo III trátase a escolarización do alumnado, desde a consideración da súa promoción e a súa permanencia no sistema educativo. É un capítulo en que se abordan tanto as modalidades de escolarización como o procedemento para as escolarizacións nas modalidades distintas da ordinaria.

No capítulo IV, sobre a elaboración e a aplicación de determinadas medidas educativas de atención á diversidade e o propio Plan xeral de atención á diversidade, abórdanse a conceptualización, o deseño e o desenvolvemento da maioría das medidas, tanto ordinarias como extraordinarias, que figuran nos artigos 8 e 9 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro. Neste capítulo ocupa un lugar singular o Plan xeral de atención á diversidade, por ser o documento que pon en valor a autonomía de cada centro docente e o seu compromiso coa atención a cada unha das súas alumnas e a cada un dos seus alumnos, no seu propio contexto e dentro dos principios de calidade, equidade e inclusión.

O capítulo V trata sobre os recursos necesarios para garantir a equidade e a inclusión, considerando tanto os recursos de tipo material como os de tipo profesional. E entre estes, os profesionais, existe unha referencia específica ao persoal auxiliar coidador, ao persoal intérprete de lingua de signos e ás familias. Tamén se desenvolve neste capítulo a singularidade dos centros de educación especial como centros de referencia e apoio, e a organización das ensinanzas impartidas neles.

No capítulo VI abórdanse a participación, a colaboración e a coordinación de todas as persoas que participan na educación das nenas e dos nenos, das alumnas e dos alumnos. Isto porque se entende que no labor educativo, especialmente na súa vertente formativa, teñen que participar, dentro dunha liña de colaboración e en adecuada coordinación, as familias e aquelas administracións, entidades, asociacións e outras organizacións sen ánimo de lucro que, dalgún xeito, participan na promoción do desenvolvemento do alumnado. De modo especial, destaca neste capítulo a necesidade de coordinación entre o profesorado, nunha vertente tanto vertical como horizontal, e a colaboración entre os centros docentes, por seren mecanismos favorecedores da inclusión e da atención á diversidade.

Os capítulos VII e VIII son as auténticas novidades desta norma. O capítulo VII, en que se aborda o desenvolvemento social e emocional do alumnado, xunto coa protección e a promoción do talento, trata de destacar a importancia de considerar o desenvolvemento das alumnas e dos alumnos desde un punto de vista global; de aí que se resalte que, xunto co seu desenvolvemento curricular, hai que atender a todo o que facilita o seu desenvolvemento social e emocional, por seren aspectos que contribúen, de forma moi relevante, na conformación da identidade persoal de cadaquén.

Pola súa parte, o capítulo VIII aborda outro dos aspectos que se entenden necesarios para que as organizacións educativas contribúan ao benestar de todas as persoas que as conforman e, ao mesmo tempo, fagan posible acadar verdadeiros estándares de calidade en todo o que ten que ver cos procesos de ensino e de aprendizaxe: o desenvolvemento persoal e profesional do profesorado, a formación, a innovación e a calidade. Neste capítulo indícanse actuacións que os centros docentes deben deseñar e desenvolver para promoveren o benestar do profesorado e a súa actualización profesional, considerando a formación permanente, a innovación desde a mesma práctica docente e algúns dos factores promotores de calidade.

Establécese unha disposición adicional sobre a protección de datos de carácter persoal, unha disposición derrogatoria que derroga cinco ordes e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde, e unhas disposicións derradeiras que autorizan para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento da orde e establecen a súa entrada en vigor.

En consecuencia, de conformidade con todo o exposto e no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co establecido no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na disposición derradeira primeira do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, co obxecto de actualizar e axustar a regulación da atención á diversidade, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto desenvolver o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, así como nos centros docentes privados en todos os aspectos que non contraveñan o establecido na súa lexislación específica.

Artigo 3. Concepto de atención á diversidade

De conformidade co artigo 3 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, enténdese por atención á diversidade o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e preferencias de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.

Artigo 4. Principios de actuación

Os principios de actuación que contribúen a facer realidade os principios xerais establecidos no artigo 4 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, son os que seguen:

1. Por parte dos equipos directivos dos centros docentes:

a) A consideración da atención á diversidade en toda a estrutura organizativa e curricular do centro, asegurando o seu tratamento no proxecto educativo e nos plans, proxectos ou programas que o conforman. Igualmente, garantirase a promoción dos principios do deseño universal de aprendizaxe na atención educativa desa diversidade.

b) A distribución e a organización equitativa dos recursos, adaptando a estrutura organizativa do centro docente aos principios de flexibilidade e de atención ás necesidades individuais do alumnado.

c) A información precisa a toda a comunidade educativa dos proxectos, plans, programas, medidas, recursos e servizos con que conte o centro docente.

d) A promoción da convivencia, a coordinación, a participación e o traballo en equipo, así como da formación e innovación do profesorado en estratexias de atención á diversidade e na mellora continua da calidade educativa, do éxito escolar do alumnado e do seu desenvolvemento profesional.

e) A realización do seguimento e da avaliación dos proxectos, plans e programas, así como, de ser o caso, das propostas de mellora que correspondan.

2. Por parte do profesorado titor:

a) A organización da avaliación inicial do alumnado e a participación nas propostas que realice a xefatura do departamento de orientación en relación coas medidas e cos recursos necesarios para atender a diversidade do alumnado da súa titoría.

b) A coordinación dos procesos de ensino e de aprendizaxe do alumnado da súa titoría e a promoción da súa participación nas actividades da aula e do centro docente.

c) O intercambio, tanto co resto do equipo docente como coas nais, cos pais ou coas persoas titoras legais, de toda a información que afecte os procesos de ensino e de aprendizaxe.

d) A solicitude da intervención da xefatura do departamento de orientación no caso de alumnado en que se detecten dificultades de aprendizaxe ou situacións que requiran unha valoración especializada, colaborando no proceso de avaliación psicopedagóxica e na aplicación das medidas que se propoñan e dos informes que se requiran.

3. Por parte do profesorado de área, materia, ámbito ou módulo:

a) A colaboración co profesorado titor e coa xefatura do departamento de orientación na planificación e no desenvolvemento de actuacións destinadas ao axuste dos procesos de ensino e de aprendizaxe.

b) A utilización de estratexias metodolóxicas promotoras da inclusión, da solidariedade, do traballo en equipo, do respecto á diferenza e da convivencia de todo o alumnado, e informar o profesorado titor sobre o desenvolvemento persoal, social e educativo do alumnado que atende.

c) A consideración dos principios do deseño universal de aprendizaxe na atención educativa.

d) A participación nas estratexias de coordinación entre o equipo docente, baixo a dirección do profesorado titor.

4. Por parte dos servizos de orientación educativa e profesional:

a) O asesoramento a toda a comunidade educativa sobre as medidas de atención á diversidade, en xeral, e sobre as destinadas ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, en particular.

b) A atención das demandas de intervención, mantendo o rigor e a discrecionalidade debidos.

c) A información a todas as persoas afectadas dos resultados das súas intervencións, así como das accións que, de ser o caso, figuren no informe psicopedagóxico.

d) A promoción da participación das familias no proceso de avaliación psicopedagóxica.

e) A coordinación coas persoas profesionais que participen na atención ao alumnado.

Artigo 5. A calidade como principio

1. Os centros docentes prestarán especial atención á calidade dos procesos. Para tal fin, incluirán indicadores que fagan posible o seguimento, a avaliación e, de ser o caso, a mellora dos servizos educativos que prestan, e utilizarán os recursos tecnolóxicos nas súas actuacións.

2. Para dar cumprimento ao establecido no punto anterior, as direccións dos centros docentes, a través das xefaturas de estudos, promoverán o deseño e o uso de protocolos ou estratexias que aseguren a coordinación e a continuidade dos diferentes procesos.

CAPÍTULO II

Alumnado con necesidade específica de apoio educativo

Sección 1ª. Conceptos

Artigo 6. Alumnado con necesidade específica de apoio educativo

De conformidade co artigo 71.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo as alumnas e os alumnos que requiren unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentaren necesidades educativas especiais, por atraso madurativo, por trastornos do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación, por trastornos de atención ou de aprendizaxe, por descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, por se atoparen en situación de vulnerabilidade socioeducativa, polas súas altas capacidades intelectuais, por se teren incorporado tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

Artigo 7. Alumnado con necesidades educativas especiais

1. De conformidade co artigo 73 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, enténdese por alumnado que presenta necesidades educativas especiais o que afronta barreiras que limiten o seu acceso, a súa presenza, a súa participación ou a súa aprendizaxe, derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conduta, da comunicación e da linguaxe, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, e que require determinados apoios e atencións educativas específicas para a consecución dos obxectivos de aprendizaxe adecuados ao seu desenvolvemento.

2. O sistema educativo disporá dos recursos necesarios para a detección precoz das alumnas e dos alumnos con necesidades educativas especiais, temporais ou permanentes, e para que poidan acadar os obxectivos establecidos con carácter xeral para todo o alumnado. Para tal efecto, as administracións educativas dotarán este alumnado do apoio preciso desde o momento da súa escolarización ou da detección da súa necesidade.

Artigo 8. Alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural

1. Por alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural enténdese aquel que presenta desigualdades derivadas de factores sociais, familiares derivados de violencia de xénero, económicos, culturais, xeográficos, étnicos ou doutra índole.

2. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e os propios centros docentes asegurarán a eliminación das barreiras que poidan limitar o acceso, a presenza, a participación ou a aprendizaxe do alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural, garantindo o acceso a unha educación inclusiva, de calidade e en igualdade de condicións co resto de alumnas e alumnos.

3. En todo caso, calquera iniciativa que se promova evitará a segregación deste alumnado no propio centro docente.

Artigo 9. Alumnado con altas capacidades intelectuais

1. O alumnado con alta capacidade intelectual caracterízase por un potencial elevado nalgunha ou nalgunhas áreas do desempeño humano, en comparación cun grupo de referencia e, considerando as súas posibles manifestacións, diferénciase a precocidade, o talento e a superdotación.

2. Sen prexuízo do anterior e para os efectos desta orde, considérase alumnado con alta capacidade intelectual o que presenta unha capacidade intelectual igual ou superior a 130 de cociente intelectual, un alto nivel de creatividade e persistencia nas tarefas de alta complexidade intelectual ligadas ás súas áreas de interese.

3. É competencia e responsabilidade da xefatura do departamento de orientación, coa colaboración, de ser o caso, dos equipos de orientación específicos, a acreditación da alta capacidade intelectual.

Artigo 10. Alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo

1. Unha alumna ou un alumno presentan necesidade específica de apoio educativo por incorporación tardía ao sistema educativo cando, por procederen doutros países ou por calquera outro motivo xustificado, se escolarizan tardiamente no noso sistema educativo e presentan dificultades para acadaren os obxectivos e as competencias que lles corresponderían pola súa idade. Esas dificultades maniféstanse, especialmente, no descoñecemento dalgunha das linguas oficiais de Galicia e/ou no desfasamento curricular.

2. Os centros docentes garantirán que a escolarización do alumnado que acceda de xeito tardío ao sistema educativo galego se realice atendendo ás súas circunstancias, ás súas competencias, á súa idade e ao seu historial académico, de maneira que se incorpore ao curso máis adecuado ás súas características e ao seu nivel de competencia, cos apoios oportunos, co fin de continuar con aproveitamento a súa educación.

3. Os centros docentes informarán e asesorarán as nais, os pais ou as persoas titoras legais sobre os dereitos, os deberes e as oportunidades que comporta a incorporación ao sistema educativo galego.

Sección 2ª. Prevención como principio

Artigo 11. Actuacións preventivas e de detección temperá

1. Os centros docentes deberán pór en práctica accións e medidas que teñan unha finalidade preventiva. Entre esas medidas debe considerarse a identificación temperá das necesidades educativas do alumnado, coa correspondente valoración, acreditación e resposta educativa.

2. A identificación e a valoración das necesidades educativas dunha alumna ou dun alumno levaranse a cabo á idade máis temperá posible. A resposta educativa que proceda iniciarase desde o momento en que as ditas necesidades sexan detectadas.

3. A detección das necesidades educativas do alumnado e a correspondente intervención realizaranse desde un enfoque multidisciplinar e interinstitucional. Nesa detección e intervención colaborarán, segundo corresponda: o profesorado titor; os equipos docentes; os servizos de orientación; os equipos directivos; as nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado; os servizos sanitarios; os servizos sociais e todas as persoas ou institucións que teñan esas actuacións entre as súas funcións.

4. Os departamentos de orientación dos centros docentes establecerán procedementos e elaborarán protocolos e medidas para a detección temperá das necesidades educativas do alumnado. A xefatura do departamento de orientación, co apoio especializado, de ser o caso, do equipo de orientación específico, informará e asesorará a comunidade educativa sobre os procesos de identificación das necesidades educativas do alumnado, a súa valoración e acreditación e a resposta educativa apropiada.

5. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promoverá o desenvolvemento de accións interdisciplinarias e interinstitucionais, mediante o establecemento dos acordos ou convenios que procedan, coa finalidade de favorecer actuacións preventivas e facilitar a detección das necesidades educativas e a atención temperá do alumnado desde a mesma educación infantil.

Artigo 12. Avaliación inicial

1. A avaliación inicial constitúe un factor preventivo por excelencia na atención á diversidade, especialmente cando se trata de alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Esa avaliación ten como principais finalidades adaptar as ensinanzas á alumna ou ao alumno e facilitar a debida progresión na súa aprendizaxe.

2. Sen prexuízo do establecido na normativa que regula a avaliación das diferentes ensinanzas, considérase fundamental a avaliación inicial de todo o alumnado que se incorpore ás ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil e a cada etapa do ensino obrigatorio. Esa avaliación, realizada polo equipo docente baixo a coordinación do profesorado titor, recollerá información achegada pola nai, polo pai ou polas persoas titoras legais do alumnado e incluirá, de ser o caso, a información procedente do curso ou da etapa anterior. No caso de que a normativa que regula a avaliación das ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil e das etapas de ensino obrigatorio prevexa a realización da avaliación inicial neses mesmos momentos, entenderanse equivalentes esa e a que se establece neste mesmo punto.

3. Os resultados da avaliación inicial servirán como referente para adoptar as decisións de tipo educativo que correspondan e, nos casos en que sexa necesario, para demandar da xefatura do departamento de orientación a realización dunha avaliación psicopedagóxica.

4. O departamento de orientación do centro docente asesorará no proceso da avaliación inicial, así como sobre os materiais ou instrumentos que sexan necesarios para a recollida da información.

5. O profesorado titor, en colaboración coa xefatura do departamento de orientación, informará as nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado sobre os procedementos para levar a cabo a avaliación inicial e, de ser o caso, a identificación temperá das necesidades educativas. Igualmente, achegaralles información sobre os resultados desa avaliación e, cando proceda, sobre a aplicación das medidas de atención á diversidade que se consideren necesarias.

Sección 3ª. Avaliación psicopedagóxica

Artigo 13. Concepto e finalidade

1. Enténdese por avaliación psicopedagóxica, ou psicoeducativa, o proceso sistematizado de recollida, análise e valoración da información relevante do alumnado, do seu contexto escolar, do contorno sociofamiliar e dos elementos que interveñen no proceso de ensino e de aprendizaxe.

2. A finalidade da avaliación psicopedagóxica é a identificación e a acreditación do desenvolvemento persoal e social, das competencias adquiridas e das necesidades educativas que poidan presentar determinadas alumnas ou determinados alumnos, para poder fundamentar e concretar as propostas e as decisións sobre a resposta educativa que cumpra adoptar en relación con aspectos como a modalidade de escolarización máis axeitada, a determinación dos recursos e dos apoios específicos necesarios, a proposta de medidas de atención á diversidade, a orientación educativa e profesional, e calquera outro favorecedor do desenvolvemento harmónico dese alumnado.

3. A avaliación psicopedagóxica terá un carácter global e contextualizado, polo que non só contribuirá a fundamentar a resposta específica ás necesidades educativas de determinadas alumnas ou determinados alumnos, senón tamén a orientar o centro docente na mellora das condicións que permitan responder á diversidade de aptitudes, intereses, expectativas e necesidades de todo o alumnado.

Artigo 14. Competencia e responsabilidade

A avaliación psicopedagóxica do alumnado é competencia e responsabilidade da xefatura do departamento de orientación do centro docente, coa colaboración e o asesoramento, de ser necesario, do equipo de orientación específico correspondente. Nos casos en que proceda, a dita avaliación será realizada directamente polo equipo de orientación específico.

Artigo 15. Situacións en que se require a avaliación psicopedagóxica

1. A avaliación psicopedagóxica do alumnado levarase a cabo cando concorra algunha das seguintes situacións:

a) Existencia dalgún tipo de discapacidade, trastorno ou circunstancia que afecte o seu desenvolvemento xeral, así como a súa aprendizaxe; igualmente, se existen indicios de altas capacidades intelectuais.

b) Os resultados da avaliación inicial deban complementarse con esa avaliación.

c) Prevese a necesidade dalgunha medida extraordinaria de atención á diversidade que require, previamente, esa avaliación.

d) Prevese a necesidade de recursos educativos complementarios ou apoios especializados de difícil xeneralización.

e) Considérase necesario elaborar ou modificar o ditame de escolarización.

2. Tamén se realizará a avaliación psicopedagóxica cando, por circunstancias excepcionais, o demande a Administración educativa.

Artigo 16. Solicitude

1. Con carácter xeral, corresponde ao profesorado titor, cando se cumpra algunha das situacións descritas no punto un do artigo anterior e de acordo co correspondente protocolo de demanda, realizar a solicitude de avaliación psicopedagóxica á xefatura do departamento de orientación.

2. Nos casos de alumnado en proceso de admisión nun centro docente que requira unha avaliación psicopedagóxica, será a dirección do dito centro quen a demande á xefa ou ao xefe do departamento de orientación e, no caso de alumnado matriculado noutro centro, solicitarase a información necesaria á xefatura de departamento de orientación do centro de procedencia.

3. En determinadas circunstancias, a solicitude ou demanda de avaliación psicopedagóxica dunha alumna ou dun alumno poderá proceder da Administración educativa, da propia xefatura do departamento de orientación ou das nais, dos pais ou das persoas titoras legais do alumnado. Esas circunstancias deberán acreditarse no protocolo de demanda e no informe psicopedagóxico correspondente.

4. As nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado deberán ser informadas da realización da avaliación psicopedagóxica, así como da súa finalidade, dos resultados e das posibles orientacións ou propostas de actuación. Destas informacións quedará constancia escrita.

Artigo 17. Contido e características

1. No proceso de avaliación psicopedagóxica obterase información, cando menos, sobre os seguintes aspectos:

a) Alumna ou alumno: datos de identificación, datos físicos e de saúde, desenvolvemento persoal e social, historia escolar, nivel de competencia curricular, grao de adquisición das competencias, potencial de aprendizaxe, intereses e grao de motivación, preferencias de aprendizaxe e necesidades educativas que presenta.

b) Contexto escolar: aspectos do proxecto educativo, da organización do centro docente, da liña metodolóxica e da intervención educativa que inciden no desenvolvemento da alumna ou do alumno; características das relacións que a alumna ou o alumno establecen coas persoas profesionais que os atenden e coas súas compañeiras e cos seus compañeiros, tanto na aula como no ámbito xeral do centro docente.

c) Contexto sociofamiliar: características da familia e do seu contorno social; aspectos que inflúen na situación actual da alumna ou do alumno; expectativas das nais, dos pais ou das persoas titoras legais do alumnado; grao de cooperación co centro docente; posibilidades de colaboración da propia familia; recursos socioculturais do contorno que utilizan a alumna ou o alumno ou aos que podería acceder.

2. A partir desa información, a persoa responsable da avaliación psicopedagóxica deberá concluír se se trata dunha alumna ou dun alumno con necesidade específica de apoio educativo, e especificar o tipo de necesidade específica de apoio educativo que presenta e os demais aspectos que deben formar parte do informe psicopedagóxico.

3. Para realizar a avaliación psicopedagóxica utilizaranse as técnicas e os instrumentos propios da orientación educativa e profesional, tales como a observación en diferentes contextos, a entrevista, os cuestionarios e as probas psicopedagóxicas, así como a análise das producións escolares e do expediente do alumnado.

4. Corresponde ao equipo docente, coordinado polo profesorado titor, achegar á xefatura do departamento de orientación información sobre a competencia adquirida respecto do currículo de referencia, a colaboración da familia, a interacción coas compañeiras e cos compañeiros, a actitude ante as propostas de aprendizaxe, o compromiso coas tarefas encomendadas e as medidas de atención á diversidade adoptadas.

5. A persoa responsable de realizar a avaliación psicopedagóxica do alumnado poderá requirir as achegas doutro persoal que atenda a alumna ou o alumno no propio centro docente, as das nais, pais ou persoas titoras legais e, de ser o caso, as das persoas profesionais que interveñen na súa atención integral.

Artigo 18. Proceso

1. Con carácter xeral, a avaliación psicopedagóxica dunha alumna ou dun alumno escolarizados iniciarase a partir do correspondente protocolo de demanda, que se axustará ao que se establece no artigo 19 desta orde.

2. Na demanda de avaliación deberá acreditarse a información á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais da alumna ou do alumno.

3. A partir da información facilitada no protocolo de demanda, e segundo o establecido nesta orde, a xefatura do departamento de orientación realizará a avaliación psicopedagóxica da alumna ou do alumno e emitirá o correspondente informe psicopedagóxico.

4. A solicitude de intervención das persoas especialistas dos equipos de orientación específicos nun determinado centro docente realizarase ao servizo territorial de Inspección Educativa, a través do correspondente modelo formalizado. Esa solicitude correrá a cargo da xefatura do departamento de orientación, co visto e prace da dirección do centro docente, e xuntaráselle unha copia do informe psicopedagóxico elaborado por esa xefatura.

Artigo 19. Protocolos de demanda

1. A xefatura do departamento de orientación será a responsable de elaborar os protocolos necesarios para a demanda de avaliación psicopedagóxica, que formarán parte do Plan xeral de atención á diversidade, e daranse a coñecer á comunidade educativa.

2. Os equipos de orientación específicos porán ao dispor dos centros docentes un protocolo unificado de demanda para a súa colaboración.

Sección 4ª. Informe psicopedagóxico

Artigo 20. Concepto

1. O informe psicopedagóxico constitúe o documento en que se recollen os resultados e as conclusións da avaliación psicopedagóxica. Nel deberán constar, do xeito máis completo posible, a situación evolutiva e educativa da alumna ou do alumno, a concreción e a valoración do tipo de necesidade específica de apoio educativo que presenta, as orientacións e as propostas organizativas e curriculares, as axudas e os recursos necesarios, o procedemento para a revisión e a actualización do informe, e cantas outras orientacións se consideren oportunas.

2. A elaboración do informe psicopedagóxico compete á xefatura do departamento de orientación do centro docente en que estea matriculado o alumno ou a alumna obxecto da avaliación psicopedagóxica ou, de ser o caso, a do centro para o cal solicita praza.

Artigo 21. Contido

1. O informe psicopedagóxico incluirá a síntese da información obtida da alumna ou do alumno, considerando, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Datos persoais.

b) Datos da demanda e motivo da avaliación.

c) Desenvolvemento xeral da alumna ou do alumno, considerando:

1º. Datos relevantes dos ámbitos físico, cognitivo, emocional e social.

2º. Circunstancias persoais, familiares e de saúde de interese.

3º. Influencia do contorno sociofamiliar no desenvolvemento da alumna ou do alumno.

4º. Historia escolar.

5º. Medidas adoptadas.

6º. Competencia curricular nas distintas áreas ou materias e grao de adquisición das competencias.

7º. Ritmo e preferencia de aprendizaxe.

8º. Potencialidades, motivación, intereses e actividades preferidas.

9º. Aspectos de creatividade e iniciativa persoal.

10º. Adaptación socioafectiva, autoconcepto e autoestima.

11º. Actitude ante o traballo escolar e expectativas académicas e persoais.

d) Aspectos relevantes dos procesos de ensino e de aprendizaxe, tendo en conta:

1º. Actuacións que favorecen ou dificultan o rendemento da alumna ou do alumno.

2º. Características do seu grupo-clase.

3º. Programas do centro docente en que participa.

4º. Organización de espazos e tempos no centro docente e na aula.

5º. Medidas de tipo educativo que se están a desenvolver.

6º. Interaccións da alumna ou do alumno en situacións educativas formais e non formais.

7º. As persoas profesionais implicadas na intervención educativa, recursos e coordinación.

e) Identificación, de ser o caso, da necesidade específica de apoio educativo da alumna ou do alumno.

f) Proposta de recursos e medidas de atención á diversidade.

g) Orientacións para a intervención educativa.

h) Procedemento para o seguimento e/ou revisión do informe.

2. Cando o informe psicopedagóxico forme parte dun ditame de escolarización, deberá incluír a proposta de escolarización que se considere máis adecuada, en función das necesidades educativas que presente a alumna ou o alumno e dos recursos que necesite.

3. Nos casos en que a xefatura do departamento de orientación considere que procede adaptar o currículo de determinada área ou materia, debe manifestalo no correspondente informe psicopedagóxico, sen que iso teña carácter vinculante para o equipo docente.

4. Nos casos en que a xefatura do departamento de orientación considere conveniente unha flexibilización da duración do período de escolarización dunha alumna ou dun alumno, debe manifestalo no correspondente informe psicopedagóxico, sen que iso teña carácter vinculante para a adopción desa medida.

Artigo 22. Revisión

O informe psicopedagóxico resultante dunha avaliación psicopedagóxica ten carácter revisable, polo que se actualizará en calquera momento da escolarización da alumna ou do alumno cando se produzan modificacións significativas da súa situación. En todo caso, a avaliación psicopedagóxica e o correspondente informe psicopedagóxico revisaranse, como mínimo, ao comezo de cada etapa educativa.

Artigo 23. Información

1. A xefatura do departamento de orientación informará o profesorado titor, a alumna ou o alumno, e a súa nai, o seu pai ou as persoas titoras legais dos resultados e das conclusións da avaliación psicopedagóxica realizada, así como da proposta educativa que derive desta.

2. No caso de que as nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado demanden copia do informe psicopedagóxico, deberán solicitalo por escrito á dirección do centro docente. O centro docente facilitaralles copia do informe solicitado; esa entrega consignarase no rexistro oficial de saída do centro e deixarase constancia escrita da recepción por parte da persoa solicitante no expediente da alumna ou do alumno.

Artigo 24. Confidencialidade e arquivamento

1. Os informes psicopedagóxicos teñen carácter confidencial, polo que levarán esa indicación en todas as páxinas. Arquivarase o orixinal ou unha copia auténtica no expediente escolar da alumna ou do alumno.

2. As persoas que, por razón do seu cargo ou función, teñan coñecemento do contido do informe psicopedagóxico están obrigadas a gardar o correspondente sixilo, conforme o establecido na letra ñ) do artigo 74 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, así como no disposto no artigo 5 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

CAPÍTULO III

Escolarización e a súa promoción

Artigo 25. Principios xerais

1. De conformidade co artigo 15 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, a escolarización do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, de educación, atenderá á liberdade de elección de centro, aos principios de normalización e inclusión, ás circunstancias persoais de cada alumna e alumno, aos recursos existentes, aos informes e ditames dos servizos de orientación e á flexibilidade e reversibilidade, na procura dun ensino de calidade e do desenvolvemento persoal e social do alumnado. De acordo cos ditos principios, priorizarase a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais nos centros ordinarios fronte ás unidades ou aos centros de educación especial.

2. Os centros docentes ordinarios constitúen o referente básico para os efectos da escolarización, polo que se garantirá a accesibilidade de todo o alumnado escolarizado neles.

3. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade garantirá a permanencia do alumnado no sistema educativo nas etapas de ensino obrigatorio e promoverá a súa escolarización nas etapas non obrigatorias.

4. Na promoción da permanencia do alumnado no sistema educativo poderán colaborar outras administracións ou entidades públicas ou privadas que teñan entre as súas competencias ou finalidades atender ou colaborar na formación das persoas ou loitar contra o absentismo, o abandono escolar temperán e a desescolarización. De ser o caso, esa colaboración deberá concretarse nos correspondentes convenios ou acordos entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e cada unha das entidades ou administracións.

Sección 1ª. Modalidades de escolarización

Artigo 26. Modalidades de escolarización

Entre as modalidades de escolarización considéranse a escolarización en centros docentes ordinarios, a escolarización en centros docentes ordinarios de escolarización preferente, a escolarización en unidades de educación especial nos centros docentes ordinarios, a escolarización en centros de educación especial e a escolarización combinada entre un centro docente ordinario e unha unidade de educación especial ou un centro de educación especial.

Artigo 27. Escolarización en centros docentes ordinarios

1. A escolarización do alumnado nos centros docentes ordinarios sostidos con fondos públicos realizarase segundo se dispón na normativa específica que regula a admisión do alumnado nos ditos centros. Para garantir a equidade e a inclusión, eses centros reservarán o número de prazas que se dispoña nesa normativa para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

2. Os centros docentes ordinarios porán ao dispor do alumnado as medidas ordinarias e extraordinarias de atención á diversidade que cumpran, contando cos recursos profesionais e materiais adecuados para prestar unha atención educativa de calidade, inclusiva e para a diversidade.

Artigo 28. Escolarización en centros docentes ordinarios de escolarización preferente

1. Considéranse centros docentes ordinarios de escolarización preferente aqueles centros que, ademais da atención educativa ordinaria, se habilitan para atender alumnado con necesidades educativas especiais que, polas súas singulares características, precise recursos humanos ou materiais específicos e de difícil xeneralización na totalidade dos centros docentes ordinarios sostidos con fondos públicos.

2. A escolarización do alumnado en centros docentes ordinarios de escolarización preferente realizarase segundo o establecido con carácter xeral para a totalidade do alumnado, agás cando se trate de alumnado con necesidades educativas especiais para o cal, segundo o ditame de escolarización dos servizos de orientación, se recomenda a súa escolarización neses centros. Neste caso, a escolarización realizarase mediante resolución da xefatura territorial que corresponda, segundo o procedemento establecido no artigo 32 desta orde.

3. O alumnado que, polas súas necesidades educativas especiais, deba ser escolarizado nun centro docente ordinario de escolarización preferente terá como referente o currículo do ciclo ou do nivel que curse e contará cos recursos e coas medidas educativas ordinarias ou extraordinarias que precise, as cales se reflectirán no informe psicopedagóxico e no ditame de escolarización.

4. A habilitación dun centro docente ordinario como centro de escolarización preferente farase mediante resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, por proposta da xefatura territorial correspondente, considerando os ditames de escolarización dos servizos de orientación e o informe do servizo territorial de Inspección Educativa. Nesa resolución especificaranse as necesidades educativas especiais para as cales se habilita.

Artigo 29. Escolarización en unidades de educación especial nos centros docentes ordinarios

1. Enténdese por unidades de educación especial as unidades creadas ou autorizadas en centros docentes ordinarios para atender, exclusivamente, alumnado con necesidades educativas especiais cando, no ditame de escolarización, se considere a medida máis adecuada, dada a necesidade de recursos específicos ou excepcionais que precise.

2. As unidades de educación especial nos centros docentes ordinarios teñen como finalidade facilitar a participación do alumnado con necesidades educativas especiais na vida do seu propio centro docente, posibilitándolle compartir actividades e espazos que favorecen a súa inclusión. Os proxectos educativos dos centros ordinarios que conten con unidades de educación especial incluirán os aspectos singulares da organización e do funcionamento desas unidades.

3. O alumnado con necesidades educativas especiais pode escolarizarse nunha unidade de educación especial a tempo completo ou de forma combinada entre esa unidade e a súa aula ordinaria. Esta escolarización realizarase mediante o procedemento que se regula no artigo 32 desta orde. En todo caso, a escolarización nas unidades de educación especial será obxecto de revisión periódica por parte da xefatura do departamento de orientación. Esta revisión será trimestral en educación infantil e, cando menos, anual nas demais ensinanzas.

4. A escolarización do alumnado a tempo completo nunha unidade de educación especial poderá prolongarse, de conformidade co artigo 19 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria obrigatoria, respectando o límite de 15 anos nas unidades de educación primaria e de 21 anos nos de educación secundaria obrigatoria, feitos, en ambos os casos, no ano natural en que remata o curso escolar.

5. Con carácter xeral, as unidades de educación especial contarán cun máximo de cinco alumnas ou alumnos con presenza simultánea na aula, e poderán incluír alumnado de calquera das ensinanzas que se imparten no centro, preferentemente da mesma etapa educativa. Calquera incremento excepcional na cantidade de alumnado con presenza simultánea nesa unidade deberá contar coa autorización da xefatura territorial que corresponda, logo dun informe do servizo de orientación e do servizo territorial de Inspección Educativa.

6. A creación ou a autorización de unidades de educación especial en centros docentes ordinarios farase mediante resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, por proposta da xefatura territorial correspondente

Artigo 30. Escolarización en centros de educación especial

1. Por centro de educación especial, de conformidade co artigo 20 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, enténdese aquel onde se escolariza, exclusivamente, alumnado con necesidades educativas especiais que require modificacións significativas do currículo en parte ou en todas as áreas ou materias, e que precisa a utilización de recursos moi específicos ou excepcionais, necesidades que non poden ser atendidas e recursos que non se poden facilitar dentro das medidas de atención á diversidade dos centros docentes ordinarios.

2. O alumnado con necesidades educativas especiais pode escolarizarse nun centro de educación especial a tempo completo ou de xeito combinado entre ese centro e o seu centro ordinario. Esta escolarización realizarase mediante o procedemento que se regula no artigo 32 desta orde. En todo caso, esta escolarización será obxecto de revisión periódica por parte da xefatura do departamento de orientación e será trimestral en educación infantil e, cando menos, anual nas demais ensinanzas. Dadas as especiais características do alumnado en idades temperás, a escolarización na etapa de educación infantil nun centro de educación especial será excepcional e a súa necesidade deberá estar adecuadamente xustificada.

3. A escolarización do alumnado a tempo completo nun centro de educación especial poderá prolongarse, de conformidade co artigo 20 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria obrigatoria, respectando o límite de 21 anos de idade para a permanencia do alumnado nos centros de educación especial, feitos no ano natural en que finaliza o curso escolar.

Artigo 31. Escolarización combinada entre un centro docente ordinario e unha unidade de educación especial ou un centro de educación especial

1. A escolarización combinada entre un centro docente ordinario e unha unidade de educación especial ou un centro de educación especial ten como finalidade atender as necesidades educativas de determinado alumnado con necesidades educativas especiais e, ao mesmo tempo, manter o vínculo coa súa aula, onde debe desenvolver o currículo de determinadas áreas ou materias e compartir coas compañeiras e cos compañeiros do grupo o maior número de experiencias.

2. A distribución dos tempos dunha escolarización combinada determinarase na resolución que autoriza esa modalidade de escolarización, segundo se dispón no artigo 32 desta orde.

3. No caso de alumnado que combina a súa escolarización entre un centro docente ordinario e unha unidade de educación especial, ou entre un centro docente ordinario e un centro de educación especial, o profesorado que lle imparta docencia coordinarase nos procesos de planificación da atención educativa e da avaliación dese alumnado. A promoción e a organización desa coordinación correspóndelle á xefatura do departamento de orientación do centro ou dos centros implicados.

Artigo 32. Procedemento para a escolarización nos centros docentes ordinarios de escolarización preferente, nas unidades de educación especial e nos centros de educación especial

1. Para a escolarización dunha alumna ou dun alumno con necesidades educativas especiais nun centro docente ordinario de escolarización preferente, nunha unidade de educación especial ou nun centro de educación especial serán necesarios:

a) O ditame de escolarización, realizado polos servizos de orientación.

b) O informe do servizo territorial de Inspección Educativa.

c) A autorización da xefatura territorial que corresponda ou, de ser o caso, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional. Cando se trate de escolarizacións combinadas, a autorización especificará os tempos que a alumna ou o alumno estarán en cada centro e/ou unidade.

2. Todo o alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros docentes ordinarios de escolarización preferente, en unidades de educación especial ou en centros de educación especial estará matriculado na etapa e no curso que lle correspondan, en función da súa idade e, de ser o caso, das repeticións de curso e/ou da aplicación das medidas extraordinarias de flexibilización previstas no capítulo IV desta orde.

3. A escolarización do alumnado para o cal se necesitou un ditame de escolarización estará suxeita a un proceso de seguimento periódico, por parte da xefatura do departamento de orientación do centro docente, polo que se revisará nos prazos que se establezan no propio ditame. En todo caso, a revisión da escolarización do alumnado nunha modalidade diferente da ordinaria levarase a cabo, cando menos, ao remate de cada curso académico, agás, de ser o caso, en educación infantil, en que a revisión se realizará ao remate de cada trimestre do curso escolar.

4. A resolución do cambio de modalidade de escolarización e o ditame de escolarización formarán parte do expediente escolar da alumna ou do alumno e terán carácter confidencial.

Sección 2ª. Atención educativa nas unidades de educación especial
e nos centros de educación especial

Artigo 33. Atención educativa nas unidades de educación especial e nos centros de educación especial

1. As ensinanzas en unidades de educación especial ou en centros de educación especial terán como referente, con carácter xeral, o currículo da ensinanza en que estea matriculado o alumno ou a alumna.

2. O alumnado con necesidades educativas especiais que se escolarice, a tempo completo, en unidades de educación especial ou en centros de educación especial poderá compartir tempos e espazos con alumnado de diferentes cursos, preferentemente dentro da mesma etapa. O profesorado titor desas unidades será asignado pola dirección do centro docente de entre o profesorado que imparta docencia na unidade.

3. A avaliación do alumnado escolarizado a tempo completo en unidades de educación especial ou en centros de educación especial corresponderalle ao profesorado encargado da súa docencia. No caso de que esa escolarización sexa combinada, a avaliación corresponderalle ao profesorado do centro docente a que, desde o punto de vista académico e administrativo, pertenza a alumna ou o alumno, tendo en consideración a información facilitada polo equipo docente da unidade con que combina a súa escolarización.

Sección 3ª. Ditame de escolarización

Artigo 34. Concepto de ditame de escolarización

O ditame de escolarización consiste nun informe persoal dunha alumna ou dun alumno con necesidade específica de apoio educativo, elaborado polos servizos de orientación e no cal se recollen, cando menos, as conclusións da avaliación psicopedagóxica, as orientacións sobre a proposta curricular, a previsión dos recursos e apoios persoais e materiais necesarios, a proposta de escolarización e a opinión das nais, dos pais ou das persoas titoras legais respecto desa proposta.

Artigo 35. Situacións en que se require un ditame de escolarización

1. De conformidade co artigo 36 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, o ditame de escolarización para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo realizarase, no caso de que se consideren necesarios recursos extraordinarios de atención educativa ou ben unha modalidade de escolarización distinta da ordinaria, nas seguintes situacións:

a) Alumnado que se incorpora por primeira vez ao sistema educativo.

b) Alumnado que comeza un novo tipo de ensinanzas.

c) Alumnado para o cal se propón un cambio na súa modalidade de escolarización.

d) Alumnado que presente outras situacións de carácter excepcional que a Administración educativa considere.

2. En todo caso, cumprirá un ditame de escolarización nos casos de alumnado con necesidades educativas especiais para o cal se propoña escolarización en centros docentes ordinarios de escolarización preferente, en unidades de educación especial ou en centros de educación especial.

3. No caso de que unha alumna ou un alumno escolarizados nalgún dos centros indicados no punto anterior cambien de centro docente, revisarase o último ditame de escolarización emitido e non será necesario elaborar un novo ditame, agás que existan circunstancias que así o requiran ou que o dito traslado de centro supoña, tamén, un cambio na modalidade de escolarización. A revisión e, de ser o caso, a elaboración dun novo ditame correspóndenlle á xefatura do departamento de orientación do centro docente que reciba a solicitude de escolarización, que lle requirirá ao centro docente de procedencia, a través das respectivas direccións, a información que proceda.

4. No caso do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en modalidade de escolarización combinada, a proposta de cambios na distribución horaria ou de tempos en cada un dos centros docentes non requirirá a elaboración dun novo ditame de escolarización. Para a realización deses cambios, a xefatura do departamento de orientación do centro docente a que pertenza a alumna ou o alumno, para os efectos académicos e administrativos, elaborará un informe en que, logo dun acordo dos centros docentes implicados, se recollerá a xustificación do cambio proposto, así como a opinión escrita das nais, dos pais ou das persoas titoras legais do alumnado sobre esa proposta, que se enviará á xefatura territorial correspondente para a súa autorización, se procede, logo do informe do servizo territorial de Inspección Educativa. Seguirase o mesmo procedemento, coas particularidades pertinentes, cando a escolarización combinada se estivese a aplicar entre unha unidade de educación especial e unha aula ordinaria dese mesmo centro.

Artigo 36. Procedemento para a elaboración do ditame de escolarización

Na elaboración dun ditame de escolarización seguirase este procedemento:

1. Realización da avaliación psicopedagóxica da alumna ou do alumno, segundo se dispón na sección terceira do capítulo II desta orde.

2. Elaboración do ditame de escolarización, por parte dos servizos de orientación, que incluirá:

a) Datos persoais da alumna ou do alumno e motivo do ditame.

b) Conclusións do proceso de avaliación psicopedagóxica referidas a:

1º. Desenvolvemento xeral da alumna ou do alumno.

2º. Nivel de competencia curricular e/ou competencias adquiridas.

3º. Outras condicións significativas para os procesos de ensino e de aprendizaxe.

3. Orientacións sobre a resposta educativa, considerando:

a) Necesidades da alumna ou do alumno.

b) Proposta curricular, aspectos organizativos e metodolóxicos.

c) Tipo de apoio material e profesional necesario, especificando se o centro docente xa dispón deses recursos.

4. Proposta razoada da escolarización que se propón, en función das necesidades da alumna ou do alumno, e das características e as posibilidades dos centros docentes. Nesa proposta incluirase, no caso de modalidade combinada, a previsión de tempo de permanencia na aula ordinaria e na unidade de educación especial ou, de ser o caso, no centro de educación especial. Ademais, de ser o caso, establecerase o prazo de revisión da proposta de escolarización.

5. Acreditación, por escrito, da opinión da nai, do pai ou das persoas titoras legais da alumna ou do alumno sobre a proposta de escolarización realizada.

6. O ditame de escolarización formará parte do expediente escolar da alumna ou do alumno e terá carácter confidencial.

Sección 4ª. Promoción da escolarización e da formación

Artigo 37. Promoción da escolarización e o seu control

A educación é un dereito e unha obriga: dereito, en canto que afecta o ensino obrigatorio das persoas; obriga, en canto que os poderes públicos deben promovela ao longo da vida das persoas e estas deben aproveitala para o seu desenvolvemento persoal e social. En consecuencia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no que atinxe á escolarización das persoas, terá como prioridades:

a) Asegurar a permanencia do alumnado no sistema educativo durante, cando menos, as etapas obrigatorias.

b) Promover o deseño e a aplicación de programas específicos de atención á diversidade para o alumnado que presente dificultades de inserción e/ou de adaptación, garantindo a súa inclusión no centro docente e unha atención educativa axustada ás súas necesidades e aos seus intereses.

c) Adoptar as medidas necesarias para garantir a atención educativa do alumnado que, polas súas condicións persoais ou de historia escolar, presente dificultades para unha asistencia regular a un centro docente. Entre ese alumnado considérase, cando menos, o que figura na sección 2ª do capítulo IV desta orde.

d) Fomentar a permanencia do alumnado nas ensinanzas postobrigatorias, tratando de evitar o abandono escolar, mediante unha axeitada oferta formativa e de programas para a transición á vida adulta e laboral, así como mediante medidas relativas á conciliación da vida escolar, laboral e familiar.

Artigo 38. Mecanismos de prevención, seguimento e control

1. A promoción da permanencia do alumnado no sistema educativo require accións favorecedoras desa permanencia e mecanismos para verificar o seu seguimento e o seu control. En consecuencia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade establecerá procedementos de coordinación entre as institucións educativas e os poderes públicos con competencias na prevención, na detección e na intervención ante as situacións de absentismo, de desescolarización e de abandono escolar temperán. Entre eses procedementos considéranse o Protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia e cantos outros se elaboren con esa finalidade, especialmente os xerados ou os que se xeren con motivo de situacións de emerxencias sanitarias.

2. Os centros docentes, dentro da súa autonomía e baixo a supervisión do servizo territorial de Inspección Educativa, adaptarán o desenvolvemento deses protocolos nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia. En todo caso, de conformidade co artigo 23.3 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, establecerán os procedementos para a aplicación dos citados protocolos e recollerán, como mínimo, as seguintes actuacións ante situacións de desescolarización, absentismo e/ou abandono escolar temperán:

a) Control e rexistro das incidencias na asistencia do alumnado aos centros docentes.

b) Información ás nais, aos pais ou aos titores e ás titoras legais do alumnado, e intervención ante a detección de casos.

c) Se procede, traslado da información, por parte da dirección do centro, ao servizo da Administración local e ao servizo territorial de Inspección Educativa correspondentes.

Artigo 39. Plan autonómico de promoción da escolarización e da formación

1. De conformidade co artigo 24 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsará a posta en marcha do Plan autonómico de promoción da escolarización e prevención do absentismo e o abandono escolar temperán, no cal se integren actuacións dos servizos educativos, sociais, de saúde, de emprego e, en xeral, de cantas administracións promovan e desenvolvan actuacións destinadas á redución do absentismo e do abandono escolar do alumnado.

2. O Plan autonómico de promoción da escolarización e da formación considerará, como mínimo, as seguintes liñas de actuación:

a) Prevención, para o cal se deseñarán e se desenvolverán medidas e actuacións dirixidas a evitar a aparición do absentismo e do abandono escolar temperán.

b) Intervención, control e seguimento, mediante o establecemento de procedementos e protocolos comúns de actuación para o control e o seguimento do absentismo e do abandono escolar temperán en toda a Comunidade Autónoma.

c) Coordinación e formación, para que as administracións con competencias nese ámbito coordinen os seus esforzos. Para tal fin, poderán constituírse as comisións que se consideren necesarias, nas cales se procurará acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

d) Análise e avaliación, a partir do deseño de indicadores e instrumentos que informen das medidas planificadas, do seu desenvolvemento e dos resultados acadados. A información obtida conformará un informe anual sobre o estado do absentismo e do abandono escolar temperán en Galicia.

3. Para cada unha das liñas de actuación indicadas no punto anterior, as administracións ou os organismos implicados establecerán obxectivos, actuacións, procedementos e estruturas responsables, procurando, sempre que sexa posible, a realización de actuacións conxuntas por parte dos distintos axentes educativos e sociais.

Artigo 40. Coordinación na transición entre etapas, ensinanzas e/ou centros docentes

Os procesos de coordinación, cando o alumnado deba cambiar de centro docente, de ensinanzas e mesmo de etapa educativa, son factores que contribúen á equidade e á calidade educativa, por incidir na prevención das dificultades na aprendizaxe e no pronto axuste da intervención docente, e por ofrecer, tanto ao alumnado como ás familias, información sobre as novas ensinanzas, sobre os servizos con que conta o centro e sobre a estrutura organizativa, aspectos todos que xeran tranquilidade e seguridade nas persoas afectadas pola transición e/ou polo cambio. En consecuencia, para garantir unha transición harmónica entre etapas, ensinanzas e/ou centros docentes, deberanse planificar e desenvolver as seguintes actuacións:

a) Por parte do centro docente de procedencia do alumnado:

1º. Ofrecer información ao alumnado e ás súas nais, aos seus pais ou ás persoas titoras legais sobre os aspectos xerais da nova etapa, das ensinanzas e, de ser o caso, do centro docente. Esta información debe trasladala o profesorado titor, co asesoramento da xefatura do departamento de orientación.

2º. Trasladar aos centros de destino non só a información que prescribe a normativa que regula a avaliación nas distintas ensinanzas, senón tamén información cualitativa, de ser o caso, sobre as necesidades específicas de apoio educativo de determinado alumnado, sobre as medidas educativas que se lle prestaron e sobre os recursos que necesitou.

3º. Os centros docentes establecerán, nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia, a información cualitativa que debe trasladarse, as persoas responsables de elaborala e a forma de lle dar traslado ao centro docente de destino en que o alumnado vaia continuar a súa formación.

b) Por parte dos centros docentes de destino do alumnado:

1º. Realizar sesións informativas previas aos procesos de admisión do alumnado, tanto para este como para as súas nais, os seus pais ou as persoas titoras legais. Esta información deberá facilitala o equipo directivo, co asesoramento, de ser o caso, da xefatura do departamento de orientación.

2º. Planificar sesións de acollemento para os primeiros momentos en que as alumnas e os alumnos se incorporen a novas etapas, ensinanzas e/ou centros docentes.

3º. Os centros docentes establecerán, nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia, a planificación das sesións informativas e de acollemento.

CAPÍTULO IV

Identificación e procedemento de elaboración e aplicación de determinadas medidas educativas de atención á diversidade. O Plan xeral de atención á diversidade

Artigo 41. Concepto de medidas de atención á diversidade

De conformidade co artigo 7 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, son medidas de atención á diversidade as actuacións, estratexias e/ou programas destinados a proporcionar unha resposta axustada ás necesidades educativas do alumnado. Estas medidas clasifícanse en ordinarias e extraordinarias e estarán recollidas no Plan xeral de atención á diversidade e nas concrecións anuais do dito plan.

Sección 1ª. Medidas ordinarias

Artigo 42. Concepto

De conformidade co artigo 8 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, considéranse medidas ordinarias de atención á diversidade todas as que faciliten a adecuación do currículo prescritivo, sen alteración significativa dos seus obxectivos, dos contidos nin dos criterios de avaliación, ao contexto sociocultural dos centros docentes e ás características do alumnado.

Artigo 43. Adecuación da estrutura organizativa do centro, e da organización e a xestión da aula ás características do alumnado

1. Coa finalidade de adecuar a estrutura organizativa á diversidade do alumnado, cunha visión inclusiva, de equidade, de heteroxeneidade e de optimización dos recursos, os centros docentes deberán establecer criterios para:

a) A elaboración dos horarios do alumnado.

b) A asignación de titorías.

c) O agrupamento do alumnado.

d) A distribución das aulas, das unidades e/ou dos espazos.

2. Na organización e na xestión das aulas procurarase a participación de todo o alumnado, o acceso aos recursos, a flexibilidade nos agrupamentos e todo o que favoreza a interacción, a convivencia e a aprendizaxe compartida.

Artigo 44. Adecuación das programacións didácticas ao alumnado e ás circunstancias do seu contorno

1. As programacións didácticas deberán estar guiadas polo estilo pedagóxico do centro docente, articulado no seu proxecto educativo. Ese estilo pedagóxico estará definido, cando menos, pola liña metodolóxica e as culturas da inclusión, da diversidade, da coordinación, da participación, da colaboración, da tecnoloxía, da innovación, da avaliación, da recuperación e da relación co contorno e coas diferentes institucións.

2. O profesorado desenvolverá as programacións didácticas considerando o estilo pedagóxico indicado no punto anterior, o nivel de competencia curricular de cada alumna e/ou alumno e as axudas que precise, e tendo en conta os principios do deseño universal de aprendizaxe, facilitando espazos de participación para todas as alumnas e todos os alumnos.

Artigo 45. Metodoloxías baseadas no traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, titoría entre iguais, aprendizaxe por proxectos e outras que promovan a inclusión

1. As liñas metodolóxicas definidas no proxecto educativo, que guiarán a elaboración das programacións didácticas, deben ser o garante da inclusión e dos axustes necesarios á realidade de cada alumna e alumno.

2. Na planificación docente, no marco dos principios do deseño universal de aprendizaxe, poderán utilizarse distintas estratexias de traballo colaborativo, tales como os grupos heteroxéneos, a aprendizaxe por proxectos, a aprendizaxe servizo e a titoría entre iguais, entre outras. En todo caso, o profesorado empregará as alternativas metodolóxicas que mellor se adapten á construción que cada alumna e cada alumno deben facer da súa propia aprendizaxe, segundo as áreas, as materias, os ámbitos e/ou os módulos, os espazos e os tempos.

Artigo 46. Adaptación dos tempos, dos instrumentos e dos procedementos de avaliación

1. O profesorado adaptará os tempos, os instrumentos e os procedementos de avaliación da área, da materia, do ámbito ou do módulo que imparta ás circunstancias do seu alumnado. Esta adaptación terá unha consideración especial no caso do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

2. Na adaptación dos tempos, dos instrumentos e dos procedementos de avaliación poderanse considerar a forma de comunicación que o alumnado necesite, a secuenciación das tarefas, a verificación da comprensión das tarefas, a dispoñibilidade dos recursos tecnolóxicos e a concesión do tempo necesario. Igualmente, o profesorado informará cada alumna e alumno sobre o seu desempeño nas tarefas de avaliación, para aproveitar o potencial de aprendizaxe que ten comparar o producido polo alumnado co agardado ou demandado polo profesorado.

3. Prestarase atención ás propostas que, en relación coa avaliación, figuran nos plans, nos proxectos, nos programas, nas guías e nos protocolos elaborados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Artigo 47. Aulas de atención educativa e convivencia

1. As aulas de atención educativa e convivencia son aquelas nas cales se atende, temporalmente, o alumnado que, pola súa conduta inadecuada, impida o normal desenvolvemento do traballo dunha sesión lectiva do seu grupo-clase.

2. Non se enviará ningunha alumna nin ningún alumno a unha aula de atención educativa e convivencia sen tarefas para realizar durante a súa permanencia nela, que non excederá o tempo que dure a sesión lectiva en que se producise a conduta inadecuada. Correspóndelle ao profesorado que remita alumnado a esa aula proporcionar as tarefas que cada alumna ou cada alumno deban realizar, así como corrixilas e avalialas.

3. O alumnado derivado á aula de atención educativa e convivencia deberá desenvolver o programa de habilidades e competencias sociais que se regula no artigo 53 desta orde.

4. As nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado remitido a esta aula serán informadas, segundo o procedemento establecido no centro, en desenvolvemento da súa autonomía, cada vez que asistan á referida aula, e indicaráselles o motivo desa remisión.

5. A xefatura de estudos levará un rexistro do alumnado derivado, o profesorado que o deriva e os motivos.

6. De ser o caso, esta aula poderá empregarse cos mesmos fins que a aula de convivencia inclusiva a que se refire o artigo 25 do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar.

Artigo 48. Reforzo educativo e apoio do profesorado con dispoñibilidade horaria

1. O reforzo educativo é unha medida de atención á diversidade que afecta a secuencia de contidos, as formas e os instrumentos de avaliación, a organización da aula, o agrupamento do alumnado e todo o incluído dentro do ámbito da metodoloxía. Está destinado ao alumnado que coa modificación dos elementos citados pode seguir o proceso ordinario de ensino e de aprendizaxe.

2. As medidas de reforzo educativo debe elaboralas a profesora ou o profesor que impartan a área, a materia, o ámbito ou o módulo en que a alumna ou o alumno necesiten esa medida, co coñecemento do profesorado titor, e este deberá informar a xefatura de estudos e a nai, o pai ou as persoas titoras legais do alumnado.

3. O desenvolvemento das medidas de reforzo educativo levarase a cabo no contexto escolar ordinario e polo profesorado que imparta a área, a materia, o ámbito ou o módulo. En determinados casos, o reforzo educativo do profesorado que imparta a área, a materia, o ámbito ou o módulo pode contar coa colaboración de profesorado con dispoñibilidade horaria, que actúa como un apoio xeral ao conxunto da aula.

4. Con carácter xeral, as medidas de reforzo educativo reflectiranse nos documentos oficiais de avaliación do alumnado. Ao final de cada curso, o profesorado, coordinado pola persoa titora, elaborará un informe individual dos reforzos educativos levados a cabo, segundo o modelo deseñado polo departamento de orientación do centro docente, que será arquivado segundo o procedemento establecido polo centro. No anexo I, a modo orientativo, figura un modelo dese informe.

Artigo 49. Programas de enriquecemento curricular

1. Os programas de enriquecemento curricular son programas de tratamento personalizado destinados ao alumnado que presenta altas capacidades intelectuais. A finalidade destes programas é promover e desenvolver os distintos talentos, dando resposta ás inquedanzas, ás potencialidades e ao interese por aprender que manifeste o dito alumnado, e manter o seu nivel de motivación.

2. O alumnado con altas capacidades intelectuais, a que se refire o artigo 9 desta orde, que curse ensinanzas de réxime xeral, pode ser destinatario deses programas.

3. As persoas especialistas en altas capacidades intelectuais dos equipos de orientación específicos, no contexto da súa función de asesoramento, darán a coñecer aos departamentos de orientación pautas sobre programas de enriquecemento curricular para o alumnado con altas capacidades intelectuais. Será o equipo docente dese alumnado quen os desenvolva, co asesoramento da xefatura do departamento de orientación.

4. Os programas de enriquecemento curricular deberán desenvolverse na aula ordinaria e terán como referente o currículo do curso en que estea escolarizado o alumnado con altas capacidades intelectuais. É competencia e responsabilidade do profesorado da área, da materia, do ámbito ou do módulo a oferta de actividades e a organización da aula para que a diversidade do alumnado se beneficie desa medida.

5. Con carácter xeral, a participación nun programa de enriquecemento curricular reflectirase nos documentos oficiais de avaliación do alumnado.

Artigo 50. Plan específico de reforzo para o alumnado de educación primaria que permaneza un ano máis no mesmo curso

1. Cando unha alumna ou un alumno de educación primaria permaneza un ano máis no mesmo curso, debe seguir un plan específico de reforzo, que ten como finalidade atender e superar as dificultades que levaron a esa repetición. Este plan será elaborado polo equipo docente, baixo a coordinación do profesorado titor, e desenvolverase ao longo de todo o curso.

2. O plan específico de reforzo debe incluír, cando menos:

a) Identificación da alumna ou do alumno.

b) Relación das necesidades educativas que motivaron a repetición do curso.

c) Medidas ordinarias aplicadas no curso anterior.

d) Estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento.

e) Recursos necesarios para o desenvolvemento do plan.

f) De ser o caso, oferta de medidas extraordinarias.

g) Acreditación da información á familia.

3. En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan específico de reforzo e, de ser necesario, realizaránselle os axustes que procedan. Ao final do curso, na mesma sesión de avaliación, informarase sobre o seu desenvolvemento e o seu aproveitamento.

Artigo 51. Plan de reforzo para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que pase de curso con materias sen superar

1. O alumnado de educación secundaria obrigatoria que se promova de curso con materias sen superar deberá seguir un plan de reforzo en cada unha desas materias, destinado á súa recuperación e á súa superación.

2. O plan de reforzo será elaborado polo profesorado que imparte a materia que a alumna ou o alumno teñan pendente de superar, baixo as directrices do correspondente departamento didáctico e co coñecemento do profesorado titor, e terá como referentes os obxectivos da materia e a contribución á adquisición das competencias. Igualmente, será un plan que se adapte ás particularidades de cada alumna ou alumno destinatarios. O departamento didáctico velará pola realización do plan por parte da alumna ou do alumno.

3. O plan de reforzo debe incluír, cando menos:

a) Identificación da alumna ou do alumno.

b) Información relevante sobre a materia ou as materias sen superar.

c) Currículo para desenvolver, con especificación dos criterios de avaliación.

d) Estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento.

e) Recursos necesarios para o seu desenvolvemento.

f) Tarefas para realizar, coa debida temporización.

g) Seguimento e avaliación.

h) Acreditación da información á familia.

4. En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan de reforzo e, de ser necesario, realizaránselle os axustes que procedan. Na sesión de avaliación final do curso en que estean escolarizados o alumno ou a alumna, a profesora ou o profesor da materia pendente decidirán sobre a súa avaliación, nos termos que se establecen na normativa que regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria. En todo caso, para superar a materia pendente, a alumna ou o alumno deberán obter avaliación positiva no plan de reforzo correspondente, o que se terá en conta para os efectos de promoción e/ou titulación.

Artigo 52. Plan específico personalizado para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que permaneza un ano máis no mesmo curso

1. Cando unha alumna ou un alumno de educación secundaria obrigatoria permaneza un ano máis no mesmo curso debe seguir un plan específico personalizado, que ten como finalidade adaptar as condicións curriculares ás necesidades da alumna ou do alumno, para tratar de superar as dificultades detectadas. Este plan elaborarao o equipo docente, baixo a coordinación do profesorado titor, e desenvolverase ao longo de todo o curso.

2. O plan específico personalizado debe incluír, cando menos:

a) Identificación da alumna ou do alumno.

b) Relación das necesidades educativas que motivaron a repetición do curso.

c) Medidas ordinarias aplicadas no curso anterior.

d) Estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento.

e) Recursos necesarios para o desenvolvemento do plan.

f) De ser o caso, oferta de medidas extraordinarias.

g) Acreditación da información á familia.

3. En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan específico personalizado e, de ser necesario, realizaránselle os axustes que procedan. Ao final do curso, na mesma sesión de avaliación, informarase sobre o seu desenvolvemento e o seu aproveitamento.

Artigo 53. Programas de habilidades e competencias sociais

1. As competencias e as habilidades sociais, para os efectos desta orde, representan un conxunto de procesos cognitivos, socioafectivos e emocionais que desenvolven as capacidades para levar a cabo comportamentos socialmente axeitados e o desenvolvemento dunha convivencia positiva.

2. Tendo en conta a igualdade de oportunidades para desenvolver os valores do principio de igualdade de trato e non discriminación por razóns de nacemento, orixe racial ou étnica, sexo, discapacidade, idade, doenza, relixión ou crenzas, nin por ningunha outra condición nin circunstancia persoal nin social, así como a prevención da violencia de xénero, os centros docentes desenvolverán programas de habilidades e competencias sociais para a totalidade do alumnado nos cales se promova a adquisición das competencias sociais e cognitivas necesarias para favorecer a empatía, a autoestima, a comprensión das demais persoas e a interacción satisfactoria con elas, a solidariedade, o respecto e a tolerancia ante as discrepancias, a expresión correcta das propias opinións e dos sentimentos, e todo o que signifique a mellora das relacións e da convivencia. Estas actuacións desenvolveranse en todas as áreas, materias, ámbitos ou módulos, e terán a consideración de elementos transversais do currículo.

Igualmente, de conformidade co artigo 24 do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, o departamento de orientación de cada centro elaborará e desenvolverá un programa que contribúa á adquisición de habilidades e competencias sociais por parte do alumnado como complemento das medidas correctoras das condutas contrarias á convivencia, dirixido ao alumnado que incorra reiteradamente en condutas disruptivas, coa finalidade de mellorar a súa integración no centro docente. Así mesmo, elaborarase e desenvolverase un programa que contribúa á adquisición de habilidades e competencias sociais específico para aquel alumnado que, como consecuencia da imposición das medidas correctoras, estea temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro. Este programa aplicarase coordinadamente entre o departamento de orientación e o profesorado titor, que procurarán implicar o resto do profesorado e as familias e, de ser o caso, os servizos sociais correspondentes, para lograr conxuntamente o desenvolvemento adecuado do proceso educativo e das accións propostas.

Estes programas formarán parte do Plan xeral de atención á diversidade, e o seu seguimento e a súa avaliación realizaraos o departamento de orientación, xunto co dito plan.

Sección 2ª. Medidas extraordinarias

Artigo 54. Concepto

De conformidade co artigo 9 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, considéranse medidas extraordinarias de atención á diversidade todas as dirixidas a dar resposta ás necesidades educativas do alumnado con necesidade específica de apoio educativo que poden requirir modificacións significativas do currículo ordinario e/ou supor cambios esenciais no ámbito organizativo, así como, de ser o caso, nos elementos de acceso ao currículo ou na modalidade de escolarización. Aplicaranse logo de esgotadas as de carácter ordinario ou por resultaren estas insuficientes.

Artigo 55. Adaptacións curriculares

1. Para os efectos desta orde, as adaptacións curriculares, ou adaptacións do currículo, son medidas extraordinarias de atención á diversidade que afectan os elementos prescritivos do currículo; van dirixidas ao alumnado con necesidades educativas especiais e, excepcionalmente, ao restante alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Para a adopción desta medida cumprirá que no informe psicopedagóxico resultante da avaliación psicopedagóxica se entenda como a máis idónea para atender as necesidades educativas dunha alumna ou dun alumno e despois da aplicación doutras medidas de atención á diversidade.

Considéranse elementos prescritivos do currículo aqueles que, como tales, recolla a normativa pola que se regula o currículo.

2. As adaptacións do currículo realizaranse na educación primaria e na educación secundaria obrigatoria, sen prexuízo das adaptacións que se requiran para a flexibilización da duración do período de escolarización do alumnado.

3. As adaptacións curriculares suporán a modificación, a ampliación, a redución ou a supresión de parte ou todos os elementos prescritivos do currículo.

4. As adaptacións curriculares axustaranse ao nivel de competencia curricular da alumna ou do alumno, ao seu desenvolvemento e ao seu potencial de aprendizaxe, así como ás súas características persoais e sociais. Para a súa elaboración partirase do currículo de referencia, entendido este como o do ciclo ou nivel en que a alumna ou o alumno estean matriculados, para chegar ao currículo adaptado, entendido como o que conforma a adaptación curricular que se vai desenvolver ao longo do ciclo ou curso.

5. Cando unha alumna ou un alumno precisen adaptación do currículo, a familia será informada desta medida de atención á diversidade, do cal quedará constancia por escrito.

6. O procedemento para a elaboración dunha adaptación curricular é o seguinte:

a) Realización da avaliación psicopedagóxica e posterior elaboración do informe psicopedagóxico por parte da xefatura do departamento de orientación. Nese informe debe constar o nivel de competencia curricular da alumna ou do alumno, achegado polo profesorado das áreas ou das materias susceptibles de adaptación e coordinado polo profesorado titor. Ese nivel de competencia será o punto de partida para o axuste do currículo. Os referentes para determinar o currículo adaptado serán a competencia curricular e a zona de desenvolvemento próximo da alumna ou do alumno, determinadas, ambas, no informe psicopedagóxico. Neste informe deben constar as condicións que figuran no punto 1 deste artigo.

b) Convocatoria e coordinación, por parte da xefatura de estudos, dunha reunión á cal deben asistir o equipo docente da alumna ou do alumno e a xefatura do departamento de orientación. Nesta reunión analizaranse os resultados da avaliación psicopedagóxica e decidirase a pertinencia ou non de realizar a adaptación do currículo e as áreas ou as materias para adaptar. A xefa ou o xefe do departamento de orientación redactarán e custodiarán a acta desta reunión.

c) Elaboración da proposta de adaptación de cada área ou materia por parte do profesorado que a imparte e no modelo que o centro docente teña establecido no seu Plan xeral de atención á diversidade. Igualmente, ese profesorado será o responsable do desenvolvemento e da avaliación da adaptación curricular, en colaboración, de ser o caso, co profesorado de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais. En todo ese proceso o profesorado contará co asesoramento da xefatura do departamento de orientación. No anexo II, a modo orientativo, achéganse modelos en que concretar a adaptación das áreas ou as materias para as adaptacións curriculares.

7. A xefatura do departamento de orientación conformará o expediente da adaptación, que se axustará ao modelo que figura no anexo II desta orde, e xuntaráselle copia da acta da reunión en que se decidiu realizar a adaptación curricular.

8. A dirección do centro docente enviará o expediente da adaptación curricular ao servizo territorial de Inspección Educativa, a quen lle compete a autorización, segundo o modelo que figura no anexo III desta orde. Con carácter xeral, a solicitude da dirección do centro docente farase antes da finalización do mes de novembro, agás no caso das adaptacións curriculares que forman parte dos expedientes de flexibilización da duración do período de escolarización.

9. Formarán parte do expediente da alumna ou do alumno unha copia da adaptación curricular e a súa autorización polo servizo territorial de Inspección Educativa.

10. O desenvolvemento das adaptacións curriculares realizarase, na medida do posible, no contexto da aula ordinaria da alumna ou do alumno, coordinado polo profesorado titor, quen convocará as reunións de seguimento que se consideren necesarias ou, cando menos, as que figuren no expediente da adaptación curricular.

11. A avaliación do alumnado nas áreas ou materias adaptadas realizaraa o profesorado que as imparte, coas achegas do profesorado de apoio, de ser o caso, e conforme os criterios de avaliación establecidos na adaptación curricular. As cualificacións expresaranse nos mesmos termos cos establecidos na normativa xeral que regula a avaliación da ensinanza en que está matriculado o alumno ou a alumna.

12. Os referentes da avaliación do alumnado con adaptación curricular serán os incluídos na dita adaptación, sen que isto poida impedirlle a promoción ou titulación.

13. A información das avaliacións que se facilite ás familias incluirá as cualificacións obtidas nas áreas ou nas materias adaptadas, segundo os criterios de avaliación incluídos nas correspondentes adaptacións curriculares. Nesta información incluirase tamén unha valoración cualitativa do progreso da alumna ou do alumno. O profesorado titor será o responsable, coa colaboración do equipo docente e da xefatura do departamento de orientación, de elaborar e trasladar esa información.

14. A duración das adaptacións do currículo poderá ser dun ciclo ou dun curso, en función da etapa educativa en que estea escolarizado o alumno ou a alumna.

15. Calquera modificación que se realice referida aos elementos prescritivos do currículo da adaptación curricular autorizada requirirá unha nova autorización por parte do servizo territorial de Inspección Educativa.

16. As nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado teñen dereito a que se lles facilite, por parte do centro docente e logo da súa solicitude, unha copia da adaptación curricular autorizada.

Artigo 56. Agrupamentos flexibles

1. Os agrupamentos flexibles, ou grupos flexibles, consisten en agrupamentos temporais de alumnado que presenta dificultades de aprendizaxe en determinadas áreas ou materias en que necesita unha atención máis individualizada, e ao cal a oferta de medidas ordinarias de atención á diversidade non lle abonda para seguir con éxito os procesos de ensino e de aprendizaxe. Estes agrupamentos só poderán realizarse nos dous derradeiros cursos da educación primaria e na educación secundaria obrigatoria.

2. O alumnado derivado a un grupo flexible pertencerá, para todos os efectos, a un mesmo nivel educativo, e manterase a necesaria coordinación entre o profesorado do grupo ordinario e o do agrupamento flexible. Esta medida ten un carácter reversible, xa que a súa finalidade é a pronta incorporación do alumnado ao seu grupo ordinario.

3. Os agrupamentos flexibles poderán realizarse, prioritariamente, nas áreas ou nas materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, e Matemáticas, e o alumnado permanecerá nestes agrupamentos a totalidade do horario semanal da área ou da materia. Unha mesma alumna ou un mesmo alumno poderá ser derivado a máis dun grupo flexible, sempre que non se superen, con carácter xeral, os 13 períodos lectivos da totalidade do horario semanal do grupo ordinario.

4. Os agrupamentos flexibles non suporán a ampliación de unidades do centro docente, por tratarse de agrupamentos temporais de carácter voluntario, nin incremento na dotación de profesorado do centro docente, polo que, de ser o caso, deberán organizarse co profesorado con dispoñibilidade horaria e, prioritariamente, con aquel que conte coa especialidade da área ou da materia e que xa lle imparta docencia ao alumnado que vaia integrar o agrupamento flexible.

5. O número máximo de alumnado de cada agrupamento flexible será de oito en educación primaria e de dez en educación secundaria obrigatoria.

6. A proposta de conformación dun agrupamento flexible realizarase de acordo co procedemento seguinte:

a) Convocatoria dunha reunión, por parte da xefatura de estudos, logo da avaliación final ordinaria e, de ser o caso, da extraordinaria, á cal asistirán a xefatura do departamento de orientación e o profesorado titor do nivel educativo, para analizar a situación do alumnado con dificultades nas áreas ou nas materias que poderían ser obxecto de agrupamento flexible. En todo caso, o alumnado proposto non poderá contar no mesmo curso académico con adaptación curricular na área ou na materia en que se propón o agrupamento.

b) Informe do profesorado titor sobre o alumnado que podería beneficiarse dese agrupamento.

c) Informe da xefatura do departamento de orientación sobre as circunstancias do alumnado proposto para o agrupamento.

d) Información á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais sobre a medida e a súa conformidade expresa. O traslado desa información e a obtención da conformidade correrán a cargo do profesorado titor.

7. Durante o mes de setembro, a dirección do centro docente solicitaralle ao servizo territorial de Inspección Educativa a autorización do agrupamento flexible, incluíndo a seguinte información:

a) As áreas ou as materias que se impartirán no agrupamento flexible, así como as programacións adaptadas de cada unha delas, considerando as competencias que o alumnado non ten adquiridas e se consideran necesarias para acadar as aprendizaxes requiridas no curso de referencia.

b) A relación do alumnado seleccionado, con indicación dos criterios de selección e das medidas ordinarias aplicadas a cada alumna ou alumno.

c) O horario semanal en que este alumnado permanecerá no agrupamento flexible.

d) A relación de profesorado que se encargará da docencia no agrupamento flexible.

e) O procedemento de coordinación entre o profesorado do agrupamento flexible e o profesorado da área ou da materia do grupo ordinario, de ser o caso.

f) A conformidade expresa das nais, dos pais ou das persoas titoras legais do alumnado afectado.

8. A autorización dos agrupamentos flexibles compete ao servizo territorial de Inspección Educativa, segundo o modelo que figura no anexo IV desta orde.

9. No caso de alumnado de nova incorporación ao centro docente, a decisión adoptarase tendo en conta a información achegada polo departamento de orientación do centro de procedencia ou, de ser o caso, logo de realizada a avaliación inicial, e seguindo o procedemento descrito nos puntos anteriores deste artigo.

De igual modo se procederá para a incorporación de novo alumnado logo de constituídos os agrupamentos flexibles. A proposta de incorporación, de ser o caso, realizarase ata o mes de xaneiro, incluído.

10. A avaliación e a cualificación do alumnado dun agrupamento flexible corresponderalle ao profesorado que imparta a área ou a materia no devandito agrupamento.

11. Ao remate do curso escolar, o profesorado titor do alumnado do agrupamento flexible, coa colaboración da xefatura do departamento de orientación e do profesorado que imparte as áreas ou as materias do agrupamento, elaborará un informe individualizado de cada alumna ou alumno que participase nel, no que se indicará a efectividade da medida, así como a proposta sobre a continuidade, se procede, no curso seguinte.

12. A participación dunha alumna ou dun alumno nun agrupamento flexible farase constar nos documentos oficiais de avaliación.

13. Calquera modificación da configuración dos agrupamentos flexibles será comunicada pola dirección do centro ao servizo territorial de Inspección Educativa.

Artigo 57. Apoio do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e/ou en Audición e Linguaxe

1. A intervención profesional do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e do especialista en Audición e Linguaxe débese entender como un recurso dirixido especialmente á atención educativa do alumnado con necesidades educativas especiais, sen prexuízo de que, excepcionalmente, atenda outro alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Este profesorado exercerá as súas funcións, con carácter prioritario, nas etapas de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria

2. O profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e o especialista en Audición e Linguaxe realizarán as seguintes funcións específicas:

a) Colaborar coa xefatura do departamento de orientación na proposta de organización da docencia de apoio.

b) Prestar atención docente directa ao alumnado indicado no punto 1 deste artigo, segundo a proposta de distribución da docencia do profesorado de apoio realizada pola xefatura do departamento de orientación á xefatura de estudos e autorizada pola dirección do centro docente. Esa atención en ningún caso substituirá a do profesorado titor nin a do profesorado que imparta as áreas ou materias en que o alumnado reciba o apoio.

c) Elaborar os programas de intervención para o alumnado que atende, segundo as directrices recollidas no Plan xeral de atención á diversidade, en colaboración co profesorado da área ou da materia que corresponda e segundo a orientación e o asesoramento da xefa ou do xefe do departamento de orientación.

d) Colaborar, de ser o caso, na elaboración das adaptacións curriculares do alumnado que atende, así como no seu seguimento e avaliación.

e) Participar na planificación e no desenvolvemento das actuacións e das medidas que favorezan a inclusión da diversidade do alumnado.

f) Asistir ás sesións de avaliación do alumnado que atende, con voz e sen voto.

g) Elaborar, ao finalizar o curso escolar, un informe individual de cada alumna ou cada alumno a quen prestase apoio, coordinado pola xefatura do departamento de orientación e segundo o modelo facilitado polo departamento de orientación, que se incluirá no seu expediente. No anexo V, a modo orientativo, figura un modelo dese informe.

h) Aqueloutras funcións que a Administración educativa, dentro do ámbito das súas competencias, lle poida asignar referidas á inclusión, á orientación e á atención á diversidade.

3. O apoio do profesorado especialista en Audición e Linguaxe centrarase prioritariamente nos ámbitos da comunicación, da linguaxe e da fala.

4. A atención docente directa por parte do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica ou en Audición e Linguaxe realizarase, con carácter xeral, dentro da aula ordinaria do alumnado a que apoia. Fóra da aula ordinaria esa atención terá carácter excepcional, deberá constar no informe psicopedagóxico, terá unha distribución semanal equilibrada e non poderá exceder a terceira parte dos períodos lectivos semanais, que en ningún caso suporá a totalidade do horario lectivo semanal dunha determinada área ou materia, agás que o alumnado estea escolarizado nunha modalidade diferente á ordinaria, e poderá desenvolverse, con carácter xeral, en pequeno grupo, cun máximo de cinco alumnas ou alumnos de forma simultánea.

Da atención excepcional fóra da aula a que se refire o parágrafo anterior, exclúense as intervencións do profesorado de Audición e Linguaxe que teñan que ver coa reeducación da produción oral do alumnado. Neste caso, esas intervencións só ocuparán unha fracción do período lectivo.

5. Os programas de intervención, que se citan no punto 2.c) deste artigo, deberán considerar, cando menos:

a) As competencias adquiridas e as necesidades educativas que presenta a alumna ou o alumno, que deben constar no informe psicopedagóxico.

b) O currículo de referencia da alumna ou do alumno. De tratarse de alumnado con adaptación curricular, deberá considerar o currículo adaptado.

c) O enfoque metodolóxico do profesorado de apoio en relación co que aplica o profesorado da área ou da materia en que o alumnado recibe o apoio.

d) A coordinación co profesorado titor e co profesorado da área ou da materia en que o alumnado recibe o apoio.

e) O seguimento e a avaliación do programa, que incluirá indicadores de avaliación. A información obtida deses procesos daralla a coñecer o profesorado de apoio ao equipo docente, cando menos, nas sesións de avaliación.

6. Ao finalizar o curso escolar, e tomando como fonte os informes de apoio de fin de curso de cada alumna ou alumno, a que se refire o punto 2.g) deste artigo, o profesorado de apoio elaborará unha memoria na cal incluirá, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Cantidade de alumnado a que apoiou ao longo do curso, con indicación da ensinanza e do nivel educativo.

b) Valoración da coordinación co profesorado titor e co profesorado das áreas ou das materias nas cales realizou as intervencións de apoio.

c) Valoración da repercusión das medidas de apoio no alumnado.

d) Previsións para o curso seguinte e propostas de mellora, de ser o caso.

A memoria entregaráselle á xefatura do departamento de orientación para incluír, como anexo, na memoria anual dese departamento.

Artigo 58. Flexibilización da duración do período de escolarización nas etapas de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria

1. Enténdese por flexibilización da duración do período de escolarización a redución ou a ampliación da permanencia nunha determinada etapa, por tratarse, respectivamente, de alumnado con altas capacidades intelectuais ou de alumnado con necesidades educativas especiais. A acreditación das altas capacidades intelectuais ou das necesidades educativas especiais corresponde aos servizos de orientación.

2. Por redución da duración do período de escolarización para o alumnado con altas capacidades intelectuais considéranse as seguintes flexibilizacións:

a) Na etapa de educación infantil:

Redución dun ano escolar para o alumnado con acreditación de altas capacidades intelectuais; poderá comezar a educación primaria no ano natural en que cumpra os cinco anos de idade.

b) Na etapa de educación primaria:

Redución dun ano escolar, independentemente de que se reducise ou non a súa permanencia en educación infantil, para o alumnado con acreditación de altas capacidades intelectuais. Esta redución afectará, con carácter xeral, o segundo curso do ciclo, de xeito que o alumnado que reduce a duración do período de escolarización poida realizar o novo ciclo completo, comezándoo no seu primeiro curso, e non afectará, con ese mesmo carácter, o derradeiro curso da etapa.

c) Na etapa de educación secundaria obrigatoria:

Redución dun ano escolar para o alumnado con acreditación de altas capacidades intelectuais, independentemente de que se reducise ou non a súa permanencia nas etapas anteriores. Esta redución non poderá afectar o derradeiro curso desa etapa.

3. O procedemento para se acoller á flexibilización por redución do período de escolarización no segundo ciclo de educación infantil, en educación primaria e/ou en educación secundaria obrigatoria é o seguinte:

a) Solicitude da dirección do centro docente á xefatura territorial que corresponda, achegando a seguinte documentación:

1º. Informe do profesorado titor en que se xustifique a necesidade desa medida.

2º. Informe psicopedagóxico, en que conste, entre outros aspectos, a acreditación da alta capacidade intelectual da alumna ou do alumno e se especifiquen as medidas de atención á diversidade adoptadas.

3º. Conformidade expresa da nai, do pai ou das persoas titoras legais da alumna ou do alumno.

4º. Copia do historial académico ou do informe persoal. Na súa ausencia, certificación académica.

5º. Proposta de adaptación do currículo, conforme o establecido no artigo 55 desta orde.

b) A documentación anterior, xunto co informe do servizo territorial de Inspección Educativa, será remitida pola xefatura territorial á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, á cal lle corresponde autorizar, de ser o caso, a flexibilización, segundo o modelo que figura no anexo VI desta orde.

4. Os prazos para tramitar e resolver as solicitudes de flexibilización por redución do período de escolarización no segundo ciclo de educación infantil, en educación primaria e/ou en educación secundaria obrigatoria son os que seguen:

a) O mes de marzo, para que as direccións dos centros docentes remitan ás xefaturas territoriais as solicitudes de flexibilización.

b) O mes de abril, para que as xefaturas territoriais dean traslado á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional das solicitudes de flexibilización da duración do período de escolarización, xunto coa correspondente documentación.

c) O mes de xuño, para que a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional adopte as resolucións que procedan e llelas comunique ás direccións dos centros docentes, que deberán trasladárllelas ás persoas interesadas.

5. Por ampliación da duración do período de escolarización considéranse as seguintes flexibilizacións:

a) Na etapa de educación infantil:

Ampliación dun curso escolar para o alumnado con acreditación de necesidades educativas especiais, que non poderá permanecer nesa etapa máis alá dos sete anos de idade, feitos no ano natural en que finaliza o curso escolar. Cando esa ampliación se produza no primeiro ciclo de educación infantil, a incorporación ao segundo ciclo realizarase ao primeiro curso dese ciclo.

b) Na etapa de educación primaria:

Ampliación dun curso escolar para o alumnado con acreditación de necesidades educativas especiais, que non poderá permanecer nesa etapa máis alá dos quince anos de idade, feitos no ano natural en que finaliza o curso escolar. A ampliación realizarase no segundo curso do terceiro ciclo, logo de esgotada a medida excepcional de repetición de curso dentro da etapa.

Unha segunda ampliación extraordinaria dun curso escolar para o alumnado con acreditación de necesidades educativas especiais escolarizado a tempo completo nunha unidade de educación especial ou nun centro de educación especial, sen que poida permanecer nesa etapa máis alá dos quince anos de idade, feitos no ano natural en que finaliza o curso escolar.

c) Na etapa de educación secundaria obrigatoria:

Ampliación dun curso escolar para o alumnado con acreditación de necesidades educativas especiais, que non poderá permanecer nesa etapa máis alá dos dezanove anos de idade, no caso de centros docentes ordinarios, ou dos vinte e un, no caso de unidades de educación especial ou en centros de educación especial a tempo completo. En ambos os casos, o límite de idade enténdese referido ao ano natural en que finaliza o curso escolar.

Unha segunda ampliación extraordinaria dun curso escolar para o alumnado con acreditación de necesidades educativas especiais escolarizado a tempo completo nunha unidade de educación especial ou nun centro de educación especial, sen que poida permanecer nesa etapa máis alá dos vinte e un anos de idade, feitos no ano natural en que finaliza o curso escolar.

A antedita ampliación realizarase logo de esgotadas as medidas excepcionais de repetición de curso.

6. O procedemento para se acoller á flexibilización por ampliación da duración do período de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil é o que segue:

a) Para o alumnado escolarizado no primeiro ciclo de educación infantil:

1º. Solicitude da nai, do pai ou das persoas titoras legais da nena ou do neno á dirección da escola infantil para permanecer un curso máis nesa escola, con achega dun informe das persoas profesionais dos servizos sociosanitarios en que se xustifique a conveniencia do solicitado. Nesa mesma solicitude informarán a dirección da escola infantil de que solicitaron ou teñen previsto solicitar a admisión nun centro docente para cursar o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil optando a unha praza reservada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

2º. Informe da dirección da escola infantil sobre o desenvolvemento xeral da nena ou do neno, valorando a pertinencia da súa permanencia un ano máis na escola infantil, tendo en conta a súa evolución, as consideracións da familia e, de ser o caso, os informes doutras persoas profesionais.

3º. Solicitude da nai, do pai ou das persoas titoras legais da nena ou do neno para ser admitido/a no primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil nun centro docente que imparta esas ensinanzas, manifestando, expresamente, que optan a unha praza reservada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo e presentando, xunto coa solicitude, unha declaración de que van solicitar, ao mesmo tempo, continuar un curso máis no primeiro ciclo de educación infantil, polo que optan á flexibilización por ampliación da duración do período de escolarización na etapa de educación infantil.

4º. Informe psicopedagóxico da xefatura do departamento de orientación do centro docente no cal a nai, o pai ou as persoas titoras legais solicitaron a admisión para o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil.

5º. Remisión á xefatura territorial que corresponda, por parte da dirección da escola infantil e da dirección do centro docente en que se solicitou a admisión para cursar o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil, respectivamente, da documentación indicada nas epígrafes 1ª e 2ª, e 3ª e 4ª, para o seu traslado ao equipo de orientación específico, que emitirá o correspondente informe, no cal indicará se procede ou non a flexibilización por ampliación da duración do período de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil.

6º. Traslado, por parte da xefatura territorial, de toda a documentación indicada nas epígrafes anteriores á entidade con competencia para a resolución que corresponda e, de ser o caso, comunicación á dirección do centro docente en que se solicitou a admisión para cursar o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil.

b) Para o alumnado non escolarizado no primeiro ciclo de educación infantil:

1º. Solicitude da nai, do pai ou das persoas titoras legais da nena ou do neno para ser admitido/a no primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil nun centro docente que imparta esas ensinanzas, manifestando expresamente que optan a unha praza reservada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo e presentando, xunto coa solicitude, unha declaración de que van solicitar, ao mesmo tempo, cursar o terceiro curso do primeiro ciclo de educación infantil nunha escola que imparta esas ensinanzas, polo que optan á flexibilización por ampliación da duración do período de escolarización na etapa de educación infantil.

2º. Informe psicopedagóxico da xefatura do departamento de orientación do centro docente no cal a nai, o pai ou as persoas titoras legais solicitaron a admisión para o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil.

3º. Solicitude de admisión, por parte da nai, do pai ou das persoas titoras legais da nena ou do neno, á dirección da escola infantil para cursar o terceiro curso do primeiro ciclo de educación infantil, dadas as necesidades que presenta a nena ou o neno. Nesa mesma solicitude informarán a dirección da escola infantil de que solicitaron a admisión nun centro docente para cursar o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil optando a unha praza reservada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

4º. Informe da dirección da escola infantil sobre o solicitado pola nai, polo pai ou polas persoas titoras legais.

5º. Remisión á xefatura territorial que corresponda, por parte da dirección do centro docente no cal se solicitou a admisión para cursar o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil e da dirección da escola infantil, respectivamente, da documentación indicada nas epígrafes 1ª e 2ª, e 3ª e 4ª, para o seu traslado ao equipo de orientación específico, que emitirá o correspondente informe, no cal indicará se procede ou non a flexibilización por ampliación da duración do período de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil.

6º. Traslado, por parte da xefatura territorial, de toda a documentación indicada nas epígrafes anteriores á entidade con competencia para a resolución que corresponda e, de ser o caso, comunicación á dirección do centro docente no cal se solicitou a admisión para cursar o primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil.

7. O procedemento para acollerse ás flexibilizacións por ampliación da duración do período de escolarización do alumnado escolarizado no terceiro curso do segundo ciclo de educación infantil e nas etapas de educación primaria e/ou de educación secundaria obrigatoria é o que segue:

a) Solicitude da dirección do centro docente á xefatura territorial que corresponda, xunto coa seguinte documentación:

1º. Informe do profesorado titor, no cal se xustifique a necesidade desa medida.

2º. Informe psicopedagóxico da xefatura do departamento de orientación, no cal se especifiquen as medidas de atención á diversidade adoptadas.

3º. Conformidade expresa da nai, do pai ou das persoas titoras legais da alumna ou do alumno.

4º. Copia do historial académico ou do informe persoal. Na súa ausencia, certificación académica.

5º. Proposta de adaptación do currículo, conforme o establecido no artigo 55 desta orde.

b) A documentación anterior, xunto co informe do servizo territorial de Inspección Educativa, será remitida pola xefatura territorial á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, a quen corresponde autorizar a flexibilización, segundo o modelo que figura no anexo VII desta orde.

8. Os prazos para tramitar e resolver as solicitudes de flexibilización por ampliación da duración do período de escolarización do alumnado escolarizado no terceiro curso do segundo ciclo de educación infantil e no derradeiro curso de educación primaria son os que seguen:

a) O mes de abril, para que as direccións dos centros docentes lles remitan ás xefaturas territoriais as solicitudes de flexibilización.

b) O mes de maio, para que as xefaturas territoriais lle dean traslado á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional das solicitudes de flexibilización da duración do período de escolarización, xunto coa correspondente documentación.

c) O mes de xuño, para que a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional adopte as resolucións que procedan e llelas comunique ás direccións dos centros docentes, e estas deberán trasladárllelas ás persoas interesadas.

9. Os prazos para tramitar e resolver as solicitudes de flexibilización por ampliación da duración do período de escolarización do alumnado escolarizado en educación secundaria obrigatoria, que deben tramitarse logo de realizada a avaliación extraordinaria, son os que seguen:

a) Dentro dos cinco días naturais seguintes á sesión de avaliación da alumna ou do alumno: solicitude da dirección do centro docente dirixida á xefatura territorial que corresponda.

b) Dentro dos cinco días naturais seguintes á recepción da solicitude: traslado á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, por parte da xefatura territorial, da solicitude de flexibilización, segundo se indica no punto 7.b) deste artigo.

c) Dentro dos cinco días naturais seguintes á recepción da documentación procedente da xefatura territorial: resolución da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e comunicación á dirección do centro docente, e esta deberá trasladárllela ás persoas interesadas.

10. O proceso de solicitude e resolución da flexibilización da duración do período de escolarización realizarase a través dunha aplicación informática específica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Artigo 59. Flexibilización da duración do período de escolarización na etapa de bacharelato

1. O alumnado poderá flexibilizar a duración do período de escolarización do bacharelato mediante a redución ou a ampliación da permanencia nesta etapa, por tratarse, respectivamente, de alumnado con altas capacidades intelectuais ou de alumnado con necesidades educativas especiais. A acreditación das altas capacidades intelectuais ou das necesidades educativas especiais corresponde aos servizos de orientación da Administración educativa.

2. O alumnado con altas capacidades intelectuais poderá reducir a duración das ensinanzas de bacharelato a un curso escolar, para o cal, ademais de cumprir os requisitos que se recollen no punto 3 deste artigo, terá que realizar as probas extraordinarias de avaliación do primeiro curso desas ensinanzas, logo de solicitude á dirección do centro.

3. O procedemento para autorizar a realización das probas extraordinarias de avaliación, que serán as mesmas que as que se lle apliquen ao alumnado que cursou o primeiro curso e ten materias sen superar logo da avaliación final ordinaria, é o que segue:

a) As nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado interesado presentarán unha solicitude de participación na proba extraordinaria de avaliación do primeiro curso de bacharelato, para a posible flexibilización, ante a dirección do centro docente onde foi admitido ou, de non ser o caso, no centro solicitado en primeira opción no proceso de admisión para cursar estudos de bacharelato, dentro dos dous días hábiles seguintes á sesión de avaliación final ordinaria de cuarto de educación secundaria obrigatoria, e achegarán a documentación que xustifique os seguintes requisitos:

1º. Acreditación, polos servizos de orientación dependentes da Administración educativa, como alumnado con altas capacidades intelectuais.

2º. Certificación académica do cuarto curso de educación secundaria obrigatoria en que conste unha cualificación media de nove ou superior.

b) A directora ou director do centro que reciba a solicitude autorizará a realización da proba extraordinaria de avaliación se cumpre os requisitos indicados no punto anterior.

4. O procedemento para autorizar a flexibilización é o que segue:

a) As nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado autorizado á realización da proba a que se refire o punto anterior e que cumpra os criterios de promoción ao segundo curso de bacharelato poderán presentar unha solicitude de flexibilización ante a dirección do centro docente en que realizaron as probas, dentro dos dous días hábiles seguintes á realización da sesión de avaliación extraordinaria.

b) A dirección do centro docente, dentro dos cinco días naturais seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes de flexibilización, trasladará á xefatura territorial que corresponda as solicitudes presentadas, xunto coa seguinte documentación:

1º. Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos a que se refire o punto 3.a) deste artigo.

2º. Copia da acta de avaliación extraordinaria.

c) A documentación anterior, xunto co informe do servizo territorial de Inspección Educativa, será remitida pola xefatura territorial á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

d) A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, dentro dos cinco días naturais seguintes á recepción da documentación procedente da xefatura territorial, resolverá, segundo o modelo que figura no anexo VIII desta orde, e comunicaralle a resolución á dirección do centro docente, e esta deberá trasladárllela ás persoas interesadas.

5. O alumnado con necesidades educativas especiais que curse ensinanzas de bacharelato poderá ampliar a permanencia nesta etapa fragmentando os seus cursos por materias. Neste caso, poderá optar á ampliación extraordinaria dun curso máis por cada un dos dous cursos académicos, sen superar a permanencia total de seis anos nestas ensinanzas. O procedemento para se acoller á fragmentación de cada un dos dous cursos de bacharelato é o que segue:

a) Solicitude da dirección do centro docente, logo de comezado o curso académico, antes de finais de outubro e ante as dificultades de aprendizaxe detectadas polo equipo docente, á xefatura territorial correspondente, xunto coa seguinte documentación:

1º. Informe que xustifique a necesidade da medida, elaborado polo profesorado titor.

2º. Informe dos servizos de orientación, no cal se acrediten as necesidades educativas especiais e se propoña esa medida.

3º. Conformidade expresa da nai, do pai ou das persoas titoras legais, no caso de alumnado menor de idade, ou da alumna ou do alumno se é maior de idade.

4º. Copia do historial académico da alumna ou do alumno.

5º. Proposta da nova distribución temporal para cursar as ensinanzas de bacharelato.

b) A xefatura territorial solicitará informe ao servizo territorial de Inspección Educativa e trasladará este, xunto co resto da documentación recibida, á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

c) A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional adoptará a decisión que proceda, segundo o modelo que figura no anexo IX desta orde, e comunicaralla á dirección do centro docente, que informará a alumna ou o alumno afectados.

d) A solicitude e a autorización da fragmentación realizarase, de ser o caso, para cada un dos dous cursos de bacharelato.

e) O proceso de solicitude e resolución da flexibilización da duración do período de escolarización realizarase a través da aplicación informática específica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

6. A nota media da etapa de bacharelato para o alumnado que flexibilizou esa etapa calcularase segundo o disposto con carácter xeral para o resto de alumnado.

7. O proceso de solicitude e resolución da flexibilización da duración do período de escolarización realizarase a través da aplicación informática específica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Artigo 60. Rexistro das medidas de flexibilización

Con carácter xeral, as medidas de flexibilización, sexan de redución ou de ampliación da duración do período de escolarización, consignaranse no expediente académico do alumnado, con indicación da resolución mediante a cal se autorizaron.

Artigo 61. Programas de diversificación curricular

1. Os programas de diversificación curricular consisten nunha modificación e nunha adaptación do currículo desde o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria e están orientados á consecución do título de graduado en educación secundaria obrigatoria por parte do alumnado que presente dificultades relevantes de aprendizaxe e para o cal, tras ter recibido medidas de atención á diversidade nos dous primeiros cursos da etapa, se considere que é a medida máis axeitada para a obtención do dito título.

2. Nos programas de diversificación curricular empregarase unha metodoloxía específica que lle permita ao alumnado acadar os obxectivos da etapa e as competencias correspondentes, a través dunha organización en ámbitos de coñecemento, actividades prácticas e, de ser o caso, materias, diferente á establecida con carácter xeral.

3. Os programas de diversificación curricular organizaranse nos ámbitos de coñecemento que o Goberno e as administracións educativas definan, de conformidade co establecido no artigo 27.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

4. O alumnado destinatario desta medida extraordinaria deberá cumprir, simultaneamente, os seguintes requisitos:

a) Ser alumnado con necesidade específica de apoio educativo que presente dificultades de aprendizaxe.

b) Ter sido obxecto doutras medidas de atención á diversidade sen que estas resultasen efectivas para a recuperación das dificultadas detectadas.

c) Atoparse en risco evidente de non acadar os obxectivos da etapa e as competencias correspondentes cursando o currículo ordinario.

d) Contar con expectativas razoables de obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria coa incorporación a este programa.

5. Para poder ser proposto para a incorporación a este programa, o alumnado deberá atoparse nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter cursado o segundo curso da educación secundaria obrigatoria, non estar en condicións de acadar a promoción a terceiro e ter repetido unha vez na educación básica.

b) Ter cursado o terceiro curso da educación secundaria obrigatoria e non estar en condicións de acadar a promoción ao curso seguinte.

c) Ter repetido o terceiro curso da educación secundaria obrigatoria e non superalo.

d) Ter cursado o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria e non superalo, tendo repetido unha vez na etapa.

6. A duración dos programas de diversificación curricular será de dous cursos. Excepcionalmente, poderán establecerse programas dun curso de duración para o alumnado que se encontre nas situacións establecidas nas letras c) e d) do punto 5 deste artigo.

7. Os grupos que se conformen para desenvolver estes programas, con carácter xeral, non superarán o número máximo de 10 alumnas ou alumnos nin terán un número inferior a cinco, e terán un grupo ordinario de referencia no cal cursarán as materias non incluídas nos ámbitos de coñecemento do programa de diversificación curricular.

8. O procedemento para a incorporación aos programas de diversificación curricular é o seguinte:

a) Logo de realizada a avaliación final ordinaria, o equipo docente realizará unha proposta provisional do alumnado que se podería incorporar ao programa, o que permitirá á xefatura do departamento de orientación realizar a avaliación psicopedagóxica do alumnado proposto.

b) Despois da avaliación final extraordinaria, o equipo docente realizará a proposta razoada do alumnado que se podería incorporar ao programa de diversificación curricular.

c) O profesorado titor elaborará un informe individualizado do alumnado que se podería incorporar ao programa, que será remitido ao departamento de orientación e que deberá constar, como mínimo:

1º. Da competencia curricular do alumnado en cada materia.

2º. Das dificultades de aprendizaxe detectadas.

3º. Das medidas de atención á diversidade aplicadas previamente.

4º. Dos motivos polos cales o equipo docente considera conveniente a súa integración no programa de diversificación curricular.

d) A xefatura do departamento de orientación elaborará un informe por cada alumna ou alumno, no cal se incluirán as conclusións sobre o informe do profesorado titor, as da avaliación psicopedagóxica e a opinión da nai, do pai ou das persoas titoras legais do alumno ou da alumna, e a destes mesmos sobre a medida proposta.

e) Posteriormente, unha comisión formada polo xefe ou a xefa de estudos, que exerce a súa presidencia, o xefe ou a xefa do departamento de orientación e o profesor ou a profesora titor ou titora da alumna ou do alumno valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, da nai, do pai ou das persoas titoras legais do alumnado, e realizará unha proposta á dirección do centro sobre a súa incorporación ao programa de diversificación curricular.

f) A dirección do centro elevará a proposta de incorporación do alumnado ao programa de diversificación curricular ao servizo territorial de Inspección Educativa correspondente, na cal se reflectirá a relación de alumnado proposto e de profesorado que vai impartir cada ámbito de coñecemento do programa, xunto co resto de documentación do procedemento.

g) O servizo territorial de Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de diversificación curricular que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, que será comunicada ao centro docente antes do inicio das actividades lectivas.

9. Cada ámbito de coñecemento será impartido por unha única profesora ou un único profesor, pertencentes aos departamentos didácticos a quen corresponda a atribución docente das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro.

10. Cada grupo do programa de diversificación curricular terá unha persoa titora, que se coordinará co profesorado titor do grupo de referencia e co resto do profesorado que imparta docencia no programa. Esta persoa será designada pola dirección do centro docente de entre o profesorado que imparta algún dos ámbitos de coñecemento do programa e exercerá, se é posible, o tempo de duración do programa.

11. A avaliación do alumnado nos ámbitos de coñecemento que conforman o programa será continua e diferenciada, e terá como referentes os obxectivos de etapa e as competencias da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 62. Atención educativa ao alumnado que presenta dificultades para unha asistencia continuada a un centro docente

1. Para o alumnado que non poida asistir con regularidade por un período prolongado ao centro docente en que estea escolarizado, por prescrición médica, doenza, vulnerabilidade propia ou conviventes vulnerables como consecuencia dunha emerxencia sanitaria, por lesión ou por permanecer ingresado nun centro hospitalario a tempo completo ou en hospitalización de día, establécense, para lle dar continuidade ao seu proceso formativo, as medidas específicas reguladas neste artigo.

2. Atención educativa domiciliaria.

a) De conformidade co artigo 25.4 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, será destinatario de atención educativa domiciliaria o alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos que deba permanecer convalecente no domicilio por un período de tempo superior a un mes. Igualmente, será obxecto desta atención o alumnado que padeza algunha doenza crónica que sexa a causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

A prestación da atención educativa domiciliaria someterase a unha revisión, como mínimo, en cada avaliación, co obxectivo último da reincorporación do alumnado ao ensino presencial, de xeito gradual ou parcial, se así se determina.

O procedemento para acceder a esta atención educativa é o que segue:

1º. Solicitude da nai, do pai ou das persoas titoras legais do alumnado á dirección do centro docente, xunto co correspondente informe dos servizos sanitarios en que conste a conveniencia desta atención, así como, cando menos, a previsión aproximada do tempo durante que a alumna ou o alumno deberán convalecer no domicilio e o tempo da revisión desa previsión.

2º. Informe da dirección do centro docente respecto da dispoñibilidade ou non de profesorado do propio centro para desenvolver esta atención educativa.

3º. Traslado á xefatura territorial correspondente dos documentos referidos nas dúas alíneas anteriores, por parte da dirección do centro docente e nun prazo máximo de cinco días desde a recepción da solicitude.

4º. A xefatura territorial, á vista dos documentos anteriores e logo do informe do servizo territorial de Inspección Educativa, adoptará a resolución que proceda, nun prazo máximo de cinco días. Esa resolución, que non poderá exceder un curso académico e concretará a máxima asignación horaria e a duración desta atención, comunicaráselle ao centro docente, que informará a nai, o pai ou as persoas titoras legais da alumna ou do alumno. Cando a situación de convalecencia da alumna ou do alumno se prolongue máis alá do curso académico, a continuidade da atención educativa domiciliaria requirirá unha nova solicitude e autorización.

b) O profesorado nomeado especificamente para a atención educativa domiciliaria dependerá organicamente dos centros docentes públicos que determine a xefatura territorial. Poderase proporcionar esta atención educativa a través dunha profesora ou dun profesor do centro docente a que pertenza a alumna ou o alumno, preferentemente o seu titor ou a súa titora, se a súa participación ten carácter voluntario e non implica incremento de persoal do centro.

c) O profesorado de atención educativa domiciliaria, tendo en conta a programación do correspondente ciclo ou nivel e un informe da situación académica do alumnado, facilitada polo profesorado titor da alumna ou do alumno, elaborará, en coordinación con este e co asesoramento da xefatura do departamento de orientación, un programa individualizado de atención educativa que desenvolverá coa alumna ou co alumno durante o período de tempo en que non poida asistir ao centro docente, que, con carácter xeral, terá unha consideración trimestral, de xeito que se realice o seu seguimento e posibles axustes coincidindo con cada sesión de avaliación. Neste programa deberán constar os aspectos curriculares, metodolóxicos, organizativos, de coordinación, seguimento, temporización e revisión que garantan a adecuación ás circunstancias do alumnado.

d) A persoa titora coordinarase regularmente co profesorado de atención educativa domiciliaria, a quen trasladará, obtidas do equipo docente, as tarefas planificadas para a aula ordinaria e a súa temporización.

e) O profesorado de atención educativa domiciliaria emitirá, con frecuencia mensual, cando o tempo desa atención sexa superior a un mes, ou previo a cada avaliación, un informe relativo ao desenvolvemento desa atención.

f) A avaliación do alumnado con atención educativa domiciliaria e as decisións de promoción e titulación, de ser o caso, serán competencia e responsabilidade do equipo docente do centro onde estea matriculado e desenvolverase segundo o establecido na normativa xeral da etapa correspondente.

g) O alumnado autorizado para recibir atención educativa domiciliaria considerarase escolarizado para todos os efectos, polo que as ausencias ao seu centro docente durante ese período de tempo se entenderán todas xustificadas.

h) A atención educativa domiciliaria poderá prestarse de xeito presencial no domicilio, mediante atención virtual ou mixta, tendo en consideración o nivel educativo en que se encontre escolarizado o alumnado, a dispoñibilidade de recursos por parte da familia e o benestar do menor, o que posibilitará unha reincorporación máis eficaz ao centro docente, xa que nesta atención virtual ou mixta é recomendable que participe o profesorado do centro docente onde se encontre escolarizado o alumnado. Cando esta atención se realice de xeito virtual poderá ser prestada polo equipo provincial de atención virtual ao alumnado a que se refire o punto 3 deste artigo.

i) A nai, o pai ou as persoas titoras legais dese alumnado garantirán a presenza no domicilio dunha persoa adulta responsable durante o tempo de intervención, presencial ou virtual, do profesorado e facilitarán as condicións axeitadas para esa intervención. Igualmente, proporcionarán a información que demande a Administración educativa.

j) Ao finalizar cada curso, o profesorado de atención educativa domiciliaria elaborará unha memoria onde se recollerá unha valoración da atención educativa levada a cabo, así como as correspondentes propostas de mellora, de ser o caso. Esta memoria entregaráselle á persoa titora da alumna ou do alumno.

k) Realizarase unha revisión desta medida, por parte do equipo docente, coincidindo con cada sesión de avaliación, na cal se deberá valorar, entre outras, a adopción doutras medidas de atención á diversidade que se consideren máis adecuadas para atender as necesidades da alumna ou do alumno, no caso de reincorporación parcial ou total ao centro docente.

l) Así mesmo, para o alumnado que, por motivos de saúde, non poida asistir ao centro docente por un período de tempo continuado superior a cinco días lectivos e non reciba atención educativa domiciliaria, o equipo docente correspondente, coordinado polo profesorado titor, elaborará unha proposta de actividades educativas. Esa proposta entregaráselle á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais dese alumnado, preferiblemente por medios telemáticos, para a súa realización pola alumna ou polo alumno e posterior devolución ao mesmo equipo. Esta medida aplicarase, igualmente, ao alumnado que, por motivos de saúde, só poida asistir ao centro docente unha parte da xornada escolar e nun tempo continuado superior aos cinco días lectivos. Este alumnado contará co correspondente informe médico e considerarase escolarizado para todos os efectos, polo que as ausencias ao seu centro docente durante ese período de tempo se entenderán todas xustificadas.

m) A organización e a supervisión da atención educativa domiciliaria serán realizadas polo servizo territorial de Inspección Educativa correspondente.

3. Atención educativa hospitalaria.

a) De conformidade co artigo 25.2 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, será destinatario de atención educativa hospitalaria o alumnado que deba permanecer ingresado nun centro hospitalario, a tempo completo ou en hospitalización de día, nalgunha das seguintes situacións: a) Longa hospitalización: máis de trinta días. b) Media hospitalización: entre quince e trinta días. c) Curta hospitalización: menos de quince días. O alumnado de longa e media hospitalización será quen reciba atención educativa en coordinación co centro de orixe, mentres que o de curta hospitalización poderá realizar no centro hospitalario actividades educativas de carácter xeral.

b) O profesorado da atención educativa hospitalaria informará a nai, o pai ou as persoas titoras legais do alumnado hospitalizado da existencia e das características dese servizo, no cal o alumnado de longa e media hospitalización recibirá atención educativa en coordinación co centro docente, mentres que o de curta hospitalización realizará actividades educativas e lúdicas de carácter xeral. Igualmente, informará o servizo territorial de Inspección Educativa do seu horario, da coordinación cos centros docentes e do mantemento do vínculo coa aula ordinaria, da relación coas familias, da colaboración coas entidades e de todos os aspectos que considere de interese.

c) A atención educativa hospitalaria será prestada polo profesorado das aulas ou das unidades creadas ou autorizadas nos centros hospitalarios, a partir da solicitude da nai, do pai ou das persoas titoras legais do alumnado de media e longa hospitalización ao profesorado que atende esa unidade, e achegarase certificado médico en que figure a previsión do tempo de hospitalización.

d) O propio profesorado da unidade ou da aula hospitalaria remitirá unha copia dos documentos citados anteriormente ao centro docente de procedencia da alumna ou do alumno, no prazo máis breve posible.

e) A dirección do centro docente, por proposta do profesorado titor, remitiralle ao profesorado da unidade ou da aula hospitalaria, cunha frecuencia quincenal, a proposta de actividades elaborada polo equipo docente da alumna ou do alumno para a aula ordinaria. A partir desa proposta, o profesorado da aula educativa hospitalaria elaborará o seu plan de traballo.

f) A avaliación dese alumnado e as decisións de promoción e titulación, de ser o caso, serán competencia e responsabilidade do equipo docente do centro onde a alumna ou o alumno estean matriculados. Esas decisións considerarán a información facilitada polo profesorado da unidade ou da aula hospitalaria e seguirán os criterios xerais establecidos para cada nivel, ciclo ou etapa. En consecuencia, este profesorado remitiralle ao centro docente da alumna ou do alumno, cunha periodicidade trimestral ou, segundo o caso, ao finalizar esa atención educativa, un informe relativo ao desenvolvemento do proceso educativo nese servizo e a correspondente valoración.

g) O alumnado autorizado para recibir atención educativa hospitalaria considerarase escolarizado para todos os efectos, polo que as ausencias ao seu centro docente durante ese período de tempo se entenderán todas xustificadas.

h) Cando o alumnado beneficiario da atención educativa hospitalaria deba continuar a súa convalecencia no propio domicilio, poderá beneficiarse da atención educativa domiciliaria se cumpre os requisitos establecidos para esa atención. Nestes casos, o centro docente facilitaralle ao profesorado de atención educativa domiciliaria copia do informe do profesorado da atención educativa hospitalaria.

i) Ao finalizar cada curso escolar o profesorado da aula educativa hospitalaria elaborará unha memoria anual do traballo desenvolvido, que incluirá, entre outros aspectos, datos estatísticos do alumnado atendido e, de ser o caso, as propostas de mellora. Esta memoria será remitida ao servizo territorial de Inspección Educativa antes do 10 de xullo.

j) A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá establecer convenios con centros hospitalarios para o desenvolvemento desta atención.

4. Atención educativa virtual.

a) Será destinatario desta atención educativa virtual o alumnado vulnerable e o alumnado que por ter familiares conviventes vulnerables non acuda ao centro docente como consecuencia dunha emerxencia sanitaria e para o cal as comisións provinciais de seguimento, creadas para tal efecto, determinen como xustificada a súa ausencia. Neste caso, proporán a adopción das medidas necesarias para a adecuación da resposta educativa correspondente.

b) A atención educativa ao alumnado que non poida asistir ao centro realizaraa o profesorado de cada área, materia, ámbito ou módulo do centro docente en que estea matriculado e, no caso de imposibilidade apreciada pola dirección do centro, o equipo docente ou departamento didáctico correspondente.

c) No caso de que esta atención educativa non poida realizarse desde o centro docente, a dirección deberá comunicarllo ao servizo territorial de Inspección Educativa, que analizará os horarios do persoal do centro e emitirá o correspondente informe á xefatura territorial, no cal se proporá a atención educativa deste alumnado por parte do persoal do centro ou polo equipo provincial de atención virtual ao alumnado, a que se refire a alínea e) deste punto.

d) No caso de proposta de atención polo equipo provincial de atención virtual, a xefatura territorial emitirá unha resolución que concretará a máxima asignación horaria en función da etapa educativa da alumna ou do alumno e a duración desa atención. A resolución comunicaráselles ao equipo provincial de atención virtual e ao centro docente, que dará traslado desta resolución á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais da alumna ou do alumno.

e) O equipo provincial de atención virtual ao alumnado estará integrado por persoas profesionais docentes do corpo de mestres e mestras, e do corpo de profesorado de ensino secundario, para atender o alumnado da educación básica regulada no artigo 3.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

f) O alumnado da etapa de bacharelato que non poida ser atendido polo centro docente recibirá atención educativa na modalidade de educación a distancia mediante o traslado provisional de matrícula, mantendo a praza educativa no centro de procedencia.

g) O alumnado autorizado a recibir atención educativa virtual considerarase escolarizado para todos os efectos, polo que as ausencias ao seu centro docente durante ese período de tempo se entenderán todas xustificadas.

h) No momento en que o alumno ou a alumna se incorporen ao ensino presencial no centro docente, a dirección deste centro deberá comunicarllo á xefatura territorial.

Artigo 63. Atención educativa ao alumnado menor sometido a medidas de responsabilidade penal

1. O alumnado menor de idade sometido a medidas de responsabilidade penal terá a consideración de alumnado con necesidade específica de apoio educativo polas súas condicións persoais ou de historia escolar. No caso de que as decisións xudiciais afecten a súa escolarización, garantirase o seu dereito á educación e será obxecto da atención educativa que se estableza na correspondente resolución xudicial, segundo o disposto na normativa vixente.

2. O alumnado residente nos centros de menores recibirá unha atención educativa que favoreza o seu desenvolvemento persoal, contribúa á súa reinserción social e dea continuidade ao seu proceso educativo. Igualmente, de considerárense necesarias, ofreceránselle as medidas de atención á diversidade previstas nesta orde. Finalizado o réxime de internamento, garantirase a incorporación dese alumnado ao centro docente ordinario que lle corresponda.

3. O equipo docente do centro ordinario, coordinado polo profesorado titor e co asesoramento da xefatura do departamento de orientación, adoptará todas as medidas que promovan a súa inclusión.

Artigo 64. Atención educativa ao alumnado sometido a medidas de protección e tutela

1. O alumnado en situación de tutela, garda ou acollemento debe contar coas medidas de protección que garantan a súa escolarización e o seu desenvolvemento integral. Ese alumnado será considerado como alumnado con necesidade específica de apoio educativo polas súas condicións persoais ou de historia escolar.

2. Os centros docentes asegurarán a continuidade do proceso educativo dese alumnado, adoptando as medidas de atención á diversidade que procedan. Así mesmo, no deseño de actividades teranse en conta as que promovan a participación e o autocoñecemento, así como as que melloren a autoestima dese alumnado, aspectos necesarios para a súa inclusión.

Artigo 65. Atención educativa ao alumnado afectado por medidas de violencia de xénero e/ou acoso escolar

1. Considérase alumnado afectado por medidas de violencia de xénero aquel que o acredite nos termos que se establecen no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Na atención educativa deste alumnado terase en conta:

a) A súa consideración como alumnado con necesidade específica de apoio educativo polas súas condicións persoais ou de historia escolar.

b) A súa escolarización nos casos de cambio de centro docente.

c) A continuidade do seu proceso educativo, adoptando as medidas de atención á diversidade que procedan, así como o coidado de todos os aspectos que favorecen o seu desenvolvemento persoal e social.

2. De conformidade co artigo 28 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, considérase acoso escolar calquera xeito de vexación ou malos tratos continuados no tempo dunha alumna ou dun alumno por outro ou outra ou outros, sexa de carácter verbal, físico ou psicolóxico, incluído o illamento ou baleiro social, con independencia do lugar onde se produza. Terán a mesma consideración as condutas realizadas a través de medios electrónicos, telemáticos ou tecnolóxicos que teñan causa nunha relación que xurda no ámbito escolar. Na atención educativa deste alumnado terase en conta:

a) A súa consideración, para todos os efectos, como alumnado con necesidade específica de apoio educativo polas súas condicións persoais ou de historia escolar.

b) As situacións probadas de acoso escolar terán a consideración de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou faltas moi graves, polo que serán tratadas segundo o establecido na normativa correspondente.

c) Se as nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado acosado solicitan un cambio de centro, o servizo territorial da Inspección Educativa deberá constatar a efectiva concorrencia da situación alegada e, de ser o caso, propor as medidas necesarias para a inmediata escolarización noutro centro docente.

d) Os centros docentes incorporarán nos seus plans de convivencia actuacións destinadas á prevención, á detección e ao tratamento educativo das situacións de acoso escolar. Entre esas actuacións incluiranse campañas de sensibilización dirixidas a todos os membros da comunidade educativa e procesos de mediación.

Artigo 66. Atención educativa ao alumnado pertencente a familias itinerantes

1. Enténdese por alumnado pertencente a familias itinerantes aquel que, por razóns socioeconómicas da súa nai, do seu pai ou das persoas titoras legais, non pode asistir de xeito continuado ao mesmo centro docente, por ter que desprazarse entre diferentes localidades ao longo do curso escolar. Ese alumnado será considerado, para todos os efectos, alumnado con necesidade específica de apoio educativo polas súas condicións persoais ou de historia escolar.

2. A xefatura territorial correspondente garantirá a escolarización dese alumnado nos centros docentes do contorno a onde se despracen a súa nai, o seu pai ou as persoas titoras legais.

3. Os centros docentes prestarán atención especial á inclusión e á normalización do devandito alumnado, e porán ao seu dispor as medidas de atención á diversidade que precise, así como, de ser o caso, os servizos complementarios de transporte e comedor, nas condicións establecidas con carácter xeral para o resto do alumnado.

4. O cambio, por razóns de itinerancia, dun centro docente a outro durante o curso escolar realizarase segundo o establecido para os traslados de centro, polo que o centro de orixe deberá facilitar ao centro de destino, logo da petición deste, a información pertinente.

Artigo 67. Atención educativa ao alumnado procedente do estranxeiro

1. O alumnado procedente do estranxeiro terá a consideración de alumnado con necesidade específica de apoio educativo polas súas condicións persoais ou de historia escolar. Este alumnado poderá, se ten unha idade comprendida entre os tres anos e o límite da escolarización obrigatoria, participar nun grupo de adquisición de linguas e/ou nun grupo de adaptación da competencia curricular se presenta, respectivamente, descoñecemento das dúas linguas oficiais de Galicia e/ou desfasamento curricular de dous cursos ou máis con respecto ao que lle correspondería pola súa idade. A participación nestas medidas realizarase, respectivamente, segundo se dispón nos artigos 68 e 69 desta orde.

2. A escolarización do alumnado procedente do estranxeiro realizarase segundo o procedemento establecido na normativa que regula a admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

3. No momento da incorporación da alumna ou do alumno ao sistema educativo farase a avaliación inicial, que, de considerarse necesario, se complementará coa avaliación psicopedagóxica que realice a xefatura do departamento de orientación. Se tras esa avaliación se detecta que a alumna ou o alumno presentan un desfasamento curricular de máis de dous cursos, poderanse escolarizar no curso inmediatamente inferior ao que lle correspondería por idade, incorporándose ao curso correspondente á súa idade no caso de superar ese desfasamento. Estas circunstancias, de producirse, serán comunicadas ao servizo territorial de Inspección Educativa correspondente. Esta medida só se aplicará nas etapas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria, respectando que a alumna ou o alumno poidan rematar calquera desas etapas, dentro dos límites de idade establecidos.

4. Todas as medidas educativas de atención ao alumnado procedente do estranxeiro considerarán as súas necesidades e facilitarán a súa inclusión, o seu desenvolvemento e a súa socialización.

Artigo 68. Grupos de adquisición de linguas

1. Os grupos de adquisición de linguas son agrupamentos de alumnado de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e, excepcionalmente, do derradeiro curso de educación infantil que, procedendo do estranxeiro, descoñeza as dúas linguas oficiais de Galicia. Estes grupos teñen por finalidade o impulso dunha formación inicial específica nas linguas vehiculares do ensino, de xeito que se posibilite, canto antes, a súa incorporación nas actividades de aprendizaxe pertencentes ao curso en que estea escolarizado.

2. O alumnado indicado no punto anterior poderá formar parte dun grupo de adquisición de linguas un tempo máximo dun trimestre e o servizo territorial de Inspección Educativa poderá, logo da solicitude do centro docente, autorizar a ampliación excepcional dese período. En todo caso, antes de rematar o prazo para o cal fose concedida a súa participación no agrupamento, unha alumna ou un alumno poderá incorporarse ao seu grupo ordinario se o equipo docente considera superadas as necesidades educativas que motivaran esa medida.

3. O alumnado que forme parte dun grupo de adquisición de linguas deberá pertencer a unha mesma etapa educativa, sen necesidade de estar escolarizado no mesmo ciclo ou nivel, pero debe permanecer co seu grupo ordinario nas áreas, nas materias e nos momentos que máis favorezan a súa integración e a súa inclusión.

4. O horario semanal máximo de pertenza a un grupo de adquisición de linguas será de cinco períodos lectivos semanais no derradeiro curso da educación infantil; dez, no primeiro ciclo da educación primaria; vinte, no segundo e no terceiro ciclos da educación primaria; e vinte e catro, na educación secundaria obrigatoria. Estes períodos lectivos semanais deberanse reducir progresivamente a medida que o alumnado vaia progresando no dominio da lingua vehicular da aprendizaxe.

5. O profesorado encargado dos grupos de adquisición de linguas na educación secundaria obrigatoria pertencerá, preferentemente, ás especialidades de carácter lingüístico e deberá contar con dispoñibilidade horaria. En educación primaria e en educación infantil, de ser o caso, encargarase calquera mestra ou mestre da correspondente etapa que conte con dispoñibilidade horaria. Ese profesorado coordinarase co profesorado titor do grupo ordinario a que pertenza a alumna ou o alumno, co asesoramento da xefatura do departamento de orientación.

6. A avaliación das aprendizaxes específicas no grupo de adquisición de linguas será continua, realizaraa o profesorado encargado dese agrupamento e servirá de referente para a toma de decisións sobre o horario de permanencia nel. Non obstante, as sesións de avaliación realizaranse segundo o procedemento xeral que prevé a normativa de cada etapa, e poderá asistir a esas sesións, con voz e sen voto, o profesorado que realizou a intervención específica nese grupo.

7. As nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado que asista a un grupo de adquisición de linguas serán informadas polo profesorado titor sobre o seu progreso nas aprendizaxes específicas de tipo lingüístico, así como no relativo á súa inclusión no centro docente.

8. Para constituír un grupo de adquisición de linguas será necesaria a solicitude da dirección do centro docente ao servizo territorial de Inspección Educativa correspondente, achegando a seguinte documentación:

a) Informe xustificativo do profesorado titor.

b) Relación do alumnado que conforma o grupo, con indicación da etapa e do curso.

c) Relación do profesorado encargado da docencia do grupo.

d) Acreditación da información á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais.

e) Especificación do período de tempo para o cal se solicita o grupo, concretando o horario semanal e o tempo total para o cal se propón.

f) Programación ou plan de traballo para desenvolver no grupo de adquisición de linguas.

9. Compete ao servizo territorial de Inspección Educativa a autorización do grupo de adquisición de linguas segundo o modelo que figura no anexo X desta orde.

Artigo 69. Grupos de adaptación da competencia curricular

1. Os grupos de adaptación da competencia curricular son agrupamentos de alumnado do segundo e terceiro ciclos de educación primaria e/ou de educación secundaria obrigatoria que, procedendo do estranxeiro e non contando con adaptación curricular, presente un desfasamento curricular de dous ou máis cursos con respecto ao que lle correspondería polo grupo en que estea escolarizado nas áreas ou materias instrumentais de Lingua Galega e Literatura, de Lingua Castelá e Literatura, e de Matemáticas. A súa finalidade é contribuír, o máis rapidamente posible, a unha competencia curricular que lle permita a plena incorporación ás actividades de aprendizaxe propostas ao grupo en que estea escolarizado.

2. Decidirase a conformación dun grupo de adaptación da competencia curricular cando, a partir da avaliación inicial, realizada no momento da incorporación do alumnado ao sistema educativo galego e que pode complementarse coa avaliación psicopedagóxica, se verifique o desfasamento curricular indicado no punto anterior e se considere a medida máis adecuada para a inclusión dese alumnado e para o seu desenvolvemento curricular.

3. A permanencia do alumnado nestes grupos, que se poderá estender ao longo de todo o curso escolar, levarase a cabo nunha fracción da xornada escolar semanal, coincidindo coas áreas ou materias de carácter instrumental. Esta permanencia non poderá exceder os oito períodos lectivos semanais no segundo e no terceiro ciclos de educación primaria, e dez, na educación secundaria obrigatoria, nin abranguer a totalidade do horario semanal de cada unha das áreas ou das materias con que coincide. Non obstante, o alumnado incorporarase plenamente ao seu grupo ordinario no momento en que o equipo docente considere superadas as necesidades educativas que motivaran esa medida.

4. O alumnado que forme parte dun grupo de adaptación da competencia curricular deberá pertencer a unha mesma etapa educativa, sen necesidade de estar escolarizado no mesmo nivel ou ciclo.

5. O profesorado encargado dos grupos de adaptación da competencia curricular en educación primaria será calquera mestra ou mestre que conte con dispoñibilidade horaria. En educación secundaria obrigatoria o profesorado que atenda estes grupos pertencerá, preferentemente, ás especialidades das materias instrumentais que se van desenvolver no referido grupo e deberá contar con dispoñibilidade horaria. Este profesorado manterá unha estreita coordinación co profesorado titor do grupo ordinario a que pertenza a alumna ou o alumno, e contará co asesoramento da xefatura do departamento de orientación. Igualmente, asistirá ás sesións de avaliación do alumnado do grupo que atende, con voz e sen voto. A avaliación deste alumnado corresponde ao equipo docente do grupo ordinario.

6. A nai, o pai ou as persoas titoras legais do alumnado que asiste a un grupo de adaptación da competencia curricular serán informadas polo profesorado titor sobre esta medida, sobre o seu progreso na superación do desfasamento curricular e sobre a súa inclusión no centro docente.

7. A conformación ou constitución dun grupo de adaptación da competencia curricular, así como o procedemento para a súa solicitude e a súa autorización, realizarase segundo o anexo XI e de acordo co disposto para os grupos de adquisición de linguas no artigo 68 desta orde.

Artigo 70. Atención educativa a mozas embarazadas

1. A atención educativa a mozas embarazadas enmárcase nas medidas de promoción da escolarización e da formación que se establecen no Decreto 229/2011, do 7 de decembro. Esta atención está destinada a facilitar o proceso educativo das menores durante o seu embarazo e nos dous anos posteriores ao parto, e recóllense, entre outras, as seguintes medidas:

a) A alumna afectada por embarazo será considerada, para todos os efectos, como alumna con necesidade específica de apoio educativo polas súas condicións persoais ou de historia escolar.

b) Os centros docentes facilitarán a asistencia ás probas prenatais ás persoas proxenitoras, adecuando os procesos de ensino e de aprendizaxe ás súas necesidades.

c) A menor de idade terá dereito a atención educativa domiciliaria, regulada no artigo 62 desta orde, se durante o proceso de xestación precisa repouso, por prescrición médica.

d) Os centros docentes, durante o proceso de xestación, posterior maternidade e ata os dous anos de idade da filla ou do fillo, adaptarán as datas e o horario das probas de avaliación das persoas proxenitoras.

e) Potenciarase, por parte do equipo docente e coa colaboración do departamento de orientación, a comunicación e o mantemento do vínculo co ámbito educativo, procurando asegurar a permanencia da moza embarazada no sistema educativo, evitando un posible abandono escolar temperán.

f) Cando a asistencia ao centro docente non poida ser continuada por mor do embarazo, do parto ou do coidado da súa filla ou do seu fillo menor de dous anos, propiciarase o uso de medios telemáticos que permitan seguir con aproveitamento o desenvolvemento dos procesos de ensino e de aprendizaxe. Igualmente, de ser o caso, podería continuar na modalidade de educación a distancia mediante o traslado provisional de matrícula, mantendo a praza educativa no centro de procedencia.

g) O departamento de orientación informará a menor embarazada das redes de apoio existentes no seu contorno.

h) Facilitaranse as entradas e saídas ao centro docente da menor de idade para a lactación da súa filla ou do seu fillo ata os dous anos de idade. De ser o caso, ofreceráselle a posibilidade de levar a cabo a lactación nunha dependencia do centro docente que cumpra as condicións de privacidade e tranquilidade.

2. As ausencias ao centro docente por motivo de actividades de preparación do parto, así como as derivadas deste, da atención e da asistencia médica da filla ou do fillo, terán a consideración de faltas xustificadas.

Sección 3ª. Plan xeral de atención á diversidade

Artigo 71. Concepto de Plan xeral de atención á diversidade

De conformidade co artigo 10 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, o Plan xeral de atención á diversidade é o documento en que se articula a atención á diversidade a que se refire o artigo 121.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Neste plan concretaranse todas as actuacións e medidas de atención á diversidade que un centro docente deseña e desenvolve para adecuar a resposta educativa ás necesidades da totalidade do seu alumnado.

Artigo 72. Contido e estrutura do Plan xeral de atención á diversidade

1. O Plan xeral de atención á diversidade representa o deseño e a organización dun centro docente, dentro da súa autonomía e segundo as súas características, para atender, considerando os principios de equidade e inclusión, a totalidade do seu alumnado. En consecuencia, no Plan xeral de atención á diversidade deben facerse explícitas as circunstancias do centro docente, o xeito de entender e de atender as singularidades de cada alumna e de cada alumno, o conxunto de medidas e/ou programas con que conta para facer realidade a equidade en contextos metodolóxicos inclusivos, a optimización na distribución e/ou organización dos recursos, o compromiso de asesoramento e de colaboración coas familias e as formas de realizar o seguimento e a avaliación de todos os seus plans, proxectos e/ou programas.

2. A estrutura do Plan xeral de atención á diversidade axustarase, cando menos, ao que se dispón no artigo 12 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro.

Artigo 73. Procedemento de elaboración e aprobación do Plan xeral de atención á diversidade

1. A elaboración do Plan xeral de atención á diversidade, de conformidade co artigo 11 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, é competencia do departamento de orientación de cada centro docente, de acordo coas directrices da comisión de coordinación pedagóxica e as achegas dos distintos equipos e/ou departamentos.

2. A aprobación do Plan xeral de atención á diversidade compete ao consello escolar do centro docente, logo da proposta do claustro do profesorado, entendendo esta proposta como informe favorable. Logo de aprobado, o Plan xeral de atención á diversidade pasará a formar parte do proxecto educativo do centro.

Artigo 74. Concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade

1. Por concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade enténdese o desenvolvemento anual que cada centro docente realiza dese plan.

2. A proposta de concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade será elaborada, para cada curso académico, polo departamento de orientación do centro docente. Esta proposta entregarase á dirección do centro docente para a súa incorporación á programación xeral anual.

Artigo 75. Seguimento e avaliación do Plan xeral de atención á diversidade

1. O seguimento e a avaliación do Plan xeral de atención á diversidade realizarase, para cada curso académico, sobre a concreción anual do dito plan. Só se modificará o Plan xeral de atención á diversidade no caso de que as propostas de mellora, recollidas na memoria anual do dito plan, así o consideren. Neste caso, esa modificación debe seguir o mesmo procedemento que a elaboración e a aprobación do propio Plan xeral de atención á diversidade.

2. O seguimento da concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade será realizado trimestralmente polo departamento de orientación do centro docente. Os informes de seguimento daranse a coñecer ao claustro do profesorado e entregaranse á dirección do centro docente para a súa incorporación ao seguimento que se realice da programación xeral anual.

3. A avaliación da concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade será realizada ao finalizar cada curso escolar polo departamento de orientación do centro docente. O informe desa avaliación darase a coñecer ao claustro de profesorado e entregarase á dirección do centro docente para a súa incorporación á memoria anual do centro.

Artigo 76. Supervisión do Plan xeral de atención á diversidade e da súa concreción anual

A supervisión dos procesos de elaboración, desenvolvemento e avaliación do Plan xeral de atención á diversidade e da súa concreción anual corresponde aos servizos territoriais de Inspección Educativa. Igualmente, corresponde a eses servizos o asesoramento que necesiten os centros docentes para eses procesos.

CAPÍTULO V

Recursos para a equidade e a inclusión

Artigo 77. Dereito aos recursos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade garante unha equitativa distribución dos recursos no sistema educativo, por entender que son un dereito do alumnado e unha forma de contribuír á calidade educativa, á atención á diversidade e á inclusión. Entre eses recursos, como se dispón no capítulo VI do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, están os recursos materiais e os recursos humanos.

Artigo 78. Recursos materiais

1. Os centros docentes contarán co equipamento material necesario para atender as necesidades educativas da totalidade do alumnado que escolarizan. Entre ese equipamento considérase a accesibilidade ás súas instalacións e/ou dependencias.

2. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade dotará dos servizos materiais complementarios adaptados o alumnado con necesidade específica de apoio educativo que os precise. Esa necesidade deberá acreditarse nos informes e/ou ditames correspondentes, nos termos e polos procedementos dispostos nesta orde.

3. Os centros docentes supervisarán o uso que o alumnado fai dos servizos materiais complementarios adaptados a que se refire o punto anterior. Os recursos que o alumnado xa non empregue, segundo se dispón no artigo 84 desta orde, trasladaranse aos centros de educación especial da área de influencia do centro ordinario e pasarán a formar parte do seu banco de recursos.

Artigo 79. Recursos profesionais

1. Os centros docentes contarán coas persoas profesionais especializadas que necesiten para atender as necesidades educativas da totalidade do alumnado que escolarizan.

2. A proposta de atención ao alumnado por parte do profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica ou de Audición e Linguaxe realizarase segundo se dispón no artigo 57 desta orde.

3. Entre os recursos profesionais para atender a diversidade considérase o persoal auxiliar coidador, o persoal intérprete de lingua de signos e todas as persoas profesionais específicas que integran os centros de educación especial.

Artigo 80. O persoal auxiliar coidador como recurso

1. O persoal auxiliar coidador enténdese como un recurso profesional de apoio aos centros docentes para atender o alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado no segundo ciclo de educación infantil, en educación primaria, en educación secundaria obrigatoria e, excepcionalmente, en educación secundaria postobrigatoria que presente algunha das seguintes características:

a) Necesidade de ser acompañado en todos ou en parte dos seus desprazamentos.

b) Necesidade de asistencia na súa hixiene e aseo.

c) Necesidade de asistencia imprescindible na súa alimentación.

d) Necesidade de cambios posturais frecuentes ao longo da xornada escolar para os cales careza da autonomía necesaria.

e) Ausencia de hábitos básicos de autonomía e de vida en sociedade.

2. O persoal auxiliar coidador destinado á atención do alumnado indicado no punto anterior terá as seguintes funcións:

a) Atender o alumnado nas entradas e saídas do centro docente; nos hábitos de hixiene, aseo e alimentación; nos recreos, xogos e tempos de lecer; nos cambios de actividade e nas demais necesidades análogas, potenciando nel a súa autonomía e inclusión. Esas atencións tamén se estenden ás noites no caso de alumnado internado en centros de educación especial.

b) Realizar os cambios e o control postural que ese alumnado necesite.

c) Facilitar os traslados polos espazos do centro.

d) Contribuír ao seu coidado durante todo o período lectivo, mesmo dentro da aula cando resulte necesario.

e) Colaborar na atención dese alumnado durante o tempo de recreo, xogo e/ou lecer.

f) De ser o caso, atender o alumnado durante o servizo de comedor, así como no tempo inmediatamente anterior e posterior a ese servizo.

g) Nos casos excepcionais en que resulte necesario, acompañar na ruta escolar o alumnado que requira da presenza do persoal auxiliar coidador.

h) Colaborar nas actividades complementarias en que participe a alumna ou o alumno.

i) Participar, logo da debida convocatoria, nas reunións en que se aborden temas relacionados co alumnado que atende, colaborando nas liñas de coordinación establecidas polos equipos docentes que correspondan e polo departamento de orientación.

j) Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

3. A intervención profesional do persoal auxiliar coidador será gradual, de maior a menor atención, en función do nivel de autonomía que o alumnado que atende vaia adquirindo.

4. A ratio máxima de persoal auxiliar coidador e alumnado con necesidades educativas especiais non excederá 1/6, tendo en conta as necesidades de atención do alumnado.

Artigo 81. Intérpretes de lingua de signos e guías-intérpretes de persoas con xordocegueira nos centros docentes

1. As persoas intérpretes de lingua de signos e guías-intérpretes de persoas con xordocegueira constitúen un recurso extraordinario de apoio aos centros docentes que escolarizan alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a discapacidade auditiva e/ou xordocegueira, en grao severo ou profundo, e escolarizado no segundo ciclo de educación infantil, en educación primaria, en educación secundaria obrigatoria, en educación secundaria postobrigatoria e nas ensinanzas de persoas adultas.

2. As persoas intérpretes de lingua de signos e guías-intérpretes de persoas con xordocegueira poderán desenvolver nos centros docentes, no ámbito das súas actuacións, as seguintes funcións:

a) Normalizar a situación da comunicación para facilitar o acceso ao currículo do alumnado con discapacidade auditiva e/ou xordocegueira, favorecendo a súa comunicación cos membros da comunidade educativa.

b) Colaborar cos equipos docentes e con outras persoas profesionais que interveñan no proceso educativo do alumnado con discapacidade auditiva e/ou xordocegueira, favorecendo a súa inclusión e a eliminación de barreiras á comunicación, tanto mediante a utilización da lingua de signos como colaborando no uso doutros sistemas aumentativos e/ou alternativos de comunicación.

c) Establecer, cos equipos docentes e co departamento de orientación, canles de coordinación que posibiliten a adaptación das programacións didácticas e de aula ás necesidades educativas específicas do alumnado con discapacidade auditiva e/ou xordocegueira.

d) Colaborar na formación especializada dos equipos docentes e do resto de persoas profesionais que interveñen no proceso educativo do alumnado con discapacidade auditiva e/ou xordocegueira.

e) Desenvolver canles de colaboración coas familias, así como con entidades, asociacións ou organizacións relacionadas co alumnado con discapacidade auditiva e/ou xordocegueira, de acordo cos criterios que se establezan no Plan xeral de atención á diversidade.

f) Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

3. As persoas intérpretes de lingua de signos e guías-intérpretes de persoas con xordocegueira elaborarán un plan de intervención, segundo as liñas establecidas no Plan xeral de atención á diversidade, así como unha memoria anual, que se incluirá na memoria anual do antedito plan.

Artigo 82. Solicitude e continuidade do persoal auxiliar coidador e do persoal intérprete da lingua de signos

1. A solicitude inicial para a dotación do persoal auxiliar coidador e/ou do persoal intérprete da lingua de signos realizarase na primeira quincena do mes de maio, xunto co ditame de escolarización en que se xustifique a necesidade deste recurso. Excepcionalmente, poderán realizarse solicitudes fóra dese prazo por causas debidamente xustificadas.

2. A continuidade deste persoal deberá revisarse todos os cursos, durante o mes de maio, e mediante unha solicitude de continuidade, xunto cun informe realizado polo departamento de orientación en que se xustifique a necesidade.

3. Para a resolución da dotación, a xefatura territorial que corresponda poderá requirir ao equipo de orientación específico a elaboración dun ditame complementario ao emitido pola xefatura do departamento de orientación, e terá en consideración o informe do servizo territorial de Inspección Educativa.

4. O equipo directivo do centro docente, co asesoramento da xefatura do departamento de orientación, será o responsable de organizar o horario deste persoal.

5. O persoal auxiliar coidador e o persoal intérprete da lingua de signos é un recurso ao dispor do centro docente, non un recurso unipersoal. En consecuencia, este persoal poderá prestar atención a varios alumnos e alumnas, en función do seu horario laboral e das necesidades que presente cadaquén. En todo caso, a atención que se preste ao alumnado que atenda estará en función do que figure nos ditames de escolarización emitidos polos servizos de orientación.

Artigo 83. A familia como recurso

1. As nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado considéranse un recurso imprescindible no que representa o desenvolvemento integral das alumnas e dos alumnos, polo que deberán colaborar na promoción da súa autonomía, do seu esforzo, da súa autoestima, do seu autoconcepto, da súa participación social, da súa vida en convivencia democrática e de todo o que contribúa ao seu desenvolvemento harmónico. Igualmente, colaborarán nos procesos da avaliación inicial e da avaliación psicopedagóxica, cando sexan requiridas.

2. Os centros docentes deseñarán e desenvolverán iniciativas ou programas escola-familia que faciliten formación e o asesoramento ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais do alumnado no que atinxe ao seu labor educativo e á súa colaboración e participación na vida dos propios centros.

Artigo 84. Os centros de educación especial como centros de referencia e apoio

1. Os centros de educación especial que determine a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ademais do seu labor na escolarización de determinado alumnado con necesidades educativas especiais, como se establece no capítulo III desta orde, constituiranse como centros de referencia e apoio, ou centros de recursos específicos, de conformidade co artigo 20 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro.

2. En canto que centros de referencia e apoio, estes centros de educación especial desenvolverán as seguintes funcións:

a) Actuar de repositorio de material bibliográfico e tecnolóxico especializado, así como de equipamento específico para determinadas discapacidades.

b) Asesorar os centros docentes ordinarios nas respostas educativas inclusivas para o alumnado con necesidades educativas especiais. Este asesoramento estenderase ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais dese alumnado.

c) Colaborar cos centros docentes ordinarios na utilización de recursos tecnolóxicos, especialmente no que ten que ver cos sistemas aumentativos e/ou alternativos de comunicación.

d) Coordinarse co equipo de orientación específico correspondente, tanto na difusión do material específico con que contan como no xeito de pólo ao dispor do alumnado con necesidades educativas especiais dos centros docentes ordinarios.

3. Nos centros de educación especial que funcionen como centros de referencia e apoio constituirase un equipo de recursos, conformado por unha persoa do equipo directivo, a xefatura do departamento de orientación e o profesorado que determine a dirección do centro. Ese equipo encargarase de dar cumprimento ás funcións indicadas no punto anterior, elaborando os protocolos necesarios para o seu desenvolvemento, protocolos que difundirá entre os centros docentes e os equipos de orientación específicos. Igualmente, ese equipo será o responsable de inventariar e realizar o seguimento de todo o material que conforma o seu repositorio.

4. O procedemento para o acceso ou o uso do material específico dos centros de educación especial que funcionen como centros de referencia e apoio, por parte de alumnado con necesidades educativas especiais dos centros docentes ordinarios, é o seguinte:

a) Solicitude do material necesario por parte da dirección do centro docente ordinario ao servizo territorial de Inspección Educativa, xunto cun informe xustificativo realizado pola xefatura do departamento de orientación.

b) Valoración do solicitado por parte do equipo de orientación específico, por petición da persoa inspectora coordinadora do equipo.

c) Resolución do servizo territorial de Inspección Educativa sobre o solicitado e traslado desa resolución ao centro solicitante e ao centro de educación especial.

5. De ser o caso, ben porque a alumna ou o alumno xa non o precisen, ou ben porque abandonasen o sistema educativo, o material específico do centro de educación especial que se facilitase a alumnado con necesidades educativas especiais dos centros docentes ordinarios devolverase ao correspondente centro de educación especial. En consecuencia, a alumna ou o alumno manterán o recurso mentres permanezan no sistema educativo.

6. Ao remate de cada curso escolar, o equipo de recursos de cada centro de educación especial elaborará unha memoria na cal recolla as accións desenvolvidas como centro de recursos. Esa memoria trasladarase, por parte da dirección do centro, ao servizo territorial de Inspección Educativa, á xefatura territorial da Consellería e á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Artigo 85. Organización das ensinanzas nos centros de educación especial

1. De conformidade co artigo 20 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, as ensinanzas nos centros de educación especial e nas unidades de educación especial abordarán unha educación básica obrigatoria e unha formación profesional adaptada e de transición á vida adulta.

2. A educación básica obrigatoria terá unha duración mínima de dez anos e centrarase no desenvolvemento dos obxectivos e das competencias no grao en que as características persoais do alumnado o posibiliten, podendo incorporar formación adaptada ás necesidades do alumnado, que promovan a adquisición das aprendizaxes para facilitar a súa transición á vida adulta. Esta educación terá en conta o seguinte:

a) Terá como referente, con carácter xeral, o currículo da ensinanza en que a alumna ou o alumno estean matriculados. As áreas ou materias do currículo poderanse agrupar, de ser o caso, en ámbitos de coñecemento.

b) Na adaptación curricular do alumnado priorizaranse os obxectivos directamente relacionados coa comunicación, a autonomía persoal e o desenvolvemento social, considerando, en todo caso, a funcionalidade das aprendizaxes.

c) A avaliación das aprendizaxes do alumnado efectuarase segundo a normativa pola cal se establece o currículo e se regula a ordenación das etapas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria, así como as normas polas cales se concreta a avaliación e a promoción desas etapas. En todo caso, os referentes da avaliación do alumnado con adaptación curricular serán os incluídos na devandita adaptación, sen que isto poida impedirlles a promoción ou a titulación.

d) Ao finalizar a escolarización, o alumnado recibirá, xunto coas cualificacións, un consello orientador en que conste o grao de adquisición das competencias, as medidas de atención á diversidade aplicadas e os programas formativos en que participou. Correspóndelle ao profesorado titor, coa participación da xefatura do departamento de orientación, a elaboración deste consello orientador.

e) A ratio nestas ensinanzas será, con carácter xeral, de cinco alumnas ou alumnos en cada unidade.

3. A formación profesional adaptada ten como finalidade a adquisición de competencias profesionais e de habilidades para a vida diaria que permitan ao alumnado desenvolverse coa máxima autonomía posible nos ámbitos persoal, social e laboral, e terá en conta o seguinte:

a) As ofertas específicas van destinadas ao alumnado cuxa inclusión en ofertas ordinarias non sexa posible e cuxas necesidades non poidan ser atendidas no marco das medidas de atención á diversidade, e poderá escolarizarse nelas nas condicións que determine a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

b) Estas ensinanzas incluirán módulos asociados a unidades de competencia incluídos nalgún título de formación profesional básica, cuxa superación terá carácter acumulable para a obtención do dito título, podendo incorporar formación adaptada ás necesidades do alumnado, que promovan a adquisición das aprendizaxes para facilitar a súa transición á vida adulta.

4. O alumnado escolarizado en educación básica obrigatoria ou en formación profesional adaptada, a que se refiren os puntos anteriores, poderá complementar, dentro do horario lectivo, a súa formación con programas de formación para a transición á vida adulta. No desenvolvemento destes programas terase en conta:

a) Poderán cursarse a partir dos 16 anos de idade, feitos no ano natural en que comeza o curso escolar.

b) Estarán orientados ao desenvolvemento e á promoción da autonomía, e á inclusión social e laboral.

c) Desenvolveranse nos seguintes ámbitos:

1º. De autonomía persoal na vida diaria.

2º. De inclusión social e comunitaria.

3º. De orientación e formación laboral.

4º. De formación orientada ao desempeño profesional.

d) A superación da formación do programa acreditarase mediante certificación.

5. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá convocar un proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través dos programas de transición á vida adulta a que se refire o punto anterior deste artigo.

6. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá asinar acordos de colaboración con outras administracións, institucións ou asociacións para o desenvolvemento das ensinanzas reguladas neste artigo.

CAPÍTULO VI

Participación, colaboración e coordinación

Artigo 86. A participación, a colaboración e a coordinación como principios

1. De conformidade co capítulo VII do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, e co artigo 4 desta mesma orde, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade debe promover a participación de todos os sectores que colaboran na educación do alumnado, así como a coordinación das súas actuacións, polo valor educativo que teñen eses aspectos e por entender que na educación debe participar o conxunto da sociedade.

2. Os proxectos educativos dos centros docentes teñen que considerar a atención á diversidade como un labor compartido coas familias e coas administracións, entidades, asociacións e outras organizacións sen ánimo de lucro que teñan entre as súas competencias e/ou fins a prevención, a detección temperá e, de ser o caso, a intervención educativa con determinados alumnos e alumnas.

Artigo 87. A participación e a colaboración das familias

1. Corresponde a cada centro docente promover a participación das familias na vida do propio centro, así como establecer os espazos e os modos desa participación. Estes aspectos concretaranse, cando menos, nas normas de organización, funcionamento e convivencia. Esa participación esténdese tanto ás familias consideradas de xeito individual como á organización que poidan ter, como asociacións de nais e pais do alumnado.

2. É un deber das nais, dos pais ou das persoas titoras legais compartir o esforzo educativo, colaborando co centro docente, en xeral, e co profesorado, en particular, en todo o que teña que ver coa educación das súas fillas e dos seus fillos. En especial, deberán colaborar nos ámbitos referidos á mellora da autonomía, do esforzo, da autoestima e da convivencia. Igualmente, colaborarán nos procesos da avaliación inicial do alumnado e, de ser o caso, das avaliacións psicopedagóxicas, nos termos que establezan, respectivamente, os equipos docentes e a xefatura do departamento de orientación.

3. Considérase a función titorial do profesorado como o aspecto con maior potencial para a integración das familias na práctica educativa. En consecuencia, os centros docentes deben promover as medidas que corresponda para que as nais, os pais ou as persoas titoras legais reciban información e asesoramento sobre o seu labor educativo, sobre a comunicación co profesorado e sobre a súa participación na vida do centro. Na programación xeral anual deberán concretarse as iniciativas destinadas a esas finalidades.

Artigo 88. A participación, a colaboración e a coordinación de entidades, asociacións e outras organizacións sen ánimo de lucro relacionadas coa atención á diversidade

1. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promoverá o establecemento, coas distintas administracións, entidades, asociacións e outras organizacións sen ánimo de lucro, dos convenios e/ou acordos necesarios para ordenar e aproveitar as potencialidades de cadaquén e ofrecer seguridade ao conxunto do sistema. Igualmente, deseñará e difundirá as guías e protocolos que considere necesarios para orientar e axustar a atención educativa á diversidade de circunstancias, situacións e realidades das alumnas e dos alumnos.

2. Os centros docentes, considerando o indicado no punto anterior, concretarán coas distintas administracións, entidades, asociacións e outras organizacións sen ánimo de lucro os espazos de participación e colaboración. A promoción e a coordinación desa participación e colaboración corresponderá aos centros docentes.

Artigo 89. A coordinación entre profesorado

1. A coordinación das actividades docentes figura entre as numerosas funcións do profesorado. En consecuencia, os centros docentes deben articular a coordinación do seu profesorado, nun ámbito tanto vertical, a través dos equipos de ciclo e/ou departamentos didácticos, como horizontal, a través dos equipos de nivel e dos equipos docentes.

2. A liña metodolóxica do profesorado debe considerar a realidade do alumnado, as súas necesidades, de xeito que sexan os equipos docentes os que se adapten ás circunstancias de cada alumna e de cada alumno. A xefatura de estudos dos centros docentes promoverá a coordinación do profesorado, dentro do respecto aos seus dereitos individuais.

Artigo 90. A coordinación entre centros docentes

1. A coordinación entre os centros docentes considérase un mecanismo de inclusión do alumnado, polo seu valor no coñecemento e no axuste inicial á realidade de cada alumna e de cada alumno. En consecuencia, os centros docentes deben deseñar actuacións destinadas a facilitar e/ou a obter ese coñecemento inicial.

2. Ademais do disposto no artigo 40 desta orde, cando unha alumna ou un alumno se trasladen dun centro docente a outro, o centro de procedencia debe facilitar ao de destino a información relevante sobre o proceso educativo da alumna ou do alumno, sobre a metodoloxía seguida e sobre as medidas de atención á diversidade coas cales contou. Esa información trasladarase, de ser o caso, segundo o disposto na normativa que regula a avaliación e/ou os procesos de admisión do alumnado. Nos demais casos, a información que se traslade respectará o disposto nas normas que regulan a protección de datos de carácter persoal, en especial o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e trasladarase do centro de orixe ao de destino a través da nai, do pai ou das persoas titoras legais.

3. O centro de destino do alumnado tratará a información recibida do centro de procedencia coa debida confidencialidade e con respecto á protección de datos de carácter persoal.

4. Os departamentos de orientación dos centros docentes deberán asesorar sobre os procesos de coordinación entre centros, especialmente entre os centros adscritos e os de adscrición, para os efectos de escolarización. No Plan xeral de atención á diversidade deberán concretar os mecanismos de coordinación, así como a información que deba trasladarse dun centro ao outro.

CAPÍTULO VII

O desenvolvemento social e emocional do alumnado.
A protección e a promoción do talento

Artigo 91. Dereito ao desenvolvemento integral

1. O desenvolvemento das alumnas e dos alumnos require unha consideración global, unha abordaxe que atenda todos os ámbitos, non só o curricular. En consecuencia, os centros docentes deben incorporar ese tratamento integral nos seus proxectos educativos e nos plans e/ou programas que os desenvolven.

2. No desenvolvemento integral do alumnado ocupa un lugar prioritario todo o que afecta o seu desenvolvemento social e o seu desenvolvemento emocional, aspectos que contribúen significativamente na conformación da identidade persoal de cadaquén.

Artigo 92. Desenvolvemento social

O desenvolvemento social das nenas e dos nenos, como o da totalidade das persoas, é o que dá lugar á mellora continua das súas condicións de vida, tanto as de tipo asistencial como as de tipo relacional. Por iso, na promoción dese desenvolvemento débense considerar, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Alimentación, vestido e vivenda.

b) Saúde e atención sanitaria.

c) Educación e relacións intrapersoais e interpersoais.

d) Traballo e salario digno.

e) Participación social.

Artigo 93. O sistema educativo como axente de socialización

A escola, o sistema educativo, é un axente de socialización por excelencia. De aí que a interpretación que realice da educación debe abranguer tanto os aspectos da instrución como os da formación. En consecuencia, no proxecto educativo, así como nos documentos de xestión e organización do centro docente, débense incluír iniciativas destinadas a promover a socialización do alumnado.

Artigo 94. Desenvolvemento emocional

1. O desenvolvemento emocional das persoas está conformado polos seus sentimentos e contribúe, en coordinación coa parte racional, ao desenvolvemento de cada persoa, aspecto que incide de xeito moi salientable na construción da propia identidade, no desenvolvemento integral.

2. Na conformación do desenvolvemento emocional participan o autocoñecemento, a autoestima, a seguridade, o apego e a confianza que cada persoa ten en si mesma e no contorno onde vive.

Artigo 95. O desenvolvemento emocional no sistema educativo

1. A escola é un recurso excelente na conformación dun desenvolvemento emocional satisfactorio, harmónico e gratificante. De aí que esa escola, onde se invisten moitas enerxías e moitos recursos na educación da parte racional da persoa, ten que dedicar as mesmas enerxías e os mesmos recursos á xestión emocional das alumnas e dos alumnos, de xeito que ambas as partes da mente, a racional e a emocional, vaian á par e de xeito colaborativo.

2. Para contribuír a un desenvolvemento emocional harmónico, a escola ten que considerar o desenvolvemento das emocións en todas as súas actuacións, tanto no currículo formal como no currículo non formal, e tanto no desenvolvemento das emocións do alumnado como no das do profesorado. En consecuencia, a escola no seu conxunto e o profesorado en particular teñen que ser o modelo polo que o alumnado aprenda, entre outras cousas, a:

a) Identificar as emocións propias e as das demais persoas.

b) Regular as propias emocións e as súas manifestacións, incrementando a capacidade de reflexión e de análise.

c) Confiar en si mesmo e nas demais persoas, exercitando hábitos positivos fronte ás situacións da vida real, dentro do respecto ás demais persoas e da colaboración con elas.

d) Desenvolver actitudes empáticas coas compañeiras, cos compañeiros, co profesorado, co persoal non docente e coa sociedade no seu conxunto.

e) Potenciar e axustar a súa autoestima, mellorar a súa autonomía e asumir a súa responsabilidade.

3. O desenvolvemento emocional desde o sistema educativo débese orientar cara á autorregulación emocional, polo que debe ter moi en conta as estratexias de modelaxe, onde hai que coidar todo o relacionado coa aprendizaxe vicaria, nun ambiente de harmonía, positivismo e colaboración. Este tratamento educativo das emocións debe formar parte do desenvolvemento do currículo, desde o comezo da escolarización do alumnado, como un elemento transversal.

Artigo 96. O talento e a diversidade

1. Todas as persoas teñen aptitudes en que destacan máis que noutras. É labor do sistema educativo identificar as habilidades ou competencias das alumnas e dos alumnos, non só as de tipo instrutivo, pois na protección e na promoción dos talentos de todas e de todos se asenta unha gran parte da inclusión educativa e do desenvolvemento persoal.

2. Os departamentos de orientación deben asesorar a totalidade do sistema educativo para identificar os talentos, para os protexer e para os desenvolver. Este labor deben facelo considerando tanto programas proactivos propios como actuacións cos equipos docentes e/ou departamentos.

Artigo 97. O cambio de paradigma do «non é capaz» ao «é capaz»

1. Unha verdadeira atención á diversidade lograrase cando os centros docentes, e toda a sociedade, modifiquen vellas expresións centradas na falta de competencia por outras centradas nas competencias de cada persoa, pois é na competencia real de cadaquén onde se asentan os novos coñecementos, as novas aprendizaxes.

2. Os departamentos de orientación deben deseñar accións que contribúan ao cambio da expresión «esta alumna ou este alumno non son capaces de» por «esta alumna ou este alumno son capaces de», contribuíndo á visibilidade e á expresión en positivo do seu potencial. En consecuencia, as medidas individuais de atención á diversidade deben considerar e promover os talentos de cada alumna e de cada alumno, tanto por ser un dereito de cada persoa como polo potencial de estímulo educativo que comporta.

CAPÍTULO VIII

O desenvolvemento persoal e profesional do profesorado.
Formación, innovación e calidade

Artigo 98. O centro docente como espazo para o desenvolvemento do profesorado

1. Os centros docentes, ademais de seren espazos para contribuír á formación integral do alumnado, teñen que ser organizacións onde o profesorado e todo o persoal que os conforma se poidan desenvolver día a día, tanto desde o punto de vista persoal como desde o profesional, por seren aspectos necesarios para o benestar e para o traballo compartido, e con estándares de auténtica calidade.

2. As iniciativas que os centros docentes adopten para promoveren o desenvolvemento do profesorado deben ter o seu fundamento no proxecto educativo do centro, cando menos nas súas finalidades educativas e no estilo pedagóxico, e deben facerse realidade na súa estrutura organizativa.

Artigo 99. O profesorado e o seu desenvolvemento como persoa

1. O profesorado, como profesional, é o responsable de guiar o proceso de ensino e de aprendizaxe do alumnado, pero iso non debe facerse sen atender ao seu propio desenvolvemento como persoa.

2. Para contribuír ao desenvolvemento persoal do profesorado, a dirección do centro docente debe ter en consideración, tanto no plano organizativo como no de xestión, as accións que promovan o benestar persoal. Entre esas accións considéranse:

a) Compartir a información, os problemas e as solucións.

b) Fomentar a autonomía dentro dun traballo compartido.

c) Coidar a autoestima de cada persoa, valorando e aproveitando as fortalezas individuais.

d) Ofrecer oportunidades para mellorar os aspectos febles.

e) Xerar sentimento de comunidade.

f) Atender as necesidades percibidas por cada persoa, establecendo metas alcanzables.

g) Promover a xeración de iniciativas, practicando a escoita activa.

h) Adoptar as decisións de xeito democrático.

Artigo 100. A profesión docente no desenvolvemento do profesorado

A consideración da docencia como unha profesión supón o recoñecemento do profesorado como persoas profesionais da ensinanza, polo que a súa formación inicial debe ter unha continuidade na formación permanente, especialmente desde os puntos de vista pedagóxico e didáctico, por seren aspectos necesarios para a mellora continua dos centros docentes, dos procesos de ensino e de aprendizaxe, da atención á diversidade e para o logro do éxito escolar do alumnado.

Artigo 101. A formación permanente na contribución ao desenvolvemento profesional

1. A formación permanente do profesorado, a que se refire o artigo anterior, ten que contribuír á súa actualización científica, considerando tanto a actualización do coñecemento como o que ten que ver coa metodoloxía e co uso dos recursos tecnolóxicos.

2. Ademais da actualización científica, referida no punto anterior, o profesorado tamén debe actualizarse día a día en aspectos como:

a) A atención á diversidade do alumnado.

b) A inclusión, a equidade e a igualdade.

c) A investigación e a innovación.

d) A titoría e a orientación do alumnado.

e) A convivencia democrática e a resolución pacífica dos conflitos.

f) A coordinación e o traballo en equipo.

g) A ensinanza non presencial e a través das redes de comunicación.

h) A avaliación da práctica docente como recurso de mellora.

i) A participación das familias na educación do alumnado e na vida do centro docente.

j) A colaboración coas organizacións sen ánimo de lucro.

Artigo 102. Os plans de formación da Administración educativa

1. Os plans anuais de formación do profesorado deberán contribuír á formación nos aspectos citados no artigo anterior e en todos aqueles que formen parte das liñas estratéxicas ou prioritarias da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

2. A formación permanente do profesorado será acreditada nos termos que se dispón na normativa que a regula e terá o seu recoñecemento nos concursos de traslados, na mellora profesional e/ou no acceso a determinados postos na Administración educativa.

Artigo 103. A innovación e a calidade desde a práctica educativa

1. A procura permanente da calidade debe apoiarse no coñecemento e na innovación. En consecuencia, a Administración educativa asesorará o profesorado en estratexias que lle permitan innovar desde a súa práctica docente.

2. Para a mellora permanente da calidade do sistema educativo é necesario que todos os proxectos, programas e/ou plans sexan obxecto de seguimento e de avaliación. En consecuencia, en todos eles deben establecerse os procedementos, os momentos e os indicadores para levar a cabo o seguimento e a avaliación. Igualmente, débense establecer as persoas responsables deses procesos.

3. Os centros docentes articularán a participación do alumnado, das familias e do persoal non docente, ademais do profesorado, nos procesos de seguimento e de avaliación a que se refire o punto anterior.

4. Do seguimento e da avaliación dos proxectos, programas e/ou plans informarase a totalidade da comunidade educativa e o Servizo de Inspección Educativa. Este último asesorará neses procesos e velará para que a organización e a xestión dos centros docentes se desenvolva dentro duns parámetros de calidade.

5. Os indicadores da avaliación dos proxectos, programas e/ou plans deben recoller aspectos tanto cuantitativos como cualitativos.

Disposición adicional única. Protección de datos

Canto aos datos persoais do alumnado ou, de ser o caso, das persoas proxenitoras ou representantes legais deste, observarase o disposto na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e demais lexislación vixente de protección de datos de carácter persoal.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Derrógase a Orde do 6 de outubro de 1995 pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral.

2. Derrógase a Orde do 31 de outubro de 1996 pola que se regula a avaliación psicopedagóxica dos alumnos e das alumnas con necesidades educativas especiais que cursan as ensinanzas de réxime xeral, e se establece o procedemento e os criterios para a realización do ditame de escolarización.

3. Derrógase a Orde do 28 de outubro de 1996 pola que se regulan as condicións e o procedemento para flexibilizar a duración do período de escolarización obrigatoria do alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual.

4. Derrógase a Orde do 27 de decembro de 2002 pola que se establecen as condicións e os criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais.

5. Derrógase a Orde do 20 de febreiro de 2004 pola que se establecen as medidas de atención específica ao alumnado procedente do estranxeiro.

6. Derróganse todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file