Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 26 de outubro de 2021 Páx. 52380

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de outubro de 2021 pola que se modifica a Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca continental para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT808A).

O día 22 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca continental para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT808A).

Conforme o seu artigo 16, unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 3 meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización de presentación de solicitudes.

As incidencias detectadas durante o proceso de tramitación dificultaron o tratamento e revisión completa dos expedientes, e parte do prazo previsto para a instrución do procedemento esgotouse en gran medida na emenda tanto de documentación como de erros.

Estas circunstancias xeraron unha demora na resolución da convocatoria, o que provoca a necesidade de modificar o prazo previsto para a xustificación dos gastos.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 20.1 da Orde do 8 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca continental para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT808A), nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 20.1, que queda redactado como segue: «O prazo para a xustificación das actividades realizadas e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 3 de decembro de 2021. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa física ou xurídica interesada realizada antes da finalización do prazo establecido sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda