Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52851

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia nas que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

As liñas eléctricas de alta tensión son unha causa potencial de mortalidade para moitas especies de aves, especialmente para aquelas de tamaño corporal mediano e grande. A crecente demanda de enerxía eléctrica leva ao incremento do número de liñas eléctricas instaladas no medio natural, co conseguinte risco de electrocución ou de colisión das aves nas ditas infraestruturas. A electrocución e a colisión coas estruturas de condución eléctrica están entre as principais causas de mortalidade non natural máis frecuentes na avifauna, ata o punto de supoñer actualmente o maior problema de conservación para diversas especies de grandes rapaces.

Para minimizar os efectos negativos sobre as aves das liñas eléctricas de alta tensión aprobouse o Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

No artigo 4 dese real decreto establécese que cada comunidade autónoma publicará no correspondente diario oficial as zonas de protección para a avifauna existentes no seu territorio, incluíndo dentro desas zonas de protección:

a) Os territorios designados como zona de especial protección para as aves (ZEPA), de acordo cos artigos 44 e 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade;

b) Os ámbitos de aplicación dos plans de recuperación e conservación elaborados polas comunidades autónomas para as especies de aves incluídas no Catálogo español de especies ameazadas ou nos catálogos autonómicos;

c) As áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local daquelas especies de aves incluídas no Catálogo español de especies ameazadas, ou nos catálogos autonómicos, cando as ditas áreas non se atopen xa comprendidas nas correspondentes aos tipos anteriores.

De acordo co previsto no artigo 4.2 do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, e tras informe favorable da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, a Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión, mediante a Resolución do 28 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG nº 242, do 21 de decembro), e modificou posteriormente a delimitación desas áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión mediante a Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DOG nº 187, do 1 de outubro).

Desde a publicación daquela resolución tense recollido e analizado información sobre o uso do territorio de exemplares das especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e, máis en concreto, da aguia real (Aquila chrysaetos L.), que fan preciso actualizar novamente a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, para os efectos do previsto no artigo 4.2 do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto.

Por este motivo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural elaborou unha proposta actualizada da delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión. Faise necesario, en consecuencia, modificar a delimitación existente.

O proxecto da presente resolución foi sometido o 23 de setembro de 2021 ao procedemento escrito de consulta á Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade, sen que se recibise ningunha alegación ou consideración ao proxecto dentro do prazo establecido.

Tendo en conta as competencias que me confiren, en materia de conservación e protección do patrimonio natural de Galicia, de conformidade co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a delimitación actualizada das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local das especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas que figura no anexo I.

Segundo. Recoller no anexo II a lista de especies consideradas para a delimitación das áreas prioritarias definidas no punto anterior.

Terceiro. Publicar as zonas de protección para a avifauna do ámbito galego nas que serán de aplicación as medidas de protección contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión establecidas no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto.

Estas zonas de protección, recollidas no anexo I desta resolución, inclúen:

a) As zonas de especial protección para as aves, ZEPA, designadas de acordo cos artigos 43 e 44 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. En caso de calquera discrepancia entre a cartografía da presente resolución e a dos límites das ZEPA aprobadas, prevalecerán os límites establecidos na declaración destas zonas de especial protección para as aves.

b) As áreas de presenza e prioritarias de conservación dos plans de recuperación e conservación aprobados pola Comunidade Autónoma de Galicia para as especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (escribenta das canaveiras, Emberiza schoeniclus lusitanica, e píllara das dunas, Charadrius alexandrinus L.). Con todo, en caso de aprobación de novos plans de xestión de especies de aves ameazadas en Galicia, nas áreas de presenza e prioritarias de conservación definidas neses plans serán de aplicación as medidas de protección contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión establecidas no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, desde a súa entrada en vigor, sen prexuízo da posterior modificación da cartografía da presente resolución.

c) As áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local daquelas especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, cando as ditas áreas non se atopen xa comprendidas nas correspondentes aos tipos anteriores.

Cuarto. Pódese acceder a unha versión en soporte dixital das zonas de protección a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio para visualizar e poñer á disposición do público xeral aquela información xeográfica relacionada coa conservación do patrimonio natural (https://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/).

Quinto. Esta resolución deixa sen efecto a Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Contra esta resolución cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, todo isto de conformidade co disposto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO I

missing image file

ANEXO II

Abetouro (Botaurus stellaris).

Garza pequena (Ixobrychus minutus).

Cerceta (Anas crecca).

Millafre real (Milvus milvus).

Voitre branco (Neophron pernocpterus).

Gatafornela (Circus cyaneus).

Tartaraña cincenta (Circus pygargus).

Aguia real (Aquila chrysaetos).

Aguia perdigueira (Hieraeetus fasciatus).

Aguia peixeira (Pandion haliaetus).

Pita do monte (Tetrao urogallus cantabricus).

Charrela (Perdix perdix hispaniensis).

Sisón (Tetrax tetrax).

Gavita (Haematopus ostralegus).

Pernalonga (Himantopus himantopus).

Alcaraván (Burhinus oedicnemus).

Avefría (Vanellus vanellus).

Agacha (Gallinago gallinago).

Arcea (Scolopax rusticola).

Mazarico real (Numenius arquata).

Bufo real (Bubo bubo).

Papoazul (Luscinia svecica).