Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52849

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 18 de outubro de 2021 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación San Martín de Porres.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación San Martín de Porres, con domicilio na rúa Fama, número 1, na Coruña.

Feitos:

1. O 11 de febreiro de 2021, Juan Jesús Pérez Sanmarco, na súa condición de presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación San Martín de Porres constituíuna Juan Jesús Pérez Sanmarco, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 26 de novembro de 2020, ante o notario Raúl Muñoz Mestre, co número de protocolo 6.234.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «promover, incentivar e facilitar o acceso ao voluntariado daquelas persoas que desexen realizar funcións de apoio aos residentes que vivan en residencias de anciáns situadas na Comunidade de Galicia ou centros asimilados».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Juan Jesús Pérez Sanmarco, como presidente; Enrique Martínez Núñez, como vicepresidente, e Ana Pérez Santos, como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación San Martín de Porres, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de outubro de 2021.

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación San Martín de Porres, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo