Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52929

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 18 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19, mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR700A).

BDNS (Identif.): 590953.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas directas previstas nesta orde:

a) Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, e profesionais (de ser o caso, mutualistas) en réxime de estimación obxectiva, con domicilio fiscal en Galicia e que exerzan unha actividade económica.

b) Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, os profesionais e empresas, con domicilio fiscal en Galicia, que exerzan unha actividade económica e que teñan unha caída do volume de operacións anual declarado ou comprobado pola Administración, no imposto sobre o valor engadido ou tributo indirecto equivalente, de máis dun 30 % no ano 2020 respecto do ano 2019.

c) Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que continúan coa súa actividade, aínda que non estean de alta no momento de presentación da solicitude e estean de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses nalgún dos anos 2019 ou 2020.

Para os efectos desta orde, ás persoas traballadoras autónomas que estean de alta durante un período superior a 9 meses aplicaráselles o réxime xeral e non o de tempada.

d) Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas e empresas dadas de alta ou creadas entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de marzo de 2020 e empresas que realizasen unha modificación estrutural da sociedade mercantil entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto deste programa é a concesión dunha axuda económica, financiada con fondos distribuídos polo Goberno de España, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para o apoio á solvencia e redución do seu endebedamento.

2. As axudas directas terán carácter finalista e deberán aplicarse a satisfacer a débeda e a realizar pagamentos a provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, así como a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre e cando estes se xerasen entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021.

3. En primeiro lugar, satisfaranse os pagamentos a provedores e outros acredores non financeiros, por orde de antigüidade. Se procede, en segundo lugar, reducirase a débeda con acredores financeiros, primando a redución da débeda con aval público, segundo o disposto no número 2 deste artigo. Por último, poderá destinarse o remanente da axuda a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre e cando fosen xerados entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021. Inclúense as perdas contables propias da actividade empresarial que non fosen xa cubertas por estas ou outras axudas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19, mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR700A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un importe de 134.470.880 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 29 de novembro de 2021, incluído.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade