Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52932

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 19 de outubro de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación de xustificación establecido na Orde do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).

O 10 de maio de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 87, a Orde do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

O artigo 35 da mencionada orde establece o prazo de xustificación da subvención e dispón como data límite para a súa presentación o 31 de outubro de 2021.

Porén, por causas sobrevidas, no caso das axudas da liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) o prazo establecido resulta de difícil cumprimento polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible da convocatoria da referida subvención, é procedente ampliar o prazo para a xustificación destas axudas.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo de xustificación

No caso das axudas da liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (código de procedemento TR357C) amplíase ata o día 19 de novembro de 2021 o límite do prazo de presentación da documentación xustificativa previsto no artigo 35 da Orde do 26 de abril do 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade