Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 29 de outubro de 2021 Páx. 53177

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2021, conxunta da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinala, no seu artigo 27, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e ensino da lingua galega, e de dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, e que ten como obxectivos impulsar o desenvolvemento e a aplicación da lexislación derivada do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Baixo a dirección da Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvólvese a coordinación e xestión dos plans e programas de formación e de acreditación de competencia en materia de lingua galega, así como das actividades de formación e promoción do galego. De acordo con isto, correspóndelle convocar e administrar as probas e expedir os certificados que acreditan o seu coñecemento, así como xestionar as validacións e solicitudes de recoñecemento de certificacións de cursos e outras actividades de formación e normalización da lingua galega. Así mesmo, compételle a organización de cursos, seminarios ou xornadas formativas e máis a autorización e homologación de cursos e outras actividades de formación de lingua galega e/ou de linguaxes específicas e a xestión das certificacións de aptitude do alumnado, cando proceda.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no apartado anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da formación e acreditación en materia de lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística:

a) Emisión de certificados de lingua galega (Celga) pola superación das probas correspondentes.

b) Emisión de resolucións e certificados de lingua galega (Celga) pola acreditación dos requisitos necesarios para a validación de estudos.

c) Emisión de certificados de superación de cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.

d) Emisión de certificados de superación doutras accións formativas.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no apartado anterior serán:

a) A Secretaría Xeral de Política Lingüística como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral de Política Lingüística como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA» sempre que continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia