O 9 de outubro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 205 a Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU500B). A devandita resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.
A referida resolución dispón no seu artigo 1.2 que son gastos subvencionables os que respondan á natureza e ao obxecto da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de outubro de 2020 ata o 31 de outubro de 2021; o prazo para presentar a documentación xustificativa remataría o 15 de novembro de 2021, de acordo co referido no artigo 20.2 das bases reguladoras.
Do mesmo xeito, o punto 3 do devandito artigo 20 sinala que os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Axencia Turismo de Galicia poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumenten o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e as condicións que se tiveron en conta para a resolución de concesión.
Así mesmo, o segundo parágrafo do mesmo punto sinala que se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe da actuación subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.
Con data do 1 de febreiro de 2021 adxudicáronse as axudas por importe de 1.079.600 € para a anualidade 2021. Por outra banda, con base na previsión de anticipo da subvención concedida establecida no artigo 21.3 da citada convocatoria, tramitouse o pagamento de varios anticipos solicitados por un total de 234.880 €.
Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARSCoV-2, que foi prorrogado pola Resolución do 29 de outubro de 2020, do Congreso dos Deputados, e mantivo a súa vixencia ata ás 00.00 horas do día 9 de maio de 2021.
O estado de alarma declarado para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e as súas prórrogas, así como as medidas adoptadas para o control da pandemia, afectaron de xeito directo todas as empresas de entretemento, e especialmente ás orquestras, que viron reducidas ou canceladas as súas actuacións neste ano 2021, polo que se fai preciso adoptar determinadas medidas que posibiliten o cumprimento dos requisitos establecidos nas correspondentes bases reguladoras por parte das persoas beneficiarias das subvencións e ampliar o prazo de execución dos proxectos imputables á anualidade 2021 ata o 15 de maio de 2022, e o prazo de xustificación, ata o 30 de maio de 2022.
Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a Administración poderá conceder, de oficio ou por instancia de parte, unha ampliación dos prazos establecidos que non exceda a metade destes, sempre que se produza antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Por outra banda, o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen os dereitos de terceiros.
Do mesmo xeito, o artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que na convocatoria da subvención se deberá indicar a contía máxima da subvencións e a súa distribución por anualidades atendendo ao momento en que se prevexa realizar o gasto derivado das subvencións que se concedan.
Procede realizar, por tanto, unha ampliación dos prazos de execución e xustificación previstos nas bases reguladoras da convocatoria, así como un reaxuste das anualidades da contía restante dos anticipos concedidos ata o total da subvención concedida, sen incremento do gasto total e respectando os límites que establece o artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Polo exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliar os prazos de execución e de xustificación dos proxectos presentados ao abeiro da Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU500B), ao 15 de maio de 2022 e ao 30 de maio de 2022, respectivamente.
Segundo. Modificar a porcentaxe recollida no artigo 20.3, parágrafo primeiro, da Resolución do 6 de outubro de 2020, en relación coas variacións nas partidas de gasto aprobadas sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención, que pasa do 20 % ao 40 %.
Terceiro. Modificar a porcentaxe recollida no artigo 20.3, parágrafo segundo, da Resolución do 6 de outubro de 2020, en relación co importe mínimo da actuación subvencionable para entender que acadaron os obxectivos propostos na solicitude, que pasa do 60 % ao 20 %.
Cuarto. Incrementar na anualidade 2022, tras o correspondente reaxuste das anualidades, os créditos reservados para a anualidade de 2021, polo importe de 844.720 €, con cargo aos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2022, na seguinte aplicación orzamentaria e contía:
Aplicacion orzamentara |
Total adxudicado |
Anticipo |
Importe reaxuste anualidade 2022 |
11.A2.761A.770.0 C.P. 2018 00002 |
1.079.600 € |
234.880 € |
844.720 € |
De tal xeito que as contías anticipadas aos solicitantes con cargo aos créditos do ano 2021 se manteñen para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.
Quinto. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021
Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia