O 1 de xullo de 2021, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 124 a Orde do 22 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT238A).
O artigo 19 das bases regula a xustificación. No parágrafo 2 establécese que, para o pagamento, os beneficiarios deben presentar a documentación indicada ata o 30 de outubro de 2021 (incluído).
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Tendo en conta que a convocatoria de subvencións se resolveu con data do 14 de outubro, debido á gran cantidade de solicitudes presentadas e que deberá ser publicada no DOG para coñecemento dos beneficiarios e dada a proximidade do prazo de xustificación establecido na orde da convocatoria, 30 de outubro de 2021, considérase necesario introducir modificacións no artigo 19.2 da Orde do 22 de xuño de 2021 e ampliar o prazo de xustificación, de tal xeito que os beneficiarios das axudas poderán presentar a xustificación dos gastos ata o 15 de novembro de 2021, sen que con iso se cause prexuízos a terceiros.
En consecuencia, procede levar a cabo a modificación da orde, no sentido de ampliar o prazo de xustificación sinalado no artigo 19.2 das bases da convocatoria ata o 15 de novembro de 2021, quedando sen variacións os restantes artigos.
Polas razóns expostas,
RESOLVO:
Modificar a data límite de xustificación establecida no artigo 19.2 das bases da convocatoria, ampliando o prazo ata o 15 de novembro de 2021.
En consecuencia, o artigo 19.2 das bases da convocatoria, quedaría redactado do seguinte xeito:
«2. Para a xustificación das axudas deberá presentar a seguinte documentación ata o 15 de novembro de 2021 (incluído)».
O resto do artigo queda sen variacións.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade