Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 29 de outubro de 2021 Páx. 53090

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 26 de outubro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 16 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300A).

A Orde do 16 de xullo de 2021 (DOG núm. 143, do 28 de xullo) establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300A).

No artigo 1.3, parágrafo segundo, das bases reguladoras establécese a consideración de actuacións subvencionables, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro e a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

Pola súa parte, o artigo 18.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de outubro de 2021, dunha copia da documentación especificada no citado artigo 18.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación, co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 18.1 das bases reguladoras, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das entidades beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 18.1 do anexo I da Orde do 16 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300A).

O primeiro parágrafo do artigo 18.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 4 da convocatoria, e ata o 15 de novembro de 2021, dunha copia da seguinte documentación:»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación