Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 4 de novembro de 2021 Páx. 53944

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2021 pola que se convoca o Curso de inspección de servizos sociais.

Conforme os fins que asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o Curso de inspección de servizos sociais, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O control eficiente do cumprimento da normativa vixente nos centros de servizos sociais resulta esencial dada a incidencia e relevancia que o desenvolvemento destas actividades ten nos seus/súas usuarios/as, tendo en conta súas condicións de especial vulnerabilidade e necesaria protección.

A actividade diaria do persoal de inspección de servizos sociais relacionada co control do cumprimento da normativa nos centros prestadores de servizos sociais require información respecto ao valor xurídico das actas de inspección, o procedemento administrativo sancionador, os traslados de información ao Ministerio Fiscal ou a outros organismos, a interpretación da norma, etc.

Esta actividade pretende dar a coñecer e clarificar os diversos aspectos do desenvolvemento da actividade inspectora para o que o persoal docente facilitará a participación activa do alumnado na exposición de dúbidas, o fomento do debate e a exposición de casos prácticos.

Segunda. Contidos

O curso desenvolverase ao longo de catro xornadas. En cada unha das xornadas impartiranse catro horas de formación que tratarán os seguintes temas:

1. Actas de inspección. Procedemento administrativo sancionador.

2. Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica. Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

3. Aspectos sanitarios dos centros de servizos sociais. Medidas de suxeición física e química. Contidos mínimos da prescrición. Abusos.

4. A relación entre ética e dereito.

Terceira. Persoas destinatarias

Este curso está dirixido ao persoal inspector de servizos sociais da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia, en situación de servizo activo ou asimilada.

De non ser cubertas todas as prazas con persoal inspector de servizos sociais, poderá participar outro persoal empregado público da Administración autonómica que acredite documentalmente a realización de tarefas vinculadas á autorización e inspección de servizos sociais.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: os días 15, 16, 22 e 23 de novembro de 2021.

Horario: de mañá.

Duración: 16 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Vinte (20).

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava respectivamente.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso» o Curso de inspección de servizos sociais.

5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 8 de novembro de 2021.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola preferencia establecida na base terceira desta resolución.

Tendo en conta esta preferencia, a orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes.

Novena. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha anticipación mínima de tres días anteriores ao comezo desta actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Asistencia e puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización destas actividades.

Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública