Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 4 de novembro de 2021 Páx. 53950

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2021 pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, incluído no Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (programa PREE 5000), para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406D).

O 4 de agosto de 2021 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, polo que se regulan as subvencións que se outorgarán a actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, en execución do Programa de rehabilitación enerxética para edificios existentes en municipios de reto demográfico (programa PREE 5000), incluído no Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa concesión directa ás comunidades autónomas.

No seu artigo 1 sinálase que o seu obxecto é regular a concesión directa, con carácter extraordinario, e por razóns de interese público, social e económico, de subvencións ás comunidades autónomas, así como a súa distribución e entrega, nas contías e termos que figuran no seu anexo II. Así mesmo, o real decreto establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións do Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico.

A finalidade deste programa é contribuír a alcanzar os obxectivos ambientais e enerxéticos establecidos na normativa da Unión Europea, mediante a realización de actuacións de reforma de edificios existentes, con independencia do seu uso e da natureza xurídica dos seus titulares, que favorezan a redución do consumo de enerxía final e das emisións de dióxido de carbono, mediante o aforro enerxético, a mellora da eficiencia enerxética e o aproveitamento das enerxías renovables, contribuíndo así a conseguir os obxectivos de redución do consumo de enerxía final que establece o artigo 7 da Directiva 2012/27/UE, do 25 de outubro de 2012, conforme as condicións establecidas no citado Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, e o que se dispoña nas respectivas convocatorias que efectúen as comunidades autónomas.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que é o organismo encargado da xestión deste programa nesta comunidade, ao abeiro do artigo 9.2 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, solicitou e aceptou expresamente a axuda concedida correspondente a este programa, mediante escrito do 24 de agosto de 2021, dirixido á Dirección Xeral do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Do mesmo modo, tramítase esta resolución en cumprimento da obriga establecida no artigo 10.2 do citado real decreto, en que se indica que as comunidades autónomas deben efectuar a convocatoria deste programa nun prazo de tres meses contado desde a súa data de entrada en vigor, a cal tivo lugar o pasado 5 de agosto.

De conformidade coas facultades atribuídas nos artigos 15 e 17.8, para a configuración de determinados elementos deste programa, a Comunidade Autónoma de Galicia considera, por razóns de eficacia e axilidade na súa xestión, acoutar, por unha parte, as persoas e entidades beneficiarias destas axudas e, por outra, limitar as actuacións, só para os edificios de vivendas unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, descartando os edificios destinados a outros usos.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que a complexidade do programa e das actuacións subvencionadas exixe a necesaria participación de persoal cualificado que, de conformidade coa lexislación vixente, está obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

Xa que o programa PREE 5000, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, serán de aplicación as obrigas de control, seguimento da execución e reingreso dos ditos fondos.

A tramitación desta convocatoria axústase ao disposto no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, relativo á tramitación anticipada de expedientes de gasto de fondos derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime de adxudicación

1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico (programa PREE 5000), para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406D).

De acordo co establecido no artigo 1.4 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, entenderase por municipios de reto demográfico os municipios de ata 5.000 habitantes e os municipios non urbanos de ata 20.000 habitantes en que todas as súas entidades singulares de poboación sexan de ata 5.000 habitantes. Para a determinación dos municipios de reto demográfico teranse en conta as cifras publicadas da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2020, así como as que figuren no Nomenclátor do INE e no Atlas Estatístico das Áreas Urbanas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, aos que poderán engadirse os novos municipios que resulten das revisións e actualizacións que poidan ser publicadas en ambas as fontes oficiais antes da finalización do prazo para a presentación de solicitudes fixado no ordinal sétimo.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 20.2 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Segundo. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas no Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, polo que se regulan as subvencións que se outorgarán a actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, en execución do Programa de rehabilitación enerxética para edificios existentes en municipios de reto demográfico (programa PREE 5000), incluído no Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa concesión directa ás comunidades autónomas, publicado no Boletín Oficial del Estado núm. 185, do 4 de agosto, coas especificacións e limitacións recollidas nesta resolución.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na falta do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo.

Terceiro. Crédito orzamentario e contía das axudas

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.81.451A.780.8 e 08.81.451A.770.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos importes de 1.649.098 euros e 180.000 euros para a anualidade 2022 e 1.649.098 euros e 180.000 euros para a anualidade 2023, respectivamente.

O programa PREE 5000 é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

2. De conformidade co establecido no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e producirán efectos despois da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. A contía das axudas para cada unha das tipoloxías de actuacións subvencionables está establecida nos anexos I e IV do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

Cuarto. Actuacións subvencionables e prazo de execución

1. Ao abeiro do establecido no artigo 17.7 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, as actuacións subvencionables deben cumprir cos requisitos específicos que se establecen para cada unha delas no anexo IV do citado real decreto e encadrarse nunha ou varias das seguintes tipoloxías:

a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).

b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria (tipoloxía 2).

c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3).

2. As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes construídas con anterioridade ao ano 2007, nas seguintes opcións:

– En vivendas unifamiliares ou edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda. Para estes efectos, considéranse edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda aqueles en que polo menos un 70 % da superficie construída sobre rasante do edificio estea destinada a uso residencial (opción A).

– En vivendas dun edificio de tipoloxía residencial colectiva de vivenda, consideradas individualmente (opción B).

Para os efectos do establecido no artigo 17.5 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, o orzamento destinado ás actuacións que se realicen en vivendas dun edificio de tipoloxía residencial colectiva de vivenda, consideradas individualmente, e determinadas como opción B no punto 2 do ordinal cuarto desta resolución, non poderá superar o importe de 914.549 euros na anualidade de 2022 e de 914.549 euros na anualidade de 2023.

Así mesmo, o orzamento destinado a actuacións subvencionables promovidas por persoas xurídicas de natureza privada en cada unha das anualidades non poderá superar o importe de 180.000 euros.

3. Estas actuacións deberán acadar as dúas seguintes condicións:

– Unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación actual do edificio.

– A mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A.

Para os efectos deste programa, para a obtención das condicións anteriores poderanse combinar as actuacións que se vaian realizar; non será necesario o seu cumprimento por cada actuación individualmente.

4. As actuacións obxecto da axuda deberán cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

5. Adicionalmente, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e valorización, incluídas as operacións de recheo, de forma que se utilicen residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos establecida no artigo 8 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da Unión Europea.

Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da Unión Europea e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición.

Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación realizarase de forma preferente no lugar de xeración dos residuos. Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e reciclaxe.

b) En materia de rehabilitación enerxética, os compoñentes e materiais de construción utilizados no desenvolvemento das actuacións previstas nesta medida non conterán amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas á autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, relativo ao rexistro, a avaliación, a autorización e a restrición das substancias e preparados químicos (REACH), polo que se crea a Axencia Europea de Substancias e Preparados Químicos, se modifica a Directiva 1999/45/CE e se derrogan o Regulamento (CEE) nº 793/93 do Consello e o Regulamento (CE) nº 1488/94 da Comisión, así como a Directiva 76/769/CEE do Consello e as directivas 91/155/CEE, 93/67/CEE, 93/105/CE e 2000/21/CE da Comisión.

6. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) As realizadas en edificios de nova construción.

b) As intervencións en edificios existentes que supoñan unha ampliación, nos cales se incremente a superficie ou volume construído.

c) As intervencións en edificios existentes que supoñan un cambio de uso do edificio.

Tampouco serán subvencionables as actuacións iniciadas con anterioridade á data de rexistro da solicitude desta axuda.

7. O prazo máximo para a conclusión das actuacións obxecto da axuda será o que se fixe na resolución de concesión, sen que poida superar os 18 meses contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda. Só se poderá autorizar unha ampliación dos prazos fixados para a execución das actuacións cando obedeza a circunstancias imprevisibles, debidamente xustificadas, que fagan imposible o seu cumprimento, malia as persoas ou entidades beneficiarias teren adoptado as medidas técnicas e de planificación mínimas que lles resultaban exixibles. En ningún caso se poderán autorizar ampliacións de prazos para a execución da actuación que superen no seu cómputo total os vinte e catro meses, contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda.

Quinto. Custo elixible

1. Considéranse custos elixibles ou subvencionables aqueles que sexan necesarios para conseguir os obxectivos enerxéticos do programa PREE 5000 e determinados no punto 2 do anexo IV do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

2. Para os efectos do cálculo da axuda que corresponda ás actuacións subvencionables das subtipoloxías 2.1, 2.2 e 2.3 da tipoloxía de actuación 2, deberán terse en conta os custos máximos elixibles fixados no punto 2 do anexo IV do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

3. Non se consideran elixibles os custos relativos á execución da actuación facturados con anterioridade á data de rexistro da solicitude da axuda, sen prexuízo dos custos correspondentes ás actuacións preparatorias que sexan necesarios para presentar a solicitude, como poden ser proxecto, memorias técnicas, certificados, xestión da solicitude, etc., sempre que estas actuacións preparatorias se iniciasen con posterioridade ao 5 de agosto de 2021, data de entrada en vigor do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

Sexto. Persoas e entidades beneficiarias

1. Ao abeiro do establecido no artigo 15 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, poderán ser beneficiarias destas axudas, sempre que teñan residencia fiscal en España:

a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda existentes.

b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

2. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias, ben a título individual, ben en canto pertencentes a unha comunidade ou agrupación de persoas propietarias das previstas nas letras b) ou c) do punto anterior, deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou Suíza. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán ter residencia legal en España.

3. Para que as persoas xurídicas de natureza privada sexan beneficiarias, deberán acreditar que se atopan debidamente constituídas, conforme a normativa que lles resulte de aplicación.

4. Poderán acceder á condición de beneficiarias, sempre que cumpran co establecido no artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención.

5. As persoas e entidades beneficiarias deberán encontrarse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como do resto de obrigas establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

6. As axudas concedidas a aqueles beneficiarios que sexan empresas ou realicen algunha actividade económica, pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, e lles sexa de aplicación a normativa de axudas de estado, para a realización dos investimentos destinados a medidas de eficiencia enerxética e para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

7. Non poderá obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria destas axudas:

a) Quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

b) As empresas que se encontren en situación de crise, conforme a definición que para estes efectos se realiza no Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

c) As empresas que se encontren suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

8. As persoas e as entidades beneficiarias deberán destinar o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións subvencionables.

Esta regra resultará igualmente de aplicación cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención, con independencia de que tanto o importe dela como o custo das obras deba repercutirse entre os integrantes delas. Non obstante, cando algún dos seus integrantes incorra nunha ou varias prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, non se atribuirá ao dito integrante a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes, sempre que se manteña o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de destinatario último por parte da entidade de que se trate.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día 3 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2022, salvo que con anterioridade se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Oitavo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, e que se incorpora á presente resolución como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes campos: a opción da actuación, os datos do edificio ou vivenda que se vai rehabilitar, o consumo de enerxía primaria non renovable e a cualificación enerxética actuais e as previstas tras a rehabilitación, o investimento total, o gasto subvencionable, o importe total da axuda solicitada, así como as anualidades de execución, a porcentaxe do orzamento que se vaia executar e a axuda que se xustificará en cada unha delas. No caso de solicitar dúas ou máis tipoloxías de actuacións e optar, ademais, pola axuda adicional, deberán indicar a porcentaxe de mellora da demanda global de enerxía de calefacción e refrixeración resultante despois da rehabilitación.

Na solicitude consignarase o número de inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE) do certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual, co contido que establece o artigo 6 do procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios do Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, asinado por un/unha técnico/a competente. Para a elaboración deste certificado terase en conta o especificado no número 2.b) do punto 1 do anexo IV do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

3. No modelo de solicitude deberán realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía, así como o organismo concedente.

b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda que solicite ou lle sexa concedida para esa mesma finalidade, coa indicación da súa contía e do organismo concedente.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) De ser o caso, declaración responsable de que a empresa, de acordo coa definición que se establece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, non está en crise, segundo o establecido polas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

g) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria deste programa.

h) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas ou entidades interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do inmoble, no caso de que a solicitante sexa unha persoa física, unha persoa xurídica de natureza privada ou unha agrupación de persoas propietarias que non consten como titulares catastrais.

c) Informe xustificativo asinado pola persoa o entidade solicitante, que no caso dunha comunidade de persoas propietarias será o/a presidente/a, en que se indicarán as tipoloxías de actuación en que se encadra a axuda solicitada, a descrición das actuacións subvencionables, a xustificación do custo elixible e a contía máxima da axuda solicitada.

d) Certificado da eficiencia enerxética do edificio alcanzado tras a reforma proposta e coas actuacións específicas para as que se solicita a axuda, segundo o Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, asinado por un/unha técnico/a competente, que demostre que o proxecto permite dar un salto en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano) e se consegue un aforro mínimo de enerxía primaria non renovable do 30 % con respecto ao certificado da eficiencia enerxética do edificio actual inscrito no RGEEE. Para a elaboración deste certificado terase en conta o especificado no número 2.b) do punto 1 do anexo IV do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto. Con este certificado achegaranse os arquivos dixitais xerados polo programa utilizado para a súa elaboración.

e) Proxecto ou memoria técnica, no caso de que non se requira proxecto, onde se describan adecuadamente as actuacións que se pretende realizar e a situación de partida, subscrita por un/unha técnico/a competente ou instalador, de ser o caso. No proxecto ou memoria técnica xustificarase o cumprimento das exixencias básicas do Documento básico do aforro de enerxía DB-HE do Código técnico da edificación que sexa de aplicación á tipoloxía para a cal se solicita a axuda.

O proxecto ou memoria técnica incluirá un estudo de xestión de residuos onde se xustifique o cumprimento do punto 11, letra c), do artigo 17 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, asinado por un técnico competente ou, na súa falta, declaración responsable asinada polo representante do beneficiario en que se compromete a cumprir e achegar toda a documentación necesaria para xustificar o cumprimento do indicado no punto 11, letra c), do artigo 17 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

Xustificarase que as actuacións previstas non causarán un prexuízo significativo ao ambiente ou, de ser o caso, as medidas correctoras que se adoptarán para cumprir cos criterios da «Guía para o deseño e desenvolvemento de actuacións acordes co principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente», publicada polo Ministerio para a Transición e o Reto Demográfico.

f) Orzamento/s da empresa ou empresas que realizarán a execución das actuacións, suficientemente desagregado/s, de data posterior ao 5 de agosto de 2021.

No suposto de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000 euros para obras e/ou 15.000 euros en servizos ou subministracións, presentaranse tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Documento ou oferta vinculante contractual formalizada coa empresa ou profesional correspondente para a xestión técnica, administrativa e documental da solicitude, de ser o caso.

h) Avaliación favorable de adecuación ou declaración responsable de cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

i) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, do estado actual da edificación en que se van levar a cabo as actuacións subvencionables.

j) Anexo II, para o caso da opción A de edificio de tipoloxía residencial colectiva de vivenda, de comprobación de datos das persoas e entidades partícipes nas obras e interesadas na subvención (deben presentarse tantos anexos II como vivendas e locais partícipes e interesados na subvención se sinalen nos anexos I, III e IV).

k) Anexo III, de certificado do/dos acordo/s da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de nomeamento do presidente, do administrador e/ou secretario da comunidade de propietarios, de aprobación da realización das obras necesarias para a rehabilitación enerxética de edificio existente, de solicitar a axuda deste programa e de facultar o presidente como representante para realizar a tramitación da axuda, e da relación das persoas propietarias comuneiras, con indicación das súas correspondentes cotas de participación e o número total de vivendas que integran o edificio, así como cales delas participan nas obras.

l) Anexo IV, de certificado do acordo da agrupación de persoas físicas, de persoas xurídicas de natureza privada ou de persoas físicas e de persoas xurídicas de natureza privada, propietarias no seu conxunto do edificio obxecto da actuación, que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título de constitutivo de propiedade horizontal, onde se aprobou a creación da agrupación, se acordou a execución das obras, se nomeou un representante para a presentación, seguimento da solicitude das axudas e cumprimento das obrigas que como persoas copropietarias lles puidesen corresponder e que constará, para os efectos deste programa, ben como solicitante da axuda (para o suposto de agrupación de persoas físicas ou de persoas xurídicas), ben como encargado de efectuar e xustificar o investimento obxecto da axuda (para o suposto de agrupación de persoas físicas e persoas xurídicas), e deberá especificar a relación das persoas copropietarias, con indicación das súas correspondentes cotas de participación na propiedade do edificio, así como cales delas participan nas obras.

2. As solicitudes que no momento da súa presentación non veñan acompañadas, de ser o caso, dos documentos sinalados nas letras c), d), e), j), k) e l) do punto 1 deste ordinal serán automaticamente inadmitidas.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da persoa ou entidade interesada.

4. De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas e as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa ou entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante, así como das persoas propietarias partícipes nas obras e interesadas na subvención.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa xurídica de natureza privada ou entidade solicitante ou partícipe nas obras e interesadas na subvención.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado acreditativo de non ter débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención.

f) Certificado catastral de titularidade correspondente á persoa solicitante ou, de ser o caso, ás persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención.

g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais dos inmobles en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso e o ano de construción, para as actuacións promovidas por comunidades ou por agrupación de comunidades de persoas propietarias ou por agrupacións de persoas propietarias ou pola persoa física propietaria.

h) Consulta de bens inmobles.

i) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

j) Certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual, co contido que establece o artigo 6 do procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios do Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

k) Consulta de subvencións y axudas.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

m) Consulta de que o edificio ou vivenda foi cualificado definitivamente baixo algún réxime de protección pública, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

n) Consulta da inclusión dunha edificación no ámbito dunha área de rexeneración e renovación urbana, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas ou as entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Órganos administrativos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo cuarto. Procedemento de concesión

1. Sen prexuízo do establecido no punto 2 do ordinal noveno desta resolución, se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, despois da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor poderá requirir a persoa ou a entidade solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos exixidos polas bases reguladoras, por esta convocatoria e pola demais normativa de aplicación.

3. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que segundo o dereito proceda.

4. Para os efectos da concesión de las axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación aquela en que a solicitude quede validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria, tendo en conta os límites establecidos no punto 1 do ordinal terceiro para a opción B e para as actuacións subvencionables promovidas polas persoas xurídicas de natureza privada.

5. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS www.igvs.xunta.gal, logo de publicación desta circunstancia no DOG.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para resolver e notificar resolución deste procedemento será de seis meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicaralle á persoa ou entidade beneficiaria as actuacións subvencionables, o custo elixible, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, o seu prazo de finalización e de xustificación e, de ser o caso, a procedencia do financiamento da axuda con cargo aos fondos europeos.

Para o caso de que a solicitude configure a subvención con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán xustificar na forma sinalada no ordinal décimo oitavo desta resolución.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS.

O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

4. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Décimo sexto. Obrigacións das persoas e entidades beneficiarias

Ademais das recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas e as entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución da actuación presentando os documentos sinalados nas bases reguladoras e no ordinal décimo oitavo desta resolución.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución e as que deriven da normativa aplicable á xestión de axudas financiadas con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Comunicar ao IGVS a alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas deste programa.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

h) Dar a adecuada publicidade e información de que as actuacións están subvencionadas no marco do Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética de edificios existentes en municipios de reto demográfico, de conformidade co establecido no artigo 25 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, e no artigo 9.3.b) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, dándolle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

i) Cumprir as demais obrigas que derivan das bases reguladoras contidas no Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, e desta resolución de convocatoria.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo oitavo. Xustificación da subvención

1. As persoas e as entidades beneficiarias deberán comunicar ao órgano instrutor a finalización das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa das actuacións realizadas. A comunicación da execución parcial das actuacións deberá realizarse nun prazo máximo de quince días, contado desde o seguinte ao da finalización das obras desa anualidade. A comunicación da execución final das actuacións deberá realizarse nun prazo máximo de tres meses, contado desde o seguinte ao da finalización das obras ou do prazo máximo concedido para a súa execución na resolución de concesión. A comunicación realizarase mediante a presentación do anexo V que se xunta a esta resolución.

2. A comunicación de execución parcial das actuacións deberá ir acompañada, tanto para a opción A como para a opción B, da seguinte documentación:

a) No caso de ter iniciado as obras, licenza de obras ou comunicación previa, para o suposto de que a actuación non requira licenza, e acta de inicio das obras ou certificado emitido polo/a técnico/a responsable da súa execución.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante.

c) Memoria explicativa das obras realizadas asinada por persoa técnica competente.

d) Fotografías que mostren as obras realizadas.

e) De conformidade co sinalado no punto 2 do ordinal décimo noveno, documento acreditativo da constitución das correspondentes garantías, cando estas sexan obrigatorias.

3. Ao abeiro do anexo III, letra B, do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, a comunicación de execución final das actuacións e a súa xustificación para a opción A deberá vir acompañada, ademais da documentación sinalada na letra a) do punto anterior, no caso de que non se presentase con anterioridade, coa documentación que proceda, da sinalada a continuación:

a) Certificado final da obra subscrito pola dirección facultativa, no suposto de actuacións de mellora da envolvente térmica (tipoloxía 1).

b) Certificado da instalación térmica, subscrito polo/a director/a da instalación ou instalador autorizado, rexistrado no órgano competente da Comunidade Autónoma de acordo co RITE, no caso das actuacións sobre instalacións térmicas (tipoloxía 2).

c) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, conforme o exixido polas bases reguladoras e pola resolución de concesión da axuda, con indicación das actividades realizadas, dos resultados obtidos e a data de conclusión das actuacións. Esta memoria será realizada e subscrita por un/unha técnico/a titulado/a competente autor/a do proxecto ou da dirección facultativa da obra.

d) Informe que acredite a adecuada realización das actuacións obxecto da axuda concedida de acordo coa documentación presentada na solicitude da axuda, emitido por un organismo de control ou entidade de control que cumpra os requisitos técnicos establecidos no Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás entidades de control de calidade da edificación e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación, para o exercicio da súa actividade ou por unha entidade de control habilitada para o campo regulamentario das instalacións térmicas reguladas pola Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, na especialidade ou especialidades que mellor se adecúen a natureza da actuación.

e) Relación certificada e copia dos pedidos e/ou contratos relativos ás actuacións realizadas.

f) Relación certificada e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento, relativos ao investimento elixible realizado e que respondan ao orzamento e contratos presentados. Exímese da obriga de presentar aquelas facturas que teñan un importe inferior a 3.000 euros. No caso da cesión dos dereitos de cobramento da subvención prevista no ordinal vixésimo, considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

g) Reportaxe fotográfica das actuacións realizadas, que inclúa fotografías da situación do edificio despois das actuacións e, de ser o caso, dos equipamentos e instalacións principais finais obxecto da axuda, e onde se mostre o cartel publicitario ou sinalización da actuación. Información e enlace ao sitio da internet da beneficiaria, no caso de que dispoña dun, onde o dito destinatario último das axudas informará o público do posible apoio obtido dos fondos Next Generation ou Plan de recuperación, transformación e resiliencia e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, facendo unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

h) Documentación xustificativa sobre o proceso de contratación das actuacións por parte do destinatario último das axudas.

i) Declaración responsable, previa á xustificación por parte da beneficiaria, en que se garanta o proceso de contratación das actuacións, a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, o cumprimento das normas nacionais e comunitarias sobre requisitos de igualdade de oportunidades e non discriminación aplicables a este tipo de actuacións, o cumprimento das normas ambientais nacionais e comunitarias, e sobre desenvolvemento sustentable e a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no ámbito de xestión do proxecto obxecto de axuda (segundo o modelo que estará dispoñible na web do IDAE ou do IGVS).

j) Documentación xustificativa do cumprimento do indicado no punto 11, letra c), do artigo 17 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, mediante a achega do proxecto ou memoria técnica onde se inclúa un estudo de xestión de residuos de construción e demolición, así como do correspondente plan de xestión dos residuos de construción e demolición en que se concrete como se aplicará, segundo o regulado polo Real decreto 105/2008, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición. A xustificación do anterior realizarase da forma seguinte:

1º. Para a correcta acreditación do cumprimento da valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición (artigo 17.11.c), o adxudicatario presentará unha memoria resumo onde se recolla a cantidade total de residuos xerados, clasificados por códigos LER, e os certificados dos xestores de destino, onde se indique a porcentaxe de valorización acadada en cada unha das instalacións. Os residuos perigosos non valorizables non se terán en conta para a consecución deste obxectivo.

2º. O cumprimento do establecemento de medidas para realizar unha demolición selectiva acreditarase mediante os códigos LER incluídos nos certificados expedidos polos xestores como xustificación da entrega dos residuos xerados. Estes códigos serán os correspondentes ás fraccións retiradas selectivamente, como por exemplo 170101, 170102, 170201, 170202, 170203, 170402, 170403 ou 170405.

3º. No caso de que se valoricen residuos na propia obra, o adxudicatario incluirá na memoria resumo información sobre as cantidades valorizadas, por código LER e os medios utilizados (planta móbil, xestor, etc.).

4º. No caso de que se utilicen áridos reciclados procedentes de residuos, o adxudicatario incluirá na memoria resumo a documentación que acredite a compra destes materiais, en que indicarán a cantidade e o tipo de material.

5º. No caso de que se produzan residuos de amianto, será necesario xustificar o seu adecuado tratamento a través da notificación previa do traslado dos residuos de amianto desde o lugar de xeración ata o xestor de residuos e os documentos de identificación dos traslados de residuos asociados a eses movementos, en aplicación do Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado.

4. Para os proxectos da opción A, cunha axuda concedida inferior a 50.000 euros e de maneira opcional, poderá entregarse unha conta xustificativa coa achega de xustificantes de gasto, segundo o previsto nos números 1 e 2.a), b), e) e f) do artigo 72 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Neste suposto non será obrigatorio achegar a documentación que se indica nas letras c) e f) do punto anterior.

Da mesma maneira e en todos os casos, opcionalmente, poderá entregarse a conta xustificativa coa achega dun informe de auditor, segundo o previsto no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, caso en que non será obrigatorio achegar a documentación sinalada nas letras c), e), f), g), h) e i) do punto anterior, sempre que o alcance do informe do auditor conteña a comprobación dos puntos sinalados na letra B, alínea k), do anexo III do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

5. De conformidade co sinalado no anexo III, letra B, in fine do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, a comunicación de execución final das actuacións e a súa xustificación para a opción B deberá vir acompañada, ademais da documentación sinalada na letra a) do punto 2 deste ordinal, se non se presentou con anterioridade, coa documentación sinalada nas letras a), b), c), f), g) e h) do punto 3 deste ordinal.

6. Será requisito necesario para a presentación da comunicación final das obras que o certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez realizadas as actuacións, subscrito polo/a técnico/a competente, en que se acredite a mellora mínima dunha letra na súa cualificación enerxética, medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano), así como a redución mínima do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida, conste inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE), para a comprobación de que se cumpren as condicións exixidas para a concesión tanto das axudas básicas como das adicionais.

7. A documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

8. Transcorridos os prazos indicados no punto 1 deste ordinal sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriraas para que a presenten nun prazo improrrogable de dez días. En ningún caso se admitirá a presentación da documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o dito requirimento se fixese dentro dos dez días anteriores a esa data.

9. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo da solicitude da persoa ou da entidade beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

10. No caso de non se presentase a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados nin se concedese un reaxuste das anualidades, perderase o dereito a cobrar a parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa ou á entidade beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, de conformidade co establecido no artigo 89 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, para o cal se utilizará o procedemento previsto no artigo 42 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

11. Unha vez presentada a documentación xustificativa e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o órgano instrutor emitirá un certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas, e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles, con expresa referencia á procedencia dos fondos, mencionando o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Décimo noveno. Pagamento da subvención. Pagamentos á conta

1. O pagamento total ou parcial da subvención requirirá que a persoa ou entidade beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I de solicitude.

2. De conformidade co artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos que hai que xustificar, que non poderán exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. De conformidade co artigo 65.i) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se o importe das subvencións concedidas excede os 18.000 euros, será necesario constituír garantías para os pagamentos á conta, sinaladas no punto seguinte.

Segundo o artigo 67 do citado regulamento, as garantías constituídas polas persoas ou entidades beneficiarias obrigadas deberán cubrir o 110 % das cantidades que serán aboadas á conta. As ditas garantías serán constituídas na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante seguro de caución prestado pola entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito, que deberá alcanzar ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Vixésimo. Cesión de dereito de cobramento

1. As persoas e as entidades beneficiarias poderán ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda. Neste caso, deberán presentar, xunto coa comunicación da finalización parcial ou total da actuación prevista no ordinal décimo oitavo, o anexo VI debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias como consecuencia da concesión da axuda, incluídas as da xustificación da subvención, nin as facultades do IGVS, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

3. No caso de cesión do dereito de cobramento da subvención ao contratista das obras, as persoas e as entidades beneficiarias estarán exentas de presentar os xustificantes de pagamento previstos no ordinal décimo oitavo, do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

Vixésimo primeiro. Perda e reintegro da subvención. Criterios de graduación de posibles incumprimentos

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no ordinal décimo sexto desta resolución. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. A perda do dereito á percepción da axuda outorgada comportará, de ser o caso, o reintegro das cantidades aboadas ata ese momento, incrementadas cos xuros de demora desde a data do seu pagamento.

3. Conforme o artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, os membros da comunidade de persoas propietarias e as persoas propietarias de edificios formalmente agrupadas que non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal responderán solidariamente da obriga de reintegro, en proporción á súa respectiva participación na actuación.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. O cumprimento parcial das condicións establecidas ou a realización en prazo de só unha parte da actuación comprometida, sempre que se acredite a mellora da cualificación enerxética total do edificio existente en, polo menos, unha letra, medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2) con respecto á cualificación enerxética inicial do edificio, así como a redución mínima do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida, poderá dar lugar ao axuste da axuda concedida, sempre que non se procedese á revogación da axuda polo incumprimento doutras obrigas esenciais ou requisitos establecidos nas bases reguladoras, e sen prexuízo da obriga de reintegro proporcional que corresponda, de ser o caso.

Vixésimo segundo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas e as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo terceiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo cuarto. Habilitación para desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Vixésimo quinto. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo sexto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file