Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 5 de novembro de 2021 Páx. 54246

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 25 de outubro de 2021 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Bretal.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Bretal, con domicilio na rúa Pontevedra, número 1, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 5 de agosto de 2021, Xoán Martínez Reboredo, na súa condición de presidente do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Bretal constituíuna a entidade Vasco Gallega Sociedad Cartera, S.L., representada por Xoán Martínez Reboredo, mediante escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 17 de xuño de 2021, ante o notario José María Rueda Pérez, co número de protocolo 1.664.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «contribuír á promoción, desenvolvemento e divulgación da cultura en Galicia arredor do patrimonio histórico e artístico, promovendo, participando e colaborando en iniciativas ligadas a este eixe».

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Xoán Martínez Reboredo como presidente, Sabela Martínez Reboredo como vicepresidenta e Xosé Martínez Reboredo como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Bretal, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 8 de outubro de 2021.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Bretal e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo