Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 8 de novembro de 2021 Páx. 54398

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 151/2021, do 21 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, itinerario peonil e ciclista na AC-214, treito A Xira-Cambre (puntos quilométricos 7+220-8+540), de clave AC/20/009.06.2, no concello de Cambre.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 3 de xuño de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 103) o Anuncio do 11 de maio de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, itinerario peonil e ciclista na AC-214, treito A Xira-Cambre (pp.qq. 7+220-8+540), de clave AC/20/009.06.2, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 13 de outubro de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción Fomento da mobilidade sostible, itinerario peonil e ciclista na AC-214, treito A Xira-Cambre (pp.qq. 7+220-8+540), de clave AC/20/009.06.2.

O obxecto do presente proxecto consiste na execución dun itinerario peonil na marxe esquerda da estrada AC-214 ata a estrada AC-213, que posibilitará o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira en condicións de seguridade, tendo en conta o tráfico elevado e a ausencia de beirarrúas que na actualidade dificulta o tránsito peonil.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Fomento da mobilidade sostible, itinerario peonil e ciclista na AC-214, treito A Xira-Cambre (pp.qq. 7+220-8+540), de clave AC/20/009.06.2.

Santiago de Compostela, vinte e un de outubro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade