Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 8 de novembro de 2021 Páx. 54407

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 15 de outubro de 2021 pola que se realiza unha redistribución entre créditos orzamentarios para a concesión das axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria pública para a concesión de subvencións co fin de contratar a persoal técnico para realizar actividades de orientación laboral no exercicio 2021.

A Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2021 (DOG nº 27, do 10 de febreiro), establece no seu artigo 1.2 que o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria se fará con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.05.322A.460.4 e 11.05.322A.481.1 (código de proxecto 2015 00524) polos importes máximos de 2.700.000 e 4.112.189 euros, respectivamente, correspondentes a fondos finalistas recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, que figuran nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Esta orde establece no seu artigo 1.3 que os importes fixados nas aplicacións previstas nela poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento de programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, despois da aprobación, de ser o caso, da modificación orzamentaria que proceda.

Debido á renuncia dunha entidade local, tendo en conta a existencia de solicitudes pendentes de concesión de entidades sen ánimo de lucro e con base no establecido no artigo 1.3 da Orde do 23 de decembro de 2020, considérase conveniente redistribuír o crédito entre as dúas aplicacións orzamentarias que financian as axudas previstas na devandita orde de convocatoria.

De acordo co artigo 31 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a alteración da distribución entre distintos créditos sen modificar a contía total máxima precisará unicamente das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación desta modificación nos mesmos medios que a convocatoria.

Con este fin, mediante a presente orde publícase a distribución entre créditos orzamentarios, de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Redistribuír os créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2021, minorando 25.000 euros na aplicación orzamentaria 11.05.322A.460.4 e incrementando correlativamente o mesmo importe na aplicación 11.05.322A.481.1.

Artigo 2

Esta modificación non implicará a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade