Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 9 de novembro de 2021 Páx. 54767

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021 (código de procedemento SI429A).

Mediante a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, do 28 de xuño de 2021, establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as axudas destinadas a fomentar o emprendemento feminino en Galicia, para o ano 2021 (código de procedemento SI429A) (DOG núm. 133, do 14 de xullo).

O artigo 21.1 da Resolución do 28 de xuño de 2021 establece que para a xustificación das axudas as beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da subvención concedida coa data límite que figure na resolución de concesión, e que, en todo caso, non excederá o 17 de novembro de 2021.

Tendo en conta o elevado número de solicitudes presentadas ao abeiro da citada resolución, e dado que non se causa prexuízo a outras persoas/entidades, procede modificar o artigo 21.1, ampliando o prazo de xustificación, ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das emprendedoras beneficiarias.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o punto 1 do artigo 21 (prazo e xustificación da subvención) da Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, do 28 de xuño de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021 (código de procedemento SI429A) (DOG núm. 133, do 14 de xullo), que queda redactado como segue:

«1. As beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da subvención concedida coa data límite que figure na resolución de concesión, e que, en todo caso, non excederá a data límite do 10 de decembro de 2021».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade