Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 9 de novembro de 2021 Páx. 54769

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Agroalimentaria Gallega.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Agroalimentaria Gallega, dítase esta resolución, baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 23 de febreiro de 2021, Jaime Luis López Vázquez, na súa condición de secretario do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Agroalimentaria Gallega constituírona a Confederación de Empresarios de Lugo-CEL, representada por Jaime Luis López Vázquez e as entidades mercantís Embutidos Montepicato, S.L., representada por Eduardo Valín Fernández; Suministros Megaro Foods, S.L., representada por Carlos Cebrián Escobar; e a Escuela de Carniceros de Galicia, S.L., representada por Carlos Cebrián Escobar e Mario Balboa Mourín, mediante escritura pública outorgada en Sarria (Lugo) no 12 de febreiro de 2021, ante o notario Juan J. López Yáñez, co número de protocolo 480. Esta escritura emendouse por outra outorgada no 18 de xuño de 2021, na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 2.334 do seu protocolo.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, ten como obxectivo «a consecución da agrupación, unión e colaboración de diferentes organizacións empresariais, empresarios individuais, entidades mercantís empresariais e, en xeral, todo tipo de entidades da Comunidade Autónoma Galega cuxo ámbito de actuación se corresponda co agroalimentario, co obxecto de fomentar e promover, a través da Fundación, o sector agroalimentario galego co consecuente desenvolvemento e potenciación do medio rural en Galicia».

Para a consecución dos seus fins poderá realizar as seguintes actividades:

– A posta en marcha dun proxecto global de cooperación entre os distintos estamentos da sociedade da Comunidade Autónoma galega co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego.

– Promover o espírito emprendedor e innovador no medio rural para a consolidación do sector agroalimentario galego a través da innovación e a tecnoloxía.

– Impulsar o desenvolvemento de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.

– Aglutinar e apoiar iniciativas para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega en áreas tales como a dixitalización, a automatización, a sustentabilidaade e o desenvolvemento de produtos innovadores e/ou con valor engadido.

– Impulsar, promover, liderar e xestionar iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da Comunidade Autónoma galega e a mellora do rendemento das explotacións facilitando o seu avance na cadea de valor sectorial.

– Potenciar e/ou colaborar con calquera iniciativa económica, social e cultural que redunde en beneficio do sector agroalimentario galego, a modernización das explotacións gandeiras e a súa sustentabilidade, así como a súa proxección no exterior.

– Captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais viables cara á Comunidade Autónoma coa conseguinte creación de postos de traballo.

– Potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendemento nas zonas rurais de Galicia, con obxecto de acadar a dinamización demográfica e económica neste ámbito e a posta en valor dos recursos naturais de Galicia para a xeración de riqueza e emprego cualificado.

– Colaborar coas administración públicas e empresas agroalimentarias co fin de acadar selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas.

– Impulsar e promocionar iniciativas en materia de internacionalización das empresas agroalimentarias galegas, a bioeconomía e a transición enerxética.

– Fomentar a economía social no sector agroalimentario galego e a utilización de novos modelos de negocio agroalimentario.

– Achegar o mundo da empresa e os equipos de investigación aplicada ao mundo rural para a consecución da mellora da interconexión dos distintos procesos que integran a cadea de valor agroalimentaria.

– Coadxuvar coas administracións públicas, empresas e entidades no desenvolvemento da posta en produción dos terreos abandonados en Galicia, a creación e a recuperación de aldeas e patrimonio etnográfico e o retorno de poboación e talento ao medio rural.

– Apoiar o sector primario en Galicia mediante o desenvolvemento de proxectos e iniciativas a través das cales se viabilice a recuperación das terras agrícolas para impulsar a bioeconomía e a calidade de vida no medio rural galego.

– Proceder ao estudo de todo tipo de problemas que se presenten no sector agroalimentario galego, propoñendo as solucións pertinentes e establecendo as conseguintes liñas de actuación.

– Fomentar conferencias, cursos, encontros e seminarios en materias relacionadas cos fins da Fundación.

– Promover o avance nos métodos e nas técnicas de xestión de empresas agroalimentarias, fundamentalmente na realización e difusión da investigación e da organización e funcionamento dos oportunos medios de formación e información.

– Promover a conexión do sector agroalimentario galego coa universidade e os equipos de investigación.

– Coadxuvar ao desenvolvemento económico, social, cultural e científico de Galicia, mediante as accións que se determinen.

– Organizar encontros, seminarios e convencións para intercambios de experiencias entre as empresas do sector agroalimentario e fomentar a súa solidariedade e interrelación para unha máis eficaz e mutua colaboración entre elas.

– Establecer, manter e fomentar relacións con outras asociacións e fundacións agroalimentarias, tanto nacionais como estranxeiras.

– Coadxuvar na potenciación do medio rural galego e a súa recuperación demográfica.

– Realizar as demais funcións de análoga natureza ás anteriores que se consideren convenientes no cumprimento dos fins da Fundación.

– Instituír premios anuais como elemento impulsor de iniciativas empresariais, investigadoras, turísticas, culturais e artísticas con incidencia no sector agroalimentario galego.

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os particulares relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e a súa finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Suministros Megaro Foods, S.L., representada por Carlos Cebrián Escobar, como presidente; a Confederación de Empresarios de Lugo-CEL, representada por Jaime Luis López Vázquez, como secretario; a entidade Embutidos Montepicato, S.L., representada por Eduardo Valín Fernández, como tesoureiro; e a Escuela de Carniceros de Galicia, S.L., representada por María José Torell Ortuño, como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Agroalimentaria Gallega, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumprindo os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 5 de outubro de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 199, do 15 de outubro) clasificouse de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Agroalimentaria Galega, e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 235, do 11 de decembro de 2018), corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Agroalimentaria Gallega, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; no uso das competencias atribuídas polo Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Agroalimentaria Gallega.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Medio Rural.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural