Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 10 de novembro de 2021 Páx. 55517

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 31.1 da Resolución do 10 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

A Resolución do 10 de maio de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 96, do 25 de maio, establece as bases reguladoras e convoca para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

O prazo de xustificación será para a anualidade de 2021, ata o 15 de novembro de 2021 incluído, e para a anualidade de 2022 ata o 15 de abril de 2022 (artigo 31.1 das bases reguladoras).

Na actualidade, a persistencia da crise dos semicondutores, os aumentos de prezo das materias primas e a rápida transformación tecnolóxica son elementos que están a exercer presión sobre os subministradores de maquinaria, bens e equipamentos, o que implica que os beneficiarios das axudas estean a solicitar a ampliación do prazo de xustificación para o ano 2022.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra parte, con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), establece que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 31.1 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, quedando a redacción do artigo da seguinte maneira:

«O prazo de xustificación será para a anualidade de 2021, ata o 15 de novembro de 2021 incluído, e para a anualidade de 2022 ata o 15 de xuño de 2022. Así mesmo, logo da solicitude motivada do beneficiario e sempre que sexa autorizado polo órgano que ditou a resolución de concesión, terase en conta que as cantidades non xustificadas polos beneficiarios na anualidade de 2021 se poderán computar e xustificar na anualidade 2022, sempre que non sexan susceptibles de perda do dereito ao seu cobramento e o soliciten».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal (www.xera.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra a presente resolución non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal