Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 12 de novembro de 2021 Páx. 55837

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2021, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 006 do grupo I, titulado/a superior psicólogo/a, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 4 de novembro de 2019, pola que se fan públicos varios acordos.

Mediante Resolución do 18 de xuño de 2021 (DOG núm. 124, do 1 de xullo), o tribunal nomeado polas resolucións do 19 de outubro de 2020 (DOG núm. 250, do 14 de decembro) e do 17 de decembro de 2020 (DOG núm. 262, do 31 de decembro) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 006 do grupo I, titulado/a superior psicólogo/a, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 4 de novembro de 2019 (DOG núm. 213, do 8 de novembro), acordou publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes no primeiro exercicio, outorgando un prazo para presentar alegacións en relación con estas puntuacións de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución.

Recibidas alegacións, detectouse algún erro no proceso automatizado de lectura e corrección do primeiro exercicio do proceso selectivo, polo que, en sesión do 21 de xullo de 2021, este tribunal acorda solicitar á Dirección Xeral de Función Pública a realización dunha nova corrección.

Como resultado deste proceso, en sesións do 14 de outubro de 2021 e 3 de novembro de 2021, o tribunal

ACORDOU:

Primeiro. Rectificar a Resolución deste tribunal do 18 de xuño de 2021 (DOG núm. 124, do 1 de xullo) exclusivamente no referente á relación de puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas para realizar o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, na categoría 006 do grupo I, titulado/a superior psicólogo/a, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, así como no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Segundo. Publicar as puntuacións, rectificadas de acordo coa corrección dos exercicios acordada en sesión do 21 de xullo de 2021, obtidas polas persoas aspirantes presentadas para realizar o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, na categoría 006 do grupo I, titulado/a superior psicólogo/a, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, así como no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Visto o escrito do Servizo de Selección da Dirección Xeral de Función Pública do 10 de setembro de 2021, en que se comunica que todas as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio acreditaron, de acordo co establecido nas bases da convocatoria, estar en posesión do Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado, decláranse todas as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio exentas de realizar o segundo exercicio do proceso selectivo.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021

Alberto Gutiérrez Piñeiro
Presidente do tribunal