Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 15 de novembro de 2021 Páx. 56013

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, pola que se procede á primeira convocatoria de inscrición no curso de adaptación para acadar a acreditación das/dos enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

O artigo 9 do Real decreto 954/2015, do 23 de outubro, polo que se regula a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte das/dos enfermeiras/os determina que, tanto no ámbito dos coidados xerais coma especializados, este persoal debe acreditar unha experiencia profesional mínima dun ano ou ter superado un curso de adaptación adecuado ofrecido pola Administración sanitaria de maneira gratuíta.

O mesmo Real decreto 954/2015, do 23 de outubro, establece que corresponde ás comunidades autónomas a regulación do procedemento para a obtención de dita acreditación.

No exercicio das competencias atribuídas pola Orde do 9 de xullo de 2021 a Comunidade Autónoma de Galicia iniciou e regulou o procedemento de acreditación das/dos enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, e estableceu o procedemento aplicable para a obtención, por parte das/dos enfermeiras/os de coidados xerais e especializados que exercen a súa actividade profesional no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, da acreditación necesaria para proceder á indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

De conformidade co previsto no artigo 4.b) da citada Orde do 9 de xullo de 2021, os profesionais de enfermaría deben cumprir obrigatoriamente algún dos requisitos previstos no xa citado artigo 9 do Real decreto 954/2015, do 23 de outubro, para a obtención da acreditación: ter unha experiencia profesional acreditada mínima dun ano ou ter superado o curso de adaptación ofrecido pola Administración sanitaria de maneira gratuíta que implique a adquisición das competencias necesarias para indicar, usar e autorizar a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, de acordo co previsto nos puntos 1.a) e b) do anexo I do Real decreto 954/2015, do 23 de outubro.

Por outra banda, a disposición adicional única da Orde do 9 de xullo de 2021 determina que o curso de adaptación a que se refire o artigo 4.b).2º desta orde será programado e xestionado pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), de acordo coas directrices que estableza o centro directivo do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de asistencia sanitaria. A persoa titular deste centro directivo aprobará o programa formativo do curso.

A primeira convocatoria para a inscrición neste curso será anunciada no Diario Oficial de Galicia, publicándose na páxina web do Servizo Galego de Saúde e de ACIS as convocatorias sucesivas.

Esta dirección xeral, de conformidade co previsto no artigo 4.b) e na disposición adicional única da Orde do 9 de xullo de 2021 pola que se regula e se inicia o procedemento para a acreditación das/dos enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano,

RESOLVE:

Proceder á primeira convocatoria para a inscrición no curso de adaptación para acadar a acreditación das/dos enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, de conformidade coas bases e características especificadas nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

O director xeral de Asistencia Sanitaria
P.D. (Acordo do 1.10.2021)
Alfonso Alonso Fachado
Subdirector xeral de Xestión Asistencial e Innovación

ANEXO I

Bases

1. Destinatarios.

De acordo co establecido no artigo 4 da Orde do 9 de xullo de 2021, poderán participar neste curso os profesionais con título de grao ou diplomatura en Enfermaría, ou de axudante técnico/a sanitario/a, ou equivalente, ademais do título de enfermeira/o especialista cando se trate do profesional de enfermería responsable de coidados especializados, sen experiencia profesional previa acreditada mínima dun ano.

2. Desenvolvemento das convocatorias.

De acordo coa disposición adicional única da Orde do 9 de xullo de 2021 pola que se regula e se inicia o procedemento para a acreditación das/os enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, o período de inscrición para a primeira convocatoria de este curso empezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e durará 15 días naturais. Finalizado este período de inscrición, a ACIS daralles acceso á aula virtual do curso a todas/os as/os alumnas/os rexistradas/os.

As seguintes convocatorias publicaranse na páxina web do Servizo Galego de Saúde e na da ACIS, cunha periodicidade trimestral.

3. Inscrición.

Os/as profesionais que desexen participar na actividade formativa convocada nesta resolución deberán cubrir o formulario de preinscrición telemática na páxina web da ACIS (https://acis.sergas.gal). Para iso, deberán acceder, dentro do menú de «Formación continuada», á epígrafe «O meu perfil». Unha vez dentro do perfil, deberán localizar o curso co buscador de actividades e, ao abrir a ficha técnica do curso, verán o botón de inscrición que lles levará ao formulario antes mencionado.

Para realizar a inscrición desde fóra da rede do Servizo Galego de Saúde necesitarase certificado dixital ou Chave365.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado. A ACIS resérvase o dereito para solicitar a información necesaria para verificar tales datos.

A ACIS enviaralles un correo electrónico e unha mensaxe SMS aos profesionais admitidos.

4. Certificación.

As/os profesionais que superen a actividade terán á súa disposición a certificación, que poderán visualizar no seu Expedient-e (FIDES), que estará validada de maneira automática.

A ACIS enviaralles unha mensaxe SMS aos profesionais que superen o curso.

ANEXO II

(Características da actividade formativa)

Denominación da actividade: «Acreditación das/dos enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano. (Código 218819)».

Modalidade: autoformación.

Número de horas: 15 horas.