Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 19 de novembro de 2021 Páx. 56834

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2021 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación da convocatoria de subvencións do Programa de conservación, de mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se amplía a dotación orzamentaria para a anualidade 2022.

O 22 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2021.

No punto dous do ordinal terceiro da citada resolución sinálase que as contías establecidas nestas convocatorias poderán ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No ordinal décimo segundo da dita resolución convócanse as subvencións para rehabilitar vivendas e edificios de vivendas dos programas de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), para o exercicio 2021 (código de procedemento VI422E). No seu resolvo dous indícase que as subvencións previstas nesta convocatoria se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cun importe de 680.000,00 euros para a anualidade 2021.

O 11 de agosto publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de agosto de 2021 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de subvencións do Programa da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, para o ano 2021. No resolvo un da citada resolución indícase que o incremento da dotación orzamentaria para a anualidade de 2021 será de 2.710.881,92 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que a contía máxima que se pode conceder con cargo a esta será de 3.390.881,92 euros.

No ordinal décimo segundo da Resolución do 5 de marzo de 2021, punto catro, establécese que o prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 30 de novembro de 2021. Así mesmo, no ordinal décimo terceiro, punto 6, indícase que: «En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de 2021, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data. Non obstante, cando concorran circunstancias que así o xustifiquen, poderase demorar a citada data mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG».

A falta de material de construción e de man de obra comporta a necesidade de ampliar o prazo de execución e xustificación das obras obxecto de subvención ata o 30 de setembro de 2022.

En virtude do acordo adoptado na comisión bilateral realizada o 9 de agosto de 2021 para reaxustar o Plan 2018-2021, existen remanentes para o programa de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, ademais doutros que xa constaban na aplicación orzamentaria. Estes remanentes son necesarios para unha nova ampliación do crédito, dado que o importe dotado nesta convocatoria, a pesar de ser ampliado, continúa a ser insuficiente para atender ao número de solicitudes deste programa.

De conformidade co punto dous do ordinal terceiro e co punto cuarto do ordinal décimo segundo da Resolución do 5 de marzo de 2021 é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar o prazo para executar e xustificar as obras obxecto de subvención ata o 30 de setembro de 2022 da convocatoria de subvencións do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021 (procedemento VI422E) prevista na Resolución do 5 de marzo de 2021.

No caso de ter finalizadas as actuacións no ano 2021 a data límite para xustificar as obras obxecto da subvención será o 30 de decembro de 2021.

Segundo. Ampliar a dotación orzamentaria para a convocatoria de subvencións do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021, para o exercicio 2022, en 1.288.747,39 euros, do que resulta o crédito total da convocatoria co seguinte detalle:

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Ampliación de crédito

Crédito total

Ampliación de crédito

Crédito total

2021

2021

2021

2022

2021 e 2022

08.81.451A.780.6 (proxecto 2018 00006)

680.000,00 €

2.710.881,92 €

3.390.881,92 €

1.288.747,39 €

4.679.629,31 €

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo