Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 19 de novembro de 2021 Páx. 56832

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións previsto no ordinal décimo oitavo da Resolución do 4 de novembro de 2020, pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, con carácter plurianual (código de procedemento VI406C).

O 6 de novembro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 4 de novembro de 2020, pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, con carácter plurianual (código de procedemento VI406C).

O punto 8 do ordinal décimo oitavo, Xustificación da subvención, da citada Resolución do 4 de novembro de 2020 establece que «(...) En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data».

Tendo en conta as circunstancias xeradas pola pandemia da COVID-19 (fundamentalmente, o atraso na obtención de subministracións), así como o elevado número de solicitudes presentadas nesta convocatoria, procede dar nova redacción ao dito punto 8 do ordinal décimo oitavo, co fin de ampliar o prazo que teñen as persoas e entidades beneficiarias para presentar a documentación xustificativa da subvención.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Único. Dar a seguinte redacción ao punto 8 do ordinal décimo oitavo, Xustificación da subvención, da Resolución do 4 de novembro de 2020, pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, con carácter plurianual (código de procedemento VI406C):

«Transcorridos os prazos indicados no punto 1º deste ordinal sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data. No caso da xustificación da anualidade 2021 admitirase a presentación de documentación ata o 30 de decembro de 2021».

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo