Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 23 de novembro de 2021 Páx. 57337

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2021 pola que se convoca concurso de méritos para a provisión de dúas prazas vacantes nesta institución.

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, convócase concurso de méritos para cubrir dúas prazas vacantes do corpo auxiliar, grupo D, incluídas na relación de postos de traballo do Valedor do Pobo que se detalla no anexo, conforme as seguintes:

Bases:

1. Normas xerais.

A esta convocatoria seralle de aplicación a Lei do Valedor do Pobo, o seu Regulamento de organización e funcionamento, a Resolución do Valedor do Pobo, do 28 de xullo de 2021, pola que se aproban as normas reguladoras das bases xerais para as convocatorias das provisións de postos de traballo polo sistema de concurso de méritos no Valedor do Pobo de Galicia, modificada pola Resolución do 3 de novembro de 2021, e a súa normativa complementaria e supletoria.

As prazas están dotadas coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos do Valedor do Pobo do ano en curso.

2. Requisitos dos/das aspirantes.

2.1. Xerais.

Para seren admitidos, os/as aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

2.1.1. Non exceder a idade de xubilación forzosa.

2.1.2. Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

2.1.3. Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera Administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2.1.4. Ter a condición de funcionario/a de carreira de calquera Administración pública, pertencente ao subgrupo C2 ou grupo D.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso.

2.3. Será requisito imprescindible para a participación neste concurso de méritos acreditar unha permanencia mínima de dous anos no posto de traballo desde o cal se concursa.

3. Valoración de méritos.

A) Antigüidade.

1. A puntuación máxima por antigüidade será de 12 puntos.

2. A antigüidade valorarase por anos de servizos. Diferenciarase a puntuación en función dos corpos ou escalas en que se prestou o servizo, atendendo ao seguinte baremo:

a) 0,40 puntos por ano completo de servizos prestados en corpos ou escalas do mesmo nivel de titulación ou superior en que se encontre clasificado o posto a que se opta.

b) 0,20 puntos por ano completo de servizos prestados en corpos ou escalas de inferior nivel de titulación en que se encontre clasificado o posto a que se opta.

3. Esta puntuación asignarase porcentualmente aos períodos inferiores a un (1) ano cunha duración mínima dun (1) mes.

B) Cursos de formación e perfeccionamento.

1. A valoración máxima dos cursos de formación será de 10 puntos.

Serán valorados como mérito os cursos de formación cunha duración mínima de 12 horas e organizados ou promovidos polo Valedor do Pobo, polas escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, universidades, polas organizacións sindicais, administracións públicas ou por outras entidades publicas, sempre que, neste último caso, os cursos conten cunha homologación oficial.

2. Puntuarase a formación atendendo á seguinte distribución:

a) Cursos sobre temática directamente relacionada coa área funcional ou coas tarefas propias do posto a que se concursa. Valoraranse a razón de 0,02 puntos/hora de formación ata un máximo de 5 puntos.

b) Cursos impartidos pola persoa aspirante sobre temática directamente relacionada coa área funcional ou coas tarefas propias do posto a que se concursa. Valoraranse a razón de 0,03 puntos por hora de formación ata un máximo de 5 puntos.

c) Cursos sobre calquera temática relacionada coa actividade da institución do Valedor do Pobo. Valoraranse a razón de 0,01 puntos/hora de formación ata un máximo de 4 puntos.

d) Cursos sobre aplicacións e programas informáticos relacionados coa actividade da institución do Valedor do Pobo. Valoraranse a razón de 0,01 puntos/hora de formación ata un máximo de 2 puntos.

Para tal efecto, detallaranse previamente aqueles cursos que se consideren relacionados coa actividade da institución.

e) Cursos de idiomas distintos do galego impartidos por escolas oficiais. Valoraranse a razón de 0,01 puntos/hora de formación ata un máximo de 2 puntos.

f) Cursos de igualdade de xénero e de prevención de riscos laborais. Valoraranse a razón de 0,01 puntos/hora de formación ata un máximo de 2 puntos.

C) Titulacións académicas.

1. A puntuación máxima por titulacións académicas será de 4 puntos.

2. Non se valorarán títulos académicos imprescindibles para a consecución doutros de nivel superior que se aleguen como méritos, nin se valorarán os títulos académicos exixidos para o ingreso no corpo de funcionarios correspondente. As titulacións distintas das sinaladas valoraranse coa seguinte cualificación:

a) Titulacións académicas en xeral.

a1) Titulación de grao medio non universitaria (FP I) ou asimilada: 0,40 puntos.

a2) Titulación de grao superior non universitaria (FP II) ou asimilada: 0,60 puntos.

a3) Titulación de grao medio universitario, diplomado ou equivalente: 0,80 puntos.

a4) Titulación universitaria de grao ou asimiladas: 1 punto.

a5) Titulación universitaria de experto: 1,25 puntos.

a6) Titulación universitaria de especialista: 1,50 puntos.

a7) Máster universitario: 2 puntos.

a8) Doutoramento: 3 puntos.

b) Titulacións académicas relacionadas co posto de traballo, especificadas na convocatoria correspondente.

b1) Titulación de grao medio non universitaria (FP I) ou asimilada: 0,75 puntos.

b2) Titulación de grao superior non universitaria (FP II) ou asimilada: 1 punto.

b3) Titulación de grao medio universitario, diplomado ou equivalente: 1,25 puntos.

b4) Titulación universitaria de grao ou asimiladas: 1,5 puntos.

b5) Titulación universitaria de experto: 1,75 puntos.

b6) Titulación universitaria de especialista: 2 puntos.

b7) Máster universitario: 2,5 puntos.

b8) Doutoramento: 4 puntos.

D) Grao de coñecemento do idioma galego.

1. A valoración máxima dos cursos de formación será de 3 puntos.

2. Valorarase a formación especializada en idioma galego coa seguinte cualificación:

Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior de estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5. Valorarase con 1,5 puntos.

Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega. Valorarase con 3 puntos.

E) Grao persoal consolidado.

1. A valoración máxima polo grao persoal consolidado será de 2 puntos.

2. Por estar en posesión dun determinado grao persoal:

Por ter un grao persoal superior ao posto ofertado: 2 puntos.

Por ter un grao persoal igual ao posto ofertado: 1,5 puntos.

Por ter un grao persoal inferior ao posto ofertado: 1 punto.

F) Exercicio de dereitos de conciliación.

1. A puntuación máxima desta epígrafe será de 2 puntos.

2. Teranse en conta os dereitos de conciliación exercidos nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria do concurso. Os meses computaranse por días naturais de trinta (30) días.

3. Permiso por parto, adopción ou acollemento: 0,20 puntos.

4. Permiso como proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, garda con fins de adopción, adopción ou acollemento dun fillo: 0,20 puntos.

5. Redución de xornada prevista: 0,02 puntos/mes.

6. Excedencia para coidado de fillos/as e familiares: 0,04 puntos/mes.

7. Ter a cargo menores de doce anos e persoas dependentes ou con discapacidade: 0,5 puntos.

G) Traballo desenvolvido.

A puntuación máxima desta epígrafe será de 2,5 puntos.

1. Por cada mes de servizos de tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo do corpo ou escala desde o que participa: 0,015 puntos.

2. Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

3. Supostos de empate.

En caso de empate nas puntuacións, outorgaráselle o posto á persoa que acredite maior experiencia en postos pertencentes á institución do Valedor do Pobo ou institucións similares. De persistir o empate, acudirase para dirimilo á maior puntuación obtida nos méritos segundo a orde establecida nos diferentes puntos da base terceira. De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo apelido. En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

4. Solicitudes.

1. As solicitudes para tomar parte no concurso dirixiranse ao Valedor do Pobo de Galicia. O prazo de presentación será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse cubrindo o formulario electrónico que figura como anexo-solicitude da convocatoria na web do Valedor do Pobo, conforme o sinalado na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, artigo 14.2.e), para os empregados das administracións públicas.

As persoas interesadas en participar neste procedemento deberán acceder ao formulario de participación, cubrir todos os datos que aparecen nel e, posteriormente, validalos, confirmalos, imprimir o formulario e presentalo asinado no Rexistro da institución do Valedor do Pobo ou en calquera dos lugares que establece o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, seguindo as instrucións que lles proporcionará o sistema.

Non será admitida ao concurso ningunha solicitude que sexa presentada por calquera outro medio que o indicado anteriormente.

As solicitudes que fosen validadas no formulario electrónico da institución e que non se presentasen dentro de prazo, no Rexistro da institución ou nos lugares indicados na Lei 39/2015, serán excluídas do procedemento de provisión dos postos convocados.

Coa presentación da solicitude, as persoas participantes declaran baixo a súa responsabilidade que son certos todos os datos que fan constar.

Na solicitude de participación deberán incorporar o seu enderezo de correo electrónico de contacto.

Unha vez transcorrido o prazo de presentación, as solicitudes formuladas serán vinculantes para os/as peticionarios/as.

5. Todos os méritos alegados deberán ser acreditados, no momento en que a persoa resulte adxudicataria da praza, mediante a presentación de certificacións ou títulos orixinais ou fotocopias compulsadas dos méritos alegados na solicitude. Non será necesaria a presentación dos méritos alegados e que xa se encontrasen en poder da institución, que serán certificados polo seu Servizo de Administración e Persoal.

Para o suposto de que na documentación presentada existan defectos reparables, daráselle á persoa interesada un prazo de cinco días hábiles para corrixilos.

6. Relacións de admitidos e excluídos.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a valedora do pobo ditará resolución en que se declarará aprobada a relación provisional de admitidos e excluídos, con indicación de apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, se é o caso. Esta resolución publicarase na páxina web do Valedor do Pobo.

Os excluídos dispoñerán dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución na paxina web da institución, para poder emendaren, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación destas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola cal se determine a relación definitiva de admitidos e excluídos.

Transcorrido o dito prazo, a valedora do pobo ditará resolución definitiva de admitidos e excluídos.

7. Comisión de Avaliación.

1. Para a valoración das condicións e dos méritos achegados aos concursos de provisión de postos de traballo constituirase unha Comisión de Avaliación nomeada pola valedora do pobo de Galicia coa seguinte composición:

• Presidencia: a persoa responsable do Servizo de Administración e Persoal da institución.

• Vogal: unha persoa funcionaria que designará o persoal administrativo da institución, que conte, cando menos, co mesmo nivel de titulación exixida para o ingreso no corpo correspondente ao posto ofertado. Na súa falta, elixirase unha persoa funcionaria que cumpra con estes requisitos, elixida ao chou de entre o persoal que se presente para este efecto.

• Secretario/a: o xefe/a da Sección de Apoio e de Transparencia.

Substitución: en caso de ausencia, os membros da comisión poderán ser substituídos por un/unha funcionario/a designado/a polo titular da institución do Valedor do Pobo.

Todos eles contarán con voz e voto.

A Comisión de Avaliación poderá solicitar o asesoramento de expertos que colaboren na valoración dos méritos, os cales actuarán con voz pero sen voto.

2. A Comisión de Avaliación, no prazo non superior a un mes desde a fin do prazo de presentación de instancias, publicará na páxina web do Valedor do Pobo a resolución provisional coa relación dos aspirantes presentados ao concurso, con indicación da puntuación recoñecida por cada un dos méritos alegados.

Contra tal resolución os interesados poderán interpoñer reclamación ante a Comisión de Méritos, no prazo de cinco (5) días hábiles.

Nun prazo non superior a quince (15) días hábiles, a Comisión de Avaliación resolverá as reclamacións presentadas, se as houber, notificará o resultado destas aos interesados e elevará á valedora do pobo de Galicia unha proposta de resolución do concurso a favor da persoa que acade a mellor puntuación.

3. Abstención e recusación.

Os membros da Comisión de Avaliación deberanse abster, ou poderán ser recusados polos aspirantes, cando concorra algún dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público. Cando se produza esta situación e, consecuentemente, a vacante dun membro da Comisión de Valoración titular, o seu suplente cubrirá o dito posto e, o/a presidente/a designará un/unha novo/a suplente. O/a presidente/a solicitará dos membros da comisión declaración expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas nos artigos citados ou nas previstas nestas bases.

4. Constitución e actuación.

A comisión non se poderá constituír nin actuar sen a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros e, en todo caso, será necesaria a presenza do/da presidente/a e do/da secretaria/o.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión da comisión redactarase a acta, coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.

8. Valoración de méritos e proposta de adxudicación.

Valorados os méritos dos/das solicitantes, a adxudicación do posto de traballo ofertado recaerá, en todo caso, sobre o/a candidato/a que obtivese maior puntuación conforme o baremo establecido na base 3, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate establecidos na base 4.

Unha vez efectuada a valoración provisional dos méritos, farase pública na páxina web do Valedor do Pobo. Os/as concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación.

As reclamacións dirixiranse á Presidencia da Comisión de Avaliación de méritos.

Na fase de reclamacións non se admitirá a presentación de méritos que non se incluísen na presentación da solicitude.

Examinadas e resoltas pola comisión as reclamacións presentadas, elevarase proposta de resolución do concurso á valedora do pobo.

A convocatoria resolverase por resolución do Valedor do Pobo, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da institución.

9. Adxudicación de destino.

1. A resolución do Valedor do Pobo de Galicia que lles adxudicará definitivamente os postos ofertados ás persoas aspirantes que obtivesen a maior puntuación publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da institución. Nela deberán figurar os seguintes datos:

a) Denominación, número, corpo ou escala, complemento específico e nivel de complemento de destino do posto adxudicado.

b) Datos identificativos da persoa funcionaria seleccionada: nome e apelidos, DNI, corpo ou escala e grao persoal.

10. Toma de posesión.

A toma de posesión no posto adxudicado como consecuencia da resolución deste concurso efectuarase no prazo de tres días hábiles a partir da data de publicación da resolución pola cal se resolve este concurso.

11. Recursos.

Contra a resolución pola que se resolve o concurso de méritos, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a valedora do pobo no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do pobo

ANEXO

Características dos postos

Nº de orde

Denominación

C. destino

C. específico (anual)

Grupo

Corpo

Forma de provisión

15

Auxiliar Administrativo/a

16

16.056,88

D (subgrupo C2)

Auxiliar

Concurso

16

Auxiliar Administrativo/a

16

16.056,88

D (subgrupo C2)

Auxiliar

Concurso