Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Mércores, 24 de novembro de 2021 Páx. 57486

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2021 pola que se convocan probas selectivas para o acceso á escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas, subgrupo A2, vacantes no cadro de persoal funcionario, polas quendas de promoción interna e de acceso libre.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos desta universidade e, co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, en execución do previsto nas resolucións do 21 de decembro de 2018 (DOG do 31 de decembro) modificada pola Resolución do 25 de setembro de 2019 (DOG do 7 de outubro) e na Resolución do 12 de decembro de 2019 (DOG do 23 de decembro) polas que se publican as ofertas de emprego público do persoal de administración e servizos para os anos 2018, quenda de promoción interna e acceso libre, e para 2019 polas quendas de promoción interna e acceso libre, resolve convocar probas selectivas para acceso á escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) derivados desta convocatoria realizaranse exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir sete (7) prazas na escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas, subgrupo A2, polas quendas de promoción interna e de acceso libre.

1.2. O número total de vacantes reservadas á quenda de promoción interna ascende a dúas (2) prazas.

1.3. O número total de vacantes reservadas á quenda de acceso libre ascende a cinco (5) prazas.

1.4. Os procesos de selección de promoción interna e de acceso libre realizaranse conxuntamente. As prazas de promoción interna que queden desertas, non se acumularán ás de acceso libre.

1.5. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas de acceso.

1.6. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.7. O sistema de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse a que se especifica no anexo I.

1.8. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II.

1.9. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; Regulamento de selección de persoal funcionario de administración e servizos, aprobado en Consello de Goberno da USC o 30 de outubro de 2020 e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a data de toma de posesión, os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro nos termos previstos no artigo 52 da Lei de emprego de Galicia.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de grao, enxeñaría técnica, diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso, ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala a que se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

f) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.10.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

2.2. As persoas aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán posuír, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer como persoal funcionario de carreira á escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, subgrupo C1, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na USC.

b) Ter prestados servizos efectivos durante polo menos dous anos, como funcionario/a da escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, subgrupo C1.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. As persoas que desexen participar nesta probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso, empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalFuncionario.htm

No momento de formalizar a súa solicitude as persoas aspirantes deberán acompañar a documentación que proceda segundo as bases da convocatoria.

3.3. Para a presentación de solicitudes, as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.4. As persoas aspirantes deberán facer constar na solicitude a quenda pola que se inscriben, promoción interna ou acceso libre, segundo corresponda.

3.5. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou do certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

Os/as aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentos/as de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento, debendo presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se atope debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do/da cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, xuntarán para tal efecto fotocopia dos diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1, C2 ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas, e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

3.6. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso será achegada coa solicitude, e non serán valorados méritos que non se atopen suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

3.6.1. Certificado acreditativo dos servizos prestados, no que conste o corpo ou a escala e os períodos nos que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude, se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

3.6.2. O certificado acreditativo indicado no punto anterior, expedirase de oficio e engadirase á solicitude das persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC.

3.7. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.8. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.9. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, reflectindo con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.10. Os dereitos de exame serán de 36,36 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, non sendo preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.10.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.10.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego na que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.10.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.10.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.11. No formulario de solicitude os/as aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e comprométense a achegar a documentación que nela se indica.

3.12. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique no punto de «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.3.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución pola que se declara aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaran a exclusión.

4.3. Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalFuncionario.htm para o que o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no punto 3.3 desta convocatoria.

4.4. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.5. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.6. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A presidenta solicitará dos membros do tribunal unha declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran algunha das circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír a quen teña perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria da presidenta constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e secretario/a, e da metade polo menos dos seus membros.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o punto 3.9 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produza renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Y de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2021 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación, o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal baseándose na información recibida acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizara a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. Persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba, as persoas aspirantes que acrediten conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira en algún dos niveis seguintes: B2, C1, C2 ou equivalente e os/as nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra a exclusión da persoa aspirante, poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e naqueles outros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes, pola quenda de promoción interna e de acceso libre, que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A publicación anterior irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas fosen seleccionadas, pola quenda de acceso que corresponda, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases: oposición e concurso e a proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I.

7.6. Contra esta publicación, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o que, o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no punto 3.3.

7.7. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará, pola quenda de acceso que corresponda, a proposta definitiva das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no punto 5.12 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor para efectuar o nomeamento de persoal funcionario de carreira e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a relación definitiva de persoas aprobadas, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, orixinais e fotocopia da seguinte documentación:

a) DNI ou documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Titulación exixida na base 2.1.c).

c) Certificado, de ser o caso, acreditativo de lingua galega indicado na base 3.5.

d) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.5.

e) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado/a funcionario/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación de destino.

9.1. As persoas seleccionadas deberán solicitar por orde de preferencia as prazas vacantes que previamente se lle oferten. Poderanse ofertar prazas de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa suficientes vacantes deste nivel.

9.2. A persoa seleccionada pola quenda de promoción interna terá preferencia para a elección de praza sobre as da quenda de acceso libre e poderá optar entre permanecer no posto que veña desempeñando como titular, se o posto que ocupa está definido na relación de postos de traballo tamén para o subgrupo A2, ou por unha das prazas vacantes que se oferten.

9.3. A adxudicación de destinos efectuarase de acordo coas peticións das persoas interesadas, seguindo a orde de puntuación final obtida.

9.4. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntaráselle un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Nomeamento de persoal funcionario de carreira.

10.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán nomeadas funcionarias de carreira mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

10.2. A toma de posesión das persoas seleccionadas efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaboraranse listaxes de espera, tanto para promoción interna como para acceso libre, coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición, distinto do de galego. Para estes efectos e co fin de determinar a súa opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a seguir se indican para as quendas de promoción interna e de acceso libre, agás as exencións previstas na descrición do primeiro e de conformidade coas especificacións que se indican para a realización do segundo exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o quinto que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar fidedignamente a súa identidade.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que acreditaran documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-video.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-video, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio.

Para aspirantes da quenda de acceso libre: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, baseadas no contido do programa, con 4 respostas alternativas, das cales só unha será a correcta.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 120 minutos.

Para aspirantes da quenda de promoción interna: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 90 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, baseadas na parte específica do programa, con 4 respostas alternativas, das cales só unha será a correcta.

O tempo máximo para a súa realización será de 90 minutos.

Este segundo exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos, e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos, correspondéndolle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a puntuación mínima. Cada pregunta respondida incorrectamente detraerá ¼ de pregunta respondida correctamente.

Terceiro exercicio: consistirá en desenvolver por escrito dous (2) temas a elixir entre catro (4), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman a parte especifica do programa.

Para a realización do exercicio escrito os/as aspirantes disporán de dúas horas.

Posteriormente, o tribunal convocará aos/ás aspirantes para ler o exercicio en sesión pública quen o cualificará valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade, a orde de ideas e a calidade de expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a durante un período máximo de 10 minutos, sobre aspectos dos temas desenvolvidos.

Este exercicio cualificarase cun máximo de 30 puntos e será necesario obter un mínimo de 15 puntos para superalo. Cada tema cualificarase cun máximo de 15 puntos e será necesario obter en cada tema, un mínimo de 7,5 puntos.

Cuarto exercicio: constará de dúas partes:

1ª parte. Consistirá na realización de asentos bibliográficos de tres documentos modernos en calquera soporte e en calquera lingua viva occidental que se realizará de acordo coas vixentes regras de catalogación en formato MARC21. Utilizaranse calquera das listas de encabezamentos de materia existentes indicando a persoa aspirante a lista e a edición da CDU empregadas.

Os/as opositores/as traballarán sobre fotocopias, podendo consultar os orixinais na mesa do tribunal.

Para realizar esta primeira parte do exercicio, as persoas aspirantes disporán de dúas horas.

2ª parte. Consistirá na resolución dun suposto práctico, de carácter técnico, a elixir entre dous propostos polo tribunal relacionados co programa da convocatoria. Valorarase, ademais da correcta resolución dos supostos, a facilidade e corrección da expresión escrita, o rigor analítico, a sistemática e claridade de ideas. O tempo máximo para a realización desta segunda parte será de noventa minutos.

A valoración é de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos. En cada parte deberá acadarse como mínimo 7,5 puntos para poder superar o exercicio.

Quinto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio.

Consistirá na tradución por escrito, sen dicionario, para o castelán ou galego dun documento relacionado co temario da convocatoria redactado nunha das seguintes linguas comunitarias: inglés, francés, alemán, italiano ou portugués. As persoas aspirantes deberán facer constar na epígrafe correspondente da solicitude o idioma elixido.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora e a súa valoración será de 0 a 5 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

II. Fase de concurso: consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición, dos seguintes méritos referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes:

Quenda de promoción interna: máximo 15 puntos.

a) Antigüidade: máximo 4 puntos.

– Por cada ano completo de servizos prestados: 0,50 puntos.

– Por cada mes completo de servizos prestados que reste: 0,042 puntos.

b) Nivel de complemento de destino: máximo 10 puntos.

Valorarase o nivel de complemento de destino correspondente ao posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo ou en adscrición provisional na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte táboa:

Nivel

Puntos

25

10

24

9

23

8

22

7

21

6

20

5

19

4

18

3

17

2

No caso de non ter posto definitivo, puntuarase o grao persoal consolidado, e se non se ten grao consolidado, atenderase ao mínimo correspondente á escala á que pertenza a persoa funcionaria.

c) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes: máximo 1 punto.

– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106 da Lei de emprego público de Galicia: 0,2 puntos. Para estes efectos só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

Quenda de acceso libre: máximo 15 puntos.

Valoraranse os servizos prestados da seguinte forma:

– Na escala axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas da USC: 0,180 puntos por mes.

– Noutras administracións públicas, en corpos ou escalas que teñan atribuídas as mesmas funcións que as da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas da USC: 0,050 puntos por mes.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Os empates nas puntuacións resolveranse a favor da persoa aspirante que obtivese unha maior puntuación na fase de oposición, e se isto non fose suficiente, pola maior puntuación obtida no cuarto exercicio, no terceiro exercicio e na fase de concurso, por esta orde ata que se resolva o empate.

Para a valoración da experiencia acreditada noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveranse por unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas pola Xunta de Persoal. Esta comisión intervirá a petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas nos corpos ou escalas en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación das prazas: escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas.

Programa

I. Parte xeral.

1. A Constitución española de 1978. Os principios constitucionais. Os dereitos fundamentais da Constitución española. Dereitos e deberes dos cidadáns. Garantías e tutela dos dereitos e liberdades.

2. O procedemento administrativo: concepto e fases. Notificación e eficacia dos actos administrativos. O acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos: réxime xurídico da administración electrónica. Identificación dos cidadáns. Documentos electrónicos e arquivos electrónicos.

3. Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. Dereitos e deberes. Adquisición e perda da relación de servizo. Provisión de postos de traballo. Situacións administrativas. Réxime disciplinario. A Lei de emprego público de Galicia.

4. Concepto de autonomía universitaria. A Lei orgánica de universidades (LOU): estrutura e goberno nas universidades. Peculiaridades do réxime xurídico do profesorado universitario.

5. O Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo a protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos. A Lei orgánica de protección de datos persoais e de garantía dos dereitos dixitais: principios de protección de datos. Dereitos das persoas. Responsables e encargados do tratamento. Delegado de protección de datos. Autoridades de protección de datos. Vulneración da normativa de protección de datos. Garantía dos dereitos dixitais.

6. Os estatutos da USC. Estrutura e órganos. A comunidade universitaria. O servizo universitario de biblioteca.

7. Lexislación española e autonómica sobre bibliotecas. Lei 10/2007, do 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas. Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

8. Lexislación estatal e autonómica sobre o patrimonio histórico español. Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

9. A Lei da ciencia a tecnoloxía e a innovación: obxecto e obxectivos xerais. O fomento e coordinación da investigación científica e técnica na Administración Xeral do Estado.

10. Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, pola que se modifica o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia. Dos dereitos de autor. Duración e límites dos dereitos. Requisitos para a xestión colectiva dos dereitos. Titulares dos dereitos. Organización das entidades de xestión. Da protección dos dereitos recoñecidos na lei.

II. Parte específica.

1. A Biblioteca Universitaria: concepto, función e servizos. Modelos de organización bibliotecaria. A biblioteca universitaria como servizo de apoio á formación, docencia, investigación e xestión. Situación das bibliotecas universitarias en España e en Galicia.

2. A Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela (BUSC): misión, visión e valores. Marco normativo, órganos de dirección e organigrama, espazos e coleccións. Evolución histórica e tendencias de futuro.

3. O novo rol do bibliotecario: habilidades, perfís e competencias como xestor da información e da documentación.

4. Cooperación en bibliotecas universitarias: tendencias e modelos de cooperación. Iniciativas cooperativas no ámbito español e de Galicia. A cooperación e as alianzas da BUSC.

5. Planificación, organización espacial e equipamentos de bibliotecas universitarias. Novos espazos para novos servizos.

6. Avaliación dos servizos bibliotecarios. A calidade na xestión de procesos nas bibliotecas universitarias. Modelos de avaliación e acreditación da calidade.

7. Desenvolvemento e xestión das coleccións bibliográficas en soporte impreso. Criterios, fontes e métodos para a súa formación, mantemento, preservación e avaliación. Sistemas de organización e almacenamento. Estado actual da industria editorial. As editoras universitarias.

8. Desenvolvemento e xestión das coleccións bibliográficas en soporte dixital: selección, contratación, modelos de comercialización, licenzas de uso, preservación e avaliación. Impacto e transformación dos servizos bibliotecarios. Estado actual do mercado.

9. Coleccións singulares e patrimoniais nas bibliotecas universitarias. Formas de adquisición: cesión, depósito, doazón. Descrición, tratamento, conservación e difusión. As coleccións singulares e patrimoniais da BUSC.

10. A preservación dixital: directrices nacionais e internacionais. Técnicas, procedementos, estándares e metadatos. Os plans de preservación dixital nas bibliotecas.

11. Programas e proxectos de dixitalización en España e en Galicia. A dixitalización do fondo antigo na Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela. O Fondo Histórico e Patrimonial en Minerva.

12. Os sistemas integrados de xestión bibliotecaria e as novas plataformas de servizos bibliotecarios: características e utilidades, principais diferenzas. Panorama e tendencias nas bibliotecas universitarias en España e Galicia.

13. Estándares bibliotecarios de descrición e acceso: FRBR, FRAD, FRSAD, RDA. Formatos de codificación e intercambio bibliográfico: Marc 21 e Bibframe. Linguaxes de marcado, estándares da Web semántica e Linked Open Data.

14. Os metadatos. Principais modelos de metadatos: Dublin, Core, METS, PREMIS. A súa aplicación nas bibliotecas universitarias.

15. Os catálogos das bibliotecas: concepto e evolución. Do web Opac ás ferramentas de descubrimento (Discovery). Os catálogos colectivos. Principais catálogos colectivos en España e Galicia.

16. O Catálogo da BUSC: coleccións, estrutura e funcionalidades. Estándares empregados: descrición e acceso, formatos de codificación, puntos de acceso de materias e sistema de clasificación bibliográfica. A xestión das identidades e os principais identificadores de autor. A base de datos Autores galegos na BUSC.

17. O sitio web da biblioteca universitaria: estrutura, contidos e funcionalidades. Recursos dixitais e servizos en liña. O sitio web da BUSC.

18. Servicios bibliotecarios baseados en tecnoloxías participativas. Ferramentas da biblioteca universitaria para recompilar, organizar e difundir a información. Redes sociais e outras ferramentas de comunicación cos usuarios. Extensión bibliotecaria e promoción e difusión.

19. Servizos orientados as persoas usuarias na biblioteca universitaria (I): formación de usuarios e alfabetización informacional. Novas tendencias na formación de usuarios. O Programa de formación en competencias informacionais da BUSC.

20. Servizos orientados ás persoas usuarias na biblioteca universitaria (II): orientación e atención ao público, servizos de referencia, buscas bibliográficas, difusión selectiva da información. Acceso ao documento: consulta en sala, préstamo, préstamo intercentros/intercampus, préstamo interbibliotecario, recursos dixitais.

21. Servizos de apoio ao persoal investigador e a xestión da investigación: recompilación, acreditación e avaliación científica do persoal docente e investigador. Recursos de información para a acreditación e avaliación científica. Axencias de calidade e índice de citas. O Portal da Investigación da USC.

22. Concepto de comunicación científica. Evolución e tendencias. Situación actual da edición científico-técnica. Principais tipos de publicacións científicas.

23. O movemento de acceso aberto: situación actual e perspectivas de futuro. Repositorios institucionais. Minerva: repositorio institucional da USC.

24. Bibliometría. Concepto e función. Aplicacións á xestión bibliotecaria.

25. Fontes de información xerais e especializadas de apoio á investigación e á docencia.

26. Recursos de información en Ciencias Sociais e Xurídicas, Arte e Humanidades.

27. Recursos de información en Ciencias Naturais, Técnicas e Ciencias da Saúde.

28. O libro e as bibliotecas ata a invención da imprenta.

29. O libro e as bibliotecas desde a invención da imprenta ata o século XVIII, incluído.

30. O libro e as bibliotecas desde o século XIX ata a actualidade.

31. A ilustración e a encadernación do libro: evolución histórica.

Nota: as referencias normativas deste temario poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, e nese caso entenderanse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación das prazas: escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas.

• Tribunal titular:

Presidenta:

– María Isabel Casal Reyes, funcionaria de carreira da escala facultativa de arquivos e bibliotecas da USC.

Vogais:

– María Cana Villar, funcionaria de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas da USC.

– Mercedes Neira Díaz¸ funcionaria de carreira da escala de axudantes de arquivos, biblioteca e museos, especialidade bibliotecas, da USC.

– Hipólito Rodríguez Costas, funcionario de carreira da escala axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas, da USC.

Secretario:

– Alberto Mariño Ruza, funcionario de carreira da escala técnica superior de administración da USC.

• Tribunal suplente:

Presidenta:

– Paloma Castro Rey, funcionaria de carreira da escala facultativa de arquivos e bibliotecas, especialidade bibliotecas da USC.

Vogais:

– María del Carmen Fandiño Suárez, funcionaria de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas da USC.

– Francisco Javier Villar Teijeiro, funcionario de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas da USC.

– Montserrat Ortega González, funcionaria de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas da USC.

Secretaria:

– Silvia María Moreira Figueiras, funcionaria de carreira da escala técnica superior de administración da USC.