Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 25 de novembro de 2021 Páx. 57684

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 158/2021, do 11 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da OU-402, primeira fase, treito cos puntos quilométricos (pp.qq.) 30+720-32+180, de clave OU/19/025.06, no concello da Arnoia.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 25 de agosto de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 163) o Anuncio do 2 de agosto de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora da OU-402, primeira fase, treito cos puntos quilométricos (pp.qq.) 30+720-32+180, de clave OU/19/025.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 3 de novembro de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de mellora da OU-402, primeira fase, treito con puntos quilométricos (pp.qq.) 30+720-32+180, de clave OU/19/025.06.

O obxecto do presente proxecto consiste na mellora do trazado e acondicionamento da estrada OU-402, entre a intersección coa estrada provincial OU-0305 (acceso a Ribadavia) e a entrada á poboación da Arnoia, no treito comprendido entre os pp.qq. 30+500 e 32+150. Deste modo, os traballos previstos serán os seguintes: mellora do trazado da estrada e reforzo do firme, construción dun espazo peonil e dunha gabia transitable e mellora da drenaxe transversal existente, da sinalización viaria e das barreiras de seguridade.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de novembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de mellora da OU-402, primeira fase, treito con puntos quilométricos (pp.qq.) 30+720-32+180, de clave OU/19/025.06.

Santiago de Compostela, once de novembro dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade