Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 25 de novembro de 2021 Páx. 57686

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2021, do tribunal designado para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das función de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización dos exercicios.

En sesión que tivo lugar o 11 de novembro de 2021, o tribunal designado pola Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 11 de marzo de 2021 para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada

ACORDOU:

Primeiro. Os exercicios da segunda convocatoria do ano 2021 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 11 de decembro de 2021, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).

Segundo. Os/as aspirantes que sexan admitidos/as serán citados/as en chamamento único, en horario de mañá ou tarde, segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de mercadorías: a partir das 9.00 horas, consonte co horario que se asigne a cada aspirante na correspondente relación de admitidos e sempre que a situación sanitaria o permita.

b) Transporte interior e internacional de viaxeiros: a partir das 16.15 horas, consonte co horario que se asigne a cada aspirante na correspondente relación de admitidos e sempre que a situación sanitaria o permita.

Ás horas indicadas nas listaxes, procederase a chamar as/os aspirantes en grupos de quince, pola orde estricta da listaxe, que entrarán na zona de acceso. Os chamamentos realizaranse en intervalos de 5 minutos, coa máxima puntualidade. Non obstante, non se comezará un novo chamamento se aínda quedan aspirantes do anterior na zona de acceso. No exterior do recinto ofrecerase máis información sobre as medidas de seguridade para o acceso e abandono do recinto, e durante a realización das probas, e será obrigatorio, en todo caso, o uso de máscara facial.

Terceiro. Una vez situadas as persoas aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos, ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/da aspirante á realización das probas. Recoméndase igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da xustificativa do pagamento das taxas de exame.

Así mesmo, deberán dispoñer dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de maneira que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.

Quinto. Non se permitirá o acceso ao recinto con teléfonos móbiles nin ningún outro dispositivo análogo como reloxos intelixentes tipo smartwatch ou similares.

Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, excepto o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo modo, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

Antón García Río
Presidente do tribunal