Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2021 Páx. 57793

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do acordo sobre o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o texto do acordo sobre o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, que se subscribiu con data do 21 de setembro de 2021, entre a representación da USC e os representantes dos traballadores e traballadoras pertencentes aos sindicatos UGT, CIG, CSIF e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Acordo sobre o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador
e de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela

Preámbulo

Mediante escrito presentado no Consello Galego de Relacións Laborais polas organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT en marzo de 2021 instouse a convocatoria da Comisión Paritaria do Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, co obxecto de interpretar os artigos 29 e 31 do convenio mencionado ao abeiro do artigo 15.6 do Estatuto dos traballadores e da cláusula 4 da Directiva 1999/70/CE en relación co dereito do persoal con vinculación temporal ao recoñecemento da antigüidade nas mesmas condicións ca o persoal con vinculación fixa.

En concreto, esta interpretación solicitouse para o seguinte persoal investigador:

• Predoutoral FPI.

• Predoutoral FPU.

• Predoutoral Xunta.

• Posdoutoral Ramón y Cajal.

• Posdoutoral Xunta.

• Posdoutoral Marie Curie.

• Posdoutoral Juan de la Cierva.

Ben que na primeira reunión do 17 de marzo se acordou recoñecer o dereito ao recoñecemento da antigüidade, non se concretaron máis aspectos e quedaron pendentes de sucesivas reunións.

Por outra banda, a Universidade de Santiago de Compostela viña de publicar recentemente o acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela (DOG núm. 237, do 24 de novembro de 2020), mediante o cal se daba un paso fundamental para o establecemento de categorías e condicións do persoal contratado ao abeiro de recursos de I+D+i, buscando así superar a precariedade e inestabilidade que caracterizaron nos últimos anos as condicións deste persoal. Este acordo prevía a introdución de novos complementos, como o de antigüidade, logo de completada a equiparación salarial prevista nas súas cláusulas.

A solicitude formulada a través da Comisión Paritaria do Convenio colectivo para o PDI laboral das tres universidades excluía o persoal mencionado, polo que a proposta da Universidade de Santiago de Compostela consistiu en negociar conxuntamente o recoñecemento para todo o persoal afectado, evitando deste xeito unha situación discriminatoria para un colectivo que supón na institución un volume máis grande de persoal ca o contratado a través de programas de recursos humanos.

Así, logo da negociación colectiva no ámbito da institución, a Mesa Xeral de Negociación da Universidade de Santiago de Compostela, do 28 de xullo de 2021, acordou recoñecer a antigüidade para todo o persoal investigador, o persoal de apoio á investigación e o persoal docente e investigador contratado ao abeiro de programas de recursos humanos, de forma progresiva e con efectos desde o 1 de setembro de 2021; queda pendente a concreción do texto e o procedemento de solicitude, que será obxecto de regulación a través dunha instrución da Xerencia.

En vista do anterior, a Mesa Xeral de Negociación, na reunión do 21 de setembro de 2021, por unanimidade, adoptou o seguinte

acordo:

Artigo 1. Partes asinantes

A Universidade de Santiago de Compostela e as organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Negociación da Universidade de Santiago de Compostela constituída o 24 de xaneiro de 2020 negociaron o presente acordo que subscriben, dunha parte, como representación sindical, as seccións sindicais de Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (FeSP-UGT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF) da USC e, doutra parte, en representación da universidade, o xerente, o vicerreitor de Profesorado e o vicerreitor de Investigación e Innovación.

Artigo 2. Natureza xurídica

1. O presente acordo ten eficacia limitada e foi negociado de conformidade co capítulo IV do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; co título III do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e cos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A materia obxecto deste acordo é o recoñecemento da antigüidade do persoal do ámbito afectado.

Artigo 3. Ámbito persoal

Este acordo é de aplicación ás relacións laborais do persoal investigador, do persoal de apoio á investigación e do persoal docente e investigador contratado ao abeiro de programas de recursos humanos na Universidade de Santiago de Compostela, segundo o ámbito funcional definido neste acordo e de conformidade co capítulo IV do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Artigo 4. Ámbito funcional

1. Este acordo é de aplicación ao persoal investigador e de apoio á investigación que desenvolve total ou parcialmente proxectos, convenios, contratos e acordos de investi- gación con cargo ao financiamento finalista xestionado pola Universidade de Santiago de Compostela, vinculado, entre outros, a:

a) Proxectos específicos de investigación.

b) Contratos regulados no artigo 83 da Lei orgánica de universidades.

c) Convenios ou acordos de colaboración para o financiamento da investigación con entidades ou organismos públicos ou privados.

d) Axudas a estruturas específicas de investigación.

e) Convenios de cátedras institucionais de empresa que inclúan accións de I+D.

f) Actividades de interese prioritario para a universidade con financiamento obtido no marco de convocatorias dirixidas ao fortalecemento dos recursos humanos destinados á investigación e á transferencia de coñecemento.

g) Actividades de investigación de convocatorias propias da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Así mesmo, este acordo é de aplicación ao persoal contratado ao abeiro de programas de recursos humanos ou convocatorias específicas de ámbito internacional, estatal ou autonómico para a contratación de persoal investigador e persoal investigador ou docente en formación, previstos no artigo 4.1, letras b) e c) do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Artigo 5. Ámbito temporal

Este acordo terá eficacia indefinida ata que se subscriba un convenio, un novo acordo ou pacto que o derrogue ou integre ou se, por disposicións legais ou regulamentarias, se establecen melloras económicas ou contractuais.

Artigo 6. Denuncia do acordo

Sen prexuízo do carácter indefinido do acordo, calquera das partes asinantes pode exercer a posibilidade de denuncia mediante comunicación escrita ao resto de asinantes e á autoridade laboral.

Artigo 7. Comisión Paritaria

1. Constituirase unha comisión paritaria das partes asinantes do acordo para o exame e a resolución de cantas cuestións deriven da súa interpretación, vixilancia e aplicación.

2. A comisión estará composta por oito representantes designados polas organizacións sindicais asinantes de persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos, distribuídos en función dos resultados obtidos no último proceso electoral, e polos representantes que designe a Universidade de Santiago de Compostela. Na primeira sesión constitutiva designaranse as persoas que exercerán a presidencia e a secretaría. As partes poderán nomear asesores que asistirán con voz pero sen voto.

3. Son competencias da comisión:

a) A interpretación da totalidade dos artigos do acordo.

b) A vixilancia do cumprimento do acordo.

c) A conciliación previa nos conflitos de carácter colectivo derivados da interpretación do acordo e aqueloutros que someta á súa consideración calquera das partes.

d) A actualización do contido deste acordo para adaptalo ás modificacións que poidan derivar de cambios normativos.

e) Calquera outro asunto que se lle encomende nos artigos do acordo.

4. Os acordos da Comisión Paritaria requirirán o voto afirmativo da maioría das partes integrantes e vinculan as partes no mesmos termos ca este acordo, considéranse parte del e gozan da mesma eficacia obrigatoria. Os acordos serán remitidos á autoridade laboral para o seu rexistro e a publicación oficial.

5. A comisión reunirase cando así o solicite a maioría de calquera das partes, logo de comunicación escrita en que se indiquen os puntos que se van tratar.

6. A comisión entenderase validamente constituída cando asistan a maioría dos representantes que a compoñen.

Artigo 8. Efectos administrativos do recoñecemento da antigüidade

1. O complemento por antigüidade terá carácter de retribución básica e incluirase tanto nas pagas ordinarias coma nas extraordinarias.

2. O persoal investigador contratado co financiamento finalista previsto no artigo 4.1 e o persoal investigador contratado nos termos previstos no artigo 4.2 percibirán en concepto de antigüidade, por cada tres anos de servizos prestados, unha cantidade que se xerará e se percibirá de conformidade co artigo 29.1 do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

3. O persoal de apoio á investigación percibirá, en concepto de antigüidade, por cada tres anos de servizos prestados, unha cantidade igual á do persoal de administración e servizos laboral, de conformidade co artigo 51 do Convenio colectivo para o persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

4. Para o recoñecemento da antigüidade computaranse os servizos previos prestados en administracións públicas, consonte os requisitos e criterios establecidos na Lei 70/1978, do 26 de decembro, e no Real decreto 1461/1982, do 25 de xuño, polo que se ditan normas de aplicación da Lei 70/1978, do 26 de decembro, de servizos previos na Administración pública. Os trienios consolidados en réximes diferentes aos do ámbito de aplicación deste acordo, dos cales se solicite o recoñecemento de servizos previos, aboaranse de acordo co disposto na Lei 70/1978, do 26 de decembro, sobre recoñecemento de servizos previos na Administración.

5. A contía da antigüidade do persoal con dedicación a tempo parcial reducirase na mesma proporción en que se reduzan as súas retribucións.

6. As contías correspondentes aos trienios perfeccionados nas categorías que figuran no ámbito de aplicación deste acordo serán as recollidas na táboa que se engade como anexo, sen prexuízo das actualizacións retributivas que procedan.

Artigo 9. Efectos económicos do recoñecemento da antigüidade

1. O persoal incluído no ámbito deste acordo a quen se lle recoñeza antigüidade percibirá a contía que lle corresponda para o primeiro trienio de conformidade co artigo 8, con efectos económicos desde o 1 de setembro de 2021.

2. Con independencia da data de perfeccionamento, o resto de trienios percibiranse de conformidade coa seguinte secuencia temporal:

– Segundo trienio: desde o 1 de xaneiro de 2022.

– Terceiro trienio: desde o 1 de xaneiro de 2023.

– Cuarto trienio: desde o 1 de xaneiro de 2024.

– Resto de trienios: 1 de xaneiro de 2025.

Disposición adicional. Aplicación deste acordo a outro persoal

Este acordo será de aplicación a calquera outro persoal contratado pola Universidade de Santiago de Compostela sen marco regulatorio específico.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela

Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado

Vicente Pérez Muñuzuri
Vicerreitor de Investigación e Innovación

José Antonio Rodríguez Añón
Representante de CC.OO.

Óscar Rodil Marzábal
Representante de CIG-Ensino

María del Carmen Espiñeira Regueiro, Representante de CIG-PAS

Benjamín Jesús Rey Sanjurjo
Representante de UGT

Luis Alberto Gómez Segade, Representante de CSIF

ANEXO

Contías do complemento de antigüidade

a) Persoal previsto no artigo 8.2.

Mensual

Pagas extraordinarias

46,74 €

28,85 €

b) Persoal previsto no artigo 8.3.

Mensual e pagas extraordinarias (14 pagas): 44,82 €