Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 1 de decembro de 2021 Páx. 58549

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 22 de novembro de 2021 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Mediadores de Seguros de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, segundo a estrutura establecida no Decreto 214/2020, do 3 de decembro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no Rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

Estatutos do Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra

Preámbulo

O artigo 205 do Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro, define os colexios de mediadores de seguros como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, aos cales se incorporarán os mediadores de seguros que voluntariamente o desexen. Os seus fins esenciais son a representación da actividade e a defensa dos intereses corporativos dos colexiados.

O Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra acordou, en asemblea xeral, a aprobación dos seus estatutos, que se presentarán ante a Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante orde da consellería competente en materia de colexios profesionais, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ata a entrada en vigor dos presentes estatutos, o Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra rexerase polos estatutos xerais dos colexios de mediadores de seguros titulados e do seu consello xeral, aprobados mediante o Real decreto 1482/2001, do 27 de decembro.

TÍTULO I

Normas xerais

Capítulo I

Natureza. Fins. Ámbito. Denominación. Domicilio

Artigo 1. Ámbito material

Estes estatutos regulan a incorporación colexial na provincia de Pontevedra dos mediadores de seguros, os seus dereitos e deberes corporativos e as súas actividades neste ámbito, así como os fins, a estrutura e o funcionamento do Colexio.

Artigo 2. Natureza xurídica e fins

O Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra é unha corporación de dereito público, amparada pola lei, con personalidade xurídica e en plena capacidade de obrar, e ten por finalidade a representación e a defensa da profesión de mediador de seguros e a protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos dos seus colexiados e colexiadas, todo iso en congruencia cos intereses e necesidades xerais da sociedade, a formación profesional permanente das persoas colexiadas, acadar a adecuada satisfacción dos intereses xerais en relación co exercicio da profesión de mediador de seguros, lograr a constante mellora do nivel de calidade profesional, cooperar e colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias. Ten, ademais, as facultades que aparecen recoñecidas nas leis e nos estatutos xerais e particulares, e coordina a súa actuación no Consello Xeral dos Colexios de Mediadores de Seguros de España.

Artigo 3. Ámbito territorial

O Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra ten o seu ámbito de actuación e exerce a súa competencia na provincia de Pontevedra.

Artigo 4. Denominación e domicilio

A denominación é Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra. O seu domicilio radica en Vigo, na rúa Sanjurjo Badía, 24, 1º B, 36207.

Así mesmo, O Colexio poderá establecer delegacións dependentes del naquelas poboacións que, pola súa importancia demográfica, económica ou número de persoas colexiadas residentes nelas, resulte conveniente para o mellor cumprimento dos fins e maior eficacia das funcións colexiais. As delegacións terán as facultades e competencias que determine a Xunta de Goberno do Colexio ao crealas ou en acordos posteriores, e diso será informada a Asemblea de persoas colexiadas.

Capítulo II

Normativa reguladora, relacións con terceiros, transparencia

Artigo 5. Normativa reguladora

O Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra axustará a súa organización, funcionamento e competencias aos principios e ás regras básicas establecidos na lexislación do Estado e á da Comunidade Autónoma de Galicia para os colexios profesionais.

En particular, serán de aplicación o artigo 36 da Constitución española; a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais; a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia; o Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro, de medidas urxentes, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os acordos, as decisións e as recomendacións do Colexio observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, tal e como establece o número 4 do artigo 2 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo previsto nas leis. En ningún caso o Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra poderá, por si mesmo, a través dos seus estatutos ou do resto da normativa colexial, establecer restricións ao exercicio profesional en forma societaria.

Artigo 6. Relación coa Administración

O Colexio relacionarase directamente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, no referente aos aspectos institucionais, e a través da/das consellería/s competente/s en relación coa profesión e no referente aos seus contidos. Do mesmo xeito, poderá formalizar convenios ou colaboracións con entidades públicas ou privadas e con colectivos de profesionais a nivel estatal ou internacional dentro do marco da lexislación vixente, incluídas a prestación de servizos e a súa contratación.

Artigo 7. Portelo único

1. O Colexio dispoñerá dunha páxina web para que, a través do portelo único, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia.

Concretamente, o Colexio fará o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para a colexiación.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluída a colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos seus respectivos procedementos de colexiación e recibir as oportunas notificacións.

d) Convocar as persoas colexiadas ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio, dos consellos autonómicos, de ser o caso, e do Consello Xeral.

2. A través do referido portelo único, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O contido dos códigos deontolóxicos.

c) Os medios e as condicións de acceso aos rexistros públicos de profesionais colexiados.

d) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

3. O Colexio adoptará as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporará para iso as tecnoloxías precisas e plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o Colexio, o Consello Galego, de existir, e o Consello Xeral poderán poñer en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios.

4. O Colexio facilitará ao Consello Xeral e, de existir, ao Consello Galego a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados.

Artigo 8. Servizo de atención a colexiados e a consumidores e usuarios

O Colexio dispoñerá na súa web dun formulario para atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados. Así mesmo, dispoñerá na súa web dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que tramitará e resolverá queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados.

Artigo 9. Memoria anual

O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, deberá elaborar unha memoria anual na cal se expoñan os principais datos relativos á súa xestión económica e actividades. A memoria anual deberase remitir ao organismo competente e deberase publicar na web no primeiro semestre de cada ano.

O Colexio facilitará ao Consello Galego, de existir, e, en todo caso, ao Consello Xeral a información necesaria para elaborar a memoria anual no que se refire á información estatística agregada para o conxunto da organización colexial nos seus respectivos ámbitos territoriais.

Capítulo III

Incorporación aos colexios

Artigo 10. Ámbito subxectivo

Para os efectos destes estatutos, considéranse mediadores de seguros os axentes de seguros e os corredores de seguros que se encontren inscritos no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións ou no rexistro equivalente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11. Colexiación única

1. Os mediadores de seguros terán dereito a adscribirse ao colexio que corresponda ao seu domicilio profesional e esta única colexiación abondará para exercer en todo o territorio español; a colexiación será voluntaria.

2. O Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra non lle poderá exixir, a un mediador de seguros que exerza nun territorio distinto ao de colexiación, ningunha comunicación nin habilitación, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que se lles exixan habitualmente ás súas persoas colexiadas pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

3. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio de consumidores e usuarios, os colexios deberán utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

4. O Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra non lle poderá exixir a incorporación previa ao Colexio, no suposto de libre prestación ocasional de servizos, a un mediador nacional dos Estados membros da Unión Europea que estean previamente establecidos con carácter permanente en calquera dos mencionados Estados, de acordo co que dispoñan as normas comunitarias de aplicación á profesión, sen prexuízo da obriga de notificar a súa actuación ao Colexio mediante a achega da documentación pertinente exixible (disposición adicional terceira da Lei 11/2001, do 18 de setembro).

As sancións impostas, de ser o caso, polo colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional terán efecto en todo o territorio español.

Artigo 12. Clases de persoas colexiadas

1. Existen as seguintes clases:

a) Exercentes.

b) Non exercentes.

2. Son persoas colexiadas «exercentes» os axentes de seguros e corredores de seguros debidamente inscritos no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da DXSFP ou equivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Son persoas colexiadas «non exercentes»:

a) Aquelas que, tendo estado colexiadas como exercentes, cesasen en todas as actividades de mediación de seguros.

b) Aquelas que, estando en posesión do diploma de mediador de seguros ou calquera outro título que no futuro se poida validamente outorgar, non exerzan ningunha actividade de mediación de seguros.

Artigo 13. Requisitos xerais para a colexiación

Son requisitos xerais para obter a colexiación os seguintes:

a) Acreditar estar en posesión do diploma de mediador de seguros ou calquera outro título ou certificado equivalente que acredite que posúen os coñecementos e aptitudes exixidos pola lexislación vixente en materia de seguros, así como cumprir calquera outro requisito legal e/ou académico necesario para o exercicio da actividade de mediación de seguros, ou as condicións de homologación previstas para os mediadores de seguros procedentes de países membros da Unión Europea.

b) Ter capacidade legal para exercer o comercio.

c) Non estar incurso en incompatibilidade.

d) Non estar inhabilitado para o exercicio profesional.

e) Ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, ou ser nacional dun país estranxeiro, e acreditar en legal forma o principio de reciprocidade de feito e de dereito, para o exercicio profesional no Estado de orixe.

f) Satisfacer a cota colexial de entrada.

Artigo 14. Requisitos específicos para a colexiación

1. Colexiación de axentes e corredores persoas físicas:

a) Acreditación da clave de inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da DXSFP ou equivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditación do nivel de formación correspondente á actividade de mediación de seguros desenvolvida pola persoa física.

c) Cubrir a ficha colexial correspondente.

2. Colexiación de membros de sociedades de axencia ou corretoría de seguros.

a) Acreditación da clave de inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da DXSFP ou equivalente da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditación de pertenza á sociedade de axencia ou corretoría.

c) Acreditación do nivel de formación correspondente á actividade de mediación de seguros desenvolvida pola sociedade a que pertence.

d) Cubrir a ficha colexial correspondente.

3. Colexiación como non exercente.

a) Acreditación do nivel de formación correspondente á actividade de mediación de seguros.

b) Cubrir a ficha colexial correspondente.

Artigo 15. Solicitude, admisión e denegación de colexiación

a) A solicitude, no modelo colexialmente aprobado, xunto coa documentación que en cada caso proceda, presentarase no Colexio.

b) A Xunta de Goberno do Colexio ditará acordo dentro do mes seguinte á data de presentación ou daquela en que se completase a documentación ou emendasen os seus defectos. Na falta de acordo no indicado prazo, a solicitude entenderase provisionalmente aprobada.

c) Se a decisión do Colexio for contraria á colexiación, notificarallo ao interesado e faralle saber os motivos en que se fundamente a denegación e que contra este acordo pode formular recurso de alzada en escrito razoado, ante o Consello Galego, se existe, ou, na súa falta, ao Consello Xeral dos Colexios de Mediadores de Seguros de España, no prazo dun mes.

d) O acordo do Consello sobre este recurso deberase producir no prazo de tres meses contados desde a data de entrada do recurso no Rexistro do Consello ou desde que se completase ou emendase a documentación defectuosa. Transcorrido o dito prazo, se o órgano competente non lle notifica ao interesado resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude e quedará expedita a vía para o recurso contencioso-administrativo.

e) A resolución denegatoria expresa será definitiva na vía administrativa colexial e quedará igualmente expedita a vía contencioso-administrativa.

f) O Colexio dará traslado ao Consello Galego, se existe, e ao Consello Xeral, no prazo dun mes, das solicitudes admitidas para a confección dos seus censos respectivos.

g) Quen teña a titulación requirida e reúna as condicións sinaladas estatutariamente terá dereito a ser admitido no Colexio; a colexiación será voluntaria.

Artigo 16. Perda da condición de persoa colexiada

1. Pérdese a condición de colexiado por:

a) Falecemento.

b) Sanción administrativa ou sentenza xudicial firme e definitiva que implique inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Acordo colexial adoptado regulamentariamente.

d) Falta de pagamento de dúas ou máis cotas colexiais, logo de cumprimento por parte do Colexio do disposto nestes estatutos para falta de pagamento.

e) Perda de calquera outro requisito ou condición necesaria para o exercicio da actividade de mediación de seguros.

2. En caso de baixa como consecuencia de expediente sancionador, procederán os recursos que establezan os estatutos e os regulamentos de deontoloxía profesional e colexial, os cales serán detallados na comunicación que se lle remita ao interesado.

3. En caso de baixa por falta de pagamento, a Xunta de Goberno requirirá en forma a persoa colexiada para que aboe as cotas pendentes. Pasados trinta días desde a data do requirimento sen ter aboado as cotas e sen prexuízo das accións xudiciais pertinentes para exixir o seu pagamento, darase de baixa e notificaráselle sen máis trámites. En todo caso, contra este acordo colexial de baixa cabe recurso de alzada, ante o Consello Galego, se existe, ou, na súa falta, ante o Consello Xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte a aquel en que reciba a notificación.

Artigo 17. Recuperación da condición de persoa colexiada

1. Poderase recuperar a condición de colexiado, sempre que no momento da reincorporación se cumpran as condicións precisas para iso, nos seguintes casos:

a) Por solicitude de reincorporación cando a baixa se producise por decisión do colexiado.

b) Indulto ou condonación das sancións impostas por autoridades administrativas ou xudiciais.

c) Cumprimento da sanción que impoña a privación temporal do carácter de colexiado.

2. O colexiado que sexa baixa por falta de pagamento das cotas colexiais e pretenda o seu reingreso aboará as cotas acumuladas ata o momento da notificación colexial de baixa, con recarga do dez por cento simple anual e, de ser o caso, os gastos ocasionados debidamente acreditados.

Artigo 18. Censo de altas, baixas e modificacións

De todas as altas, as baixas e as modificacións o Colexio fará a difusión oportuna e dará traslado ao Consello Xeral e ao Consello Galego, se existe, no prazo de trinta (30) días para a súa constancia.

Capítulo IV

Dereitos e obrigas das persoas colexiadas

Artigo 19. Dereitos das persoas colexiadas

As persoas colexiadas terán os seguintes dereitos, cuxo exercicio estará condicionado a que estean ao día no cumprimento dos seus deberes colexiais:

a) Participar na vida colexial e asistir con voz e voto ás reunións dos órganos respectivos.

b) Ser electoras e elixibles respecto dos órganos de goberno do Colexio, de conformidade coas normas electorais.

c) Informar e ser informadas da actuación colexial nos seus aspectos esenciais e nas cuestións que concreta e persoalmente as afecten nese ámbito.

d) Utilizar os servizos establecidos no Colexio.

e) Desfrutar do asesoramento do Colexio nas cuestións profesionais.

f) Solicitar a mediación dos órganos de goberno nos casos de discrepancia entre colexiados.

g) Propoñer a creación de comisións.

h) Exercer ante as comisións e órganos de goberno as reclamacións e recursos que procedan.

i) Facer uso do emblema colexial.

Artigo 20. Obrigas das persoas colexiadas

Son obrigas dos colexiados:

a) A aceptación e o cumprimento do establecido no Estatuto e noutras normas e acordos dos órganos de goberno do Colexio.

b) Contribuír ao sostemento económico do Colexio satisfacendo as cotas e os pagamentos que se establezan, tendo en conta que a cota de ingreso non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición, de conformidade co disposto na normativa legal vixente.

c) Desempeñar os cargos para os cales resulten elixidos coa debida dilixencia, incluídas as funcións de interventor ou auditor das contas.

d) Cumprir, respecto dos órganos de goberno, do Colexio e de todos os colexiados, os deberes que impón o compañeirismo, a harmonía e a ética profesional.

e) Asistir aos actos corporativos cando se exerzan cargos representativos.

f) Respectar a libre manifestación de opinións e non entorpecer, directa ou indirectamente, o funcionamento dos órganos de goberno, así como outorgar a tales órganos o maior respecto e colaboración cos ditos órganos.

g) Informar o Colexio sobre calquera circunstancia que poida significar transgresión destes estatutos, casos de incompatibilidade ou desprestixio da profesión de que poidan coñecer, para que os órganos de goberno poidan exercer as accións ou medidas que resulten procedentes.

h) Facilitar información veraz e responsable sobre cuestións profesionais que non teñan carácter privado ou reservado.

i) Cumprir escrupulosamente as normas profesionais que corresponden á profesión de mediador de seguros.

j) Comunicarlle ao Colexio os seus cambios de datos profesionais para efectos colexiais.

Capítulo V

Funcións e competencias dos colexios

Artigo 21. Funcións

Son funcións propias do Colexio:

a) Velar pola ética profesional e polo respecto aos dereitos e intereses dos cidadáns.

b) Ordenar, no seu respectivo ámbito e dentro do marco legal establecido, o exercicio da profesión.

c) Velar por un legal e adecuado exercicio profesional.

d) Velar polo cumprimento dos deberes e obrigas dos colexiados.

e) Exercer cantas accións redunden en beneficio e defensa dos intereses profesionais xerais dos seus colexiados, establecendo para o efecto os servizos oportunos.

f) Exercer a potestade disciplinaria sobre os seus membros, de conformidade con estes estatutos.

g) Coidar da presenza e representación dos intereses profesionais ante as autoridades, corporacións, organismos e representacións ou entidades que proceda, no ámbito da súa demarcación.

h) Exercer, no seu ámbito, a defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais e colexiais.

i) Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos sempre que sexa requirido para iso.

j) Facilitarlles aos xulgados e tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

k) Procurar a mellor imaxe da profesión e a súa conveniencia mediante campañas ou actuacións para o efecto, do propio Colexio ou intercolexiais, de acordo coas directrices do Consello Xeral e, de ser o caso, do Consello Galego.

l) Aprobar os seus orzamentos, regular as achegas dos colexiados, establecendo as cotas de incorporación, periódicas e as demais que deban abonar os colexiados, así como a exixencia do seu pagamento.

m) Protexer e defender a profesión, exercitando as actuacións procedentes, logo de acordo da Xunta de Goberno á vista do preceptivo informe xurídico.

n) Prestar servizos comúns para os colexiados e, en especial, promover a formación profesional permanente e velar pola efectividade do deber a ela.

ñ) Intervir, en vía de mediación ou arbitraxe, nos conflitos profesionais que se susciten entre colexiados, ou destes con terceiros cando así o soliciten de común acordo as partes implicadas.

o) Colaborar coa Administración pública no logro de intereses comúns. En particular:

– Participarán nos órganos administrativos cando así estea previsto nas súas normas reguladoras e nos termos establecidos nelas.

– Emitirán os informes que lles sexan requiridos polos órganos ou entes competentes e aqueloutros que acorden formular pola súa propia iniciativa.

– Elaborarán as estatísticas que lles sexan solicitadas.

p) Adoptar as medidas conducentes a evitar a competencia desleal, mediante o exercicio das accións previstas polo ordenamento xurídico.

q) Designar representantes en calquera tribunal en que se exixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que se lles requira para iso.

r) Defender os intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos dos seus colexiados e colexiadas, todo iso en congruencia cos intereses e necesidades xerais da sociedade, mediante a creación dun servizo de atención que prevexa a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

s) Procurar o perfeccionamento da actividade profesional e a formación permanente das súas persoas colexiadas.

t) Aprobar os seus estatutos e regulamentos de réxime interior, así como as súas modificacións.

u) Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e se encamiñen ao cumprimento dos obxectivos colexiais.

Capítulo VI

Dos órganos de goberno dos colexios

Artigo 22. Órganos dos colexios

A estrutura interna e o funcionamento do Colexio réxense por criterios puramente democráticos.

Constitúen os órganos de goberno do Colexio de Mediadores de Seguros de Pontevedra:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) A Presidencia.

A Xunta de Goberno é o órgano de dirección e administración, executa os acordos do órgano plenario e exerce a potestade disciplinaria. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao trimestre.

A Presidencia exerce a representación do Colexio, executa os acordos do órgano de goberno e exerce cantas facultades e funcións lle confiren as leis, os regulamentos e os estatutos.

Artigo 23. Órgano plenario

A Asemblea Xeral de Colexiados é o órgano soberano do Colexio e está integrado por todos os colexiados de pleno dereito, exercentes e non exercentes.

Son competencia da Asemblea Xeral:

a) Aprobar e reformar os estatutos.

b) Establecer as liñas e os plans xerais de actuación do Colexio.

c) Coñecer e aprobar a memoria anual de actividades que lle someta a Xunta de Goberno.

d) Aprobar os orzamentos ordinarios e extraordinarios, as liquidacións de contas ou inventarios.

e) Adquirir, gravar e allear bens inmobles.

f) Acordar as cotas que se poidan establecer ao abeiro do recollido nestes estatutos, ou outras fontes de ingresos.

g) Establecer, de ser o caso, as delegacións que xulgue convenientes, determinando a súa demarcación, normas de funcionamento e competencias.

h) Acordar a fusión, absorción, segregación ou disolución do Colexio.

i) Acordar o cambio de domicilio do Colexio a outra poboación.

j) Elixir, entre os seus membros, a Presidencia, Vicepresidencia, Tesouraría, Secretaría do Colexio e vogais.

k) Calquera outro asunto que lle poida someter a Xunta de Goberno.

Artigo 24. Órgano de goberno

O órgano de goberno será a Xunta de Goberno que administra o Colexio, executa os acordos do órgano plenario e exerce a potestade disciplinaria e o resto de funcións que lle atribúan os estatutos, seguindo as directrices do órgano plenario.

A Xunta de Goberno componse de:

a) A Presidencia.

b) A Vicepresidencia.

c) A Tesouraría.

d) A Secretaría e ata seis vogais.

Non se poderá variar o número de vogais dentro do máximo previsto senón cando se produzan as eleccións periódicas.

A Xunta de Goberno ten carácter colexiado. Os seus membros deben ser elixidos mediante sufraxio universal, libre, directo e secreto das persoas colexiadas. Na dita elección poderán participar como electores todas as persoas colexiadas incorporadas na data de convocatoria das eleccións.

Son competencias da Xunta de Goberno:

a) Convocar as asembleas ordinarias, extraordinarias ou especiais, e fixar a orde do día.

b) Propoñer á Asemblea a aprobación ou modificación dos seus estatutos particulares.

c) Aprobar previamente a memoria anual e os plans de actuación futura que se someterán á Asemblea.

d) Acordar a constitución, a modificación e a disolución das comisións, aprobando as súas normas de funcionamento e nomeando os seus membros.

e) Emitir informe sobre os orzamentos, as cotas ordinarias e extraordinarias, as contas, os balances e os inventarios que se someterán á Asemblea Xeral.

f) Revisar e aprobar, de ser o caso, os orzamentos especiais, contas, memorias e plans de actuación das comisións e servizos constituídos.

g) Defender os intereses profesionais e colexiais, exercendo no seu ámbito a plena representación do Colexio ante as administracións públicas, autoridades, tribunais de toda clase, grao ou xurisdición, organismos ou particulares, e podendo delegar todas ou parte das súas facultades.

h) Acordar e aplicar, de conformidade con estes estatutos e co Regulamento de deontoloxía profesional e colexial, as sancións que procedan.

i) Acordar a suspensión dos actos ou acordos recollidos nestes estatutos, salvo que opere a delegación prevista neste artigo.

j) Exercer cantas funcións correspondan ao Colexio, sempre que non estean expresamente reservadas á Asemblea Xeral, e desenvolver, de ser o caso, as liñas xerais que esta sinale.

k) Cando, no seo da Xunta de Goberno, se susciten cuestións en que poida existir colisión de intereses entre axentes e corredores, a Xunta de Goberno designará, de entre os seus membros, unha comisión paritaria que resolverá, mesmo determinando unha fórmula de arbitraxe se for necesario.

l) O órgano de goberno reunirase, polo menos, unha vez cada trimestre e, en todo caso, por convocatoria da Presidencia ou do 20 % dos compoñentes da dita xunta.

Artigo 25. A Presidencia

A Presidencia terá as seguintes facultades e atribucións:

a) Exercer, en virtude do seu cargo e sen prexuízo da representación colectiva da Xunta de Goberno, a representación do Colexio, ante toda clase de autoridades, organismos, xulgados e tribunais, entidades, corporacións e particulares, e poderá outorgar poderes a favor de procuradores e avogados.

b) Asumir a alta dirección do Colexio e dos servizos colexiais en cantos asuntos o requiran, de acordo coas normas da Asemblea e da Xunta de Goberno.

c) Executar os acordos da Xunta de Goberno. Velar polo exacto cumprimento das disposicións legais, normas estatutarias e regulamentos do Colexio, así como dos acordos adoptados polos órganos de goberno, acordando a suspensión dos actos ou acordos impugnados conforme o previsto nestes estatutos, sen prexuízo da ulterior resolución respecto diso que acorde a Xunta de Goberno do Colexio.

d) Convocar a Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral.

e) Presidir as reunións que realicen os órganos de goberno do Colexio e as súas comisións, se asiste a elas, declarando abertas e levantando as sesións, canalizando as discusións, declarando terminado o debate dos temas, logo de consumidas as quendas que se establezan, e sometendo a votación as cuestións que o requiran.

f) A Presidencia, na Xunta de Goberno, terá voto dirimente, se se produce empate nas votacións dos membros asistentes á respectiva reunión.

g) Asinar ou autorizar co seu visto e prace, segundo proceda, as actas de cantas reunións realicen os órganos de goberno, as certificacións ou informes que expida o Colexio, así como as circulares ou normas xerais que se diten.

h) Ordenar os pagamentos que se deban realizar con cargo aos fondos do Colexio e autorizar o ingreso ou a retirada dos fondos das contas ou depósitos, unindo a súa sinatura á da Tesouraría ou persoa que proceda.

i) A Presidencia poderá delegar na Vicepresidencia asuntos concretos, así como encomendarlle a sinatura de determinados documentos.

Artigo 26. A Vicepresidencia

Funcións da Vicepresidencia:

a) Substituír a Presidencia en caso de ausencia, enfermidade ou vacante, coas mesmas facultades e atribucións.

b) Levar a cabo todas aquelas funcións colexiais que lle encomende ou delegue a Presidencia.

Artigo 27. A Secretaría

A Secretaría terá o carácter de fedatario de todos os actos e acordos dos órganos de goberno e poderá delegar algunhas das súas competencias nun determinado colexiado ou colexiada, logo de aprobación da Xunta de Goberno.

As súas funcións serán:

a) Levantar a acta das reunións dos órganos de goberno.

b) Custodiar a documentación do Colexio e expedir as certificacións co visto e prace da Presidencia.

c) Coidar do censo de colexiados, consignando nos respectivos expedientes os datos precisos de cada un deles.

d) Redactar a memoria anual que reflicta as actividades do Colexio, para sometela á consideración da Xunta de Goberno e á aprobación da Asemblea Xeral.

e) As demais funcións e facultades concretas que lle delegue a Xunta de Goberno.

Artigo 28. A Tesouraría

Correspóndelle á Tesouraría:

a) A xestión da recadación e custodia dos recursos colexiais.

b) A formalización das contas, balances e previsións anuais de ingreso e de gastos, formular os proxectos de orzamentos que se deban someter á Xunta de Goberno para a súa posterior aprobación pola Asemblea.

c) Coidar de que se leven coas debidas formalidades e requisitos os libros de entrada e saída de fondos, inventario e estado dos bens colexiais, así como de que se conserven os xustificantes necesarios.

d) Coidar de que os gastos e ingresos colexiais se axusten aos orzamentos aprobados, dando conta das posibles incidencias á Xunta de Goberno.

e) Retirar os fondos das contas, asinando conxuntamente coa Presidencia ou con quen delegue, así como constituír e cancelar os depósitos.

Artigo 29. As comisións

No Colexio existirán as comisións de axentes e de corredores, para a mellor consideración e estudo das cuestións que especificamente os afecten. Tamén se poderán constituír comisións de mediadores para un determinado ramo ou modalidade, así como comisións de axentes relacionados cunha determinada entidade ou grupo asegurador, para canto faga referencia á colaboración daqueles con estes.

Así mesmo, o Colexio poderá acordar a constitución de comisións de traballo, especialmente as de Ordenación do Mercado e Deontoloxía Profesional e Colexial, así como calquera outra que considere convenientes.

A estrutura, o funcionamento e a elección dos membros das anteriores comisións, que en todo caso deberán ser colexiados no pleno desfrute dos seus dereitos corporativos, realizarase segundo se determine nas súas respectivas normas de funcionamento. Deberase prever, en todo caso, a coordinación destas comisións coas que respectivamente estean constituídas, ou se constitúan, no Consello Xeral e no Consello Galego, se existe.

As presidencias da Comisión de Axentes e da Comisión de Corredores deberán ser elixidas por membros da súa mesma condición.

A constitución e o desenvolvemento da Comisión de Axentes e da Comisión de Corredores promoveraa a propia Xunta de Goberno.

A constitución das restantes comisións sectoriais, ou de axentes de entidade ou grupo asegurador, e a redacción das súas normas de funcionamento, faranse por proposta das persoas colexiadas interesadas. En todo caso, o número de promotoras deberá ser suficiente para cubrir todos os cargos previstos, e someterase á aprobación da Xunta de Goberno do Colexio.

A existencia e o funcionamento destas comisións estableceranse, en todo caso, sen prexuízo das competencias dos órganos de goberno dos colexios e consellos.

TÍTULO II

Do réxime xurídico xeral do Colexio e dos acordos
dos seus órganos de goberno

Capítulo I

Convocatorias e adopción de acordos

Artigo 30. Convocatorias dos órganos de goberno

As convocatorias dos órganos de goberno do Colexio serán realizadas:

a) Asemblea Xeral:

– Pola Xunta de Goberno e, no seu nome, pola Presidencia.

– Pola Presidencia, por petición escrita de polo menos a décima parte do censo colexial.

b) Xunta de Goberno:

– Pola Presidencia pola súa propia iniciativa.

– Pola Presidencia se o solicita o 20 % dos compoñentes do órgano de goberno.

Nas convocatorias deberán constar os puntos da orde do día que se van tratar na reunión.

Cando a convocatoria se efectúe por petición dun órgano de goberno, a dita petición deberá, en todos os casos, indicar e fundamentar os puntos da orde do día que se van tratar na reunión.

A Asemblea débese convocar cunha antelación mínima de dez días naturais, anteriores á data prevista para a súa realización, e a Xunta de Goberno, de cinco días naturais, salvo razóns de urxencia xustificadas, en que estes prazos poderán quedar reducidos a un mínimo de corenta e oito horas.

As reunións que, por razóns de urxencia, se realicen sen suxeición aos prazos establecidos poderán ser convocadas polo medio escrito ou electrónico que se considere máis rápido. Nestes casos, o primeiro acordo do órgano convocado deberá recaer sobre se se considera xustificada a urxencia.

Artigo 31. Constitución

As asembleas e xuntas de goberno convocadas cos requisitos antes sinalados neste capítulo consideraranse validamente constituídas cando concorran, na primeira convocatoria, a metade máis un dos seus membros, e en segunda convocatoria, sinalada media hora máis tarde, como mínimo, con calquera que sexa o número de membros asistentes. En todo caso, será preceptiva a asistencia da Presidencia e da Secretaría ou de quen as deba substituír.

Artigo 32. Periodicidade

Os órganos de goberno do Colexio reuniranse:

1. En sesión ordinaria, polo menos coa seguinte periodicidade:

a) A Asemblea Xeral, unha vez ao ano.

b) A Xunta de Goberno, unha vez ao trimestre, excepto no mes de agosto, salvo razóns de urxencia, e tantas veces como o considere necesario a Presidencia do Colexio.

2. En sesión extraordinaria, cando especiais circunstancias así o aconsellen, por iniciativa do órgano de goberno, ou por petición dun número de persoas colexiadas exercentes superior ao 10 % do total do censo.

Artigo 33. Votación

A aprobación de calquera asunto sometido a debate exixirá o voto favorable da metade máis un dos membros asistentes con dereito a voto, salvo para os casos seguintes:

a) Acordar a fusión, absorción, segregación ou disolución do Colexio.

b) Acordar o cambio de domicilio do Colexio a outra poboación.

c) A modificación destes estatutos.

Os acordos das epígrafes anteriores requiren o voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes á asemblea convocada con carácter extraordinario especialmente para este fin, sen prexuízo do disposto nestes estatutos para o caso de disolución.

Non poderán exercer o seu dereito a voto os colexiados que non estean ao día no pagamento das súas cotas ordinarias ou extraordinarias. As votacións realizaranse da forma e pola orde que fixe a Presidencia, e esta decidirá se deben ser á man alzada, nominais ou secretas, salvo que afecten persoas, caso en que serán sempre secretas. Por petición, polo menos, da cuarta parte dos asistentes, as votacións poderán ser nominais ou secretas, coa condición anterior en canto a estas últimas.

Artigo 34. Representacións

Nas asembleas xerais do Colexio ou da súa xunta de goberno, calquera membro poderá facerse representar por outro do mesmo órgano, mediante delegación especial escrita para cada reunión, sen que se poida exercer máis dunha delegación.

Artigo 35. Actas das reunións

A todas as reunións de órganos de goberno asistirá a Secretaría ou quen faga as súas funcións, que levantará a correspondente acta, que poderá ser aprobada polo propio órgano ou por delegación, no prazo de trinta días, polos interventores nomeados en cada reunión con este obxecto.

Artigo 36. Axudas de custo

Os membros da Xunta de Goberno, convocados a reunión fóra do lugar da súa residencia, serán compensados polos gastos que o desprazamento lles ocasione, de acordo coas normas establecidas pola Xunta de Goberno. Non terá este dereito quen non estea ao día no pagamento das súas cotas colexiais. Cando non se trate de reunións preceptivas e non haxa consignación orzamentaria para o efecto, os asistentes sufragarán os seus propios gastos.

Capítulo II

Actos e acordos do Colexio

Artigo 37. Réxime xurídico dos actos e acordos do Colexio

Os actos e acordos de todos os órganos de goberno do Colexio deberanse axustar ao ordenamento xurídico xeral e a estes estatutos. Para a súa plena validez, deberán ser adoptados dentro da competencia respectiva e axustados ás normas de procedemento que estean establecidas.

Artigo 38. Validez dos acordos

Os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno do Colexio obrigarán a todas as persoas colexiadas. Todo iso sen prexuízo dos recursos establecidos neste título e que legalmente procedan.

Artigo 39. Executividade

Os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno dentro da súa respectiva competencia serán inmediatamente executivos, salvo nos casos de suspensión.

Capítulo III

Recursos contra os actos e acordos do Colexio

Artigo 40. Nulidade dos actos e acordos

Respecto dos ditos actos ou acordos dos órganos de goberno, considéranse radicalmente nulos os enumerados no artigo 47.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 8.3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

Artigo 41. Anulabilidade dos actos e acordos

1. Son anulables os actos ou acordos dos órganos de goberno do Colexio que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, mesmo a desviación de poder.

2. A impugnación de tales actos ou acordos deberase axustar ao disposto no que estableza a lexislación sobre procedemento administrativo común das administracións públicas en todo aquilo que non estea regulado especificamente nestes estatutos.

Artigo 42. Suspensión de actos ou acordos

Os colexiados poderán promover a suspensión dos actos ou acordos que se consideren radicalmente nulos ou anulables na medida en que os afecten, ante a Presidencia e a Xunta de Goberno do Colexio, ou ben xudicialmente, se non teñen constancia de ter sido atendida a súa petición no prazo dun mes a partir da data en que a formulasen. En todo caso, os colexiados poderanlle pedir ao secretario do órgano certificación do acordo ou acordos que se pretenda impugnar, segundo consten na correspondente acta.

A tramitación desta petición de suspensión rexerase polo disposto no artigo 117 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 43. Transmisibilidade

1. A nulidade ou anulabilidade dun acto non implicará a dos sucesivos no procedemento, que sexan independentes do primeiro.

2. A nulidade ou anulabilidade en parte do acto non implicará a das partes deste independentes daquela, salvo que a parte viciada sexa de tal importancia que sen ela o acto non tería sido ditado.

Artigo 44. Conversión de actos viciados

Os actos nulos ou anulables que, con todo, conteñan os elementos constitutivos doutro distinto producirán os efectos deste.

Artigo 45. Conservación de actos e trámites

O órgano que declare a nulidade ou anule as actuacións dispoñerá sempre a conservación daqueles actos e trámites cuxo contido se tería mantido igual de non se ter cometido a infracción.

Artigo 46. Validación

1. O Colexio poderá validar os actos anulables emendando os vicios de que adoezan.

2. O acto de validación producirá efecto desde a súa data, salvo que se indique expresamente a súa retroactividade, sempre que sexa aceptada polos interesados.

3. Se o vicio consiste na falta dalgunha autorización, poderá ser validado o acto mediante o outorgamento desta polo órgano competente.

Artigo 47. Recursos administrativos

Os acordos dos órganos de goberno do Colexio serán impugnables ante o Consello Galego, de existir, ou, na súa falta, ante o Consello Xeral. A resolución poñerá fin á vía administrativo-colexial, e quedará expedita a vía para que poidan ser directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, conforme a Lei reguladora da dita xurisdición e en canto estean suxeitos ao dereito administrativo.

Artigo 48. Recurso de alzada

O recurso de alzada que proceda contra os acordos dos órganos colexiais deberase interpoñer no prazo dun mes seguinte á data de adopción, ou á de notificación ou publicidade, se for posterior a aquela, e deberá ser resolto polo órgano a que vaia dirixido, no prazo de tres meses contados desde a súa interposición.

Se non for resolto no dito prazo, entenderase desestimado e quedará expedita a vía contencioso-administrativa. As anteriores disposicións deixan a salvo os supostos específicos recollidos nestes estatutos.

Artigo 49. Suspensión da execución

A interposición do recurso de alzada non suspenderá a execución dos acordos impugnados, salvo que a suspensión se acorde conforme o disposto nestes estatutos ou sexa adoptada xudicialmente.

Artigo 50. Lexitimación

Os acordos dos órganos de goberno do Colexio poderán ser impugnados por todos aqueles que sexan titulares dun dereito ou interese lexítimo.

Artigo 51. Normas subsidiarias

Para o exercicio e trámite destes dereitos e recursos, en todo aquilo que non se determine nestes estatutos observarase o que, en cada momento, veña disposto na lexislación sobre o procedemento administrativo común das administracións públicas, no relativo á lexitimación, actos presuntos, instrución e finalización do procedemento e recursos administrativos.

TÍTULO III

Do réxime económico e administrativo do Colexio

Artigo 52. Recursos económicos

1. Constitúen os recursos do Colexio:

a) As cotas de todo tipo.

b) Os dereitos de incorporación ao Colexio.

c) Os dereitos que lle sexan legalmente recoñecidos.

d) Os ingresos por publicacións, impresos, subscricións, prestación de servizos ou calquera outra actividade colexialmente lícita.

e) Os importes provenientes da explotación ou disposición dos seus bens ou dereitos.

f) Os xuros ou rendementos das súas contas bancarias e dos demais produtos financeiros.

g) As herdanzas, os legados, as doazóns, as subvencións e as achegas ao seu favor.

h) Calquera outro recurso obtido de conformidade coas disposicións legais.

2. Cando se convoque unha asemblea a que se deban someter liquidacións de contas, orzamentos e/ou balances para a súa aprobación, estarán estes e os seus xustificantes á disposición dos asembleístas, para o seu exame, na Secretaría do Colexio, polo menos con dez días de antelación á data prevista para a súa realización.

3. Os recursos colexiais distribuiranse tendo en conta:

a) As necesidades e os servizos do Colexio como estableza a súa Asemblea Xeral e de conformidade co seu orzamento de gastos.

b) As achegas económicas que se deban facer ao Consello Galego, se existe, e, en todo caso, ao Consello Xeral. Deberase respectar o destino que proceda de norma legal ou vontade do causante nos supostos de herdanza, legado, doazón, subvencións ou achegas.

Artigo 53. O patrimonio

1. O Colexio administrará e dispoñerá do seu patrimonio con plena capacidade de obrar en todos os seus actos ou contratos, sen máis limitacións que as establecidas nas leis e as derivadas dos fins e funcións a que estea afecto.

2. A titularidade do patrimonio inmoble quedará debidamente reflectida no Rexistro da Propiedade mediante a correspondente inscrición, que instará obrigatoriamente a Xunta de Goberno. Un estado dos bens colexiais, tal como se recolla no dito rexistro, incorporarase a cada orzamento anual como anexo.

Artigo 54. Fondos do Colexio

Os fondos do Colexio estarán depositados ao seu nome en entidades de depósito e crédito. Para a súa disposición serán necesarias, polo menos, dúas sinaturas conxuntas, da Presidencia e da Tesouraría ou de quen, por proposta deles, sexa autorizado pola Xunta de Goberno para este efecto.

Artigo 55. Os orzamentos

O réxime económico-administrativo do Colexio desenvolverase mediante orzamentos, por exercicios anuais, nos cales se consignarán todos os recursos e gastos estimados.

Para atender á realización dunha actuación non prevista no orzamento ordinario, o Colexio poderá formalizar orzamentos extraordinarios, cuxa duración será a que exixa o total desenvolvemento da actuación. Estes orzamentos serán sometidos para a súa aprobación, pola Xunta de Goberno, á asemblea respectiva. Á vista do desenvolvemento do exercicio económico, a Xunta de Goberno poderá acordar a transferencia dos excedentes que se prevexan nun capítulo ou partida, para cubrir os resultados deficitarios doutros ou gastos non previstos.

Cando se convoque unha asemblea a que se deban someter liquidacións de contas, orzamentos e balances para a súa aprobación, estarán estes e os seus xustificantes á disposición dos colexiados para o seu exame, na Secretaría do Colexio, polo menos con dez días de antelación á data prevista para a súa realización.

Os orzamentos formarán parte da memoria anual que se remite ao organismo competente e que se publica na web no primeiro semestre de cada ano, na cal se expoñen os principais datos relativos á xestión económica e actividades.

TÍTULO IV

Normas electorais

Capítulo I

Eleccións no Colexio

Artigo 56. Normas xerais

O dereito a ser elector corresponde por igual a todas as persoas colexiadas que estean ao día no cumprimento dos seus deberes colexiais e exercerase mediante voto libre, directo e secreto, na forma que determinen as normas legais, estes estatutos, así como os plans electorais que, para completar as anteriores normas e fixar o calendario e prazos, aprobe a Xunta de Goberno do Colexio.

A Presidencia e os demais cargos dos órganos de goberno serán elixidos en votación directa e secreta, na que poderán participar como electores todas as persoas colexiadas incorporadas con antelación á data de convocatoria das eleccións.

A Presidencia e os demais cargos dos órganos de goberno, para seren elixibles, deberán ser persoas colexiadas exercentes e residentes no ámbito do Colexio de que se trate, sempre que non estean incursas en ningunha das seguintes situacións:

a) Estar condenadas por sentenza firme que comporte aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, mentres estas subsistan.

b) Ter sido sancionada disciplinariamente con sanción que comporte a suspensión da condición de persoa colexiada, mentres esta non se recuperase.

c) Ser titular da Presidencia doutro colexio profesional ou dunha asociación profesional de mediadores de seguros.

A renovación de todos os cargos nos colexios realizarase cada catro anos, calquera que sexa o tempo que se leve no cargo, deixando a salvo o dereito á reelección.

Ningunha persoa colexiada se poderá presentar como candidato a máis dun cargo dos que deban de ser elixidos na mesma convocatoria.

Artigo 57. Elixibilidade dos membros dos órganos de goberno

Os membros dos órganos de goberno do Colexio deberán ser persoas colexiadas «exercentes» e debidamente inscritas no Rexistro de Mediadores competente. Os titulares da Presidencia e Vicepresidencia do Colexio deberán acreditar estar en posesión da titulación exixida pola lexislación vixente para o exercicio da profesión de mediador, estar en situación de «exercentes» e ter ininterrompidamente unha antigüidade mínima de cinco anos de exercicio profesional debidamente colexiados, no período inmediatamente anterior á elección.

Artigo 58. Vacantes nos órganos de goberno

Cando se produza algunha vacante na Xunta de Goberno, esta poderá elixir provisionalmente, mediante acordo adoptado por maioría simple dos seus restantes membros, os colexiados que, reunindo os requisitos exixidos para seren candidatos ao cargo vacante, considere idóneos. Realizada esta elección, os elixidos asumirán o cargo e desempeñarán as súas funcións ata que se cubra este no primeiro proceso electoral que corresponda convocar.

Cando a vacante producida sexa a da Presidencia, iniciarase proceso electoral no prazo dun mes para a elección de novo titular do dito cargo conforme o regulado nestes estatutos.

Se as vacantes a que se refiren os parágrafos anteriores acadan máis da metade dos compoñentes da Xunta de Goberno, sempre que esta estea composta por un mínimo de tres membros, Presidencia e Secretaría entre eles, desempeñarán a súa función para os efectos da convocatoria de eleccións e cesarán ao outorgar a posesión aos elixidos, o que se deberá facer nun prazo non superior a dez días desde a celebración das eleccións.

No caso de que as vacantes superen os tres membros, o Consello Galego, de existir, ou, na súa falta, o Consello Xeral, procederá no prazo dun mes a adoptar as medidas que xulgue convenientes para completar provisionalmente, coas persoas colexiadas que considere máis idóneas, a Xunta de Goberno e para promover a convocatoria de eleccións. A Xunta provisional, así constituída, exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección.

Artigo 59. Actos electorais

Os actos electorais rexeranse polas normas comprendidas neste capítulo. O proceso electoral terá lugar baixo o control e a dirección dunha mesa electoral. En ningún caso poderán formar parte das mesas os que sexan candidatos na elección, aínda que estes poderán designar interventores.

Todo o censo de colexiados participará na elección dos membros da Xunta de Goberno entre os candidatos proclamados. Para ese fin, cada colexiado terá un voto.

Serán proclamados candidatos cantos, reunindo as condicións debidas e constando a súa aceptación, estean ao día no cumprimento dos seus deberes económicos colexiais e sexan propostos, polo menos, por dez electores con dez días de antelación cando non o efectúe persoalmente o colexiado, garantindo a autenticidade do elector e o segredo do voto, e prevendo as medidas oportunas para evitar posibles duplicacións de voto de existiren varios colexios electorais.

Artigo 60. Elección de cargos

Os cargos obxecto de elección son os da Presidencia, a Vicepresidencia, a Tesouraría, a Secretaría e as vogalías do Colexio. Tendo en conta a condición de axente ou corredor da persoa elixida para exercer a Presidencia, o titular da Vicepresidencia non exercerá a mesma condición e será, pola súa banda, axente ou corredor segundo o sexa aquel.

As candidaturas deben ser completas para todos os cargos. A elección dos membros da Xunta de Goberno será mediante unha única votación, directa e secreta, dos colexiados.

Capítulo II

Mocións de censura

Artigo 61. Presentación da moción

Poderanse formular no Colexio mocións de censura sobra a actuación de calquera cargo representativo e sobre a totalidade do órgano de goberno, sempre que esta a promova, como mínimo, un cuarto dos membros da Asemblea.

Artigo 62. Requisitos da moción

A moción deberase formular por escrito que se presentará no Rexistro do Colexio, indicando concretamente:

1. Cargo ou cargos representativos respecto dos cales se dirixe a moción de censura.

2. Feitos que, de ser o caso, se consideren dignos de censura, e razóns para iso, e ata sinalando, se resulta pertinente, accións ou solucións alternativas que resultasen ou resulten, aconsellables.

Artigo 63. Actos non censurables ab initio

Non se poderá dirixir moción de censura respecto de feitos ou actuacións que fosen consecuencia directa de acordos validamente adoptados polos órganos de goberno do Colexio, salvo que se considere que existiu neglixencia ou desviación de poder no cumprimento destes acordos.

Artigo 64. Procedemento da moción

A Asemblea do Colexio, en reunión extraordinaria convocada no prazo de trinta días naturais a partir da data da súa presentación, na súa primeira reunión seguinte á dita presentación, examinará, como primeiro punto da orde do día, o escrito de moción, e, se considera que reúne os requisitos sinalados, entrará no seu exame e debate. O debate iniciarase pola defensa da moción de censura que, sen limitación de tempo, efectúe un dos seus asinantes. A continuación, e tamén sen limitación de tempo, intervirá a persoa que exerza o cargo obxecto de censura, expoñendo todos os feitos ou argumentos que considere procedentes para opoñerse a ela, salvo que renuncie a tal intervención.

Seguidamente, a moción de censura será sometida a votación secreta dos membros presentes, e deberase obter para que prospere o voto da maioría. No caso de prosperar a moción de censura, o colexiado que desempeñe o cargo cuxa actuación fose censurada cesará nas súas funcións, sen prexuízo das accións xudiciais que procedan.

Artigo 65. Repetición da moción

Non se poderá reiterar unha moción de censura sobre os mesmos feitos ou actuacións ata transcorrido un ano da votación daquela.

TÍTULO V

Réxime de distincións e premios

Artigo 66. Normas xerais

O Colexio poderá conceder distincións coas cales se premien os méritos relevantes, outros servizos e colaboracións prestadas á profesión, á organización colexial ou á institución aseguradora en xeral. Estas distincións poderán ser outorgadas tanto a colexiados como a outras persoas físicas, ata a título póstumo, xurídicas ou institucións que se fagan merecedoras delas, conforme as normas establecidas polos órganos de goberno.

Artigo 67. Tipos de distincións

As distincións poderán consistir no outorgamento de diploma, título de colexiado de honra, título de presidente ou vogal de honra, medalla, placa ou outro obxecto significativo do recoñecemento aos méritos extraordinarios do interesado.

TÍTULO VI

Deontoloxía profesional e colexial e réxime disciplinario

Artigo 68. Principio xeral

O exercicio da facultade disciplinaria axustarase ao Regulamento de deontoloxía profesional e colexial, que se deberá axustar ao previsto no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No citado regulamento garantirase a imprescindible audiencia que en todo procedemento sancionador se lle debe outorgar ao suxeito afectado.

A Xunta de Goberno absterase de iniciar ou continuar o procedemento sancionador se ten coñecemento de que sobre os mesmos suxeitos e polos mesmos feitos se iniciase procedemento xudicial ou administrativo e mentres non se dite resolución firme sobre eles.

En todo caso, os feitos declarados probados por resolución xudicial penal firme vinculan a Xunta de Goberno respecto dos procedementos sancionadores que tramite.

Artigo 69. Clases de faltas

As faltas colexiais clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son faltas moi graves:

a) A comisión de delitos dolosos en calquera grao de participación como consecuencia do exercicio da profesión.

b) A comisión de actos que, aínda que non sexan constitutivos de infracción penal, supoñan grave falta de probidade no exercicio profesional de mediador de seguros, de conformidade co establecido nas normas deontolóxicas da profesión.

c) A falta de probidade ou o abuso de poder ou lucro ilícito no desempeño de cargos colexiais.

d) O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo grave para quen solicite ou concerte a actuación profesional.

e) O exercicio profesional sen cumprir os requisitos legalmente establecidos, segundo se deduza do expediente administrativo correspondente.

f) A vulneración do segredo profesional.

g) O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou tendo quedado incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

h) A comisión de dúas infraccións graves no prazo de dous anos, salvo que a gravidade se producise por acumulación de infraccións leves.

2. Son faltas graves:

a) O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo para quen solicite ou concerte a actuación profesional.

b) O incumprimento dos deberes profesionais cando supoñan falta de probidade no exercicio profesional de mediador de seguros.

c) A ofensa ou os ataques á dignidade dos demais profesionais da mesma profesión, ou dos órganos de goberno desta, das persoas ou institucións con quen se relacione como consecuencia do seu exercicio profesional, así como a agresión física a eles.

d) As expresións críticas ou accións fronte aos órganos colexiais e dos seus membros, sen respectar as canles establecidas, cando tales expresións, críticas ou actos poidan prexudicar o recoñecemento público da profesión e/ou a estabilidade colexial ou entorpecer deliberadamente con actos ou omisións a actividade de colexios e consellos.

e) Os actos constitutivos de competencia desleal, de acordo coa lexislación vixente en materia de dereito da competencia e competencia desleal.

f) O abandono, a desidia ou o desinterese habitual no cumprimento das obrigas inherentes ao cargo para o que fose elixido o colexiado polos seus compañeiros.

g) O incumprimento dos acordos validamente adoptados polos órganos de goberno, ou non prestar a colaboración ou información solicitada con ocasión dun procedemento previo ou expediente sen causa xustificada.

h) A utilización consciente de subaxentes ou colaboradores que estean incursos en causa de incompatibilidade para o exercicio da mediación de seguros, ou a utilización de persoas interpostas para obter un fin contrario á normativa legal e/ou á deontoloxía profesional e colexial.

i) A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves no prazo de dous anos.

j) O incumprimento dunha sanción legalmente imposta.

3. Son faltas leves:

a) Obstruír ou entorpecer o labor de quen presida as reunións ou conducirse de xeito desconsiderado nas intervencións dentro das ditas reunións.

b) Non cubrir os informes ou datos solicitados polos órganos de goberno e relacionados coa súa condición de membro dos ditos órganos.

c) Faltas de asistencia non xustificadas ás reunións a que deba asistir por razón do cargo que ocupe ou non realizar, sen motivo suficiente, actuacións que lle correspondan ou que lle foron encomendadas por razón daquel.

d) Calquera outra falta de solidariedade profesional ou colexial e a vulneración de calquera outro precepto que regule a actividade profesional, que non constitúa infracción grave ou moi grave.

Artigo 70. Reincidencia

A reincidencia en faltas da mesma gravidade, aínda que sexan de distinta natureza, dará lugar a que a segunda e sucesivas poidan ser cualificadas e sancionadas como do grado inmediato superior, sempre que a reincidencia se produza dentro dos prazos que para a prescrición das faltas sinalan estes estatutos.

Artigo 71. Clases de sancións

As sancións que se poderán impoñer son as seguintes:

1. Por faltas moi graves:

Suspensión da súa pertenza ao Colexio Profesional por un tempo comprendido entre un ano e un día e 20 anos.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión da súa pertenza ao Colexio por un período que non exceda un ano.

b) Perda do cargo que desempeñe nos órganos colexiais ou daqueles que desempeñe pola súa condición de persoa colexiada.

3. Por faltas leves:

Apercibimento.

As sancións anteriores son independentes das que se poidan impoñer administrativa ou xudicialmente.

Artigo 72. Gradación de faltas e sancións

As sancións graduaranse en función das súas circunstancias atenuantes e agravantes, que poden modificar a responsabilidade do inculpado. Cando o infractor tivese beneficio económico, este dato considerarase como agravante para efectos de determinación da sanción.

Artigo 73. Competencia sancionadora

A competencia para acordar as sancións correspóndelle ao Colexio a través da súa Xunta de Goberno e, de ser o caso, por proposta da Comisión de deontoloxía profesional e colexial.

Se se trata de infraccións cometidas polos membros da Xunta de Goberno, a competencia correspóndelle ao Consello Galego, se existe, ou, na súa falta, ao Consello Xeral.

Todo iso se entende sen prexuízo da competencia da Xunta de Galicia para a imposición de sancións pecuniarias ou de inhabilitación profesional, nos termos establecidos na normativa vixente. O Colexio poderá formular, a través dos seus órganos de goberno e ante o departamento correspondente da Xunta de Galicia, a denuncia á cal xuntará un informe sobre aqueles actos contrarios á deontoloxía profesional en que poidan ter incorrido os mediadores de seguros colexiados ou non. No caso de membros do Colexio, sendo a sanción a expulsión temporal deste, considerarase compatible coas que poida impoñer a Xunta de Galicia, de acordo co establecido na normativa vixente.

Artigo 74. Procedemento sancionador

O réxime sancionador previsto nesta norma exercerase de acordo cos seguintes principios:

a) Legalidade.

b) Irretroactividade.

c) Tipicidade.

d) Proporcionalidade.

O exercicio da facultade disciplinaria rexerase polo disposto no correspondente Regulamento de deontoloxía profesional e colexial, que se deberá axustar ao previsto no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No citado regulamento garantirase a imprescindible audiencia que en todo procedemento sancionador se debe outorgar ao suxeito afectado.

A Xunta de Goberno absterase de iniciar ou continuar o procedemento sancionador se ten coñecemento de que sobre os mesmos suxeitos e polos mesmos feitos se iniciase procedemento xudicial ou administrativo e mentres non se dite resolución firme sobre eles.

En todo caso, os feitos declarados probados por resolución xudicial penal firme vinculan a Xunta de Goberno respecto dos procedementos sancionadores que tramite.

Artigo 75. Prescrición de faltas e sancións

1. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición computarase desde a data en que a infracción fose cometida. Se a actuación infractora for continuada, computarase desde a finalización da actuación infractora ou desde o último acto con que a infracción se consume.

3. A prescrición interromperase pola iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, volvendo contar o prazo se o expediente permanece paralizado durante seis meses por causa non imputable a aqueles contra quen se dirixa.

4. A sancións prescribirán por faltas moi graves aos tres anos, por faltas graves aos dous anos e por faltas leves ao ano.

TÍTULO VII

Formación profesional

Artigo 76. Cursos e actividades

O Colexio realizará cursos de formación práctica destinados aos colexiados, útiles para o exercicio da correspondente profesión. Tamén organizará actividades e servizos de carácter profesional, cultural, asistencial e de previsión de interese para os colexiados.

No desenvolvemento da función formativa, o Colexio coordinará a súa función coa actividade formativa do Consello Xeral, neste último caso nos termos recollidos nos estatutos do Consello Xeral dos Colexios de Mediadores de Seguros, e nos do Consello Galego, de existir.

TÍTULO VIII

Disolución, fusión, absorción e segregración do Colexio

Artigo 77. Da disolución, fusión e segregación

O Colexio poderá promover a súa fusión, absorción ou segregación, de acordo co previsto na normativa vixente sobre colexios profesionais.

A disolución, a fusión, a absorción ou a segregación do Colexio requirirá a proposta inicial da Xunta de Goberno, por acordo das catro quintas partes dos seus membros, ou por petición dun número de persoas colexiadas que represente, polo menos, a metade do censo colexial.

Para resolver sobre tal proposta convocarase a Asemblea Xeral con carácter extraordinario para ese fin e a disolución requirirá a aprobación da proposta polo voto favorable das dúas terceiras partes dos colexiados concorrentes á dita asemblea.

TÍTULO IX

Modificación estatutaria

Artigo 78. Modificación dos estatutos

Estes estatutos poderán ser modificados, total ou parcialmente, por proposta da Xunta de Goberno, por acordo das catro quintas partes dos seus membros, ou por petición dun número de persoas colexiadas que represente, polo menos, a metade do censo colexial.

Para resolver sobre tal proposta convocarase a Asemblea Xeral con carácter extraordinario para ese fin e a aprobación da proposta requirirá o voto favorable das dúas terceiras partes dos colexiados concorrentes á dita asemblea.

Disposición adicional única

Seguindo a tradición existente no Colexio, a Virxe da Nosa Señora do Perpetuo Socorro será a súa patroa.