Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 9 de decembro de 2021 Páx. 59699

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2021 pola que se invitan as empresas e outros operadores económicos para que manifesten o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a realización de infraestruturas colaborativas de apoio industrial.

A Lei 5/1992, de creación do Igape, establece coma funcións propias do instituto o fomento da prestación de servizos a empresas, en particular ás pemes, así coma a promoción, fomento e potenciación de actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais coma territoriais.

O Plan estratéxico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 28 de xaneiro de 2016, polo que respecta ao obxectivo transversal do fomento do emprendemento, a industrialización e a internacionalización, propón o impulso dun novo modelo industrial mediante o apoio a unha nova industria galega competitiva no mercado global coa posta en marcha de medidas aceleradoras do proceso de transformación do tecido industrial nun tecido avanzado, intelixente e aliñado coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e da industria 4.0.

A Axenda de Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0 (en diante, a Axenda) aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, e revisada no ano 2019 para estender a súa planificación ata o 2022, constitúe o Plan director da industria de Galicia. Establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas para desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020 e un Plan de impulso específico á transformación dixital da industria 2019-2022.

A Axenda recoñece a presencia de infraestruturas axeitadas como un dos factores territoriais de competitividade cuxo desenvolvemento debe promover a Administración.

Este recoñecemento coincide co expresado pola Comisión Europea, que no seu Regulamento (UE) 651/2014 afirma que a dispoñibilidade de infraestruturas locais é un requisito previo importante para o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e para a modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de garantir o pleno funcionamento do mercado interior. Este mesmo regulamento, que é a base para a compatibilidade dun amplo conxunto de categorías de axudas, afirma que as infraestruturas, postas á disposición das partes interesadas sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, permiten a creación dunha contorna propicia para o investimento privado e o crecemento, contribuíndo así positivamente aos obxectivos de interese común e, en particular, ás prioridades e obxectivos da Estratexia Europa 2030, e limitando ao mesmo tempo os riscos de falseamento da competencia.

De acordo co exposto, dentro das accións que o Igape está prevendo para o próximo ano, atópase unha nova convocatoria de axudas dirixidas a que as empresas, especialmente as industriais, así como outros operadores económicos, poidan desenvolver as infraestruturas abertas e colaborativas, que beneficien a súa actividade económica e a do seu contorno. Considerando, ademais, que as estratexias de desenvolvemento económico no curto e medio prazo tanto no ámbito europeo como estatal ou rexional fan un énfase decidido na transformación dixital e na sustentabilidade, será moi positivo que as propostas de infraestruturas afonden nestas capacidades.

Con carácter previo ao deseño da convocatoria das axudas e de cara a dispor da mellor información para a súa concepción, priorización das actuacións e planificación orzamentaria, considérase conveniente efectuar o presente anuncio previo e abrir un prazo para que os operadores económicos que así o desexen poidan manifestar as súas intencións de investimento no desenvolvemento dos aludidos proxectos de creación de infraestruturas, indicando as súas características.

Dado que se dispón dun marco legal específico (artigo 56 do Regulamento (UE) 651/2014, de exención por categorías), as manifestacións de interese deberán ter en conta as limitacións que aí se marcan.

Enténdese que o presente anuncio previo e a apertura do prazo para a presentación de manifestacións de interese, ademais de permitir á Administración coñecer se existen operadores económicos interesados en participar nunha eventual convocatoria e as características dos seus proxectos, pode fomentar a participación de propostas innovadoras, permitir que as empresas planifiquen axeitadamente os seus investimentos e garantir a transparencia, enmarcando a convocatoria no disposto no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A invitación é aberta e diríxese a empresas de todos os tamaños e outros operadores económicos interesados en promover infraestruturas colaborativas de apoio industrial en Galicia.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro

Anunciar que o Igape está estudando a convocatoria de axudas dirixidas a que as empresas, especialmente as industriais, así como outros operadores económicos, poidan desenvolver as infraestruturas abertas e colaborativas que necesiten para mellorar a súa actividade económica e a do seu contorno.

Segundo

Sen prexuízo de restricións ou consideracións adicionais, prevese incardinar estas axudas no disposto no artigo 56 do Regulamento (UE) 651/2014, de exención por categorías, que establece os seguintes requirimentos:

1. As infraestruturas que se constrúan ou melloren deben contribuír a nivel local a mellorar a contorna das empresas e dos consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial.

2. Non serán aplicables a infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda larga, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, infraestruturas portuarias ou aeroportuarias.

3. As infraestruturas poñeranse á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobre polo uso ou a venda das infraestruturas deberá corresponder ao prezo de mercado.

4. Calquera concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.

5. Serán custos subvencionables os custos de investimento en activos materiais e inmateriais, excluídos custos de adquisición de solo. A intensidade da axuda podería chegar ata o 100 % destes custos, cos límites que se expresan nos seguintes puntos.

6. O importe da axuda non deberá exceder a diferenza entre os custos subvencionables e o beneficio de explotación do investimento.

7. Entenderase como beneficio de explotación a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate, se esta diferenza é positiva.

8. Entenderase como custos de explotación custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueres ou administración, pero exclúense, para efectos do presente regulamento, os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento.

9. A contía máxima por proxecto estipulada no regulamento chega ata os 10.000.000 € de axuda (e máximo 20.000.000 € de investimento), pero en función da dispoñibilidade de fondos e outras consideracións, poderanse establecer outros límites de custos máximos de infraestrutura equipada, por baixo destes límites regulamentarios.

10. Exclusión como beneficiarias da axuda ás empresas pertencentes ao sector da pesca e da acuicultura, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

De todos os xeitos, a expresión de interese poderá referirse a infraestruturas que non encaixen nos parámetros do artigo 56, sempre que se xustifique a súa necesidade.

Terceiro

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os operadores económicos que así o desexen poidan comunicar ao Igape propostas de proxectos que poderían impulsar e suxestións sobre o marco de axudas que poidan deseñar.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución e deberán entregarse telematicamente ao Igape (Área de Competitividade) mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:

– https://sede.xunta.gal (servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

– http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

Cuarto

A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Quinto

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Sexto

O Igape revisará as manifestacións de interese entregadas e poderá convocar os interesados co fin de obter máis información sobre as propostas.

Sétimo

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de tramitar este procedemento, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue para comprobar a exactitude destes, levar a cabo as actuacións administrativas que deriven e informar sobre o estado de tramitación. Así mesmo, os datos persoais incluiranse na Carpeta cidadá de cada persoa interesada para facilitar o acceso á información, tanto persoal como de carácter administrativo.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable (artigos 6.1, letras c) e e) do RXPD e 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais). En concreto, a competencia e as obrigas previstas nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, oposición, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Contido da manifestación de interese

Número máximo de páxinas: 40 (tamaño de letra 11 puntos). Os contidos que aparecen a seguir deben entenderse como orientativos e poderán axustarse segundo as necesidades, o coñecemento previo e grao de madurez do proxecto, respectando o límite de extensión que se indica.

1. Identificación do/dos interesado/s e promotores.

Razón social, CIF, enderezo, persoa/s de contacto, teléfono, correo electrónico.

Cómpre indicar se serían tamén promotores ou, de ser o caso, con quen contarían para a posta en marcha do proxecto.

2. Descrición da infraestrutura proposta.

– Presentación da infraestrutura: motivación e conveniencia, localización (se xa está determinada), equipamento incluído, servizos que prestará, titularidade.

– Interese da infraestrutura para o tecido empresarial galego: como repercutiría na actividade empresarial galega? mobilizaría investimento privado? existen xa alternativas? ata que punto podería o sector privado crear alternativas viables sen axudas públicas? que empresas estarían interesadas? existe xa un compromiso de actuación conxunta con algunhas delas no caso de que se asigne a axuda?

– Achegas de entidades públicas ou privadas ao proxecto, se estivesen previstas, na forma de inmobles, equipamento ou outros activos materiais ou inmateriais.

– Impacto estimado do proxecto en termos de emprego.

– Impacto na sustentabilidade.

– Impacto na facilitación da dixitalización.

– Relacións ou sinerxías con outros proxectos ou iniciativas xa existentes.

3. Plan de explotación.

Esta epígrafe deberá aproximar como funcionaría a infraestrutura unha vez posta en marcha e cal será o seu modelo de xestión: plan de negocio durante os anos de amortización da infraestrutura, sistema de acceso para terceiros, marco de admisión, regulación e tarificación, limitacións, contraprestacións, etc.

Deberase indicar, no posible, plan de actividades e dinamización asociado á infraestrutura tras a súa posta en marcha: formación, difusión, dinamización do tecido económico, vínculos internacionais novos que se lograrán, actividades de atracción de talento, actividades de fomento do emprendemento e outras.

4. Orzamento aproximado.

Deberase indicar, na medida en que se poidan calcular, as contías desagregadas de:

• Investimentos que se realizarán en activos fixos tanxibles e intanxibles.

• De ser o caso, achegas de activos dos promotores ou terceiros (inmoble, equipamentos).

• Previsión de ingresos e custos de explotación durante o tempo de amortización da infraestrutura (tendo en conta a terminoloxía do punto segundo desta resolución).

• A partir das previsións financeiras, estimación da axuda necesaria para o proxecto e a súa periodificación.

5. Encaixe no modelo de axudas proposto.

A partir do esquema do anexo III pódense incluír consideracións sobre o encaixe do proxecto coas axudas, modificacións necesarias, proposta de criterios de avaliación, normativas habilitadoras de axudas máis axeitadas ao proxecto concreto e calquera outro comentario.

ANEXO II

Ficha resumo

Non deberá exceder unha páxina. Poderase descargar no seguinte enderezo:

http://www.igape.es/images/fichainfraestrutura.docx

TÍTULO

PRESENTA

PROMOVE

EN QUE CONSISTE

PROBLEMA QUE AXUDA A RESOLVER

SERVIZOS QUE PRESTA

LOCALIZACIÓN

ORZAMENTO

Terreos:

Obra civil:

Equipamento:

Total:

TIPO DE INFRAESTRUTURA

SECTOR

ESPAZO (m2)

ANEXO III

Ficha orientativa da axuda

– Finalidade/obxectivo.

Posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade.

Non serán aplicables a infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda larga, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.

– Tipos de apoio.

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

– Posibles beneficiarios.

1. Empresas con personalidade xurídica propia ou autónomos, de calquera tamaño ou limitado a determinada dimensión, con centro de traballo en Galicia.

2. Organizacións sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

3. Agrupacións ad hoc de empresas e/ou outros axentes económicos, que deberán constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia.

– Sectores incentivables.

Todos excepto os incluídos nos artigos 1.3 e 13 de Regulamento (UE) 651/2014: empresas pertencentes ao sector da pesca e da acuicultura, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

– Requisitos principais do proxecto.

As infraestruturas poñeranse á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo seu uso ou transmisión será prezo de mercado.

As infraestruturas deberán permitir a utilización directa por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de tarificación en función do uso ou consumo que se realice. Non será válido que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou maioritario a infraestrutura para a execución de proxectos propios ou para terceiros.

No caso de que se prevexa no modelo de explotación a concesión ou outro tipo de atribución a terceiros, realizarase sobre base aberta, transparente e non discriminatoria.

– Investimentos ou gastos computables.

Serán custos subvencionables os custos de investimento en activos materiais e inmateriais.

O importe máximo teórico da axuda estaría no valor da diferenza entre custos subvencionables e beneficio de explotación; non obstante, a intensidade das axudas, os límites e os criterios para establecelas serán definidos tras as manifestacións de interese e a análise das propostas.

Entenderase como beneficio de explotación o definido no Regulamento (UE) 651/2014: a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate, se esta diferenza é positiva.

Entenderase como custos de explotación, segundo o mesmo regulamento, custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueres ou administración, pero exclúense, para efectos do presente regulamento, os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento.

A axuda concederíase con base no plan de viabilidade presentado polo solicitante, e revisarase anualmente para adaptar a axuda á súa execución real.

Estímase unha aplicación de fondos públicos para a posible convocatoria 2022 de arredor de 10 millóns de euros, para un período de tres anos de duración da construción e equipamento das infraestruturas que se apoien.

– Avaliación.

Estableceranse uns criterios de avaliación en función tamén das suxestións recibidas nas manifestacións de interese, pero a priori barállanse factores de avaliación que incidan nos seguintes considerandos:

• Interese da infraestrutura para o tecido empresarial de Galicia.

• Achegas públicas ou privadas ao proxecto.

• Plan de explotación e modelo de xestión (Plan de negocio autosustentable, sistema de acceso para terceiros, marco de admisión, regulación e tarificación, limitacións, contraprestacións, ...).

• Plan de actividades asociado á infraestrutura.

• Infraestruturas vinculadas a Dixital Innovation Hub estratéxico de Galicia.

• Encaixe nos obxectivos da RIS3 de Galicia e da Axenda de competitividade Galicia Industria 4.0.

• Impacto na sustentabilidade e na dixitalización.