Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 10 de decembro de 2021 Páx. 60046

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se prorrogan todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia Solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes.

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A través de resolucións da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias declarouse a presenza da praga e establecéronse as zonas demarcadas e as medidas urxentes de obrigado cumprimento, tanto para produtores profesionais e de autoconsumo deste tubérculo como para os puntos de venda de pataca de semente.

Con data do 4 de marzo de 2017 publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (BOE núm. 54, do 4 de marzo). O artigo 6.5 deste real decreto establece que nas comunidades autónomas onde o cultivo da pataca se faga de forma maioritaria nun gran número de pequenas parcelas, repartidas irregularmente por todo o territorio e por agricultores non profesionais que dedican toda a súa produción ao autoconsumo ou á venda directa en mercados locais, poderán redefinirse as zonas infestadas para adaptalas ao seu territorio, ampliándoas, de ser o caso, a todo o termo municipal.

O artigo 8.1.a) do real decreto indica, ademais, que se prohibirá a plantación de cultivos de pataca durante un período mínimo de dous anos. Transcorrido este prazo, a autoridade competente valorará a situación da praga, en especial se non se conseguiu acadar o obxectivo da erradicación, e poderá prorrogar o período de vixencia desta prohibición.

A Resolución do 22 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro), declarou as zonas infestadas e as zonas tampón vixentes nese momento e mantivo todas as medidas fitosanitarias establecidas previamente pola Resolución desta mesma dirección xeral do 8 de marzo de 2017 (DOG núm. 49, do 10 de marzo).

En día de hoxe os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación, xa que en todos os concellos declarados previamente como demarcados –excepto o concello de Burela; a parroquia de Trabada (Santa María) no concello de Trabada, na provincia de Lugo; as parroquias da O (Nosa Señora), Leis (San Pedro), Muxía, Moraime (San Xulián) e Ozón (San Martín) en Muxía; as parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia) no concello de Arteixo, e de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro) no concello da Laracha– non se detectou a presenza deste organismo durante dous anos consecutivos. Por outra parte, da análise recente dunhas mostras obtidas de varias trampas colocadas en campo e en explotacións da parroquia da Pedra (Santa María), incluída ata ese momento na zona tampón, no concello de Cariño, constatáronse novas deteccións deste organismo, polo que esta parroquia deberá declararse como zona infestada e aplicarse nela as medidas fitosanitarias establecidas na mencionada Resolución do 8 de marzo de 2017.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Ampliar a zona infestada pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny, couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia á parroquia da Pedra (Santa María), no concello de Cariño, na provincia da Coruña. Os anexos I e II mostran a relación e o plano de situación das actuais zonas demarcadas de Tecia solanivora.

2. As persoas da parroquia indicada no punto 1 deberán presentar unha declaración das existencias de pataca almacenada para os efectos de que os servizos oficiais a retiren e destrúan por considerarse este tubérculo como material contaminado. A declaración de existencias, conforme o modelo do anexo I da Orde do 6 de xullo de 2021 (DOG núm. 138, do 21 de xullo), poderá presentarse na oficina agraria comarcal máis próxima ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, ou a través da sede electrónica da xunta (https://sede.xunta.gal/portada) utilizando o procedemento MR465B. O prazo será de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución. Con posterioridade á retirada deste tubérculo deberán desinsectar o solo, as paredes e o teito da zona de almacenamento.

3. Deixan de ser consideradas zonas infestadas e pasan a ser consideradas zonas tampón:

Na provincia da Coruña:

– A totalidade da superficie dos concellos de Mañón, Narón, San Sadurniño e Valdoviño.

– As parroquias de Bardullas (San Xoán), Buiturón (San Tirso), Caberta (San Félix), Couceiro (San Pedro), Frixe, Morquintián (Santa María), Nemiña (San Cristovo), Touriñán (San Martiño) e Vilastose, no concello de Muxía.

– As parroquias de Cariño (San Bartolomeu), Feás (San Pedro), Landoi (Santiago) e Sismundi (San Esteiro), no concello de Cariño.

– A metade sur da parroquia de Noicela (Santa María), no concello de Carballo.

Na provincia de Lugo:

– A totalidade da superficie dos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Mondoñedo, O Vicedo, Viveiro e Xove.

– As parroquias de Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante (San Xiao), Vidal (San Mateo), Vilaformán e Vilapena, no concello de Trabada.

4. Son consideradas zonas infestadas:

Na provincia da Coruña:

– As parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia), no concello de Arteixo.

– As parroquias de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha.

– A parroquia da Pedra (Santa María), no concello de Cariño.

– As parroquias da O (Nosa Señora), Leis (San Pedro), Muxía (Santa María), Moraime (San Xulián) e Ozón (San Martín), no concello de Muxía.

Na provincia de Lugo a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada (Santa María), do concello de Trabada.

5. Son consideradas zonas tampón:

Na provincia da Coruña:

– A totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño.

– Todas as parroquias non incluídas na zona infestada dos concellos de Cariño e Muxía.

– Unha franxa de 5 quilómetros limítrofe coas parroquias infestadas de Muxía que afecta as parcelas dos concellos de Camariñas, Dumbría e Vimianzo.

– As parroquias de Monteagudo (San Tomé), Barrañán (San Xián) e Armentón (San Pedro), no concello de Arteixo; Rebordaos (San Salvador), Vilela (San Miguel) e Noicela (Santa María), no concello de Carballo, e Cabovilaño (San Román), Lemaio (Santa María) e Torás (Santa María), no concello da Laracha.

Na provincia de Lugo:

– A totalidade dos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

– Todas as parroquias non incluídas na zona infestada do concello de Trabada.

6. Serán consideradas zonas non demarcadas na provincia da Coruña os concellos de Cabanas, Cariño, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e As Somozas, a franxa de 5 quilómetros limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee e Fisterra; e na provincia de Lugo os concellos de Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto.

7. Manter todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 e, en concreto, a expresa prohibición do cultivo de pataca nas zonas infestadas. Tamén se prohíbe a saída de pataca de consumo da zona infestada, excepto no caso de tránsito. No caso de ser necesario o tránsito con orixe e destino en zonas non infestadas, o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Os vehículos non deberán estacionarse nestas zonas máis do tempo necesario para os descansos obrigatorios do transportista e deberán abandonalas coa maior brevidade, co fin de evitar o risco de contaminación. Se o motivo da entrada de pataca na zona infestada é subministrar pataca dentro desa zona, en ningún caso a pataca que entrou poderá saír da dita zona.

8. Os agricultores de todas as zonas tampón declaradas en Galicia deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo II da Orde do 6 de xullo de 2021 (DOG núm. 138, do 21 de xullo). Poderá presentarse na oficina agraria comarcal máis próxima ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou a través da sede electrónica da xunta (https://sede.xunta.gal/portada), utilizando o procedemento MR465C.

En canto ao destino desta pataca:

– Se é de autoconsumo, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017 e o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.

– Se é o de comercialización, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017. A instalación de almacenamento deberá cumprir co establecido no artigo 8.5 do Real decreto 197/2017, deberá estar inscrita no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais (ROPCIV) e o movemento de pataca deberá realizarse en vehículos pechados ou cubertos cunha malla e sempre acompañados do correspondente pasaporte fitosanitario.

9. Os operadores de pataca de semente na Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) En zonas infestadas por couza guatemalteca non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca.

b) En zonas tampón e zonas non demarcadas de couza guatemalteca deberán:

– Levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente indicado no punto 2 da Resolución do 9 de febreiro de 2017.

– Os operadores situados en zona tampón, ademais, deberán instalar no local destinado a almacén unhas trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO I

Plano de situación das zonas demarcadas de Tecia solanivora Povolny

missing image file

ANEXO II

Relación de zonas demarcadas de Tecia Solanivora Povolny

Zona demarcada

Provincia

Concello

Parroquia

Zona infestada

A Coruña

Arteixo

Chamín (Santaia) Sorrizo (San Pedro)

Cariño

A Pedra (Santa María)

Laracha (A)

Lendo (San Xián)

Caión (Santa María do Socorro)

Muxía

A O (Nosa Señora)

Leis (San Pedro)

Muxía (Santa María)

Moraime (San Xulián)

Ozón (San Martín)

Lugo

Burela

Todas

Trabada

Trabada (Santa María)

Zona tampón

A Coruña

Arteixo

Monteagudo (San Tomé)

Barrañán (San Xián)

Armentón (San Pedro)

Camariñas

Franxa 5 km limítrofe cos concellos infestados

Carballo

Rebordaos (San Salvador)

Vilela (San Miguel) Noicela (Santa María)

Cariño

Cariño (San Bartolomeu)

Feás (San Pedro)

Landoi (Santiago)

Sismundi (San Esteiro)

Cedeira

Todo o concello

Cerdido

Todo o concello

Dumbría

Franxa 5 km limítrofe cos concellos infestados

Laracha (A)

Cabovilaño (San Román)

Lemaio (Santa María)

Torás (Santa María)

Mañón

Todo o concello

Moeche

Todo o concello

Muxía

Bardullas (San Xoán)

Buiturón (San Tirso)

Caberta (San Félix)

Couceiro (San Pedro)

Frixe

Morquintián (Santa María)

Nemiña (San Cristobo)

Touriñán (San Martiño)

Vilastose

Narón

Todo o concello

San Sadurniño

Todo o concello

Valdoviño

Todo o concello

Vimianzo

Franxa 5 km limítrofe cos concellos infestados

Lugo

Alfoz

Todo o concello

Barreiros

Todo o concello

Cervo

Todo o concello

Foz

Todo o concello

Lourenzá

Todo o concello

Mondoñedo

Todo o concello

Ribadeo

Todo o concello

Trabada

Balboa,

Fórnea

Ría de Abres

Sante (San Xiao)

Vidal (San Mateo)

Vilaformán

Vilapena

Valadouro (O)

Todo o concello

Vicedo (O)

Todo o concello

Viveiro

Todo o concello

Xove

Todo o concello