Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 13 de decembro de 2021 Páx. 60447

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área, convocado pola Resolución do 18 de xuño de 2021.

Mediante Resolución desta dirección xeral do 18 de xuño de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño) convocouse concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo/a especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.

A base 6.1 desta resolución establece que, expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión, así como os/as aspirantes exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio acreditativo do coñecemento de lingua galega.

De conformidade coa antedita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo/a especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, convocado pola Resolución do 18 de xuño de 2021.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, en cada unha das especialidades, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos