Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 13 de decembro de 2021 Páx. 60445

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de calefactor/a, electricista, fontaneiro/a e mecánico/a, convocado pola Resolución do 18 de xuño de 2021.

Mediante a Resolución desta dirección xeral do 18 de xuño de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 126, do 5 de xullo) convocouse concurso-oposición para o ingreso nas categorías de calefactor/a, electricista, fontaneiro/a e mecánico/a.

A base 6.1 desta resolución establece que, expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se declaren, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión, así como os/as aspirantes exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio acreditativo do coñecemento de lingua galega.

De conformidade coa antedita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de calefactor/a, electricista, fontaneiro/a e mecánico/a, convocado pola Resolución do 18 de xuño de 2021.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos