Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 13 de decembro de 2021 Páx. 60411

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril.

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) 3820/85, do Consello, e a Directiva 91/439/CEE, do Consello, estableceu unha nova formación obrigatoria para determinados condutores/as profesionais.

A formación obrigatoria dos/das condutores/as establecíase como algo diferente da existente para obter os permisos de condución e consistía, por un lado, nunha cualificación inicial que debe obterse con independencia do permiso de condución e, por outro, unha formación continua dirixida a manter actualizados os coñecementos inicialmente exixidos.

A Directiva 2003/59/CE incorporouse ao dereito español mediante o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada.

Mediante a Orde do 19 de novembro de 2009 establecéronse as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, e convocáronse as probas, que se realizarán no ano 2010 en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Con posterioridade, mediante a Directiva (UE) 2018/645 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de abril de 2018, modificáronse tanto a Directiva 2003/59/CE como a Directiva 2006/126/CE sobre o permiso de condución. Recentemente, mediante o Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real Decreto 1211/1990, do 28 de setembro, incorpóranse ao ordenamento xurídico español as novidades introducidas pola citada Directiva (UE) 2018/645.

O Real decreto 284/2021, do 20 de abril, regula no anexo V os exames de cualificación inicial.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

O artigo 17 do dito real decreto establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, e o órgano competente poderá publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, con indicación dos prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria.

Tras a publicación do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, é preciso ditar unha nova resolución da Dirección Xeral de Mobilidade que substitúa a regulación que se facía na anterior Orde do 19 de novembro de 2009, para incorporar os cambios introducidos polo dito real decreto.

Ademais, cómpre incidir na transparencia destes procesos, razóns que levan á inclusión nesta resolución de normas que terá en conta necesariamente o tribunal designado para a súa realización e avaliación, en virtude do disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

A competencia en materia de transportes correspóndelle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, modificado polo Decreto 65/2021, do 15 de abril. O artigo 11 do dito decreto desenvolve as funcións atribuídas á Dirección Xeral de Mobilidade.

En virtude do exposto, e en uso das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán as convocatorias dos procesos selectivos das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para poder participar nas probas de cualificación inicial os aspirantes deberán cumprir e acreditar o cumprimento dos requisitos que estableza en cada momento o Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, ou norma que substitúa a anterior e que resulte de aplicación no momento da convocatoria, e de xeito específico, acreditar a realización do curso de formación correspondente no prazo que aquela normativa determina.

Terceira. Inscrición

1. Solicitudes.

a) As empresas autorizadas como centros de formación polas administracións públicas competentes para o outorgamento de autorización de transporte público, que se denominarán empresas CAP, comunicarán a lista de todos os alumnos que superaron o correspondente curso e, tras a súa verificación polo órgano competente, deberán cursar a solicitude telemática para tomar parte nas probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional e realizar o pagamento da correspondente taxa.

Igualmente, os aspirantes poderán inscribirse directamente a través e cos requisitos que estableza a aplicación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (en diante, Mitma).

b) As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica do Mitma. Con esta finalidade, poderase acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, procedemento IF310D, onde se amosará a ligazón á sede electrónica do Mitma en que se deberá realizar a inscrición cubrindo os datos requiridos para tal efecto.

c) Ao abeiro do establecido no artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres; no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a solicitude e tramitación deste procedemento faranse por medios exclusivamente electrónicos, e será necesario realizar a dita inscrición na sede electrónica do Mitma.

2. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento.

A documentación complementaria do procedemento de inscrición nas probas presentarase obrigatoriamente por vía electrónica, para o cal deberá achegarse na opción habilitada para tal efecto dentro da mesma aplicación do Mitma utilizada para a inscrición. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

A documentación complementaria que se deberá presentar será:

a) O impreso de autoliquidación de taxas, segundo o disposto no artigo 4 desta orde.

b) O DNI/NIE en vigor da persoa solicitante.

No suposto de que os/as aspirantes presentados/as non superasen a dita proba e desexen presentarse nas seguintes convocatorias, deberán presentar unha nova solicitude por vía telemática e realizar o pagamento da correspondente taxa.

Todas as solicitudes recibidas dentro do prazo de inscrición a exame de cada convocatoria, de conformidade co previsto no artigo 5 desta orde, darán dereito a realizar o correspondente exame.

Cuarta. Dereitos de exame

1. Para acceder ás probas convocadas deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade prevista pola Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso, coas modificacións establecidas pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que estea vixente no momento da inscrición.

Os impresos de autoliquidación das taxas están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou poden recollerse nas oficinas de Atención á Cidadanía e de Rexistro.

Deberase aboar unha taxa por cada unha das actividades mencionadas a que cada interesado se presente, e por cada convocatoria. O pagamento da taxa ten que realizarse durante o período de inscrición da correspondente convocatoria.

2. O ingreso da/s taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos por parte da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, darase información dos códigos que correspondan para cubrir os impresos de autoliquidación.

Quinta. Admisión de aspirantes

1. A relación de aspirantes admitidos en cada convocatoria publicarase na sección de Formación da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, cun mínimo de 5 días de antelación á data de realización do exame.

2. Os dereitos de exame devolveránselles aos solicitantes excluídos das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación na dita páxina web da resolución citada no punto anterior, empregando para o efecto o modelo IF310E que figura na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/

Sexta. Desenvolvemento das probas

1. Por medio de resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, que será obxecto de publicación cun mínimo de 5 días de antelación á data de realización do exame na sección de Formación da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, publicarase a data de exame e o lugar de realización das probas.

2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídos das probas aqueles que non comparezan.

3. Os aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistos de NIF/NIE ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Estará expresamente prohibido o acceso ao lugar de realización do exame con calquera tipo de dispositivo electrónico, tales como teléfonos móbiles, reloxos intelixentes, audiófonos e, en xeral, calquera outro medio que posibilite a transmisión de datos ou información, e será causa de exclusión das probas a súa simple tenza no lugar e momento de realización da proba. Igualmente, o tribunal ou o persoal de vixilancia que o asista durante o desenvolvemento das probas poderá requirirlles en calquera momento ás persoas aspirantes a exhibición completa do rostro e dos pavillóns auditivos.

O tribunal poderá adoptar instrucións complementarias relativas ao desenvolvemento das probas, que lles serán comunicadas ás persoas aspirantes e, de ser posible, publicadas na sección de Formación da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Sétima. Estrutura e cualificación dos exercicios

1. Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento serán os establecidos no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, ou norma que substitúa a anterior e que resulte de aplicación no momento da convocatoria.

Oitava. Tribunal

1. No caso de non determinarse na propia convocatoria, o órgano convocante, con posterioridade a ela, designará o tribunal das probas na forma prevista no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, cando menos, con 10 días de antelación á realización do primeiro exercicio. A composición do tribunal publicarase tamén na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na sección de Formación.

2. O tribunal das probas, que terá a composición prevista no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, ou norma que substitúa a anterior e que resulte de aplicación no momento da convocatoria, será designado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade entre persoal desta dirección xeral.

3. Para os efectos de cualificación e de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualificarase o tribunal como de categoría primeira.

Novena. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) A Sección de Formación da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

b) O enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal

Décima. Convocatoria das probas que se van desenvolver

Con suxeición ás presentes bases reguladoras por parte da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade realizaranse as convocatorias e estableceranse os calendarios das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia. Anualmente convocarase, cando menos, o número mínimo de probas que establece o Real decreto 284/2021, do 20 de abril, e as citadas convocatorias poderán realizarse tanto con carácter anual, para un conxunto de probas que realizar durante o ano correspondente, como de xeito específico para probas concretas.

As ditas resolucións de convocatoria serán obxecto de publicación tanto no Diario Oficial de Galicia como na sección de Formación da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Décimo primeira. Remisión normativa

Para todo o non regulado nesta resolución observarase o previsto no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Décima segunda. Regulación transitoria

Para o ano 2021 mantén a súa vixencia a Resolución do 16 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2021 (...), publicada no Diario Oficial de Galicia do 2 de marzo de 2021, coas especialidades seguintes:

1. Non se requirirá o empadroamento para poder presentarse ás probas.

2. Unha vez rematado o curso de formación, os aspirantes deberán superar o exame nun prazo non superior a un ano desde a súa finalización.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ante este mesmo órgano administrativo, ou ben, alternativamente, poderá ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde a súa notificación ou publicación.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade